Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
José Manuel Baltar Blanco, nado en Ourense o 3 de agosto de 1967, é un político galego, militante do PPdeG. É fillo de Xosé Luis Baltar, a quen sucedeu na presidencia da Deputación de Ourense. Está casado con María José Caldelas e ten cinco fillos.Concelleiro no concello de Esgos e presidente da Deputación Provincial de Ourense dende o 6 de febreiro de 2012, e presidente do PPdeG na provincia de Ourense dende o 30 de xaneiro de 2010, cando foi elixido no XV Congreso Provincial. Presidente de Partenalia, asociación europea de gobernos provinciais, integrada por autoridades locais intermedias de países europeos.
Michael Fred Phelps II, nado o 30 de xuño de 1985 en Baltimore (Maryland), é un nadador estadounidense, considerado un dos máis importantes de tódolos tempos. As súas participacións olímpicas en Atenas 2004, Pequín 2008 e Londres 2012 saldáronse cunha colleita de 28 medallas (23 de ouro, 3 de prata e 2 de bronce), o cal converte a Phelps no deportista máis laureado da historia dos Xogos Olímpicos. A súa especialidade era o estilo bolboreta, malia que tamén salientou no estilo crol.
Carmen Amaya Amaya, nada en Barcelona o 2 de novembro de 1918 e finada en Bagur (Xirona) o 19 de novembro de 1963, foi unha bailaora de flamenco. Criouse en Barcelona, nunha das barracas da praia de Somorrostro, un espazo entre as praias de Nova Icària e El Bogatell. Naceu probablemente en 1918, segundo o que se deduce do primeiro documento oficial que se ten da súa idade, o padrón xeral de habitantes da cidade de Barcelona de decembro de 1930.
Hazarajat (en persa: هزارهجات) ou Hazaristán (en persa: هزارستان) é o nome do territorio habitado polo pobo hazara, nas terras altas do centro e sur de Afganistán, entre as montañas Koh-i-Baba e o extremo occidental do Hindu Kush. Os seus límites físicos están marcados por Bamyan no norte, polo río Helmand no sur, Firuzkuh polo oeste e a provincia de Wardak polo leste. Hazarajat é máis unha rexión etnorelixiosa que xeográfica, onde habitan os turco mongois xiítas."Hazarajat está composta polas provincias de Bamyan, Maidan Wardak, Ghazni, Daykundi, Ghor, Urozgan, Parwan, Samangan, Baghlan, Balkh, Badghis, logar, Sar-e Pol e Herat.
O AaB Ishockey é un equipo de hóckey sobre xeo da cidade de Aalborg (Dinamarca). Actualmente xoga na Superisligaen, a máxima categoría do hóckey sobre xeo dinamarqués, competición que gañou nunha ocasión (1981). Xoga os seus partidos como local no Gigantium Isarena, un pavillón con capacidade para 5 000 espectadores.
BDFutbol, (abreviación de Base de Datos del Fútbol) é un sitio web dedicado á recompilación de datos históricos do fútbol español. Fundado en 2008 por Víctor Muñoz (creador tamén de BDBasket), hoxe é posible consultar nel os datos de todas as tempadas de Primeira División desde 1928, Segunda División desde 1944 e Segunda División B desde 1981, ademais da Copa do Rei, entre outros campionatos, e algunhas competicións estranxeiras: Bundesliga (Alemaña, desde 1963); Premier League (Inglaterra, dende 1992); Serie A (Italia, dende 1988) e Ligue 1 ( Francia, dende 1996).A web pódese consultar en español, catalán e inglés.
A loita é un deporte disputado nos Xogos Olímpicos de Verán dende que foi presentado nos Xogos Olímpicos antigos no ano -708. Forma parte do programa dos Xogos modernos dende a primeira edición celebrada en Atenas (Grecia) no ano 1896, e sempre formou parte do programa, agás na edición de 1900 realizada en París (Francia). A competición comezou en 1896 coa modalidade de loita grecorromana, e na edición de 1904 celebrada en Saint Louis (nos Estados Unidos de América) incorporouse a competición de loita libre.
Harry Potter e as reliquias da morte
Este artigo trata sobre o libro; para outros usos véxase a información sobre os filmes e mais os videoxogos.Harry Potter e as reliquias da morte é o nome do sétimo e derradeiro libro da saga de Harry Potter escritos pola británica J. K. Rowling. O título en inglés foi revelado na páxina web oficial da súa autora o 21 de decembro de 2006. Máis tarde, o 1 de febreiro de 2007 anunciouse oficialmente que a data da publicación da edición en inglés do libro será o 21 de xullo de 2007.
Isabel de Borbón e Borbón (de nome completo María Isabel Francisca de Asís Cristina Francisca de Paula Dominga de Borbón e Borbón), coñecida popularmente como La Chata, nada en Madrid o 20 de decembro de 1851 e finada en París o 23 de abril de 1931, filla primoxénita de Isabel II e Francisco de Asís de Borbón, foi infanta de España, princesa de Asturias de 1851 a 1857 e de 1874 a 1880 e condesa de Girgenti por casamento.
O píxel (do inglés picture element, ou sexa, "elemento da imaxe") é a menor unidade na que se descompón unha imaxe dixital, unha fotografía, un fotograma de vídeo ou un gráfico. Ó ampliar fortemente unha imaxe dixital (zoom), por exemplo na pantalla dun ordenador, poden observarse os píxeles que compoñen a imaxe. Os píxeles aparecen como pequenos cadrados en color, en branco ou en negro, ou en matices de gris.
O ámbar gris é unha secreción producida no intestino dos cachalotes.É unha substancia inflamábel de aparecencia cerosa e cor moura ou gris mate, con tonalidades variadas como a mármore. Ten un olor peculiar, doce e terroso, parecido ao do alcohol isopropílico. Trátase dunha substancia resinosa que se forma no intestino dalgúns exemplares, en forma de masas sólidas, opacas.
Karl Heinrich Marx (pronunciado: [kaːɐ̯l ˈhaɪnʀɪç ˈmaːɐ̯ks]), nado en Tréveris o 5 de maio de 1818 e finado en Londres o 14 de marzo de 1883, foi un filósofo, economista, politicólogo, sociólogo, xornalista e socialista revolucionario prusiano. Procedente dunha familia de clase media, estudou economía política e a filosofía hegeliana. Como adulto, Marx volveuse apátrida e pasou a maior parte da súa vida en Londres onde continuou a desenvolver o seu pensamento en colaboración co alemán Friedrich Engels e publicou varias obras, a máis coñecida sendo o panfleto de 1848 O manifesto comunista.
O modelo de competencia perfecta describe unha estrutura de mercado que cumpre cos seguintes supostos: Non hai barreiras á entrada de novas empresas e o saír non implica un custo. Existe información perfecta sobre prezos, bens e insumos. Produto homoxéneo, é dicir, os bens son substitutos perfectos.
O bolero é un ritmo que mestura as raíces españolas coas influencias locais de varios países hispanoamericanos. Xurdiu no Caribe, mais sufriu modificacións, especialmente desenvolvendo temas máis románticos e un ritmo mais devagar. Ten tradición en Cuba, Porto Rico, a República Dominicana, Colombia, Ecuador, México, o Perú, Venezuela, o Uruguai, a Arxentina e o Brasil.
Walter Leland Cronkite, Jr., nado o 4 de novembro de 1916 en St. Joseph, Missouri, e finado o 17 de xullo de 2009 en Nova York, foi un xornalista e presentador de radio e televisión estadounidense principalmente coñecido por presentar o telexornal serán da CBS (CBS Evening News) durante dezanove anos (entre 1962 e 1981).
A certeza é un coñecemento seguro, claro e evidente das cousas. Tamén se define como a firme adhesión da mente a algo coñecible, sen temor a errar, a persuasión completa de que se está en posesión da verdade. Se entendemos só o aspecto psicolóxico, referirmonos ao estado ou situación do espírito con relación a un xuízo que se considera verdadeiro e exclúe todo temor a equivocarse.
A Nintendo Switch (en xaponés: ニンテンドースイッチ; Nintendō Suitchi) é unha videoconsola desenvolvida por Nintendo e lanzada internacionalmente na maioría de rexións do mundo o 3 de marzo de 2017. A consola é unha tableta que pode acoplarse para funcionar como unha consola caseira ou un dispositivo portátil, o que a converte nunha videoconsola híbrida. Os seus controladores sen cable Joy-Con, con botóns estándar e joystick analóxico direccionais, detección de movemento e retroalimentación táctil, pódense conectar a ámbolos dous lados da consola para poder xogar en estilo portátil.
Vexeta (ベジータ, Bejīta) é un personaxe ficticio do manga e anime Dragon Ball Z. O seu nome provén do seu pai, o Rei Vexeta, así como do seu planeta de orixe, o cal recibiu o seu nome trala súa conquista por parte dos Guerreiros do espazo. O nome Vexeta, é unha deformación do inglés Vegetable (ベジタブル, Begitaburu, Vexetal). Dada a súa peculiar personalidade, chea de orgullo e soberbia, viuse inmerso nunha continua disputa con Son Goku.
Leonard Joseph "Chico" Marx, nado en Nova York o 22 de marzo de 1887 e finado en Hollywood o 11 de outubro de 1961, foi un cómico, músico e actor estadounidense. Foi membro dos irmáns Marx (con Groucho, Harpo e Zeppo). A súa personaxe era a dun artista encantador, inculto mais astuto, aparentemente de orixe rural italiana, que levaba roupa cutre e lucía unha perruca de pelo rizado e un sombreiro tirolés.
O lago Baikal (ruso: о́зеро Байка́л, Ózero Baykal; buriato: Байгал нуур, Baigal nuur; mongol: Байгал нуур, Baigal nuur, etimoloxicamente o significado en mongol e "o lago da natureza") é un lago de orixe tectónica localizado no sur da Siberia oriental (Rusia), entre o Óblast de Irkutsk no noroeste e a República dos Buriatos no sueste, preto da cidade de Irkutsk. O seu nome deriva do tártaro Bai-Kul, «lago rico». Na tradición rusa, o lago é chamado «mar», e nas linguas buriata e mongol é chamado «Dalái-Nor», ou «Mar Sagrado».
Melbourne (/ˈmɛlbərn/) é unha cidade australiana, a segunda cidade do país en poboación, despois de Sydney, con aproximadamente 3,6 millóns de habitantes na súa área metropolitana. O centro histórico, a Cidade de Melbourne, ten tan só 69.670 habitantes (segundo datos do censo de 2001). A cidade é a capital e a maior cidade do estado australiano de Victoria.
Un ordenador, tamén chamado computadora ou computador, é unha máquina que realiza cálculos e controla operacións expresadas en termos lóxicos e numéricos. O ordenador é un sistema dixital con tecnoloxía microelectrónica, capaz de procesar datos a partir dun grupo de instrucións denominado programa. A estrutura básica dun ordenador inclúe microprocesador (CPU), memoria e dispositivos de entrada/saída (E/S), xunto ós buses que permiten a comunicación entre eles.
A tempada 2010 do Super 14 (actual Super Rugby) foi a 15ª edición da máxima competición mundial de rugby entre franquías, organizada no hemisferio Sur pola SANZAR, entre equipos de Nova Zelandia, Australia e Suráfrica. Esta edición do torneo contou con 14 equipos, que disputaron unha tempada regular con 13 xornadas, seguida duns playoffs entre os 4 mellores equipos. O campionato foi gañado polos Bulls, o equipo surafricano que acadou así o seu 3º título, vencendo na final ós Stormers.
Rheged (pronunciado en galés: /r̥ɛgɛd/) foi un dos reinos do Hen Ogledd ("Vello Norte"), a rexión britónicofalante no que hoxe é o norte de Inglaterra e o sur de Escocia, durante a alta Idade Media. Descoñecemos cales foron os seus límites exactos, pero seguro que a actual Cumbria no noroeste de Inglaterra canda amplos territorios adxacentes pertencíanlles. Nas fontes históricas Rheged aparece intimamente ligado co rei Urien Rheged e a súa familia.
Os Xogos Ístmicos foron uns Xogos Panhelénicos da Antiga Grecia, chamados así porque se celebraban no istmo de Corinto, en honra de Poseidón. O santuario panhelénico deste deus en Istmia foi acondicionado para lles dar acollida. A excepcional situación xeográfica de Corinto «situada entre dous mares», no estreito istmo que une as dúas partes da Grecia continental, contribuíu ao éxito e á importancia política dos Xogos Ístmicos, con Poseidón e Melicertes como figuras claves.
Tempadas dos Columbus Blue Jackets
Os Columbus Blue Jackets son un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Columbus, Ohio (Estados Unidos). Forman parte da Metropolitan Division da Conferencia Leste, na National Hockey League (NHL). A franquía foi fundade en 1997, aínda que a súa primeira tempada na liga foi a 2000-01.
As fíbulas celtas, tamén chamadas broches penanulares, son tipos de broches fixadores da roupa. Están especialmente asociados co comezo da Alta Idade Media en Irlanda e Britania, malia ter sido atopados noutros tempos e lugares, como por exemplo, formando parte do vestido feminino tradicional en áreas da moderna norte de África. Eran útiles propios da Idade de Ferro e da era romana, e están especialmente asociadas cos broches ornamentados producidos en metal precioso para as elites de Irlanda e Escocia (anos 700-900).
Caná[Cómpre referencia] era unha cidade de Galilea citada algunhas veces polo Evanxeo segundo Xoán como o lugar onde se realizou o primeiro milagre de Xesús de Nazaret, a conversión da auga en viño durante un casamento, feito coñecido coma as vodas de Caná. O Evanxeo de Xoán cita tamén Caná porque aló se atopaba Xesús Cristo cando lle van pedir de sandar ao fillo do funcionario real de Cafarnaúm (4, 46) e coma cidade natal de Natanael, identificado co apóstolo Bertomeu. Algunhas tradicións indican que Caná sería tamén a cidade onde naceu Simón o Celote, outro dos doce apóstolos de Xesús Cristo.
Os escarabeoideos (Scarabaeoidea) son unha superfamilia de escaravellos, que son o único subgrupo da infraorde Scarabaeiformia. Nesta superfamilia clasifícanse unhas 35 000 especies e cada ano descríbense unhas 200 novas especies. As familias que a constitúen están en revisión actualmente e a lista de familias de máis abaixo é só preliminar.
Europeana é un repositorio cultural a nivel europeo.Iniciativa da Unión Europea, é financiada pola European Union’s Connecting Europe Facility e os Estados membros da Unión Europea. Os servizos prestados son operados por un consorcio liderado pola Fundación Europeana baixo un contrato de servizo coa Comisión Europea.A 27 de marzo de 2019 daba acceso a 58 207 042 arquivos dixitalizados —libros, música, material gráfico etc.— de coleccións culturais europeas, dispoñendo de ferramentas de procura propias. As diversas coleccións que compoñen o conxunto tamén teñen de xeito interno galerías multimedia, blogs e exposicións ad hoc.
Saliut 1 (código GRAU 11F715), tamén coñecida como DOS-1 e previamente ao lanzamento como Zarya para logo acabar coa designación Saliut, foi a primeira estación espacial da Historia. Foi lanzada o 19 de abril de 1971 pola extinta Unión Soviética mediante un foguete Proton K desde o cosmódromo de Baikonur.
Cygnus ou Cisne é unha constelación do hemisferio norte que atravesa a Vía Láctea. Dado o patrón das estrelas principais, ás veces é coñecida coma a Cruz do Norte (en contraste coa Cruz do Sur). Contén a Deneb, unha estrela de primeira magnitude e un grupo de seis estrelas que forman a Cruz do Norte.
República Federal Socialista de Iugoslavia
A República Federal Socialista de Iugoslavia (abreviado: RFSI, en croata e esloveno: Socijalistička Federativna Republika Jugoslavija, en serbio e mecedonio: Социјалистичка Федеративна Република Југославија, en albanés: Republika Socialiste Federative e Jugosllavisë, en húngaro: Jugoszláv Szocialista Szövetségi Köztársaság) foi un estado socialista europeo que existiu entre os anos 1963 e 1992, substituíndo na súa creación á República Federal Popular de Iugoslavia. Estaba formada por Eslovenia, Bosnia e Hercegovina, Croacia, Serbia, Macedonia e Montenegro. Foi gobernada ata o ano 1980 por Josip Broz Tito, quen a diferenza doutros países comunistas de Europa, elixiu un camiño independente ao da Unión Soviética, manténdose así distanciado dos países do Bloque do Leste, chegando a criticar as intervencións en Hungría, Checoslovaquia e Afganistán.
Dicionario da Real Academia Galega
O Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) é un dicionario en galego, unicamente dispoñible en formato dixital, producido pola Real Academia Galega e herdeiro do Diccionario da Real Academia Galega. Foi estreado en abril do 2012, cunhas 50.000 entradas, coa pronunciación de todas as palabras. En xuño de 2013 o dicionario actualizouse e acadou as 52.000 entradas, engadíronse os sinónimos e sete criterios de busca, tendo en conta a palabra completa, o comezo, o remate, letras que a conforman, contidos da súa definición, exemplos ou tamén a que grupo de tecnolecto pertence.
Matías Hunyadi ou Matías I Corvino (en húngaro Corvín Mátyás / Hunyadi Mátyás, en romanés Matei/Mateiaş Corvin), nado en Kolozsvár o 23 de febreiro de 1443 e finado en Viena o 6 de abril de 1490, foi rei de Hungría dende 1458 até a súa morte, gañándose os sobrenomes de "sabio", "bo" e "xusto"; tamén rei de Bohemia, en 1469, ademais de gobernar en Silesia, Moravia e Lusacia.
O gas natural é unha mestura de gases encontrado frecuentemente en combustíbeis fósiles, illado ou acompañando ao petróleo. Aínda que a súa composición sexa diferente dependendo da fonte da cal é extraído, é composto principalmente por metano en cantidades que poden superar 90 ou 95%, e outros gases como nitróxeno, etano, CO2 ou restos de butano ou propano.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Unha páxina web é un conxunto de ficheiros cun formato HTML, xunto con outros arquivos que conteñen imaxes, vídeos etcétera, todos eles aloxados nun servidor web público que permite acceder os mesmos en calquera momento. Estes arquivos son presentandos e interpretados no ordenador do usuario que os solicite a través dun navegador web. Xeralmente, están todos organizados dentro dun sitio web, ligados entre eles a través de hiperligazóns.
O príncipe Henrique de Sussex, de nome completo Henry Charles Albert David Windsor e coñecido informalmente como Príncipe Harry, nado en Londres o 15 de setembro de 1984, é o fillo máis novo do rei Carlos III do Reino Unido e Diana, princesa de Gales. É neto da raíña Isabel II e do príncipe Filipe, duque de Edimburgo. Cando naceu ocupaba o terceiro lugar na liña de sucesión ao trono británico, pero despois do nacemento dos seus sobriños, os príncipes Xurxo, Carlota e Lois, fillos do seu irmán Guillerme, ocupa o posto número seis.
Voina i mir (en ruso: Война и мир, antes da reforma ortográfica: Война и миръ; en galego Guerra e paz) é unha novela histórica escrita por Lev Tolstoi e publicada entre 1865 e 1869 no xornal Russkii Vestnik. O libro narra a historia de Rusia na época de Napoleón Bonaparte (principalmente as guerras napoleónicas en Rusia). A riqueza e o realismo dos seus detalles así como as súas numerosas descricións psicolóxicas fan que sexa considerado un dos maiores libros da historia da literatura.Tolstoi desenvolveu no libro unha teoría fatalista da historia, onde o libre arbitrio non tería máis que unha importancia menor e onde todos os acontecementos só obedecerían a un determinismo histórico irrelutábel.
O ámbar birmano, tamén coñecido como burmita ou ámbar de Kachin, é un ámbar procedente do Val de Hukawng no norte de Myanmar (antes Birmania). O ámbar data de hai uns 100 millóns de anos, durante o final do Albiano e o inicio do Cenomaniano, idades pertencentes ao período cretáceo medio. Este ámbar ten un significativo interese paleontolóxico debido á diversidade de flora e fauna que contén como inclusións, especialmente artrópodos, incluíndo insectos e arácnidos, pero tamén aves, lagartos, serpes, ras e restos fragmentarios de dinosauros.
Boyanka Kostova (grupo musical)
Boyanka Kostova, formado en 2016, é un dúo galego de música trap formado por Cibrán García e Chicho (O Chicho do Funk). A banda procede de Santiago de Compostela e pertence ao selo e produtora compostelá La Melona. O seu nome procede da atleta búlgara de halterofilia do mesmo nome e son considerados os pioneiros do trap en galego.Este dúo de músicos son considerados os impulsores do twerking rural e un dos grupos que conseguiron que o trap entrase con forza no panorama musical en galego.
Anne Mae Bullock nada en Nutbush (Tennessee) o 26 de novembro de 1939 e finada o 24 de maio de 2023 en Küsnacht (Suíza), foi unha cantante, escritora, bailarina e actriz estadounidense, máis coñecida como Tina Turner. Cunha carreira que se alongou durante mais de cincuenta anos, foi unha dos principais expoñentes do rock, e foi alcumada da "Raíña do Rock".
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O Partido Galego (PG) é un partido político de centro galeguista de ámbito autonómico, que nace o 12 de decembro de 2020 no concello de Melide coa intención de representar a todas as persoas que se senten galegas e españolas e que consideran que Galicia é unha comunidade autónoma que conta cunha cultura e unha lingua propia diferenciada do resto de comunidades. Posúe unha ideoloxía centrista cun fondo sentimento galeguista, que trata de representar unha ampla parte da poboación galega.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
REC (estilado como [●REC]) é un filme español de terror coescrito e codirixido por Jaume Balagueró e Paco Plaza, que foi estreado no 2007. O filme foi rodado na cidade de Barcelona, e o título é unha abreviatura da palabra "record" que aparece na pantalla da cámara. Balagueró e Plaza dirixiran previamente o documental de 2002 OT: la película.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
A chave ou xogo da chave é un xogo popular galego que consiste en lanzar uns discos redondos e planos, denominados pesos, pellos, pellas ou peletres, sobre unha peza metálica, chamada chave, colocada a certa distancia. Existen moitas modalidades de chave na Galiza con numerosos equipos e varias ligas asociadas a cada modalidade. Entre elas: A liga da Coruña, organizada na Federación Galega de Chave dependente da Xunta de Galicia.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.