Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Sir Charles Spencer "Charlie" Chaplin, nado en Walworth (Londres, Inglaterra) o 16 de abril de 1889 e finado en Corsier-sur-Vevey (Suíza) o 25 de decembro de 1977, foi un actor, director de cine e compositor inglés que acadou a fama na era do cine mudo. Converteuse nunha icona mundial a través da súa personaxe "Charlot" (The Tramp en inglés, "O vagabundo"), e é considerado unha das figuras máis importantes da historia da industria do cine. A súa carreira abrangue máis de 75 anos, dende a súa nenez na época vitoriana ata un ano antes da súa morte ós 88 anos.
International Standard Name Identifier
O International Standard Name Identifier ou ISNI é unha base de datos que xestiona un método para identificar de forma unívoca as persoas que colaboran con contidos nos medios de comunicación, como libros, programas de televisión, artigos de xornais ou revistas, etc. Este identificador consiste en dezaseis cifras divididas en cadanseu bloque de catro. Exemplo: o número ISNI de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é 0000 0001 0856 5397.
O prólogo (etim. do grego "prol": antes e "logos": discurso), é o escrito breve, situado ao principio dunha obra extensa, entre os documentos chamados preliminares, e serve a un escritor para xustificar o habela composto e ao lector para orientarse na lectura. Posúe, ademais, outros labores: Facer crítica literaria sobre o autor.
O new age é un xénero musical destinado a crear inspiración artística, relaxación e optimismo. Os oíntes utilízano para ioga, masaxes, meditación e lectura como un método de manexo do estrés para provocar un estado de éxtase en lugar de transo, ou para crear unha atmosfera tranquila en fogares e outros ambientes. Ás veces asociase co ecoloxismo e a espiritualidade new age; porén, moitos dos seus artistas non teñen nada que ver coa "espiritualidade new age", e algúns incluso rexeitan o termo.
AllMusic (anteriormente coñecido como All Music Guide ou AMG) é un sitio web propiedade da empresa RhythmOne dende abril de 2015, que está concibido como un servizo de guía musical para usuarios, fans e membros da industria musical. O seu creador foi Michael Erlewine e comezou a funcionar en 1991, aínda que a base de datos non estivo dispoñible en Internet ata 1994. Só está dispoñíbel en lingua inglesa.
O bengalí é unha lingua indoeuropea falada polo pobo bengalí que habita en Bangladesh e no estado indio veciño de Bengala Occidental. Hai tamén comunidades significativas de falantes de bengalí en Assam (outro estado indio tamén veciño a Bengala Occidental e Bangladesh), alén de poboacións inmigrantes no Occidente e no Oriente Medio. En bengalí a lingua chámase bangla (বাঙলা).
Discogs, abreviatura de discografías, é unha páxina web e unha base de datos colaborativa que recolle información sobre gravacións de son, entre as que se inclúe gravacións comerciais, promocionais e gravacións non comerciais. Os servidores de Discogs, aloxados baixo o dominio discogs.com, son propiedade de Zink Media, Inc., e atópanse en Portland, Oregón, nos Estados Unidos. Aínda que a páxina contén listas musicais de tódolos xéneros e en tódolos formatos, é especialmente coñecida por ser a meirande base de datos de música electrónica e polas súas gravacións en discos de vinilo.
Nova Deli (en hindi: नई दिल्ली, Nai Dilli) é desde 1931 a capital da República da India, antes diso a capital era Delhi, e sede dos poderes executivo, lexislativo e xudicial do Goberno da India. Está situada na metrópoles de Delhi e é un dos seus nove distritos. A cidade foi planeada e construída como a cidade capital e foi chamada así cando os gobernantes ingleses mudaron a capital da India británica a esta cidade en 1911 desde Calcuta.
Este artigo trata sobre a Administración Nacional para a Aeronáutica e o Espazo, para a arte de pesca véxase nasa. A National Aeronautics and Space Administration (NASA, "Administración Nacional para a Aeronáutica e o Espazo") é a axencia do goberno norteamericano responsable do programa espacial dos Estados Unidos de América e a súa investigación aeroespacial xeral a longo termo. Establecida no 1958, é unha organización civil que dirixe e supervisa a investigación civil e militar nos sistemas aeroespaciais.
Plasmodium falciparum é unha especie de protozoos parasitos causante da malaria ou paludismo en humanos, xunto con outras especies do xénero Plasmodium. Transmíteo a femia do mosquito do xénero Anopheles. A malaria causada por esta especie (tamén chamada malaria maligna ou falciparum) é a forma máis perigosa de malaria, e coas maiores taxas de complicacións e mortalidade.
PNG (Portable Network Graphics) é un formato gráfico baseado nun algoritmo de compresión sen perda para bitmaps non suxeito a patentes. Este formato foi desenvolvido en boa parte para liquidar as deficiencias do formato GIF e permite almacenar imaxes cunha maior profundidade de cor e outros importantes datos. Soporta unha paleta de cores de 16 bits, varios niveis de transparencia e emprega compresión sen perda mediante o formato ZIP. É un estándar recomendado polo W3C e recoñecido como estándar ISO (ISO/IEC 15948:2003).
Internet Broadway Database (IBDB) (en galego: A base de datos de Broadway en Internet) é unha base de datos en liña de producións de Broadway e do seu persoal. Opera a través do Departamento de investigación de The Broadway League, unha asociación comercial norteamericana de teatro comercial.A IBDB achega rexistros de producións dende o inicio do teatro en Nova York no século XVIII até o presente. Nel, detállanse as persoas implicadas, feitos interesantes e estatísticas.Foi concibida por Karen Hauser, xefa do Departamento de Investigación da Liga de Teatros americanos e Produtores (agora chamado "The Broadway League").
Cristiano Ronaldo dos Santos Aveiro, OIH, nado en Funchal (Madeira) o 5 de febreiro de 1985, máis coñecido como Cristiano Ronaldo (AFI: kɾɨʃˈtiɐnu ʁuˈnaɫdu), é un futbolista portugués. Xoga como extremo e actualmente non milita en ningún equipo, xa que en novembro deixóu de mutuo acordo o club no que se encontraba, o Manchester United da Premier League inglesa. É considerado un dos mellores futbolistas do mundo e un dos deportistas máis seguido polos medios de comunicación da actualidade.
Un CD (das siglas inglesas de Compact Disc) ou disco compacto é un soporte dixital óptico para todo tipo de datos (son, vídeo, documentos etc). Foi creado en 1980 por Sony e Philips e comercializado a partir de 1982 deica hoxe. Nos días de hoxe, tecnoloxías sucesoras como o DVD poden desprazar ou minimizar esta forma de almacenamento; o DVD tamén é un almacenamento óptico.
Os videoxogos de plataformas son un xénero de videoxogos que se caracterizan por ter que camiñar, correr, saltar ou escalar sobre unha serie de plataformas e cantís, con inimigos, mentres se recollen obxectos para poder completar o xogo. Este tipo de videoxogos adoitan usar vistas de desprazamento horizontal cara á esquerda ou cara á dereita. É un xénero moi popular de videoxogos, xurdido a comezo da década de 1980 e que segue mantendo bastante popularidade na actualidade.
"Beat It" é un sinxelo escrito e interpretado polo artista estadounidense Michael Jackson e producido por Quincy Jones (con coprodución de Jackson). É o terceiro sinxelo do seu sexto álbum en solitario, Thriller (1982). Eddie Van Halen executa o solo de guitarra, mais o seu selo discográfico impediulle aparecer no vídeo musical.
Mestrado en administración de negocios
Un mestrado en administración de negocios, máster en administración de negocios, abreviado MBA (Master of Business Administrations en inglés), é un título académico de mestrado, e polo tanto de posgrao, en negocios.
O illamento topográfico dun cume é a distancia mínima do gran círculo até un punto de altitude igual, o que representa un radio de dominancia no que o cume é o punto máis alto. Pódese calcular para pequenos outeiros e illas, así como para os principais picos das montañas, e mesmo se pode calcular para os cumes submarinos.
Os estudios de gravación Abbey Road Studios (chamados EMI Studios ata 1970) están situados na rúa londiniense de Abbey Road. O grupo The Beatles gravou case a totalidade da súa discografía neles e para a portada do álbum Abbey Road decidiron tomar unha fotografía da agrupación mentres cruzaba o paso de peóns situado diante dos estudios. Esta imaxe foi e segue a ser unha das imaxes máis emblemáticas de portadas de álbums.
A música hip hop, tamén coñecida como música rap e anteriormente coñecida como disco rap, é un xénero de música popular orixinado no Bronx, barrio da cidade de Nova York a principios da década de 1970 por afroamericanos, aínda que existiu durante anos antes do descubrimento convencional. Consiste en música rítmica estilizada que, normalmente, acompaña ao rap, un discurso rítmico e rimado que se canta. Desenvolveuse como parte da cultura hip hop, unha subcultura definida por catro elementos estilísticos clave: MC/rapping, DJ/scratching, breakance e a arte graffiti.
Un ácido aldónico é un azucre ácido orixinado pola oxidación do grupo aldehido dunha aldosa, que se transforma nun grupo carboxilo (COOH) . A súa fórmula química xeral é HOOC-(CHOH)n-CH2OH. Os ácidos aldónicos adoitan prepararse por oxidación do azucre con bromo. Xeralmente encóntranse en forma de lactona, manténdose o anel esencialmente coa mesma estrutura cíclica do grupo hemiacetal que presentaba no azucre orixinal.
Stanley Martin Lieber, máis coñecido como Stan Lee, nado en Nova York o 28 de decembro de 1922 e finado o 12 de novembro de 2018, foi un escritor e editor estadounidense. Xunto con outros artistas co-creadores, especialmente Jack Kirby e Steve Ditko, introduciu complexos e naturais caracteres nos superheroes de cómic. O seu éxito posibilitou o cambio de Marvel Comics dunha pequena editorial a unha multinacional.
Winnie-the-Pooh, é un personaxe de ficción (un osiño amarelo) creado por A.A. Milne. A primeira colección de contos apareceu no 1926 titulada simplemente Winnie-the-Pooh e seguiu con The House at Pooh Corner (1928). Milne tamén fixo algúns poemas sobre este personaxe incluídos na obra When We Were Very Young (Cando eramos moi novos) (1924) e en Now We Are Six (Agora somos seis) (1927).
The Legend of Zelda: The Wind Waker
The Legend of Zelda: The Wind Waker (ゼルダの伝説 風のタクト - Zeruda no Densetsu Kaze no Takuto, literalmente "A Lenda de Zelda: a batuta do vento"), é un xogo de acción-aventura, décima entrega da serie The Legend of Zelda. Foi editado para a Nintendo GameCube no Xapón o 13 de decembro de 2002, en Norteamérica o 24 de marzo de 2003, en Europa o 3 de maio de 2003 e en Australia o 7 de maio de 2003. The Legend of Zelda: Phantom Hourglass para a Nintendo DS é a secuela directa de The Wind Waker.
Un bug ou erro de software é un erro, problema, falta ou fallo nun programa informático que lle impide funcionar correctamente ou produce un resultado incorrecto. Os bugs suceden por erros producidos ben cando se escribe o programa informático, ou ben cando se interconectan varios deles dun xeito incorrecto, posiblemente debido a un fallo no deseño software, por exemplo na arquitectura software. Asúmese que todo programa informático contén erros, mais canto mellor escritos (técnicas de programacion) estean os programas (normalmente despois dunha serie de correccións e probas), menos bugs terán por liña de código, o que fará que tales programas que sexan suficientemente estables e se poidan utilizar nas tarefas para as que foron deseñados.
VRML (Virtual Reality Modeling Language) é unha linguaxe para o desenvolvemento de aplicacións de realidade virtual, deseñado para o seu emprego na World Wide Web. VRML é un formato de ficheiro de texto no que se especifican os vértices e as arestas de cada polígono tridimensional. VRML é a base sobre a que se desenvolveu X3D, que a substituíu, o que non provocou a desaparición de VRML, que aínda é amplamente usada.
Despacito é unha canción do cantante e compositor puertorriqueño Luis Fonsi en colaboración con Daddy Yankee, foi publicada o 12 de xaneiro de 2017 na discográfica Universal Music Latino. Foi escrita por Fonsi, Erika Ender, Gabriel García e Daddy Yankee, con produción de Andrés Torres e Mauricio Rengifo (Dandee).
Wish You Were Here é o noveno álbum de estudio da banda británica de rock progresivo Pink Floyd, publicado en setembro de 1975 e inspirado no material que compuxeron durante a súa xira europea de 1974 e que gravaron nos Abbey Road Studios de Londres. A temática do álbum explora a ausencia, a industria musical e os problemas mentais do anterior membro da banda Syd Barrett. As sesións de gravación foron arduas e complicadas, en parte pola idea de Roger Waters de dividir a canción "Shine On You Crazy Diamond", para despois unir cada metade con tres novas composicións.
Tribunal Supremo dos Estados Unidos de América
O Tribunal Supremo dos Estados Unidos (en inglés, Supreme Court of the United States), é o tribunal máis alto existente nos Estados Unidos de América. Como tal, o Tribunal é a cabeza do Poder Xudicial dos Estados Unidos. O Tribunal está formado por un Xuíz Presidente (Chief Justice) e oito Xuíces Asociados (Associate Justices), que son nomeados polo presidente dos Estados Unidos e confirmados co "consello e consentimento" do Senado dos Estados Unidos.
En xeometría, o diámetro é calquera segmento recto interior dunha circunferencia que pasa polo seu centro, con punto de inicio e de fin na circunferencia. Os diámetros coas cordas máis longas do círculo e o seu valor equivale ao de dous raios. A circunferencia é, ademais, o seu arco capaz para un ángulo recto.
A Wikipedia en noruegués é a versión da enciclopedia libre Wikipedia en lingua norueguesa. Conta con dúas edicións: unha para o noruegués bokmål e outra para o nynorsk. A primeira páxina comezou o 26 de novembro de 2001, e orixinalmente acollía artigos escritos en calquera das dúas versións da lingua.
Hypertext Transfer Protocol Secure
Hypertext Transfer Protocol Secure, que en galego sería Protocolo seguro de transferencia de hipertexto, máis coñecido polas súas siglas HTTPS, é un protocolo de aplicación baseado no protocolo HTTP, destinado á transferencia segura de datos de hipertexto, é dicir, é a versión segura de HTTP. É utilizado principalmente por entidades bancarias, tendas en liña, e calquera tipo de servizo que requira o envío de datos persoais ou contrasinais.
Fidelio oder die eheliche Liebe (en galego Fidelio ou o amor conxugal) é unha ópera en 2 actos con música de Ludwig van Beethoven e libreto en alemán de Joseph Ferdinand Sonnleithner baseado no libreto anterior en francés de Jean-Nicolas Bouilly que fora empregado en 1798 para a ópera Léonore, ou L’amour conjugal de Pierre Gaveaux e en 1804 para a ópera Leonora de Ferdinando Paer (Beethoven tiña a partitura desta). A súa estrea tivo lugar no Theater an der Wien de Viena o 20 de novembro de 1805.
Kanye Omari West, nado o 8 de xuño de 1977 en Atlanta, é un produtor musical e rapeiro estadounidense. O seu primeiro álbum foi The College Dropout en 2004, seguíronlle Late Registration en 2005, Graduation en 2007 e 808s & Heartbreak en 2008. Todos eles recibiron premios, logrou doce Premios Grammy, recoñecemento da crítica e todos eles constituíron grandes éxitos comerciais.
JSON, acrónimo de JavaScript Object Notation, é un formato lixeiro para o intercambio de datos. JSON é un subconxunto da notación literal de obxectos de JavaScript que non require o uso de XML. A simplicidade de JSON deu lugar á xeneralización do seu uso, especialmente como alternativa a XML en AJAX. Unha das supostas vantaxes de JSON sobre XML como formato de intercambio de datos neste contexto é que é moito máis sinxelo escribir un analizador sintáctico (parser) de JSON. En JavaScript, un texto JSON pódese analizar facilmente usando o procedemento eval(), o cal foi fundamental para que JSON fose aceptado por parte da comunidade de desenvolvedores AJAX, debido á ubicuidade de JavaScript en case calquera navegador web. Na práctica, os argumentos a favor da facilidade de desenvolvemento de analizadores ou do rendemento dos mesmos son pouco relevantes, debido ás cuestións de seguridade que expón o uso de eval() e o auxe do procesamento nativo de XML incorporado nos navegadores modernos.
A comuna é a división administrativa de menor nivel en Francia. A palabra francesa commune apareceu no século XII, da verba pertencente ao latín medieval communia, cuxo significado se refire ao pequeno conxunto de xente que comparte unha vida común, do latín communis, cousas en común. As comunas francesas son aproximadamente equivalentes ao concello galego.
Lewis Allen Reed, nado en Freeport (Long Island, Nova York) o 2 de marzo de 1942 e finado o 27 de outubro de 2013, foi un cantante de rock e escritor estadounidense, máis coñecido como Lou Reed. Está considerado o pai do rock independente, primeiro como líder do grupo The Velvet Underground e logo en solitario. Enormemente influente na arte pop desde a década de 1960, os seus principais discos son Rock'n Roll Animal, Transformer e, para un primeiro acercamento, o soberbio concerto que ofreceu no Meltdown Festival: Perfect Night Live in London.
A Galería Nacional de Arte (en inglés: National Gallery of Art ou NGA) é un museo de arte, que se atopa no National Mall de Washington, D.C. O museo fundouse en 1937 por unha acta do Congreso dos Estados Unidos, con fondos para a construción e unha substanciosa colección de arte de Andrew W. Mellon. Samuel H. Kress contribuíu á colección orixinal de arte italiana. Fito clave nos comezos do museo foi a compra dun lote de cadros do Ermitage, que o goberno soviético accedeu a vender para obter divisas.
The Dark Side of the Moon é o oitavo álbum da banda inglesa de rock progresivo Pink Floyd, publicado o 1 de marzo de 1973. Baseouse nas ideas exploradas en anteriores gravacións e en concertos, pero carece das extensas excursións instrumentais que caracterizaban aos seus traballos tras a saída en 1968 de Syd Barrett. Os temas de The Dark Side of the Moon inclúen conflito, cobiza, paso do tempo e enfermidade mental, este último inspirado parcialmente na deterioración do estado mental de Barrett.
The Cure é unha banda de post-punk inglesa, liderada por Robert Smith, que comezou a súa carreira a no ano 1976 en Crawley, West Sussex. Smith vén sendo o único membro permanente da banda dende a súa fundación. O seu primeiro álbum foi Three Imaginary Boys, editado en 1979, e colocou á banda nos movementos post-punk e New Wave que surxiran a raíz da revolución punk rock no Reino Unido.
A psicose é un termo xenérico empregado en psiquiatría e psicanálise para referirse a un estado mental descrito como unha escisión ou perda de contacto coa realidade. As persoas que experimentan psicoses poden presentar alucinacións ou delirios e poden exhibir cambios na súa personalidade e pensamento desorganizado. Estes síntomas poden ser acompañados por un comportamento infrecuente ou estraño, así como por dificultade para interactuar socialmente e incapacidade para levar a cabo actividades da vida diaria.
O quechua, tamén coñecido como runa simi ("lingua da xente"), é unha familia de linguas indíxenas faladas polo pobo quechua, o cal habita principalmente nos Andes do Perú. Derivada dunha lingua ancestral común, é a familia de linguas precolombianas máis falada das Américas, cun estimado de 8-10 millóns de falantes en 2004. Aproximadamente o 25% (7,7 millóns) dos peruanos falan unha lingua quechua.
Mon oncle Antoine é un filme canadense de 1971 dirixido por Claude Jutra. Foi escollido como candidato do Canadá para o Óscar ó mellor filme internacional na 44ª edición dos premios, mais finalmente non foi nomeado. O filme de Jutra e unha ollada ás condicións de vida da sociedade agraria, conservadora e clerical do Quebec, así como os cambios que transformaron a provincia despois dunha década.
Venecia (en italiano: Venezia, en véneto: Venexia) é unha cidade e comuna italiana, capital da rexión do Véneto e da provincia de Venecia, situada no nordeste da península itálica. A cidade, con 270.516 habitantes (a 31 de xullo de 2010), é coñecida pola súa historia, canais, museos e monumentos, así como pola súa industria. Xunto con Padua, forma a área metropolitana de Padua-Venecia cunha poboación de 1.600.000 habitantes.
Unha multa (do latín multa, ae) ou pena pecuniaria é a imposición administrativa ou penal que consiste nun pagamento en cartos, por veces expresada en días de sanción (cando o seu pagamento redime a reclusión polo número correspondente de días). Denomínase multa coercitiva á que se reitera en prazos determinados se non se paga. Unha vez resolto o acto administrativo que establece unha obriga persoal fronte ao incuprimento por parte da persoa obrigada, a administración pode tomar diversas medidas: execución subsidiaria, multa coercitiva, compulsión sobre as persoas, e a máis xeral e empregada: o constrinximento sobre o patrimonio.
O Equipo Crónica ou Crónicas de la realidad foi un grupo de pintores españois que estivo activo entre 1963 e 1981, data esta última na que finou Rafael Solbes. Foi fundado por Manolo Valdés, Rafael Solbes e Juan Antonio Toledo, se ben este último desligouse pronto do grupo. O Equipo Crónica afastouse da arte informal para cultivar unha pintura figurativa dentro da tendencia Pop art.
A das linguas álxicas é unha familia de linguas indíxenas de América do Norte. A maioría delas pertencen á subfamilia das linguas algonquinas, que se falaban desde as Montañas Rochosas até Nova Inglaterra á chegada dos europeos á rexión. Outras linguas álxicas son o yurok e wiyot, do noroeste de California.
Alma máter é unha locución latina que significa literalmente "nai nutricia" (que alimenta) e que se emprega para referirse metaforicamente a unha universidade, aludindo á súa función provedora de alimento intelectual, xeralmente para referirse ao sitio onde determinada persoa cursa ou cursou os seus estudos universitarios. A locución era empregada na Antiga Roma para describir á deusa nai e, máis tarde, á Virxe María, pero a orixe do seu uso actual é o lema Alma Mater Studiorum («nai nutricia dos estudos») da universidade máis antiga do mundo occidental en funcionamento ininterrompido: a Universidade de Boloña, fundada en 1088. A locución pasou a moitas linguas modernas co significado de academia no sentido de comunidade científica.
Sherlock Holmes Baffled (literalmente, Sherlock Holmes perplexo) é unha curtametraxe estadounidense de cine mudo en branco e negro dirixido por Arthur Marvin en 1900 e estreada oficialmente en 1903. É a primeira adaptación cinematográfica coñecida do detective Sherlock Holmes, creado polo escritor británico Arthur Conan Doyle. A inclusión da personaxe de Holmes fai que a obra sexa tamén o primeio filme de misterio coñecido.
The O'Jays é un grupo estadounidense de R&B formado en Canton, Ohio en 1958. Orixinalmente estaba composto por Eddie Levert (nado o 16 de xuño de 1942), Walter Williams (nado o 25 de agosto de 1943), William Powell (20 de xaneiro de 1942 - 26 de maio de 1977), Bobby Massey e Bill Isles. The O'Jays fixo a súa primeira aparición nas listas musicais con "Lonely Drifter" en 1963, pero acadou o seu maior éxito con Gamble & Huff, un equipo de produtores e cantautores, asinando con Philadelphia International en 1972.
Wolfenstein 3D é un videoxogo shooter en primeira persoa desenvolvido por id Software e publicado por Apogee Software e FormGen. Publicado orixinalmente o 5 de maio de 1992 para MS-DOS, estivo inspirado polo videoxogo de 1981 Castle Wolfenstein de Muse Software. En Wolfenstein 3D o xogador toma o papel dun espía alidado William "B.J." Blazkowicz durante a segunda guerra mundial mentres escapa da prisión nazi do Castelo Wolfenstein e leva a cabo unha serie de misións contra os nazis.
A lingua galesa ou galés (Cymraeg ou y Gymraeg en galés, pronunciado /kəmˈrɑːɨɡ/, /ə ɡəmˈrɑːɨɡ/), é a lingua falada polo pobo galés, que é membro da póla britónica das linguas célticas falada en Gales (Cymru), en Inglaterra, nalgúns sitios preto da fronteira galesa, e na colonia de inmigrantes galeses no val de Chubut, na Patagonia arxentina. Hai tamén falantes de galés ao redor do mundo, especialmente no resto da Gran Bretaña, os Estados Unidos, o Canadá, a Arxentina e Australia. Debido ao crecente uso do inglés, o número de falantes de galés ten ido descendendo desde hai décadas.
Twentieth Century Studios, tamén coñecida como 20th Century Studios (anteriormente coñecida por 20th Century Fox, 20th Century Fox Pictures ou simplemente FOX), é un dos seis maiores estudios de cinema estadounidenses. Localízase en Century City, na cidade dos Ánxeles, e, desde o 2019, o estudio é unha filial da compañía The Walt Disney Company. A compañía foi fundada o 31 de maio de 1935 como resultado da fusión entre a Fox Film Corporation, fundada por William Fox en 1915, e a Twentieth Century Pictures, fundada en 1933 por Darryl F. Zanuck, Joseph M. Schenck e William Goetz.
Westworld é un filme estadounidense de ciencia ficción escrito e dirixido por Michael Crichton, o cal se estreou en 1973. O filme tivo unha secuela, Mundo futuro (estreada en galego o 21 de setembro de 1995 a través da TVG) e unha miniserie de televisión Beyond Westworld. En 2016, HBO estreou unha serie de televisión homónima baseada na trama do filme orixinal.
A obesidade (do latín obesitāte) é unha condición médica producida pola acumulación excesiva de graxa no organismo. Isto pode provocar efectos adversos na saúde, como a redución da esperanza de vida e o aumento de problemas derivados. Unha persoa é considerada obesa cando o seu índice de masa corporal (IMC), un indicador que se obtén ó dividir o peso da persoa en quilos entre o cadrado da altura en metros, excede 30 os kg/m2.
O rebentabois (Amanita muscaria ), tamén chamado brincabois ou amanita pinta, é un cogomelo tóxico, pertencente á orde Agaricales, frecuente en Galicia e en toda Europa, e caracterizado polo seu sombreiro de cor vermella ou alaranxada salpicado de numerosas pintas brancas. Tamén se coñece como brincabois, obedecendo estes nomes comúns á suposta toxicidade sobre o gando que o poida comer: Fungo pintarraxado, atola as moscas e mais o gado . Coñécese en castelán como falsa oronja ou matamoscas; en catalán: reig bord, reig de fageda, reig tinyós ou reig vermell; en vasco: kuleto paltsoa ou kuleto falsoa.
Kermit the Frog (coñecida coma a Ra Gustavo en Galicia, pola versión castelá dos programas Sesame Street (Barrio Sésamo) e The Muppet Show (Los Teleñecos) emitidos nos anos oitenta do século XX) é un personaxe ficticio ideado polo creador de monicreques e produtor de televisión Jim Henson en 1955. Kermit é o personaxe central e presentador do show británico-americano The Muppet Show e tamén conta con aparicións frecuentes en Sesame Street.
Unha tarxeta gráfica é o compoñente físico do ordenador encargado de converter a información dixital (sinais eléctricos) que lle chega dende o microprocesador en información comprensible e representable pola pantalla do ordenador, para que poida ser vista polo usuario. Conéctase xeralmente a algunha das rañuras de expansión (segundo a época de fabricación; ISA, VLB, PCI, AGP, PCI EXPRESS...), aínda que tamén pode ir integrada na placa base. As tarxetas gráficas non son dominio exclusivo dos PCs; tamén as incluían dispositivos como os Commodore Amiga (conectadas mediante os slots Zorro II e Zorro III), Apple II, Apple Macintosh, Spectravideo SVI-328, equipos MSX e, por suposto, as videoconsolas.
Federación Internacional da Industria Fonográfica
Federación Internacional da Industria Fonográfica (IFPI, do inglés International Federation of the Phonographic Industry) é a organización que representa os intereses da industria da gravación por todo o mundo. É unha organización sen animos de lucro por parte dos seus membros rexistrada en Suíza. A súa secretaría está situada en Londres, Reino Unido.
Perseo Περσεύς, o lendario fundador de Micenas e da dinastía micénica dos Aqueos, foi o primeiro dos heroes da mitoloxía grega cuxas fazañas na derrota de varios monstros deron pé á creación dos mitos dos deuses olímpicos. Perseo decapitou a gorgona Medusa, e salvou a Andrómeda do monstro mariño Ceto.
Istituto Centrale per il Catalogo Unico
O Instituto central polo catálogo único das bibliotecas italianas e pola información bibliográfica ou ICCU (en italiano: Istituto centrale per il catalogo unico delle biblioteche italiane e per le informazioni bibliografiche) é un organismo público de Italia que ten o obxectivo principal de coordinar, promover e xestionar o catálogo e a rede do Servizo Bibliotecario Nacional (SBN). Tamén é o responsábel técnico e científico en temas de dereitos de autor do Ministerio de Cultura de Italia. O ICCU foi creado en 1975 para substituír o anterior Centro nazionale per il catalogo unico, que fora creado no ano 1951 para catalogar o patrimonio bibliográfico do país.
Simone Lucie Ernestine Marie Bertrand de Beauvoir máis coñecida coma Simone de Beauvoir, nada en París o 9 de xaneiro de 1908 e finada na mesma cidade o 14 de abril de 1986, foi unha novelista francesa, filósofa existencialista e feminista figura importante na reivindicación dos dereitos da muller. Escribiu novelas, ensaios, biografías e monográficos sobre temas políticos, sociais e filosóficos. O seu pensamento enmárcase dentro do existencialismo e obras como O segundo sexo son elementos fundacionais do feminismo.
A era paleozoica ou primaria, tamén chamada paleozoico (do grego παλαιός palaiós, 'vello', 'antigo', e ζωη zoē, 'vida'; é dicir: 'era da vida antiga') é a primeira das tres na que se divide o eón Fanerozoico (ou 'era da vida visíbel —do grego φανερός phanerós, 'visíbel', 'que está á vista'—). Abarca dende comezos do Cámbrico (hai aproximadamente 542 millóns de anos) ata o final do Permiano (hai aproximadamente 251 millóns de anos).
Unha estación de autobuses, tamén denominada terminal de autobuses, é unha estrutura de correspondencia entre varias liñas de transporte público que circulan por estradas (autobuses ou trolebuses), na que se verifican as saídas de vehículos a diferentes cidades ou vilas, así como as entradas doutros procedentes dos mesmos lugares. Poden implicar redes de diferentes tamaños, e así, poden ser urbanas/suburbanas, rexionais, interrexionais ou incluso internacionais. Cando proporcionan unha correspondencia cun modo de transporte público diferente (ferrocarril, metro, tranvía), cualifícase como estación intermodal.
Na tradición artística do século XX, un deseñador gráfico é o profesional contratado para preparar a imaxe corporativa dunha empresa ou dun produto visual (anuncio, programa televisivo). Nunha acepción máis actualizada debido ó auxe da informática, é a persoa encargada de manter a aparencia dun sistema (p.ex., un sitio web) dun xeito determinado, que normalmente inclúe o obxectivo de xeración de interese a través da visualización mesma e a facilidade de uso a través da estética.