Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
O nome é a designación ou denominación verbal (as denominacións non verbais son estudadas pola iconoloxía e a iconografía) que se lle dá a unha persoa, animal, cousa, ou concepto tanxible ou intanxible, concreto ou abstracto, para distinguilo doutros. Como signo, en xeral é estudado pola semiótica, e como signo nunha contorna social, pola semioloxía.
Unha persoa docente é aquela que se adica ao proceso de aprendizaxe e ensino. Adoitan ter recoñecida unha destreza notábel nunha determinada área do saber, con capacidade de ensinar e compartir os seus coñecementos con outras persoas, denominadas discípulos, aprendices, ou simplemente alumnos. O profesorado que se encarga da educación formal e institucionalizada das etapas de Educación Infantil, Primaria ou Especial en escolas ou colexios adoitan ser chamados mestres e mestras.
A Bolsa de Viena (Wiener Börse) é a bolsa de valores de Viena, a maior de Austria e unha das principais de Europa. Foi unha das primeiras bolsas en fundarse: estableceuse en 1771 durante o reinado de María Tareixa de Austria para fornecer un mercado para a negociación de títulos emitidos polo Estado. O índice bolsista máis importante da Bolsa de Viena é o Austrian Traded Index (ATX).
O dato é unha representación simbólica, numérica, alfabética, algorítmica, entre outros, un atributo ou característica dunha entidade.[Cómpre referencia] Os datos describen feitos empíricos, sucesos e entidades. Os datos illadamente poden non conter información humanamente relevante. Só cando un conxunto de datos examínase conxuntamente á luz dun enfoque, hipótese ou teoría pódese apreciar a información contida en devanditos datos.
A natación é a actividade física do home e doutros animais que consiste en se desprazar na auga ou outro líquido, xeralmente con fins recreativos, deportivos, de exercicio ou de supervivencia, por medio de movementos dos brazos e pernas, polo xeral sen ningún instrumento artificial. É un deporte aeróbico, xa que nel se moven de forma coordinada tódolos grupos musculares e está comprobado que serve para mellora-la resistencia física.[Cómpre referencia]Actualmente a natación é sobre todo unha práctica recreativa e un deporte, e nalgúns países as leccións de natación son unha parte obrigatoria do currículo educativo. Como un deporte formal, a natación ten competencias locais, nacionais e internacionais.
Darth Vader é un personaxe de ficción e o antagonista principal da triloxía orixinal d'A guerra das galaxias (Star Wars). Anteriormente, Vader foi Anakin Skywalker, un lendario Cabaleiro Jedi. A primeira triloxía segue a Anakin no seu xurdimento heroico e a súa tráxica caída ao lado escuro da Forza, converténdoo en Vader.
Cars Martini é unha empresa francesa construtora de coches de Fórmula, fundada por Renato "Tico" Martini en 1965, cando Martini e o seu socio Bill Knight fundaron o Winfield Racing School no Circuíto de Nevers Magny-Cours. O primeiro coche de Martini foi o MW3, un coche de Fórmula 3 construído en 1968. Aínda que máis coñecido polos seus exitosos esforzos en Fórmula 3, Fórmula Renault e outras fórmulas máis baixas durante os anos 1970 e 1980, tamén se lles coñece por participar nas oito carreiras da tempada de Fórmula Un de 1978 co chasis MK23, o que proporciona René Arnoux (máis tarde, piloto de Renault e Ferrari), o seu debut na Fórmula 1.
MS-DOS (Microsoft Disk Operating System, Sistema operativo de disco Microsoft), foi o primeiro sistema operativo para o PC IBM. Foi lanzado co IBM PC en 1981 e tivo oito versións principais antes de que Microsoft detivese o seu desenvolvemento en 2000. Foi o produto clave na conversión de Microsoft dende unha compañía de linguaxe de programación ata unha firma de desenvolvemento de software.
Extrema esquerda ou esquerda revolucionaria son termos utilizados en política para describir movementos, partidos políticos e gobernos que promoven e sosteñen certas posicións de esquerda. A extrema esquerda promove o igualitarismo pleno e oponse a un sistema económico, social ou político estratificado. O termo úsase frecuentemente para dar a entender que unha persoa ten unha posición política extrema moi cara á a esquerda, en ocasións, fóra do marco institucional.
Novo México é un dos 50 Estados dos Estados Unidos de América. Limita ao norte co Colorado, ao leste co Oklahoma e Texas, ao sur con Texas e México, e ao oeste co Arizona. Novo México posúe a maior porcentaxe de hispanos do país: o 42,1% posúe orixe hispánica, sendo os dous maiores grupos étnicos - españois, que forman 24% da poboación do Estado, e mexicanos, 18%.
Katano (交野市, かたのし, Katano-shi) é un concello xaponés da prefectura de Osaca. Está situado ó suroeste da prefectura, na zona norte da provincia histórica de Kawachi, no centro da rexión de Kinki, no centro da illa de Honshu. A súa superficie é de 25,55 km² e a poboación de 77.974 habitantes (2009) e ten unha densidade de poboación de 3.050 hab./km².
Para información sobre a batalla da Segunda Guerra Mundial, véxase Batalla de MontecassinoA Abadía de Montecassino é un mosteiro no outeiro rochoso homónimo. É célebre por ser o lugar onde Bieito de Nursia estabeleceu o seu primeiro mosteiro, a fonte da orde beneditina, sobre o ano 529, e por ser o lugar de varias batallas cara ao final da segunda guerra mundial.
Nova Orleáns (en inglés New Orleans; en francés La Nouvelle-Orléans) é a cidade máis grande do estado de Luisiana, Estados Unidos de América. Está situada ao sueste deste estado no río Mississippi, xusto ao sur do Lago Pontchartrain. A poboación da cidade era de 391.006 en 2017, 1.337.726 na "Gran Nova Orleáns".
Mute Records é un selo discográfico formado en 1978 por Daniel Miller, nun principio para realizar o seu propio sinxelo, T.V.O.D./Warm Leatherette, baixo o alcume de The Normal. Mute Records comezou a ser coñecido pola firma de artistas post-punk, como Fad Gadget (pseudónimo de Frank Tovey), a Einstürzende Neubauten, Throbbing Gristle ou Cabaret Voltaire. Cando a música electrónica se situou no cumio das listas de 1981 do Reino Unido, Mute Records asinou con artistas como Depeche Mode, Nitzer Ebb, Yazoo ou Erasure, bandas que facían uso de novas tecnoloxías que redefinirían o son das pistas de baile entre os finais dos 80 e principios dos 90.
Irlanda ( pronunciación ) (en irlandés: Éire, [ˈeː.ɾʲə] (AFI), escoitar; en inglés: Ireland, [ˈaɪərlənd] ou [ˈɑrlənd] (AFI), escoitar), oficialmente República de Irlanda ( pronunciación ) (en irlandés: Poblacht na hÉireann; en inglés: Republic of Ireland) é un país do noroeste de Europa que forma parte da Unión Europea (UE). A súa capital é Dublín (en irlandés: Baile Átha Cliath e en inglés: Dublin). No ano 1949 declarouse o estado irlandés como a República de Irlanda (en inglés Republic of Ireland, en irlandés: Poblacht na hÉireann).
O Alemannia Aachen é un club histórico do fútbol alemán, fundouse o 16 de setembro de 1900 en Aquisgrán xogando a maior parte da súa historia na segunda división, aínda que militou na máxima división da Bundesliga entre 1967 e 1970 e de novo na tempada 2006-2007. Ao rematar a tempada 2011-12 baixou á terceira división e entrou en bancarrota polo que poderían deixar as ligas nacionais e pasar a xogar en rexionais ao remate da tempada 2012-13. O equipo xoga no estadio Tivoli.
Ang Lee (en chinés: 李安; en Pinyin: Lǐ Ān), nado en Chaochou (Pingtung) o 23 de outubro de 1954 é un director de cine taiwanés. A maior parte dos seus filmes analizan as interaccións entre a modernidade e as tradicións. Polos seus traballos foi premiado, entre outros, con dous Oscar á mellor dirección por Brokeback Mountain e Life of Pi, o Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa por Wò hǔ cáng lóng, con dous Osos de Ouro por Xǐyàn e Sense and Sensibility e con dous Leóns de Ouro ao Mellor Filme por Brokeback Mountain e Sè, Jiè.
Jamendo é unha comunidade creada en xaneiro do 2005 ao redor da música de libre distribución, onde os artistas poden subir a súa música de balde e o seu público escoitala e descargala do mesmo xeito. Dende a súa fundación, o número de artistas e álbums aloxados medrou de maneira exponencial. O nome provén da mestura de "jam" e "crescendo".
Secretario Xeral das Nacións Unidas
O Secretario Xeral das Nacións Unidas é o máximo funcionario da ONU e xefe da Secretaría das Nacións Unidas. Debe actuar de acordo coa Carta das Nacións Unidas, de acordo cos principios de independencia e imparcialidade. O actual secretario xeral, António Guterres, asumiu en 2017 o lugar de Ban Ki-moon, quen cumpriu dous mandatos, dous lustros consecutivos (do 1 de xaneiro de 2007 ao 1 de xaneiro de 2017), sendo renovado cando expirou o seu primeiro mandato en 2011.
Young Sherlock Holmes (tamén titulado como Young Sherlock Holmes and the Pyramid of Fear) é un filme estadounidense dirixido por Barry Levinson que foi estreado en 1985. Está baseado nas personaxes de Sir Arthur Conan Doyle. O filme conta o encontro entre Sherlock Holmes e John Watson cando son mozos e solucionan un misterio xuntos no seu internado.
Mon oncle Antoine é un filme canadense de 1971 dirixido por Claude Jutra. Foi escollido como candidato do Canadá para o Óscar ó mellor filme internacional na 44ª edición dos premios, mais finalmente non foi nomeado. O filme de Jutra e unha ollada ás condicións de vida da sociedade agraria, conservadora e clerical do Quebec, así como os cambios que transformaron a provincia despois dunha década.
Modus vivendi é unha locución latina que significa literalmente "modo de vivir" (do latín modus "maneira", "modo", e vivendi "de vivir", xenitivo do xerundio do verbo "vivere") e que designa a base ou regra de conduta, arranxo ou axuste transitorio entre dúas partes. Esta locución é usualmente empregada para describir arranxos informais ou temporais en asuntos políticos e diplomáticos, posto que un modus vivendi é un instrumento que rexistra un acordo internacional de natureza temporal, que posteriormente será cambiado por un permanente e detallado.Actualmente, esta locución latina é usualmente empregada para referirse á actividade mediante a cal unha persoa se gaña a vida.
A vea porta ou vea portal hepática é unha vea que transporta o sangue que provén dos órganos dixestivos (bazo e intestino) directamente ao fígado, de onde sairá, xa filtrada, pola vea hepática. Isto vén a significar que o fígado se atopa situado entre dúas veas, no canto de estar entre unha arteria e unha vea como vén a ser normal. Esta disposición especial é rara nos mamíferos, e recibe o nome de sistema portal.
International Standard Musical Work Code
O ISWC (acrónimo inglés de International Standard Musical Work Code) é o número de referencia internacional para a identificación e comercialización de obras musicais, equivalente ao ISBN para os libros. Está descrito pola norma internacional ISO 15707.
A lonxitude é un concepto métrico definible para entidades xeométricas sobre a que se definiu unha distancia. Máis concretamente, dado un segmento, curva ou liña fina, pódese definir a súa lonxitude a partir da noción de distancia. Con todo, non debe confundirse lonxitude con distancia, xa que para unha curva xeral (non para un segmento recto) a distancia entre dous puntos calquera da mesma é sempre inferior á lonxitude da curva comprendida entre eses dous puntos.
Unha corporación ou sociedade corporativa é unha entidade xurídica que consiste nun grupo de persoas que formaron unha asociación con propósitos comerciais ou sen fins de lucro. Esta asociación formal, recoñecida como persoa xurídica e amparada polo dereito de sociedades, conta cos seus propios privilexios e responsabilidades distintos a aqueles dos seus membros (persoas naturais). Unha corporación pode ser un concello, unha universidade, unha igrexa, unha ONG, unha empresa, un gremio, un sindicato ou outro tipo de persoa colectiva.
O topónimo castelán Luque pode referirse a: Luque, concello arxentino do departamento de Luque, na provincia de Córdoba; Luque, concello español da provincia de Córdoba, en Andalucía; Luque, concello paraguaio do departamento Central;Amais, como apelido pode referirse a: Albert Luque (1978-), futbolista catalán.
Madredeus é un grupo musical portugués. A súa música combina influencias das músicas populares portuguesas coa música moderna. Tematicamente, as letras das cancións falan sobre temas tamén abordados polo fado, como a saudade e temas derivados, como a solitude, a esperanza, a ausencia, a distancia ó o amor adiado, así como temas mais xeneralistas, como a a guerra, paz ou a culpa e o remorso.
O coeficiente intelectual ou cociente intelectual (abreviado CI ou, en inglés, IQ) é un valor numérico que resulta da realización dun test estandarizado para medir as habilidades cognitivas dunha persoa ("intelixencia") en relación co seu grupo de idade. Exprésase de forma normalizada para que o CI medio nun grupo de idade sexa 100, é dicir, unha persoa cun CI de 115 está por riba da media entre as persoas da súa idade. O máis normal é que o desvío estándar (σ) dos resultados sexa de 15 ou 16, e os tests deséñanse de xeito que a distribución dos resultados sexa aproximadamente a distribución normal ou gaussiana, isto é, que seguen a curva de campá.
Tracy Chevalier, nada en Washington DC o 19 de outubro de 1962, é unha escritora estadounidense de éxito de novelas históricas en lingua inglesa. A súa carreira empezou co libro The Virgin Blue pero acadou sona coa súa novela Girl with a Pearl Earning, un libro baseado na creación do famoso cadro A moza da perla de Vermeer. O filme Girl with a Pearl Earring baseado na novela, recibiu tres nomeamentos ao Premios da Academia en 2004.
O rap metal é un subxénero do metal alternativo que combina elementos do hip hop con outros do heavy metal. Adoita consistir en riffs de guitarra típicos do heavy metal, elementos do funk metal, voces rapeadas e en ocasións mesas de mesturas. O xénero comezou a popularizarse a finais dos anos 1980 cando Anthrax publicou o seu EP I'm the Man que incorporaba elementos de hip hop na súa música, e cando se uniron posteriormente ao grupo Public Enemy para facer unha nova versión do tema "Bring the Noise" que fusionou o hip hop co thrash metal.
O salto de esquí é un deporte olímpico de inverno creado en Noruega a principios do século XIX. Espallouse por Europa e América do Norte a principios do século XX principalmente por medio de Sondre Norheim, considerado o pioneiro do esquí moderno.As pistas de salto están clasificadas segundo a distancia que os esquiadores percorren no aire, e ten especificacións sobre a área de saída, a curvatura e a zona de salto. Cada salto é avaliado de acordo coa distancia e o estilo de execución. A puntuación da distancia está en relación ao K-point, liña trazada na área de aterraxe, algúns metros antes do final do outeiro, e que serve como referencia para os saltos.
A App Store é un servizo para o iPhone, iPod Touch, e o iPad, creado por Apple Inc, que permite aos usuarios buscar e descargar aplicacións, desenvolvidas co iOS SDK e publicadas por Apple. Estas aplicacións están dispoñibles para ser compradas ou gratuítas, dependendo de cada unha. As aplicacións poden ser descargadas directamente ao iPhone o ao iPod Touch por medio dunha aplicación do mesmo nome.
Metal Gear (メタルギア, Metaru Gia) é unha saga de videoxogos creado por Hideo Kojima, desenvolvido e publicado pola compañía Konami. O xogador toma o control dun soldado de elite, dependendo de que Metal Gear se trate, poderás controlar a Solid Snake (protagonista do MGS1 e MGS4; ao soldado Raiden adestrado por Realidade Virtual quen controlas en MGS2 e a Naked Snake (que máis tarde é coñecido como Big Boss) o pai de Solid Snake, a quen controlas durante todo o MGS3, que é cronoloxicamente, o primeiro de todos. Os Metal Gear son uns tanques bípedes coa capacidade de lanzaren armas nucleares desde calquera punto do planeta.
Roberto Di Benedetto, nado en Noisy-le-Grand (Sena-San Denis, Francia) o 8 de maio de 1997, é un xogador de hóckey a patíns francés, de orixe italiana e galega. Xoga de dianteiro no Benfica, da Primeira División de Portugal. É irmán xemelgo bivitelino de Bruno Di Benedetto e irmán máis novo de Carlo Di Benedetto, ambos tamén xogadores profesionais de hóckey.
Carlo Di Benedetto, nado en Noisy-le-Grand (Sena-San Denis, Francia) o 31 de maio de 1996, é un xogador de hóckey a patíns francés, de orixe italiana e galega. Xoga de dianteiro no FC Porto, do Campionato Portugués. É irmán máis vello dos xemelgos bivitelinos Bruno e Roberto, ambos tamén xogadores profesionais de hóckey.
Partido Comunista dos Traballadores de España
O Partido Comunista dos Traballadores de España (en castelán: Partido Comunista de los Trabajadores de España, abreviado PCTE) é un partido político comunista e marxista–leninista. Foi fundado o 3 de marzo de 2019 como resultado dunha escisión do Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE).
José Manuel Baltar Blanco, nado en Ourense o 3 de agosto de 1967, é un político galego, militante do PPdeG. É fillo de Xosé Luis Baltar, a quen sucedeu na presidencia da Deputación de Ourense. Está casado con María José Caldelas e ten cinco fillos.Concelleiro no concello de Esgos e presidente da Deputación Provincial de Ourense dende o 6 de febreiro de 2012, e presidente do PPdeG na provincia de Ourense dende o 30 de xaneiro de 2010, cando foi elixido no XV Congreso Provincial. Presidente de Partenalia, asociación europea de gobernos provinciais, integrada por autoridades locais intermedias de países europeos.
Bruno Di Benedetto, nado en Noisy-le-Grand (Sena-San Denis, Francia) o 8 de maio de 1997, é un xogador de hóckey a patíns francés, de orixe italiana e galega. Xoga de defensa no Deportivo Liceo, da OK Liga. É irmán xemelgo bivitelino de Roberto Di Benedetto e irmán máis novo de Carlo Di Benedetto, ambos tamén xogadores profesionais de hóckey.
Eunice Newton Foote, nada en Goshen, Connecticut, o 17 de xullo de 1819 e finada en Lenox, Massachusetts, o 30 de setembro de 1888, foi unha climatóloga e inventora estadounidense, tamén defensora dos dereitos das mulleres de Seneca Falls, Nova York. Foi unha destacada investigadora que descubriu unha clave para entender o efecto invernadoiro, o cambio climático, a ciencia do clima e a meteoroloxía.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O voo 17 de Malaysia Airlines (MH17/MAS17) foi un voo internacional regular de pasaxeiros entre Ámsterdam e Kuala Lumpur que foi derrubado o 17 de xullo de 2014 mentres sobrevoaba o leste de Ucraína. O avión caeu preto de Hrabove no oblast de Donetsk, Ucraína, a unha 40 quilómetros da fronteira con Rusia. Os 283 pasaxeiros e 15 tripulantes a bordo do Boeing 777-200ER morreron.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961, é un político galego, senador nas Cortes Xerais e presidente do Partido Popular dende o 2 de abril de 2022. Anteriormente foi presidente da Xunta de Galicia durante 13 anos, entre abril de 2009 e maio de 2022. Despois de presidir Correos e exercer como conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia durante o goberno de Manuel Fraga, en 2006 sucedeu a este á fronte do Partido Popular de Galicia.
Rafael Nadal Parera, nado o 3 de xuño de 1986 en Manacor (Mallorca), é un tenista español, actual número 3 do mundo na clasificación ATP.É o tenista que, cun total de 22, ten máis títulos de individual masculino en torneos de Grand Slam. Foi campión de Roland Garros en 14 ocasións (2005, 2006, 2007, 2008, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2022), gañador do Torneo de Wimbledon en 2008 e 2010 e onde foi outras tres veces finalista (2006, 2007 e 2011), do Aberto dos Estados Unidos en 2010, 2013, 2017 e 2019 (finalista en 2011) e do Aberto de Australia en 2009 e 2022 (finalista en 2012, 2014, 2017 e 2019). Foi medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 en individuais e nos Xogos Olímpicos de Río de 2016 en dobres formando parella con Marc López.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022 e a Real Academia Galega o Día das Letras Galegas do ano 2024.
Un gas de efecto invernadoiro (ou ás veces, simplemente, gas de invernadoiro ou gas invernadoiro) é un gas que absorbe e emite enerxía radiante nas lonxitudes de onda do infravermello térmico, causando o efecto invernadoiro. Os principais gases de efecto invernadoiro da atmosfera terrestre son o vapor de auga (H2O), dióxido de carbono (CO2), metano (CH4), óxido nitroso (N2O) e ozono (O3). Cantidades moderadas de efecto invernadoiro suavizan a temperatura media da Terra e se non existisen estes gases, a temperatura media na superficie da Terra sería de só -18 °C, en lugar da media actual de 15 °C (33 ºC máis).
Lista de municipios portugueses
Esta é unha lista de municipios portugueses ordenados alfabeticamente. Actualmente (2006), Portugal ten 308 concellos.
Bursa, coñecida historicamente como Prusa (en grego antigo Προύσα) e, posteriormente, como Brusa, é unha cidade do noroeste da parte asiática de Turquía e capital da Provincia de Bursa, na rexión (bölge) do Mármara (Marmara Bölgesi). Moitas veces denomínase á cidade como Yeşil Bursa ("Bursa verde"), en referencia aos numerosos parques e xardíns do centro da cidade, así como aos bosques que se estenden por toda a rexión. Cerca da cidade álzase a montaña Uludağ, que conta cunha estación de esquí moi popular entre os habitantes.
A proflavina, tamñén chamada diaminoacridina, é un derivado da acriflavina, un desinfectante bacteriostático contra moitas bacterias grampositivas. Foi utilizada en forma de dihidrocloruro e sales hemisulfato como antiséptico tópico e anteriormente como antiséptico urinario. A proflavina tamén ten efectos mutaxénicos sobre o ADN ao intercalarse entre os pares de bases dese ácido nucleico.
Non confundir con Iolanda Díaz Gallego (Sarria 1934), activa colaboradora nas distintas actividades desenvolvidas pola emigración galega.Yolanda Díaz Pérez, nada en Fene o 6 de maio de 1971, é unha dirixente política galega, ministra de Traballo e Economía Social do Goberno de España desde xaneiro de 2020 e vicepresidenta terceira desde marzo de 2021. Pertenceu ata 2019 á federación galega de Esquerda Unida, da que foi a súa coordinadora desde 2005 ata o 3 de xuño de 2017 en que foi relevada no cargo por Eva Solla. Foi deputada no Parlamento de Galicia entre 2012 e 2016.