Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Martin Luther King, Jr., nado como Michael King Jr en Atlanta (Xeorxia) o 15 de xaneiro de 1929 e asasinado en Memphis (Tennessee) o 4 de abril de 1968, foi un ministro e activista baptista estadounidense, un dos líderes máis destacados do movemento polos dereitos civís desde 1955 ata o seu asasinato en 1968. Líder da igrexa afroamericana e fillo do activista dos dereitos civís e ministro Martin Luther King Sr., King promoveu os dereitos civís da xente de cor nos Estados Unidos a través da non-violencia e a desobediencia civil. Inspirado polas súas crenzas cristiás e o activismo non violento de Mahatma Gandhi, dirixiu unha resistencia non violenta contra as leis de Jim Crow e outras formas de discriminación.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
O dalton (símbolo Da) ou unidade de masa atómica (símbolo u) é unha unidade de masa empregada en física e química, especialmente na medida de masas atómicas e moleculares. Equivale á doceava (1/12) parte da masa dun átomo de carbono-12. No Sistema Internacional de Magnitudes (ISO 80000-1), dáse como único nome o de dalton e desaconséllase o de unidade de masa atómica unificada.
A radioactividade é un fenómeno físico natural ou artificial, polo cal algunhas substancias ou elementos químicos chamadas radioactivos, son capaces de emitir radiacións, as cales teñen a propiedade de impresionar placas fotográficas, ionizar gases (polo que ás veces adóitase chamalas 'radiacións ionizantes'), producir fluorescencia, atravesar corpos opacos á luz ordinaria etc. As principais destas radiacións son as partículas alfa (núcleos de Helio), partículas beta (electróns) e/ou raios gamma, a máis doutras como protóns ou raios X. A radioactividade prodúcese a partir de reaccións nucleares, que alteran o balance de enerxía nuclear facendo que elementos como o uranio, o radio ou o torio (elementos con isótopos inestables, que desexcitan os seus núcleos en estado excitado emitindo partículas e enerxía), emitan partículas alfa, beta, gamma ou doutro tipo. O uranio, por exemplo, ten 92 protóns, mais coa radioactividade vai variando o número deles no núcleo, ata rematar constituíndo un núcleo de chumbo, estable, con 82 protóns e sen radiación.
Tropicos é unha base de datos de botánica que contén información taxonómica das plantas, principalmente da ecozona neotropical (América Central e América do Sur). É mantido polo Xardín Botánico de Missouri e foi estabelecido hai 25 anos. A base de datos contén imaxes e datos taxonómicos e bibliográficos de máis que 4,2 millóns de especies de plantas.
Unha doenza ou enfermidade é unha condición anormal que afecta ó corpo dun organismo. A miúdo é interpretada como unha condición médica asociada a uns síntomas e sinais específicos. Pode ser causada por factores procedentes dunhas fontes externas, como as enfermidades infecciosas, e poden causar dor, disfunción, malestar, problemas sociais ou a morte á persoa aflixida.
"Gangnam Style" (en coreano: 강남스타일) é unha canción do cantante surcoreano de pop PSY, cuxo son combina música dance/electrónica e rap. A canción foi lanzada o 15 de xullo de 2012 e debutou no posto número un en Gaon Chart, a lista musical nacional de Corea do Sur.O seu vídeo musical recibiu máis de 743 millóns de visitas en YouTube sen tomar en conta as visitas do sinxelo subido a canles non oficiais e a versión estendida non oficial, as cales representan máis de 150 millóns de reproducións, sendo isto un 25 por cento do total aproximadamente. Ademais, desde o 1 de novembro de 2012 converteuse no segundo vídeo máis visto, só superado por Justin Bieber con "Baby".
San Patricio, nado co nome de Maewyin Succat en Old Kilpatrick (Dumbarton, Escocia) cara ao 387 e finado en Saul (Condado de Down, Irlanda do Norte) un 17 de marzo cara ao 460 ou cara ao 492, foi un misioneiro cristián, é venerado como santo pola Igrexa católica. Patricio é venerado non só como apóstolo, senón como santo patrón, da Irlanda. É festexado por toda a comunidade católica irlandesa no mundo o 17 de marzo, data da súa morte.
Violencia sexual é calquera acto sexual ou tentativa de obter un acto sexual por violencia ou coerción, actos de tráfico de persoas ou actos dirixidos contra a sexualidade dunha persoa, calquera que sexa a relación coa vítima. Ocorre en tempos de paz e en contextos bélicos, é xeneralizada e é considerada como unha das violacións dos dereitos humanos máis común, omnipresente e traumática.A violencia sexual é un problema de saúde pública grave e ten un impacto profundo na saúde física e mental a curto ou a longo prazo, cun maior risco de problemas na saúde sexual e reprodutiva, cun risco maior de suicidios ou infección de HIV. Tamén se cualifican como violencia sexual os asasinatos que ocorren durante unha agresión sexual ou a consecuencia delas como é no caso dos crimes de honra. Aínda que as mulleres e as mozas a sofren en maior proporción, a violencia sexual pode ocorrerlle a calquera en calquera idade e é un acto de violencia que pode ser perpetrado por persoas proxenitoras, coidadoras, por persoas coñecidas e descoñecidas, así como polas parellas.
O quilogramo (comunmente quilo cando se usa para quilogramo-forza) é a unidade básica de masa do SI e o seu padrón, que se conserva na Oficina Internacional de Pesos e Medidas. O seu símbolo é kg. Un quilogramo equivale a 1000 gramos pero, dado que no SI é a unidade fundamental de masa, non debe ser considerado como derivado do gramo.
Sarah Breedlove, nada en Delta, Louisiana o 23 de decembro de 1867 e finada en Irvington-on-Hudson, Nova York o 25 de maio de 1919 foi unha empresaria, filántropa e activista social e política estadounidense coñecida como C. J. Walker. Eloxiada como a primeira millonaria “feita a ela mesma” nos Estados Unidos, converteuse nunha das máis ricas mulleres emprendedoras do país, así como a máis rica muller afroamericana e unha das empresarias afroamericanas de maior éxito da historia.Walker fixo a súa fortuna desenvolvendo e vendendo unha liña de produtos de beleza e para o cabelo destinados a mulleres de raza negra mediante a Madame C.J. Walker Manufacturing Company, empresa de éxito que ela fundou. Walker tamén foi coñecida pola súa filantropía e activismo.
Florence Pugh (|pjuː|), nada en Oxford o 3 de xaneiro de 1996, é unha actriz británica. Debutou como actriz en The Falling (2014) e recibiu recoñecemento a partir do seu papel protagonista en Lady Macbeth (2016). A súa interpretación como unha muller casada infeliz valeulle un British Independent Film Award á mellor actriz.
O neerlandés flamengo (vlaams-nederlands), ou simplemente flamengo (vlaams), é o dialecto ou variedade rexional da lingua neerlandesa falada en Flandres polo pobo flamengo, e polo tanto unha das linguas de Bélxica. O neerlandés era falado orixinalmente na zona da desembocadura dos ríos Rin, Escalda e Mosa que aproximadamente cubría os actuais Países Baixos, Norte de Bélxica, Norte de Francia (Dunkerque, Calais) e unha pequena parte do noroeste de Alemaña. A guerra dos Oitenta Anos (1568-1648) provocou a división das Dezasete Provincias nas Provincias Unidas ó norte e os Países Baixos do Sur ó sur.
O artista é a persoa que realiza ou produce obras de arte. O que se entende por artista depende polo tanto do significado da palabra arte, e, dado o cambiante significado deste concepto, o termo artista só pode definirse ou estudarse dende un punto de vista histórico, en función, por exemplo, dos cánones estéticos de cada época. Con todo, existen certas constantes que se repiten ao longo da historia e que serven para definir a noción asemade de arte e de artista.
Na física, o hamiltoniano é un obxecto matemático relacionado coa enerxía total do sistema, a partir do cal pode calcularse a evolución futura dun sistema hamiltoniano clásico ou cuántico. Así hamiltoniano pode referirse a: Hamiltoniano cuántico que intervén na descrición cuántica dun sistema físico. Hamiltoniano clásico que intervén na descrición clásica dun sistema físico.En teoría de grafos, referímosnos a un ciclo hamiltoniano.
Burning Heart Records é un selo discográfico independente formado en 1993 e baseado en Örebro, Suecia. Ten unha estreita relación coa etiqueta californiana Epitaph Records, que ten os dereitos de distribución de Burning Heart en Norteamérica. Ten tamén unha oficina en berlín dende finais do ano 2003.Burning Heart tivo moito éxito lanzando en Europa (especialmente en Suecia) bandas a un público xeral.
Un periódico é unha publicación cuxa principal función consiste en presentar noticias. Ten unha aparición periódica, que pode ser diaria -denominado xornal ou diario, e que é o periódico por antonomasia-, ou semanal —denominado semanario— e mesmo quincenal ou mensual. Amais de proporcionar información, as publicacións periódicas adoitan defender diferentes posturas públicas, xa sexa con editoriais, artigos de opinión ou mesmo a través dun perfil ideolóxico determinado.
O conde Lev Nikolaevich Tolstoi (en ruso: Лев Николаевич Толстой, [lʲɛv nɪkʌlajɪv'ɪtɕ tʌlˈstoj] AFI), coñecido en occidente tamén como León ou Leo Tolstoi, nado en Iasnaia Poliana o 9 de setembro de 1828 e finado en Astapovo o 20 de novembro de 1910, foi un escritor, filósofo, anarquista cristián, pacifista, reformador educativo e pensador moral ruso moi influente na literatura e política do seu país. Xunto a Fiódor Dostoievski, Tolstoi foi un dos grandes da literatura rusa do século XIX. É considerado un dos novelistas máis importantes da historia da literatura, particularmente polas súas obras mestras Voina i mir (en galego, Guerra e Paz) e Anna Karenina, libros que son dous dos representantes senlleiros da ficción realista. Como filósofo moral destaca pola súa idea de resistencia non violenta expresada no seu traballo Tsárstvo Bózhiye vnutrí vas (no ruso pre-reformista: Царство Божіе внутри васъ; no ruso post-reforma: Царство Божие внутри вас; en galego, O reino de Deus está dentro de ti) mesmo que influíu en Mohandas K. Gandhi, Martin Luther King e James Bevel.
Botelleira, botella, pataca, corbela ou marmulo, Fucus vesiculosus, é unha olga mariña parda (Phaeophyta) que se espalla polo mar do Norte, o mar Báltico (costa oeste), o océano Atlántico e polo Pacífico. Frecuente no litoral galego, distínguese ben polas súas bogas ou vesículas cheas de gas nitróxeno.
Anna Karenina (en ruso: Анна Каренина), é unha novela do escritor ruso Lev Tolstoi, publicada entre 1873 e 1877. É unha das obras máis senlleiras do autor, canda Voina i mir (Война и мир) [en galego, Guerra e Paz; aínda sen traducir] escrita entre 1867 e 1869. Esta novela romántica está considerada unha das obras cume do Realismo e ten un dos inicios máis coñecidos da literatura universal: "Todas as familias felices son iguais.
Broken Social Scene é un colectivo musical canadense de indie rock formado por Kevin Drew e Brendan Canning. A meirande parte dos seus membros tocan noutros grupos ou prexectos en solitario, principalmente da cidade de Toronto. Entre estas bandas asociadas están Metric, Feist, Stars, Apostle of Hustle, Do Make Say Think, KC Accidental, Emily Haines & The Soft Skeleton, Amy Millan e Jason Collett.
Os Stockton Kings son un equipo profesional de baloncesto estadounidense con sede na cidade de Stockton, California. Compite na NBA G League, a liga de desenvolvemento da National Basketball Associtation, afiliado aos Sacramento Kings. Entre 2008 e 2018 xogou na cidade de Reno, Nevada baixo o nome de Reno Bighorns.
A auga destilada é aquela á que se lle elimina practicamente a totalidade de impurezas e ións mediante a destilación (a auga chega ó seu punto de ebulición e recóllense os seus vapores, condensándoos). Unha montaxe típica de laboratorio para levar a cabo a destilación consta dun matraz, un tubo refrixerante e outro matraz para recoller o destilado.
Lista de músculos do corpo humano
Esta é unha lista de músculos da anatomía humana. Existen aproximadamente 650 músculos esqueléticos nun ser humano. O número exacto é difícil de determinar porque as diferentes fontes (libros especializados) agrupan os músculos de maneira diferente.
Os pelagornítidos (Pelagornithidae) son unha familia extinta de grandes aves mariñas coñecidas polos seus fósiles. Tamén se lles chama pseudoodontornes, aves de dentes óseos, aves de dentes falsos ou aves pseudodentadas. Os seus restos fósiles atopáronse en moitas partes do mundo en estratos rochosos que datan de finais do Paleoceno ata o límite entre o Plioceno e o Plistoceno.
Max Ferdinand Bahrfeldt (a partir de 1913 von Bahrfeldt), nado en Gerswalde o 6 de febreiro de 1856 e finado na cidade saxoa de Halle o 11 de abril de 1936, foi un xeneral, numismático e historiador local alemán. Bahrfeldt é coñecido como un dos maiores estudosos da moeda romana da época republicana. O seu irmán máis vello, Emil Bahrfeldt (1854-1929), tamén foi un reputado numismático.
O topónimo galego Fontes pode referirse a: Fontes, lugar da parroquia de Amoeiro, no concello de Amoeiro; Fontes, lugar da parroquia de Soutomel, no concello da Bola; Fontes, lugar da parroquia de Santa Mariña do Incio, no concello do Incio; Fontes, lugar da parroquia de Reádigos, no concello do Irixo; Fontes, lugar da parroquia de Meira, no concello de Meira; Fontes, lugar da parroquia de Caneda, no concello de Monforte de Lemos; Fontes, lugar da parroquia de Nogueira de Ramuín, no concello de Nogueira de Ramuín; Fontes, lugar da parroquia de Iñás, no concello de Oleiros; Fontes, lugar da parroquia de Illobre, no concello de Vedra; As Fontes, lugar da parroquia de Baíña, no concello de Baiona; As Fontes, lugar da parroquia de Furco, no concello de Becerreá; As Fontes, lugar da parroquia de Bazar, no concello de Castro de Rei; As Fontes, lugar da parroquia de Outeiro, no concello de Castro de Rei; As Fontes, lugar da parroquia de Goá, no concello de Cospeito; As Fontes, lugar da parroquia de Nodar, no concello de Friol; As Fontes, lugar da parroquia de Tirán, no concello de Moaña; As Fontes, lugar da parroquia do Alto de Xestoso, no concello de Monfero; As Fontes, lugar da parroquia de Reigada, no concello de Monforte de Lemos; As Fontes, lugar da parroquia de Doncos, no concello das Nogais; As Fontes, lugar da parroquia de Pousada, no concello da Pastoriza; As Fontes, lugar da parroquia da Regueira, no concello da Pastoriza; As Fontes, lugar da parroquia da Corna, no concello de Piñor; As Fontes, lugar da parroquia de Torbeo, no concello de Ribas de Sil; As Fontes, lugar da parroquia de Sumoas, no concello de Xove; O Areal de Fontes, lugar da parroquia de Cumiar, no concello de Ponteareas.
The Ethnologue: Languages of the World (O etnólogo: linguas do mundo) é unha publicación impresa e virtual de SIL International (antes coñecida como o Summer Institute of Linguistics, "Instituto Lingüístico de Verán"), unha organización cristiá de servizos lingüísticos que estuda as linguas menos coñecidas, basicamente para prover servizos misioneiros aos seus falantes. Posúe estatísticas de 6.809 idiomas (edición do ano 2000, 6.912 na súa web en febreiro do 2007), incluíndo o número de falantes, a súa localización, dialectos, afiliación lingüística, dispoñibilidade de textos bíblicos etc. Actualmente é un dos inventarios máis completos das linguas existentes, xunto ao Linguasphere Register .
Os Países Cataláns (Països Catalans en catalán) son os territorios nos que a lingua autóctona é o catalán, ou ben os territorios que forman parte dunha unidade xeohistórica, cultural e lingüística de predominio catalán. Son tamén os territorios onde viviron ou viven os falantes de catalán.En termos xerais, os Países Cataláns abranguen a zona oriental da península Ibérica, entre os Pireneos, até a Lagoa de Leucate e a serra das Corbières, polo norte, e o río Segura polo sur, o arquipélago das Baleares (que inclúe o das Pitiusas) e illas adxacentes (como as Columbretes e a illa de Tabarca), a Franxa Oriental (no leste de Aragón), a comarca do Carxe (na Rexión de Murcia) e a cidade de L'Alguer (na illa de Sardeña), onde un 30% da poboación fala catalán.Os Países Cataláns teñen unha superficie conxunta de 70 520 quilómetros cadrados e unha poboación de 14,4 millóns de habitantes.
World Register of Marine Species
O World Register of Marine Species (WoRMS, en galego Rexistro Mundial de Especies Mariñas) é unha base de datos que inclúe unha exhaustiva lista de nomes de organismos mariños. O contido do rexistro é editado e mantido por científicos especialistas en cada grupo de organismos. Estes taxonomistas controlan a calidade da información, que é reunida desde varias bases de datos rexionais ou específicas por taxon.
Neil Alden Armstrong, nado en Wapakoneta, Ohio o 5 de agosto de 1930 e finado o 25 de agosto de 2012 foi un astronauta estadounidense e o primeiro home en pisar a Lúa, o 20 de xullo de 1969. Foi tamén enxeñeiro aeroespacial, aviador naval, piloto de probas e profesor universitario. Antes de converterse en astronauta, Armstrong foi oficial na U.S. Navy e serviu na Guerra de Corea.
A Batalla do Monte Blair (en inglés: Blair Mountain Battle) foi unha das maiores revoltas da historia do Estados Unidos de América e a maior rebelión armada que houbo nese país desde a Guerra Civil Americana.Durante cinco días, a finais do verán de 1921, preto de 10 000 mineiros do carbón e 3.000 Logan Defenders (policías e fura-folgas) apoiados pola patronal das minas enfrontáronse no condado de Logan en Virxinia Occidental. A insurrección tiña a súa orixe no intento dos traballadores de crear sindicatos en tódalas minas do suroeste do estado. A Batalla rematou cando entrou en acción o exército dos Estados Unidos, enviado por orde presidencial, e non antes de que se disparasen en torno a un millón de balas.Como resultado das protestas os mineiros viron reducidos os seus dereitos laborais ata a década de 1930, cando o Goberno Federal dos Estados Unidos recoñeceu o dereito de sindicación.
Actinidia é un xénero of leñosas e, cunhas poucas excepcións, caducifolias nativas de zonas temperadas do leste de Asia, medrando na meirande parte da China, Taiwán, Corea e o Xapón, e estendéndose cara o norte até o sur de Siberia e cara o sur até a Indochina. O xénero inclúe arbustos que medran até 6 m de alto, rubideiras vizosas e resitentes, que poden medrar até os 30 m polas copas das árbore. As follas son alternas, simples, coa marxe dentada e un longo pecíolo.
Charles Babbage, nado en Teignmouth, Devon, Gran Bretaña, o 26 de decembro de 1791 e finado o 18 de outubro de 1871, foi un matemático inglés e científico protoinformático. Foi a primeira persoa en concibir a idea do que hoxe chamariamos un ordenador. No Museo de Ciencias de Londres exhíbense partes dos seus mecanismos inconclusos.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Ruxe Ruxe é un grupo de música galego formado en Aríns (Santiago de Compostela) en 1996. A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando ás veces instrumentos como a gaita e o saxofón, e sempre con actitude punk. As súas letras son en galego e de temática moi variada nas que predominan os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico.
Bernard Lawrence "Bernie" Madoff (AFI: /ˈmeɪdɒf/), nado en Nova York o 29 de abril de 1938 e finado no Correccional Federal de Mediana Seguridade Butner, Carolina do Norte, o 14 de abril de 2021, foi o presidente dunha sociedade de investimento que leva o seu nome e que el mesmo fundou en 1960, moi importante e influente en Wall Street. En decembro de 2008, foi detido polo FBI e acusado dunha fraude que superou os 50.000 millóns de dólares, o que a converte na maior fraude levada a cabo por unha soa persoa. O 29 de xuño de 2009 foi sentenciado a 150 anos de prisión.
A azadiractina é un composto químico que pertence ao grupo limonoide, que é un metabolito secundario presente nas sementes da árbore do nim. É un tetranortriterpenoide moi oxidado que ten multitude de grupos funcionais que levan oxíxeno, incluíndo o enol éter, acetal, hemiacetal, epóxido tetrasubstituído e diversos grupos éster carboxílico.
A abamectina é un insecticida e anthelmíntico amplamente usado. É un membro da familia da avermectina e é un produto da fermentación natural da bacteria actinomiceta do solo Streptomyces avermitilis. A abamectina (tamén chamada avermectina B1), difire da ivermectina, outro membro moi utilizado da familia da avermectina, polo seu dobre enlace en C-22-25.
O disulfoton ou disulfotón é un organofosfato inhibidor da acetilcolinesterase usado como insecticida. Fabrícase co nome Di-Syston por Bayer CropScience. O disulfoton na súa forma pura é un aceite incoloro, pero o produto técnico usado en campos de cultivo agrícola é escuro e amarelado cun cheiro a xofre.
REC (estilado como [●REC]) é un filme español de terror coescrito e codirixido por Jaume Balagueró e Paco Plaza, que foi estreado no 2007. O filme foi rodado na cidade de Barcelona, e o título é unha abreviatura da palabra "record" que aparece na pantalla da cámara. Balagueró e Plaza dirixiran previamente o documental de 2002 OT: la película.
Nastasia Zürcher Losada, nada en Xenebra o 26 de xuño de 1988, é unha artista, vocalista e compositora galego-suíza. Afincada en Galicia (terra dos seus avós maternos) dende o ano 2000, medrou en Xenebra ate os 12 anos. Viviu tamén en Madrid 2 anos (2012-2014) nos que se graduou en Canto, Interpretación e Técnicas de Escenario na Escuela Internacional de Artistas.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2023, ano dedicado a Francisco Fernández del Riego, 63 autores (5 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 61 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á ría de Vigo).
O spinosad é un insecticida baseado en compostos químicos que se encontran na especie bacteriana Saccharopolyspora spinosa. O xénero Saccharopolyspora foi descuberto en 1985 en illamentos feitos da cana de azucre esmagada. As bacterias producen hifas aéreas de cor rosa amarelado, con cadeas de esporas como doas encerradas nunha vaíña característica.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamoso, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis.Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.
A Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial a ilustración, defensa e promoción da lingua galega. Elabora as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, e decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
Oxford University Press (OUP; en galego: "Imprenta da Universidade de Oxford") é unha coñecida empresa editoral universitaria do Reino Unido. É a editora universitaria máis importante do mundo; figura entre os vinte e cinco primeiros grupos editoriais internacionais e é a segunda editora independente máis antiga en activo, despois de Cambridge University Press. Trátase dun departamento da Universidade de Oxford, dirixido por un grupo de quince investigadores graduados de Oxford nomeados polo reitor da universidade, que constitúen o consello de administración, coordinados por un director executivo, que é o máximo representante da entidade.As súas publicacións están dispoñibles baixo dúas denominacións: "Oxford University Press", para a maior parte do catálogo, e "Clarendon", para determinadas obras de prestixio.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais non penetrativas.
Andrea San Xurxo Martínez, máis coñecida polo seu pseudónimo Andy da Fonte, nada na Pobra do Caramiñal o 4 de febreiro de 2003, é unha artista, poeta, performer, fotógrafa e cineasta galega. A súa escrita conta cunha notábel riqueza léxica e temáticas de corte intimista. San Xurxo manifesta un carácter solidario e altruista, cun marcado compromiso e ansia activista nas súas redes sociais coa loita de clases, a liberdade das mulleres e da comunidade LGBT+, polos dereitos dos animais e a defensa da lingua galega.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
A donicela (Mustela nivalis), tamén coñecida como doniña, denociña, garridiña ou saltaparedes, é un animal mamífero, membro da familia Mustelidae moi semellante ao armiño (Mustela erminea) o seu parente máis achegado. Difire deste no tamaño e sobre todo no pelame: no armiño o extremo da cola permanece negro tanto no verán como no inverno. A donicela é o mustélido máis pequeno.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.