Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Oxford University Press (OUP; en galego: "Imprenta da Universidade de Oxford") é unha coñecida empresa editoral universitaria do Reino Unido. É a editora universitaria máis importante do mundo; figura entre os vinte e cinco primeiros grupos editoriais internacionais e é a segunda editora independente máis antiga en activo, despois de Cambridge University Press. Trátase dun departamento da Universidade de Oxford, dirixido por un grupo de quince investigadores graduados de Oxford nomeados polo reitor da universidade, que constitúen o consello de administración, coordinados por un director executivo, que é o máximo representante da entidade.As súas publicacións están dispoñibles baixo dúas denominacións: "Oxford University Press", para a maior parte do catálogo, e "Clarendon", para determinadas obras de prestixio.
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Henrique VIII Tudor, nado o 28 de xuño de 1491 e finado o 28 de xaneiro de 1547, foi Rei de Inglaterra a partir do 21 de Abril (coroado a 24 de xuño) de 1509, até a súa morte. Foille concedido o título de rei de Irlanda polo Parlamento Irlandés en 1541, tendo obtido anteriormente o título de Lord de Irlanda.
Auritz (en castelán: Burguete e oficialmente Auritz/Burguete) é un concello español da Comunidade Foral de Navarra, situado no meiriñado de Sangüesa, na bisbarra de Auñamendi e a 45 km da capital da comunidade, Pamplona. A súa poboación en 2013 foi de 260 habitantes (INE), o seu termo municipal ten unha superficie de 19,19 km² e a súa densidade de poboación é de 13,55 hab/km².
Os diápsidos (Diapsida) son unha Subclase de réptiles que se caracterizan por presentar, orixinariamente, dúas aberturas no cranio por detrás da órbita do ollo. Este grupo contén os dinosauros, lagartos, serpes, crocodilos, as aves e os seus correspondentes antecesores. Algúns diápsidos descendentes dos antigos perderon despois esta estrutura cranial típica; así aos lagartos quedoulles unha soa abertura, as serpes perderon as dúas, e as aves modernas restruturaron profundamente o seu cranio.
Xeneral é un rango militar. Atópase na cima da xerarquía castrense, sobre os oficiais superiores (comandante/maior, tenente coronel, coronel), os oficiais (alférez/subtenente, tenente, capitán; na Armada: alférez de fragata, alférez de navío e tenente de navío, respectivamente), os suboficialis e os soldados ou mariñeiros. Un xeneral está ao mando dunha unidade militar máis grande que un rexemento, como pode ser a brigada, división, corpo, exército, grupo de exércitos ou a totalidade das forzas armadas dun país.
Courteney Bass Cox, tamén coñecida como Courteney Cox Arquette, nada en Birmingham (Alabama), o 15 de xuño de 1964, é unha actriz, produtora de cinema e ex modelo, coñecida polo seu papel de Monica Geller na serie de comedia Friends. Tamén foi protagonista na serie Dirt e na saga Scream, vixía quen chama, Tamén apareceu como estrela invitada na serie Scrubs.
Unha libraría ou librería é un comercio dedicado á venda de libros, poden ser pequenas tendas que ofrecen uns poucos centos de libros ata grandes establecementos comerciais con máis de 200.000 títulos. Algunhas librarías están especializadas na venda de libros antigos. Alén da venda de libros tamén poden vender materiais relacionados como folios, mapas, bolígrafos, sobres ou xornais pero as tendas especializadas neste tipo de materiais coñécense como papelerías, aínda que vendan tamén libros.
A Ligue Magnus é a máxima categoría do hóckey sobre xeo en Francia, creada na tempada 1906-07. Os campións do campionato reciben a Coupe Magnus. O nivel da liga é considerado xeralmente como intermedio, clasificado no posto 14 dos campionatos europeos pola Federación Internacional de Hóckey sobre Xeo (IIHF).
Iosif Vissarionovich Stalin (en ruso Иосиф Виссарионович Сталин; nado Ioseb Besarionis je J̌uḡašvili, en xeorxiano: იოსებ ბესარიონის ძე ჯუღაშვილი, AFI: [iɔsɛb bɛsariɔnis dze dʒuɣaʃvili]), nado en Gori (Xeorxia) o 21 de decembro de 1879 e finado en Moscova o 5 de marzo de 1953, foi un político e revolucionario marxista-leninista soviético, segundo líder da Unión Soviética. Tamén foi coñecido coma Koba (nome dun heroe popular de Xeorxia) e empregou varios pseudónimos: David, Nijeradzé, Chijikov, Ivanóvich, ata adoptar o de Stalin que usou despois da Conferencia Bolxevique de Tammerfors (Finlandia). O nome Stalin deriva da palabra rusa stal (aceiro) co mesmo sufixo posesivo persoal -in que tamén empregara o seu predecesor Lenin.
A heurística é unha forma de traballar para resolver os problemas, aprender, ou facer descubrimentos que usa métodos prácticos, que non garante unha solución ideal ou perfecta, aínda que suficiente para os obxectivos inmediatos. Deste xeito é posible obter resultados aceptables nun tempo máis curto, e neste sentido pode ser considerado como atallo simplificador. Son exemplos deste método as estimacións fundamentadas, aproximacións, opinións intuitivas, o sentido común e a categorización.
O estreito de Bering (ruso: Берингов пролив, Béringov proliv) é un brazo de mar localizado entre o extremo oriental de Asia (Siberia) (Uelen) e o extremo norte occidental de América (Alasca) (Tin City). As súas augas comunican o mar de Chukchi, ao norte, co mar de Bering, ao sur. A súa anchura é de 82 km entre as inmediaciones do Cabo Dezhnev na península de Chukchi, en Rusia, que constitúe o punto máis oriental (169° 39' W) do continente de Asia, e as proximidades do Cabo Príncipe de Gales, en Alasca, Estados Unidos, que é o punto máis occidental (168° 07' W) do subcontinente de Norteamérica.
Este artigo refírese a humanos. Para a preñez en animais véxase Preñazo.O embarazo, gravidez, preñazo ou preñez dunha muller é o período que transcorre entre a implantación do cigoto no útero ata o momento do parto. Durante este período prodúcense na muller importantes cambios fisiolóxicos, metabólicos e incluso morfolóxicos coa finalidade de protexer, nutrir e permitir o desenvolvemento do feto, como son a interrupción dos ciclos menstruais, ou o aumento do tamaño das mamas para preparar a lactación.
Nova York (en inglés: New York; /njuːˈjɔɹk/ ) é a principal cidade do Estado de Nova York e dos Estados Unidos de América. Foi construída a partir dunha pequena colonia na illa de Manhattan, nos seus comezos holandesa co nome de Nova Ámsterdan, que pasou logo a mans inglesas. Cos seus oito millóns de habitantes, que chegan aos 18,7 millóns na súa área metropolitana, a rexión metropolitana de Nova York é facilmente a maior dos Estados Unidos de América, e a segunda máis populosa da América do Norte (despois da Cidade de México).
O wáter-polo, tamén chamado polo acuático[Cómpre referencia], é un deporte que se practica nunha piscina onde se enfrontan dous equipos. O obxectivo do xogo é marcar o maior número de goles na portería do equipo contrario. O campo de xogo e un rectángulo de 30 por 20 metros e as porterías son de 90 cm de alto e 3 metros de longo.
LibraryThing é unha aplicación web de catalogación social para almacenar e compartir listaxes de libros coa fin de establecer un catálogo ordenado e etiquetado que permite as valoracións e os comentarios e que posibilita conectarse con xente con gustos semellantes , destínase tanto a particulares como a autores, bibliotecas e editoriais. Desenvolvida polo estadounidense Tim Spalding, subiuna por vez primeira a internet de forma pública o 29 de agosto de 2005. En maio de 2006 AbeBooks mercou o 40% da compañía, que dous anos despois adquiriu Amazon.
O Arco de Constantino (en italiano: Arco di Costantino) é un arco de triunfo que se atopa a entre o Coliseo e a cuíña do Palatino, en Roma. É un dos 3 arcos que permanece na Vía do Foro Imperial, xunto co Arco de Tito (81) e o Arco de Septimio Severo (202-203). O arco foi ergueito polo Senado para conmemorar a vitoria de Constantino I o Grande contra Maxencio na batalla de Ponte Milvio, o 28 de outubro de 312, e para conmemorar, tamén, a outros emperadores anteriores.
Adón (ou Ado) (? - Cividale circa 700) foi un duque longobardo de Friúl, rexente do ducado de Friúl desde 698 ao 700 aproximadamente Son moi escasas as informacións sobre a súa figura; Paulo Diácono refire que, logo da deposición e o exilio do rebelde Ansfrido, lle foi confiada a rexencia do ducado polo rei Cuniperto, no 698. Rexeu o ducado por un ano e sete meses e morreu en Cividale.
Tareixa de Calcuta, nada como Agnes Gonxha Bojaxhiu (en AFI ˈagnɛs gɔnˈʤa bɔˈjadʒju), en Skopje (daquela no Imperio Otomán, no presente Macedonia do Norte), o 26 de agosto de 1910 e falecida en Calcuta (India) o 5 de setembro de 1997, foi unha relixiosa católica albanesa coñecida polo seu labor humanitario na India. Foi beatificada polo Papa Xoán Paulo II en 2003 e desde a súa canonización polo papa Francisco o 4 de setembro de 2016 é venerada como santa na Igrexa católica. É a primeira persoa galardoada co Premio Nobel da Paz santa.
En ciencias aplicadas, un modelo matemático é un dos tipos de modelos científicos que emprega algún tipo de formulismo matemático para expresar relacións, proposicións substantivas de feitos, variábeIs, parámetros, entidades e relacións entre variábeis e/ou entidades ou operacións, para estudar comportamentos de sistemas complexos ante situacións difíciles de observar na realidade. O termo modelización matemática utilízase tamén en deseño gráfico cando se fala de modelos xeométricos dos obxectos en dúas ou en tres dimensións. O significado de modelo matemático en matemática fundamental porén é algo diferente.
Led Zeppelin foi un grupo de rock inglés fundado en 1968 polo guitarrista Jimmy Page trala disolución do seu anterior grupo, The Yardbirds. Coa colaboración do baixista John Paul Jones, ó que xa coñecía de antigos traballos, a inclusión de Robert Plant como vocalista e John Bonham como batería, quedaría conformada unha das bandas máis importantes da historia do rock, fundadores do Hard rock e mesmo do heavy metal. Tamén en toda a súa discografía se inclúen influencias de blues, reggae, soul, funk, jazz, música celta, folk e country.
Roy Kelton Orbison, nado en Vernon (Texas) o 23 de abril de 1936 e finado en Hendersonville (Tennessee) o 6 de decembro de 1988, alcumado de The Big O, foi un influente cantante e compositor estadounidense, cunha carreira que se estendeu durante catro década. Orbison foi internacionalmente recoñecido polas súas baladas sobre amores perdidos, polas súas melodías ritmicamente avanzadas, o seu timbre vocal de tres oitavas, as súas característicos lentes escuras e un ocasional uso do falsete, tipificado en cancións como "Only The Lonely", "Oh, Pretty Woman" e "Crying". En 1988, foi incluso postumamente no Salón da Fama de compositores de música.
A raíz dunhas probas comparativas có futuro Sea Vixen, o Javelin foi escollido para substituír os cazas nocturnos Venom e Meteor en servizo nos escuadróns todotempo da RAF. O prototipo voou o 26 de novembro do 1951, pero era un avión demasiado innovador e os primeiros aparellos de serie non puideron ser entregados ata febreiro do 1956. As variantes sucesivas introducían un radar e uns motores novos, así como, no FAW.Mk 7, mísiles Firestreak. Cara os anos 60, o Javelin foi retirado do Mando de Caza no 1964, da RAF Germany no 1966 e do Extremo Oriente en abril do 1968, sendo declarado obsoleto.
Miles Peter Kane, nado en Birkenhead o 17 de marzo de 1986, é un músico inglés, máis coñecido por ser membro principal de The Last Shadow Puppets e exmembro de The Rascals, antes de que a banda anunciara a súa en agosto de 2009.Ademais, comezou a súa carreira en solitario ó tempo que continúa como membro de The Last Shadow Puppets. O seu primeiro álbum en solitario, Colour of the Trap, foi lanzado o 9 de maio de 2011, e o seguinte, Don't Forget Who You Are, foi lanzado o 3 de xuño de 2013.
O Lebor na hUidre, ou Libro da Vaca Parda, é un manuscrito irlandés que data de principios do século XII, que contén documentos sobre a orixe mítica de Irlanda. O seu título fai referencia ao animal dun monxe da abadía de Clonmacnoise, San Ciarán. Inclúe historias do Ciclo do Ulster (incluíndo a versión máis antiga do Táin Bó Cúailnge), o Ciclo Feniano, o Ciclo Mitolóxico e o Ciclo Histórico da mitoloxía céltica irlandesa, así como textos relixiosos e históricos.
Deadpool é unha personaxe de banda deseñada, co verdadeiro nome de Wade Winston Wilson, caracterizado coma un mercenario ou antiheroe que aparece en historietas publicadas por Marvel Comics, orixinalmente na serie X-Men pero tamén nos últimos anos noutras series Marvel. Creado polo debuxante Rob Liefeld e o guionista Fabian Nicieza, Deadpool apareceu por primeira vez en The New Mutants nº 98, en febreiro de 1991. Deadpool é un mercenario que usa alta tecnoloxía e que como Wolverine, é un produto de Weapon X, un programa paramilitar clandestino que realizou o goberno canadense.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
As avermectinas son unha serie de fármacos e pesticidas usados no tratamento contra vermes parasitos (antihelmínticos) e pragas de insectos (insecticidas). Son un grupo de derivados da lactona con macrociclos de 16 membros. Estes compostos naturais orixínanse como produtos de fermentación da bacteria acinomiceta do solo Streptomyces avermitilis.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
REC (estilado como [●REC]) é un filme español de terror coescrito e codirixido por Jaume Balagueró e Paco Plaza, que foi estreado no 2007. O filme foi rodado na cidade de Barcelona, e o título é unha abreviatura da palabra "record" que aparece na pantalla da cámara. Balagueró e Plaza dirixiran previamente o documental de 2002 OT: la película.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamoso, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis.Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.
Os salgueiros son especies pertencentes ao xénero Salix, son plantas con flor da familia das salicáceas. O xénero componse dunhas 400 especies de árbores e arbustos caducifolios que se distribúen polas zonas frías e temperadas do Hemisferio norte, principalmente en lameiros, brañas, ribeiras e terras húmidas en xeral.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2023, ano dedicado a Francisco Fernández del Riego, 63 autores (5 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 61 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á ría de Vigo).
Santa Comba de Ribadelouro é unha parroquia que se localiza no concello de Tui. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 946 habitantes (515 mulleres e 431 homes), distribuídos en 22 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 976 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 832 habitantes, sendo 381 homes e 451 mulleres.
Ruxe Ruxe é un grupo de música galego formado en Aríns (Santiago de Compostela) en 1996. A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando ás veces instrumentos como a gaita e o saxofón, e sempre con actitude punk. As súas letras son en galego e de temática moi variada nas que predominan os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico.
Para ver outros vexetais de igual nome ver os artigos dos xéneros Cytisus e Genista. A xesta, xesta brava, xesta de vasoiras, xesta marela, xesta moura ou xesta negra, (Cytisus scoparius) é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia. Baixo este nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes (maiormente do xénero Cytisus) que corresponden a distintas especies, das que esta especie é a máis frecuente.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Defínese, desde o punto de vista organizativo, como unha fronte de partidos e sitúase na esquerda do espectro político. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 196.449 .
A chave ou xogo da chave é un xogo popular galego que consiste en lanzar uns discos redondos e planos, denominados pesos, pellos, pellas ou peletres, sobre unha peza metálica, chamada chave, colocada a certa distancia. Existen moitas modalidades de chave na Galiza con numerosos equipos e varias ligas asociadas a cada modalidade. Entre elas: A liga da Coruña, organizada na Federación Galega de Chave dependente da Xunta de Galicia.
Bartholomew JoJo "Bart" Simpson é un personaxe de ficción da serie de televisión de debuxos animados The Simpsons. Bart é un neno de 10 anos, o primoxénito da familia caracterizado por ter un mal comportamento e un baixo rendemento escolar, sendo totalmente oposto á súa irmá Lisa. Idolatra o televisivo pallaso Krusty, ten por amigo fiel a Milhouse e por mascota un can chamado "Santa's Little Helper".
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
Pedro Xosé García Balboa, máis coñecido como frei Martín Sarmiento, nado en Vilafranca do Bierzo o 9 de marzo de 1695 e finado en Madrid o 7 de decembro de 1772, foi un relixioso beneditino e escritor galego. É un dos pais da filoloxía románica en xeral e da galega en particular. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 2002.
Fernando VII de España, alcumado "o desexado" e tamén "o felón", nado en San Lorenzo de El Escorial o 14 de outubro de 1784 e finado en Madrid o 29 de setembro de 1833, foi príncipe de Asturias (1788-1808) e, posteriormente, rei de España entre marzo e maio de 1808 e de novo, trala expulsión do «rei intruso» Xosé I Bonaparte e o seu retorno a España, dende maio de 1814 até a súa morte en 1833, agás nun breve intervalo de tempo en 1823, en que foi destituído polo consello de Rexencia. Fillo e herdeiro de Carlos IV e de María Luísa de Parma, que foran depostos tralo motín de Aranjuez, tivo unha enorme popularidade nos primeiros momentos entre o pobo español, que o alcumara como "o desexado" cando fora obrigado a abdicar en Baiona, polo que pasou toda a guerra da Independencia en Valençay na calidade de preso de Napoleón I, a quen chegou a solicitar ser o seu fillo adoptivo: O seu reinado, como sucedeu en boa parte de Europa, estivo marcado pola tensión entre o absolutismo herdado e defendido por el e as novas ideas liberais. De feito herdou un país dividido pola guerra da Independencia e o fin do seu reinado deu paso a unha guerra civil, as chamadas guerras carlistas.
O Partido Galego (PG) é un partido político de centro galeguista de ámbito autonómico, que nace o 12 de decembro de 2020 no concello de Melide coa intención de representar a todas as persoas que se senten galegas e españolas e que consideran que Galicia é unha comunidade autónoma que conta cunha cultura e unha lingua propia diferenciada do resto de comunidades. Posúe unha ideoloxía centrista cun fondo sentimento galeguista, que trata de representar unha ampla parte da poboación galega.