Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
A Acta de abxuración do 26 de xullo de 1581, tamén coñecida como Acta da Haia, Abxuración da Haia ou Acta de deposición da Haia (Plakkaat van Verlatinghe en neeerlandés), foi unha lei redactada polos Estados Xerais dos Países Baixos que significou a declaración de independencia formal das provincias do norte dos Países Baixos españois da súa obediencia ao rei Filipe II de España.
Les Misérables (en galego, "Os miserables"), é unha novela histórica francesa de Victor Hugo publicada en 1862, considerada unha das máis grandes novelas do século XIX. A novela comeza en 1815 e culmina en 1832 coa revolución de xuño en París. Segue as vidas e as interaccións entre varias personaxes, especialmente as dificultades do exconvito Jean Valjean e a súa experiencia de redención. Examinando a natureza da lei e da graza, a novela afonda na historia de Francia, a arquitectura e o deseño urbano de París, a política, a filosofía moral, o antimonarquismo, a xustiza, a relixión e os tipos e a natureza do amor romántico e familiar.
Togo participou por vez primeira nos Xogos Olímpicos en 1972, e dende entón competiu na maioría dos Xogos Olímpicos de Verán, agás en 1976 e 1980. O país gañou a súa primeira medalla olímpica nos Xogos Olímpicos de 2008, cando Benjamin Boukpeti gañou o bronce na proba K1 kayak slálom.Togo fixo o seu debut nos Xogos de Inverno en Sochi en 2014, onde enviou dous atletas para competir.
Faceted Application of Subject Terminology
FAST (Faceted Application of Subject Terminology) é unha sintaxe simplificada para o tesauro Library of Congress Subject Headings (LCSH). Foi desenvolvido por Online Computer Library Center, Inc. (OCLC) como parte do WorldCat, co obxectivo de facer catalogación menos custosa e máis doada de aplicar en contextos conectados.
Parque Natural do Carrascar de la Font Roja
O Parque Natural do Carrascar de la Font Roja, atópase na Comunidade Autónoma de Valencia, estendéndose pola provincia de Alacant.
Grand Theft Auto V, tamén coñecido como GTA V, é un videoxogo de mundo aberto (sandbox), acción e aventura desenvolvido polo estudo escocés Rockstar North e publicado por Rockstar Games. O xogo saíu á venda o 17 de setembro de 2013 nas plataformas PlayStation 3 e Xbox 360. É o primeiro xogo da serie principal da saga Grand Theft Auto despois do lanzamento de Grand Theft Auto IV en 2008, sendo o décimo quinto xogo da serie en total.
Un aminoácido é unha molécula orgánica difuncional, contén simultaneamente grupos funcionais amino (-NH2) e ácido carboxílico (-COOH), e diferéncianse entre si grazas á cadea lateral (R) específica para cada aminoácido. Os elementos básicos que os conforman son carbono (C), hidróxeno (H), osíxeno (O) e nitróxeno (N), mais pódense atopar outros elementos como o xofre (S) nas cadeas lateriais. Os aminoácidos clasifícanse en grandes grupos en función das posicións relativas entre os grupos amino e ácido, sendo alpha- (α-), beta- (β-), gamma- (γ-) ou delta- (δ-), mais dado que os α-aminoácidos son os proteinoxénicos, en bioquímica, o termo aminoácido úsase como termo curto e xeral para referirnos a estes.
O conto da criada (en inglés: The Handmaid's Tale) é unha novela distópica da autora canadense Margaret Atwood, publicada orixinalmente en 1985. Está ambientado nun futuro achegado, en Nova Inglaterra, nun estado relixioso totalitario que derrocou o goberno dos Estados Unidos. A novela céntrase na historia da criada Offred.
Os rañaceos (en singular e plural) son edificios dotados dunha altura singular fronte aos demais e dunha forma xeral presentando formatos de torre. Estes edificios normalmente posúen carácter multifuncional, sendo capaces de abrigar establecementos residenciais, comerciais, de servizos, entre outros. A súa presenza no espazo urbano, cando destacada por enriba da altura media dos demais edificios, constitúese en xeral como unha referencia ou marco para a cidade, aínda que tamén poida xerar problemas varios ligados á mobilidade urbana, consumo de enerxía e seguridade.
En matemáticas, chámase porcentaxe á forma de expresar un número como unha fracción que ten o número 100 como denominador. Tamén se lle chama comunmente tanto por cento, onde por cento significa "de cada cen unidades". Úsase para definir relacións entre dúas cantidades, de forma que o tanto por cento dunha cantidade, onde tanto é un número, refírese á parte proporcional a ese número de unidades de cada cen desa cantidade.
A informática é a disciplina que estuda o tratamento automático da información empregando dispositivos electrónicos e sistemas computacionais. Informática é un termo proveniente do francés informatique, acuñado polo enxeñeiro Philippe Dreyfus en 1962. Na informática converxen os fundamentos das ciencias da computación, a programación e as metodoloxías para o desenvolvemento de software, así coma determinados temas de electrónica.
Grand Theft Auto IV é un videoxogo de mundo aberto desenvolvido por Rockstar North e publicado por Rockstar Games. Foi lanzado o 29 de abril de 2008 para as consolas PlayStation 3 e Xbox 360, e o 2 de decembro de 2008 para Microsoft Windows. É o onceavo título da serie Grand Theft Auto, e a primeira grande estrea dende o videoxogo de 2004 Grand Theft Auto: San Andreas.
Matrix (en inglés: The Matrix) é un filme de ciencia ficción escrito e dirixido por Lana e Lilly Wachowski e protagonizado por Keanu Reeves, Laurence Fishburne, Carrie-Anne Moss e Hugo Weaving. Foi estreado nos Estados Unidos o 31 de marzo de 1999 e foi o primeiro da triloxía de Matrix e dunha serie de videoxogos, curtas animadas e bandas deseñadas. O filme gañou 4 Premios Oscar incluíndo a mellor montaxe, mellor son, mellor edición de son e mellores efectos visuais.
Austria ( pronunciación ) (en alemán: Österreich, [ˈøːstɐˌʁaɪç] ), oficialmente República de Austria ( pronunciación ) (en alemán: Republik Österreich, [Republik Österreich] )), é un estado da Europa central sen saída cara o mar, con máis de 9,0 millóns de habitantes. Fai fronteira con Alemaña e a República Checa ao norte, Eslovaquia e Hungría ao leste, Eslovenia e Italia ao sur, e Suíza e Liechtenstein ao oeste. O territorio de Austria abrangue 83.872 quilómetros cadrados e posúe un clima temperado e alpino.
Patrimonio da Humanidade en Afganistán
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972. O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.
A Europa continental, tamén chamada continente europeo, é o continente de Europa, explicitamente excluíndo as illas europeas, e, ás veces, as penínsulas. Notabelmente, no uso do inglés británico, o termo significa: a Europa excluíndo o Reino Unido, a Illa de Man, Irlanda e Islandia. Unha definición xeral de "Europa continental" é o continente europeo excluíndo o Reino Unido, Irlanda e Islandia.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2023, ano dedicado a Francisco Fernández del Riego, 63 autores (5 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 61 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á ría de Vigo).
Nunha clasificación dentro do concepto xurídico de persoa, xunto ás persoas físicas existen tamén as persoas xurídicas. Son entidades ás que o dereito atribúe e recoñece unha personalidade xurídica propia e, en consecuencia, capacidade para actuar como suxeitos de dereito para a realización de determinadas fins colectivas: capacidade para adquirir e posuír bens de tódalas clases, para contraer obrigacións e exercitar accións xudiciais.
Nymphomaniac (estilizado como NYMPH()MANIAC) é un filme europeo de cine arte escrito e dirixido por Lars von Trier que foi estreado en 2013. Está protagonizado por Charlotte Gainsbourg, Stellan Skarsgård, Stacy Martin, Shia LaBeouf, Christian Slater, Jamie Bell, Uma Thurman, Willem Dafoe e Connie Nielsen. Orixinalmente, só sería un único filme, pero por mor da súa longa duración, von Trier tomou a decisión de dividilo en dúas partes separadas.
O Foro do Traballo (1938) foi unha das oito Leis Fundamentais do franquismo, sendo elaborada antes do fin da guerra civil a imitación da Carta dei Lavoro promulgada en Italia por Edmondo Rossoni e o Gran Consello Fascista italiano en abril de 1927. Aínda que é certo que no momento da súa promulgación os nacionais levaban unha clara vantaxe na contenda; de feito foi en 1938 cando Franco creou o Goberno da Nación. Este texto é de ideoloxía falanxista, familia franquista que tivo certa influencia na cuestión laboral e os medios durante a guerra e a ditadura, e entre os seus principais puntos cóntanse a regulación da xornada laboral e do descanso, e a creación da Maxistratura do Traballo e os sindicatos verticais, que son aqueles que agrupaban por igual a patróns e obreiros (o que na práctica imposibilitaba os acordos), ambos subordinados ás decisións do Estado.
O alemánico é unha lingua, moi dialectalizada, que fai parte do grupo do alemán superior, e que se fala no sur de Alemaña, no nordés de Francia, en Suíza, Liechtenstein, no oeste de Austria e no norte de Italia. A poboación que o usa a diario calcúlase nuns 10 millóns. Pertence, xunto ao bávaro e ao suabo, á rama denominada alemán superior da familia das linguas xermánicas.
Wolfenstein 3D é un videoxogo shooter en primeira persoa desenvolvido por id Software e publicado por Apogee Software e FormGen. Publicado orixinalmente o 5 de maio de 1992 para MS-DOS, estivo inspirado polo videoxogo de 1981 Castle Wolfenstein de Muse Software. En Wolfenstein 3D o xogador toma o papel dun espía alidado William "B.J." Blazkowicz durante a segunda guerra mundial mentres escapa da prisión nazi do Castelo Wolfenstein e leva a cabo unha serie de misións contra os nazis.
Robert James Gilbert "Bob" Anderson, nado en Gosport o 15 de setembro de 1922 e finado en West Sussex o 1 de xaneiro de 2012 foi un esgrimista olímpico inglés, e un recoñecido coreógrafo de loita con espadas no cinema durante máis de 50 anos, traballando en Highlander, A princesa prometida, A máscara do Zorro, O señor dos Aneis e Die Another Day entre outras. Foi considerado o primeiro coreógrafo de Hollywood na loita con espada, e durante a súa carreira adestrou moitos actores na arte de armas, tales como Errol Flynn, Sean Connery, Antonio Banderas e Johnny Depp. Tamén apareceu como dobre nas pelexas de láser de Darth Vader en O imperio contraataca e O retorno do Jedi.
A música country é un estilo popular no sur dos Estados Unidos orixinado na música dos apalaches e nas cancións vaqueiras. Os seus antecedentes son as danzas europeas e as tradicións celtas (sobre todo escocesas). Na orixe era moi simple e interpretada por poucos instrumentos: guitarra, banjo e violín principalmente, as súas letras falaban da dura vida no campo, tristeza e amores imposíbeis.
A Wikipedia en noruegués é a versión da enciclopedia libre Wikipedia en lingua norueguesa. Conta con dúas edicións: unha para o noruegués bokmål e outra para o nynorsk. A primeira páxina comezou o 26 de novembro de 2001, e orixinalmente acollía artigos escritos en calquera das dúas versións da lingua.
As penicilinas son antibióticos do grupo dos betalactámicos empregados profusamente no tratamento de infeccións provocadas por bacterias sensibles. A maioría das penicilinas son derivados do ácido 6-aminopenicilánico, diferindo entre si segundo a substitución na cadea lateral do seu grupo amino. A bencilpenicilina ou penicilina G foi o primeiro antibiótico empregado amplamente en medicina; o seu descubrimento foi atribuído a Alexander Fleming en 1928, quen xunto cos científicos Ernst Boris Chain e Howard Walter Florey -que crearon un método para producir en masa o fármaco- obtivo o Premio Nobel de Medicina en 1945.
Pieter Aertsen, nado en Ámsterdam, 1508 e finado en 1575, coñecido como Langhe Pier, foi un pintor realista holandés. Traballou en Amsterdam e Antuerpe, onde residiu entre 1542 e 1556 como discípulo de Jan Mandyn. De novo foi dos primeiros en pintar escenas familiares, na que reproduce mobles, pezas de cociña e outros obxectos con gran fidelidade.
Helen Elizabeth Clark, nada o 20 de febreiro de 1950 en Hamilton, é actualmente directora do Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento. Foi primeira ministra de Nova Zelandia desde o 5 de decembro de 1999 ata o 18 de novembro de 2008. Foi a segunda muller en ser primeiro ministro en Nova Zelandia, logo de gañar a elección de 1999.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
O metabolismo dos ácidos graxos é o conxunto dos procesos metabólicos nos que interveñen ou están estreitamente relacionados cos ácidos graxos, unha familia de moléculas dentro dos macronutrientes lipídicos. Estes procesos poden dividirse en dous grandes ramas: (1) procesos catabólicos que xeran enerxía, e (2) procesos anabólicos que proporcionan os bloques de construción que cómpren para sintetizar outros compostos.No catabolismo, os ácidos graxos son metabolizados para producir enerxía, principalmente en forma de adenosín trifosfato (ATP). Cando se comparan con outra clase de macronutrientes (carbohidratos e proteínas), os ácidos graxos contidos nos lípidos renden máis enerxía por gramo, cando son completamente oxidados a CO2 e auga por medio da beta-oxidación e o ciclo do ácido cítrico.
Os Sherwood Foresters (Nottinghamshire and Derbyshire Regiment) foron un reximento de infantería de liña do Exército Británico que existiu durante pouco menos de 90 anos, de 1881 a 1970. En En 1970, o rexemento fusionouse co Rexemento de Worcestershire para formar o Rexemento de Foresteiros de Worcestershire e Sherwood, que en 2007 fusionouse co Rexemento de Cheshire e o Rexemento de Staffordshire ( do Príncipe de Gales) para formar o actual Rexemento Merciano. A liñaxe dos Sherwood Foresters é agora continuada polo Rexemento Mercian.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
REC (estilado como [●REC]) é un filme español de terror coescrito e codirixido por Jaume Balagueró e Paco Plaza, que foi estreado no 2007. O filme foi rodado na cidade de Barcelona, e o título é unha abreviatura da palabra "record" que aparece na pantalla da cámara. Balagueró e Plaza dirixiran previamente o documental de 2002 OT: la película.
O spinosad é un insecticida baseado en compostos químicos que se encontran na especie bacteriana Saccharopolyspora spinosa. O xénero Saccharopolyspora foi descuberto en 1985 en illamentos feitos da cana de azucre esmagada. As bacterias producen hifas aéreas de cor rosa amarelado, con cadeas de esporas como doas encerradas nunha vaíña característica.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamoso, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis.Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Carlos Casares Mouriño, nado en Ourense o 24 de agosto de 1941 e finado en Vigo o 9 de marzo de 2002, foi un escritor en lingua galega, crítico literario e político. Estudou filosofía e letras en Santiago de Compostela, cidade na que entrou en contacto con representantes do galeguismo, como Ramón Piñeiro. Foi director da editorial Galaxia e da revista Grial.
A Cidade de Bruxelas (Ville de Bruxelles en francés, Stad Brussel en neerlandés, Stadt Brüssel en alemán) é o meirande concello e centro histórico da Rexión de Bruxelas-Capital, así como a capital de Flandres (da que non forma parte) e de Bélxica. A cidade tamén o centro administrativo da Unión Europea e acolle un bo número das súas institucións no Barrio Europeo.Ademais da cidade histórica central situada dentro do Pentágono, a cidade de Bruxelas abrangue algúns dos arredores inmediatos da cidade dentro da gran Rexión de Bruxelas-Capital, é dicir, os antigos municipios de Haren, Laeken e Neder-Over-Heembeek ao norte, así como como a avenida Louise/Louizalaan e o parque Bois de la Cambre/Ter Kamerenbos ao sueste, onde limita cos municipios de Flandres. Segundo datos do 1 de xaneiro de 2022, a cidade de Bruxelas tiña unha poboación total de 188 737 habitantes.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Refraneiro galego sobre o mes de maio
A auga de febreiro ten pros campos tempero; i a de maio teno pra todo o ano . A auga de maio inda carga o carro . A chuvia na semana da Ascensión, leva o centeo e deixa o relón .
Orde arquitectónica, na arquitectura chamada clásica refírese a clasificación do estilo dos edificios na Grecia antiga en tres ordes, logo utilizados polos romanos da antigüidade que lle engadiron dúas. As medidas das diferentes partes dun edificio están en relación coas proporcións do conxunto da obra. As regras das proporcións da beleza a medida do home propia dos gregos antigos, serán cambiadas en cada etapa histórica.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Oxford University Press (OUP; en galego: "Imprenta da Universidade de Oxford") é unha coñecida empresa editoral universitaria do Reino Unido. É a editora universitaria máis importante do mundo; figura entre os vinte e cinco primeiros grupos editoriais internacionais e é a segunda editora independente máis antiga en activo, despois de Cambridge University Press. Trátase dun departamento da Universidade de Oxford, dirixido por un grupo de quince investigadores graduados de Oxford nomeados polo reitor da universidade, que constitúen o consello de administración, coordinados por un director executivo, que é o máximo representante da entidade.As súas publicacións están dispoñibles baixo dúas denominacións: "Oxford University Press", para a maior parte do catálogo, e "Clarendon", para determinadas obras de prestixio.
Manuel Rivas Barrós, nado no barrio coruñés de Montealto o 26 de outubro de 1957, é un escritor, poeta, ensaísta e xornalista galego, membro de número da Real Academia Galega dende 2009. A súa obra literaria está escrita orixinalmente en galego e é considerado na actualidade coma o escritor galego con máis proxección internacional, a súa obra está traducida a vinte idiomas, entre eles o francés, italiano, inglés, alemán, grego, turco, ruso, finés, holandés, croata e xaponés.
Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Un blog ou bitácora é unha páxina web onde hai mensaxes ou publicacións ordenadas cronoloxicamente escritas por unha ou varias persoas, chamados bloggers, sobre un tema en particular a modo de diario on-line. Hai algunhas características que son comúns á maioría dos blogs, como que os lectores poidan deixar comentarios, unha lista con ligazóns a outros blogs, chamada blogroll, un arquivo coas publicacións anteriores etc. Outras características non tan comúns, pero que están presentes na maioría dos blogs, son a de permitir trackbacks, que serve para saber quen liga á publicación, e a de permitir a subscrición, xeralmente mediante RSS, XML ou Atom, que serve para poder ler os blogs dende un programa á parte.
José Manuel Baltar Blanco, nado en Ourense o 3 de agosto de 1967, é un político galego, militante do PPdeG. É fillo de Xosé Luis Baltar, a quen sucedeu na presidencia da Deputación de Ourense. Está casado con María José Caldelas e ten cinco fillos.Concelleiro no concello de Esgos e presidente da Deputación Provincial de Ourense dende o 6 de febreiro de 2012, e presidente do PPdeG na provincia de Ourense dende o 30 de xaneiro de 2010, cando foi elixido no XV Congreso Provincial. Presidente de Partenalia, asociación europea de gobernos provinciais, integrada por autoridades locais intermedias de países europeos.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 196.418 .
Manuel Curros Enríquez, nado en Celanova o 15 de setembro de 1851 e finado na Habana o 7 de marzo de 1908, foi un poeta e xornalista galego, un dos tres principais representantes do Rexurdimento da literatura galega, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1967.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
Partido Comunista dos Traballadores de España
O Partido Comunista dos Traballadores de España (en castelán: Partido Comunista de los Trabajadores de España, abreviado PCTE) é un partido político comunista e marxista–leninista. Foi fundado o 3 de marzo de 2019 como resultado dunha escisión do Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE).
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Rafael Nadal Parera, nado o 3 de xuño de 1986 en Manacor (Mallorca), é un tenista español, actual número 3 do mundo na clasificación ATP.É o tenista que, cun total de 22, ten máis títulos de individual masculino en torneos de Grand Slam. Foi campión de Roland Garros en 14 ocasións (2005, 2006, 2007, 2008, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2022), gañador do Torneo de Wimbledon en 2008 e 2010 e onde foi outras tres veces finalista (2006, 2007 e 2011), do Aberto dos Estados Unidos en 2010, 2013, 2017 e 2019 (finalista en 2011) e do Aberto de Australia en 2009 e 2022 (finalista en 2012, 2014, 2017 e 2019). Foi medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 en individuais e nos Xogos Olímpicos de Río de 2016 en dobres formando parella con Marc López.
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora (máis coñecido simplemente como Álvaro Cunqueiro) nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo galego, considerado un dos grandes autores da literatura galega e da literatura española do século XX. Foi director do xornal Faro de Vigo. Ingresou na Real Academia Galega en 1963. Foi nomeado fillo predilecto de Mondoñedo en 1965.