Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
María Antonia Xosefa Xoana de Habsburgo-Lorena (en alemán Maria Antonia Josepha Johanna von Habsburg-Lothringen; en francés Marie Antoinette Josèphe Jeanne de Habsbourg-Lorraine), nada en Viena o 2 de novembro de 1755 e morta na guillotina en París o 16 de outubro de 1793, máis coñecida so o nome de María Antonieta de Austria, foi princesa real de Hungría e de Bohemia, arquiduquesa de Austria, raíña consorte de Francia (1774-1793) polo seu matrimonio con Luís XVI. Era a irmá de Xosé II de Habsburgo e de Leopoldo II de Habsburgo. Foi alcumada dende a súa chegada a Francia l'Autrichienne (unha paronomasia en francés das palabras autrichienne, que significa 'muller austríaca' e autre-chienne, que significa 'outra cadela') e, máis tarde, Madame Déficit.
Partido Comunista dos Traballadores de España
O Partido Comunista dos Traballadores de España (en castelán: Partido Comunista de los Trabajadores de España, abreviado PCTE) é un partido político comunista e marxista–leninista. Foi fundado o 3 de marzo de 2019 como resultado dunha escisión do Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE).
José Manuel Baltar Blanco, nado en Ourense o 3 de agosto de 1967, é un político galego, militante do PPdeG. É fillo de Xosé Luis Baltar, a quen sucedeu na presidencia da Deputación de Ourense. Está casado con María José Caldelas e ten cinco fillos.Concelleiro no concello de Esgos e presidente da Deputación Provincial de Ourense dende o 6 de febreiro de 2012, e presidente do PPdeG na provincia de Ourense dende o 30 de xaneiro de 2010, cando foi elixido no XV Congreso Provincial. Presidente de Partenalia, asociación europea de gobernos provinciais, integrada por autoridades locais intermedias de países europeos.
The Legend of Zelda: Ocarina of Time
The Legend of Zelda: Ocarina of Time (A lenda de Zelda: A ocarina do tempo) é o primeiro videoxogo da saga The Legend of Zelda para Nintendo 64. Este videoxogo é unha combinación de xogo de acción, aventura en terceira persoa e xogo de rol (RPG). Foi sen dúbida un dos xogos con máis éxito do seu tempo.
A permacultura é un sistema de principios de deseño agrícola e social focalizados na simulación ou directamente no uso de padróns e características observados no ecosistema natural. O termo permacultura foi desenvolto e acuñado por David Holmgren, por entón un estudante de grado no Departamento de Deseño Medioambiental na Universidade de Educación Avanzada de Tasmania, e Bill Mollison, profesor titular en Psicoloxía Ambiental na Universidade de Tasmania, en 1978.
Circa é unha palabra latina que significa ao redor ou cerca (podendo abreviarse como c., ca. ou cca.). Úsase fundamentalmente a súa abreviatura en bibliografía para describir diversas datas (normalmente de nacemento ou falecemento) ou datos que son incertos ou aproximados, polo que utilizar circa indica que a data ou valor é estimación aproximada.
A guerra das galaxias (en inglés Star Wars, aínda que traducido literalmente significa «guerras estelares» ou «guerras das estrelas») é unha serie de oito filmes de ciencia ficción creada polo produtor, director e guionista norteamericano George Lucas, tralo éxito de American Graffiti. A serie comezou en 1977 con Star Wars Episodio IV: Unha Nova Esperanza, e dende entón converteuse nun fenómeno social e cultural, do que se crearon novelas, historias en banda deseñada, videoxogos... Isto permitiu a Lucas ampliar a historia con dous episodios máis: O Imperio Contraataca e O Retorno do Jedi, que continuarían o grande éxito da primeira.
O Escudo portugués, simbolizado polo cifrão (como o símbolo do dólar [$], pero con dúas barras verticais), foi a moeda oficial de Portugal antes do euro. O escudo deu orixe a outras variacións de Escudo nas colonias portuguesas africanas e asiáticas. O seu código segundo a norma ISO 4217 é PTE. A seu nome provén da imaxe que aparecía representada nas primeiras moedas dese valor: un escudo.
Un traveseiro, almofada, cabeceiro ou cabezal é unha especie coxín feito usualmente de pana, pluma, cotón, escuma, viscoelástico etc. que se utiliza á cabeceira da cama, servindo para descansar a cabeza mentres se dorme. O traveseiro ponse sobre o colchón, na parte superior da cama vestíndose co xogo desta.
Unha revista científica e un medio de comunicación escrito no que os investigadores e científicos poden publicar periodicamente os seus traballos e investigacións, xunto co desenvolvemento das mesmas, para dalas a coñecer ó resto da xente e a outros científicos. Estes artigos publicados teñen unha gran diversidade de temas, pero sempre referentes a aspectos científicos. Antes de ser publicados, tódolos artigos pasan un control e revisión dun panel de expertos que determinan se reúne uns mínimos de calidade e validez científica, e deciden se o artigo se publica ou non.
Unha libraría ou librería é un comercio dedicado á venda de libros, poden ser pequenas tendas que ofrecen uns poucos centos de libros ata grandes establecementos comerciais con máis de 200.000 títulos. Algunhas librarías están especializadas na venda de libros antigos. Alén da venda de libros tamén poden vender materiais relacionados como folios, mapas, bolígrafos, sobres ou xornais pero as tendas especializadas neste tipo de materiais coñécense como papelerías, aínda que vendan tamén libros.
O gurumelo ou silarca (Amanita ponderosa) é un cogomelo co chapeu hemisférico e abrancazado cando é novo e aplanado e apardazado na madureza, co pé groso, de cor máis clara e cunha volva ampla. A carne tínguese de rosa en contacto co ar ou ao tocala. Trátase dun fungo basidiomiceto comestíbel moi apreciado, endémico da zona central e oeste de Andalucía, especialmente en Huelva e o sur da Estremadura (España) e no Alentexo (sur de Portugal).
O CD-Rom ou Compact Disc Read Only Memory é un disco compacto de só lectura. Trátase dun CD utilizado para almacenar datos de ordenador, unha vez gravado os seus datos non se poden modificar nin alterar. Diferencianse dos CDs de son só polo contido que teñen: os discos compactos de son almacenan son, e estes almacenan datos.
A Dinastía Joseon (en coreano: 조선, 朝鮮; tamén Chosŏn, Choson, Chosun, Cho-sen) foi un reino coreano fundado por Taejo Yi Seong-gye que durou aproximadamente cinco séculos, dende xullo de 1392 até outubro de 1897. Foi fundado despois da caída da dinastía Goryeo no que hoxe é actual cidade de Kaesong. As fronteiras do norte foron expandidas até os límites naturais dos ríos Amnok e Duman despois da subxugación dos jurchens.
O concepto de conxunto na Matemática é intuitivo e poderiamos definilo como unha colección de varios obxectos ou elementos, sen importar a súa orde e feita con calquera criterio. Un conxunto está ben definido se é sabido se un determinado elemento pertence ou non ao conxunto. Os conxuntos represéntanse cunha letra maiúscula.
O dólar internacional é unha unidade monetaria hipotética que ten o mesmo poder adquisitivo que o dólar estadounidense ten nos Estados Unidos nun momento dado . Esta unidade mostra canto vale unha unidade dunha moeda local dentro das fronteiras do país. As conversións a dólares internacionais calcúlanse utilizando a "paridade de poder adquisitivo" (PPA).
O Tratado Dous máis Catro tamén chamado Tratado sobre o acordo final con respecto a Alemaña foi un acordo asinado en 1990 entre a República Federal de Alemaña (RFA), a República Democrática Alemá (RDA) e mailas catro potencias que ocuparon a Alemaña nazi tralo fin da Segunda Guerra Mundial en Europa: Francia, o Reino Unido, os Estados Unidos e maila Unión Soviética. O Tratado facilitou o camiño para a reunificación alemá e foi asinado o 12 de setembro de 1990 en Moscova, entrando en vigor o 15 de marzo de 1991, data do depósito dos derradeiros documentos de ratificación nunha cerimonia oficial.
"Sasayaka na Inori" é o single número 22 do grupo xaponés de J-Pop chamado Every Little Thing, lanzado ó mercado o 16 de agosto do ano 2002 baixo o selo avex trax e producido por Max Matsuura. É o primeiro que ten tres caras A ("Sasayaka na Inori", "AMBIVALENCE" e "DEEESHII"). O single alcanzaría a quinta posición nas listas de Oricon.
O sueco (svenska escoitar ) é unha lingua xermánica falada no norte de Europa, en concreto en Suecia e na costa de Finlandia (falada por un 5% dos fineses), é moi similar ó danés e o noruegués, máis diferénciase delas na pronunciación e ortografía. É falada por nove millóns de persoas, sobre todo en Suecia e en partes da Finlandia, especialmente na costa e nas illas Åland.
O agramatismo é un aspecto lingüístico particular da afasia de expresión caracterizado pola supresión case constante dos morfemas gramaticais (preposicións, artigos, pronomes suxeito, desinencias verbais) e a redución das frases apenas á secuencia dos morfemas léxicos. Un exemplo: Hospital axiña tres horas inxección: (Leváronme) axiña (para o) hospital (aí polas) tres horas, (aplicaronme unha) inxección.
A morriña é un sentimento de tristeza, é a melancolía que se sente cando se está lonxe da terra en que se nace, a cal botas en falta. Máis concretamente, a morriña é un estado de depresión vital ao que acompaña un sentimento psicolóxico de tristura. O estado vital contraposto é a euforia, á que acompaña o sentimento psicolóxico de ledicia.
Cartel é un soporte, normalmente en papel, fixado de forma que sexa visible en locais públicos. A súa función principal é a de divulgar información visualmente, pero tamén é apreciada como unha peza de valor estético. Alén da súa importancia como medio de publicidade e de información visual, o cartel posúe un valor histórico como medio de divulgación en importantes movementos de carácter político ou artístico.
Food Records foi un selo discográfico británico fundado en 1984 por David Balfe, que posteriormente tomou a Andy Ross como o seu compañeiro. Orixinalmente creada como discográfica independente sendo distribuída por Rough Trade Distribution, Food cedeu licenzas dos seus artistas á subsidiaria de Polygram London Records e a da Warner WEA Records, antes de asociarse co membro de grupo EMI Parlophone. En 1988 EMI investiu no selo e en 1994 gañou o control completo sobre Food, incorporándose a Parlophone poucos anos despois.
O esquí de fondo, esquí nórdico ou esquí a campo travesa (en inglés cross-country skiing) comezou a ser empregado como medio para o desprazamento nos países nórdicos posto que a neve asolaga o territorio durante boa parte do ano. Anteriormente, só se coñecía o uso das raquetas de neve. É cos esquís que se incrementa a superficie de apoio, podendo así facer fronte aos maiores obstáculos á hora de camiñar sobre a neve, evitando afundirse nela, e propiciando o avance.
Marc Bartra Aregall, nado en Sant Jaume dels Domenys (Tarragona) o 15 de xaneiro de 1991, é un futbolista profesional catalán que xoga como defensa central. Dende 2018 milita no Betis, da Primeira División. Formouse no FC Barcelona, equipo no que xogou 103 partidos profesionais e marcou seis goles durante sete tempadas, gañando 13 títulos (5 ligas, 3 Copas do Rei, 2 Champions, 1 Supercopa de España, 1 Supercopa de Europa e 1 Mundial de Clubs).
O Košarkaški klub Partizan (en serbio: Кошаркашки клуб Партизан ou КК Партизан) é un club profesional de baloncesto da cidade de Belgrado, Serbia. O KK Partizan forma parte do club polideportivo Partizan, que conta con outras moitas seccións, entre as que destaca a de fútbol. O club compite na Košarkaška liga Srbije, máxima categoría do baloncesto serbio, na Liga do Adriático e na Euroliga.
Alberte de Saxonia-Coburgo e Gotha
Alberte de Saxonia-Coburgo e Gotha, de nome completo Franz Karl August Albert Manuel von Sachsen-Coburg und Gotha, nado en Coburgo o 26 de agosto de 1819 e finado no Castelo de Windsor, Inglaterra o 14 de decembro de 1861), foi o esposo e consorte da raíña Vitoria do Reino Unido. Foi o único cónxuxe dunha soberana británica reinante en recibir formalmente o título de príncipe consorte do Reino Unido. Logo da morte da raíña Vitoria en 1901, a Casa de Saxonia-Coburgo e Gotha sucede á Casa de Hannover no trono do Reino Unido.
O Gran Premio do Xapón de Fórmula 1 de 1976, celebrouse en Fuji o 24 de outubro de 1976. Como nota curiosa da carreira anunciouse que a volta máis rápida a establecera Masahiro Hasemi na volta 25, pero foi un erro de medición, e, varios días máis tarde, o circuíto emitiu un comunicado de prensa para corrixir o titular da volta máis rápida da carreira, foi Jacques Laffite cun tempo de 1:19.97 na volta 70. Esta versión foi coñecida de inmediato no Xapón, e a Federación Xaponesa do Automóbil (JAF) e os medios de comunicación xaponeses corrixiron o rexistro.
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961, é un político galego, senador nas Cortes Xerais e presidente do Partido Popular dende o 2 de abril de 2022. Anteriormente foi presidente da Xunta de Galicia durante 13 anos, entre abril de 2009 e maio de 2022. Despois de presidir Correos e exercer como conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia durante o goberno de Manuel Fraga, en 2006 sucedeu a este á fronte do Partido Popular de Galicia.
O día festivo, ou día feiral, é aquel que non é día laborable, no ámbito laboral, que non é día hábil, no ámbito procesual, podendo ser o domingo (na maioría dos países do mundo), o sábado (nos países influídos pola cultura xudía) ou o venres (nos países influídos pola cultura islámica), ademais doutros días declarados festivos. Ademais, un día festivo é unha data do calendario que é resaltada de forma especial e habitualmente adoita ser feiral. Todas as culturas e nacións celebran diferentes eventos durante o ano, en datas específicas de tipo cultural, político ou relixioso.
Premio Princesa de Asturias dos Deportes
O Premio Princesa de Asturias de Deportes (até 2014, se denominou Premio Príncipe de Asturias de Deportes) é concedido dende 1981, á persoa, institución, grupo de persoas ou institucións que, ademais da exemplaridade da súa vida e obra, conseguiran novas metas na loita do home por superarse a si mesmo e contribuíran co seu esforzo, de maneira extraordinaria, ó perfeccionamento, cultivo, promoción ou difusión dos deportes.
Os San Antonio Spurs son un equipo profesional de baloncesto estadounidense con sede na cidade de San Antonio, Texas. Xogan na División Suroeste da Conferencia Oeste da National Basketball Association (NBA). Os Spurs son un dos catro antigos equipos da American Basketball Association (ABA) que se uniron á NBA en 1976 e o único deles en conseguir gañar o campionato.
O método D'Hondt é un método electoral creado polo matemático e avogado belga Victor D'Hondt, empregado, xeralmente, para repartir os escanos dun parlamento ou congreso, de modo proporcional ós votos acadados polas candidaturas. Aínda que sobre todo é coñecido no ámbito da política, este sistema pode servir para calquera tipo de distribución proporcional. Entre outros países, úsase na Arxentina, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chile, Colombia, Croacia, Ecuador, Eslovenia, España, Finlandia, Guatemala, Irlanda, Israel, Xapón, Países Baixos, Paraguai, Polonia, Portugal, República Checa, Suíza, Turquía, República Dominicana e Venezuela.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Defínese, desde o punto de vista organizativo, como unha fronte de partidos e sitúase na esquerda do espectro político. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza.
A proteína c-Src (c significa celular e Src, sarcoma), tamén chamada protooncoxene tirosina quinase Src ou protooncoxene c-Src é unha tirosina quinase non receptora que nos humanos está codificada no xene SRC do cromosoma 20. Pertence á familia das quinases da familia Src e é similar ao xene da v-Src (Src viral) do virus do sarcoma de Rous. Contén un dominio SH2, un dominio SH3 e un dominio tirosina quinase.
O Día Nacional de Galicia, coñecido tamén como Día da Patria Galega, Día Nacional da Galiza, Día da Galiza, Día de Galicia ou Día da Patria, é a festa oficial do país galego, segundo decreto da Xunta de Galicia publicado no DOG do 1 de xaneiro de 1979. Celébrase o día 25 de xullo, día da festividade do apóstolo Santiago o Maior.
Julius Robert Oppenheimer, nado o 22 de abril de 1904 en Nova York e finado o 18 de febreiro de 1967 en Princeton, Nova Jersey, foi un físico teórico estadounidense de orixe xudía e profesor de física na Universidade de California, Berkeley. É un dos chamados «pais da bomba atómica» pola súa destacada participación no Proxecto Manhattan, o proxecto que conseguiu desenvolver as primeiras armas nucleares da historia durante a segunda guerra mundial. A primeira bomba nuclear foi detonada o 16 de xullo de 1945 na Proba Trinity en Novo México, Estados Unidos.
Non confundir con Iolanda Díaz Gallego (Sarria 1934), activa colaboradora nas distintas actividades desenvolvidas pola emigración galega.Yolanda Díaz Pérez, nada en Fene o 6 de maio de 1971, é unha dirixente política galega, ministra de Traballo e Economía Social do Goberno de España desde xaneiro de 2020 e vicepresidenta terceira desde marzo de 2021. Pertenceu ata 2019 á federación galega de Esquerda Unida, da que foi a súa coordinadora desde 2005 ata o 3 de xuño de 2017 en que foi relevada no cargo por Eva Solla. Foi deputada no Parlamento de Galicia entre 2012 e 2016.
Eleccións xerais de España de 2023
As eleccións xerais de España de 2023 celebráronse o domingo 23 de xullo de 2023 para elixir as XV Cortes Xerais do Reino de España. Elixíronse os 350 asentos no Congreso dos Deputados, así como 208 dos 265 asentos no Senado. Foron as decimosextas eleccións xerais democráticas, as quintas con Filipe VI como rei e as primeiras celebradas nun mes de xullo.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Dios ke te crew (DKTC) é un grupo de hip hop de Ordes formado en 2003. Posteriormente formaron tamén un grupo de graffiti, breakdance, DJs e rap. Todos estes aspectos do hip hop únense nas presentacións en directo do grupo, onde é común presenciar pezas de pintura e graffiti no fondo do escenario e bailar breakdance, mentres o grupo musical interpreta as súas cancións.
Escherichia coli, moitas veces abreviado como E. coli, é unha bacteria gramnegativa con forma de bacilo, que se encontra comunmente no tracto gastrointestinal inferior dos organismos de sangue quente (endotermos). A maioría das cepas de E. coli son inofensivas, pero algúns serotipos poden causar graves intoxicacións alimentarias nos humanos, e son ocasionalmente responsables da retirada de produtos alimenticios debido á súa contaminación. As cepas inofensivas son parte da flora intestinal humana normal, e poden ser beneficiosas para os seus hóspedes ao produciren vitamina K2, e impediren que se establezan alí bacterias patóxenas.E. coli e as bacterias relacionadas constitúen arredor do 0,1% da flora intestinal, e a transmisión fecal-oral é a principal ruta utilizada polas cepas patóxenas que causan doenzas.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de.A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia. Foi lanzada o 15 de xaneiro do ano 2001 por Jimmy Wales e Larry Sanger, e o seu obxectivo é recadar a suma de todo o coñecemento humano no maior número de linguas.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
O panarabismo (en árabe: العروبة) é unha ideoloxía política que defende a unificación dos países de África do Norte e Asia Occidental, dende o océano Atlántico até o mar Arábigo, os cales son coñecidos colectivamente como mundo árabe. Está estreitamente conectado co nacionalismo árabe, que defende a idea de que os árabes constitúen unha única nación. A súa popularidade acadou o seu cumio durante as décadas de 1950 e 1960.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Roger Montañola i Busquets, nado en Barcelona o 29 de marzo de 1986, é un político catalán, deputado no Parlamento de Cataluña nas IX e X lexislaturas. Foi membro de Unió Democràtica de Catalunya (UDC) e Unió de Joves e posteriomente de Lliures. No ano 2023 presentouse como cabeza da lista independente de Espai Ciu, a marca do Partit Demòcrata Europeu Català nas eleccións xerais españolas.
Francisco Javier García Gaztelu
Francisco Javier García Gaztelu, Txapote, nado en Galdakao, Biscaia, o 12 de febreiro de 1966, é membro dirixente da banda terrorista ETA condenado pola xustiza pola súa participación en diversos crimes, como os asasinatos de varios políticos do Partido Popular. Tamén é coñecido polos alias "Jon", "Xabier" e "Otsagi", entre outros.
O arroaz, Tursiops truncatus (Montagu 1821), é, entre todos os golfiños, a especie máis común e máis coñecida, porque adoita achegarse á costa e entrar no interior das rías, debido a que o seu comportamento social a achega ás proximidades dos barcos e mesmo dos nadadores, e porque é a que mellor se adapta ás condicións de catividade dos delfinarios, o que o converteu no protagonista habitual destes espectáculos. Está presente en augas quentes e temperadas de todo o mundo, en todos os océanos excepto no Ártico e no Antártico.
O crícket é un xogo de equipo que se xoga entre dous grupos de once xogadores cada un. Orixinouse, na súa forma moderna, en Inglaterra no século XVI e xa a fins do XVIII era o deporte nacional, e é popular principalmente nos países pertencentes á Commonwealth realizándose competicións internacionais a partir de mediados do XIX, formándose o International Cricket Council en 1909. O cricket tal e como o coñecemos hoxe orixinouse no sur de Inglaterra.
Xoán Calvino, nado en Noyon (Picardía) o 10 de xullo de 1509 e finado en Xenebra o 27 de maio do 1564, foi un dos principais reformadores e teólogos da reforma protestante. O seu pensamento relixioso inaugurou unha das correntes máis importantes do protestantismo, o calvinismo, ademais de ser en menor ou maior grao unha influencia na teoloxía evanxélica.
Santa Comba de Ribadelouro é unha parroquia que se localiza no concello de Tui. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 946 habitantes (515 mulleres e 431 homes), distribuídos en 22 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 976 habitantes. Segundo o IGE, no 2014 a súa poboación descendera ata os 832 habitantes, sendo 381 homes e 451 mulleres.
Partidos políticos de España inscritos de 1981 a 1985
Esta é unha lista de partidos inscritos no Rexistro de Partidos Políticos do Ministerio do Interior de España de 1981 a 1985.