Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Seúl (서울; hangul, 서울특별시; hanja, 서울特別市; romanización revisada, Seoul Teukbyeolsi; McCune–Reischauer, Sŏul T'ŭkpyŏlsi) é a capital e meirande metrópole de Corea do Sur. Segundo o censo de 2020, Seúl tiña unha poboación de 9,9 millóns de persoas e forma o corazón da Área da capital de Seúl coa metrópole circundante de Incheon e a provincia de Gyeonggi. Considerada unha cidade global e clasificada como unha cidade alfa pola Globalization and World Cities Research Network (GaWC), Seúl foi a 4ª economía metropolitana máis grande do mundo en 2014 despois de Toquio, Nova York e Os Ánxeles.
Vladimir Aleksandrovich de Rusia
Vladímir Aleksandrovich de Rusia (en ruso: Владимир Александрович) nado en Tsarskoe Selo o 22 de abril de 1847 e finado na mesma cidade o 17 de febreiro de 1909, foi o cuarto fillo dos tsares Alexandre II de Rusia e de María de Hesse, filla de Luís II de Hesse-Darmstadt. Era irmán do tsar Alexandre III de Rusia, que reinou de 1881 a 1894, e tío do último tsar de Rusia Nicolao II. Ocupou importantes cargos políticos e militares durante os reinados do últimos tres tsares de Rusia.
A cor da pel nos seres humanos débese principalmente á presenza do pigmento melanina na pel. A cor da pel humana vai desde o case negro ao case branco cun certo ton rosa debido aos vasos sanguíneos que hai debaixo da pel. As variacións na cor natural da pel débense principalmente a razóns xenéticas.
Alfred Lothar Wegener, nado en Berlín o 1 de novembro de 1880 e finado en Groenlandia o 2 de novembro de 1930, foi un científico interdisciplinario alemán que desenvolveu a teoría da deriva continental. Non obstante, tal teoría xa estaba enunciada, polo que a súa tarefa principal foi a de perfeccionala.
Racine carrée (do francés: raíz cadrada, estilizado como √) é o segundo álbum de estudio do músico belga Stromae. Lanzouse dixitalmente o 16 de agosto de 2013 e tres días máis tarde en formato físico en Francia e Bélxica. Stromae expresou o seu desexo de incorporar influencias musicais caribeñas e africanas xunto cos seus ritmos inspirados nos anos 90.
A lingüística antropolóxica é unha rama da ciencia lingüística que estuda a linguaxe a partir das bases de coñecemento da antropoloxía. Non debe ser confundida coa antropoloxía lingüística que é a rama da antropoloxía que estuda o ser humano a través da linguaxe coa que se comunica. Sexa cal for a súa denominación, esta disciplina tivo un importante impacto nos estudos da percepción visual (especialmente a cor) e a democracia biorexional, ambos estudos teñen en conta a distinción que distintas linguas fan da percepción do medio ambiente.
ESPN, Inc. (siglas de Entertainment and Sports Programming Network, hoxe en desuso), é un grupo dos medios con sede nos Estados Unidos, que opera e produce canles de televisión por cable, satélite, radio, sitios web, revistas e libros relacionados co deporte. Tamén organiza eventos tales como os Premios ESPY desde 1993 e os X Games desde 1995.
Aínda que a batalla das Termópilas máis coñecida sexa aquela que, no -480, opuxo a Gregos e Persas, houbo na Antigüidade Clásica outros confrontamentos trabados no estreito do mesmo nome: Batalla das Termópilas (-336), na cal as forzas gregas tentaron evitar o avance de Filipo II de Macedonia, pai de Alexandre Magno; Batalla das Termópilas (-280), confrontamento entre os Helenos e os invasores Gálatas, comandados por Breno; Batalla das Termópilas (-191), trabada no contexto das guerras entre Roma e o Imperio Seléucida, onde as tropas romanas comandadas polos cónsules Manio Acílio Glabrio e Marco Porcio Catón, o Censor desbarataron as forzas de Antíoco III de Siria. Batalla das Termópilas (254), enfrontamento entre os hérulos e os romanos.Tamén, no 395 da nosa Era, Alarico I comandou os Visigodos na pasaxe deste estreito, rumbo a Grecia, sen ningunha oposición das forzas romanas. De igual forma, tamén no 448, os Hunos liderados por Atila penetraron en Grecia logrando alcanzar as Termópilas, sen, porén, dar batalla ó Imperio Romano de Oriente.
The Magnetic Fields é unha banda estadounidense de indie pop fundada e liderada por Stephin Merritt. El é o principal compositor, produtor e vocalista do grupo, ademais de tocar varios instrumentos. The Magnetic Fields é esencialmente o vehículo artístico de Merritt, xunto con outros proxectos, como The 6ths, Future Bible Heroes e The Gothic Archies.
O Fußball-Club Bayern München e. V. (comunmente en galego: Bayern de Múnic) é un club deportivo bávaro con sede na cidade de Múnic (Alemaña). É principalmente coñecido pola súa sección de fútbol profesional, a cal fai que o Bayern sexa o club de fútbol con máis éxito de Alemaña e un dos máis importantes de Europa.
Stephen William Hawking, nado en Oxford o 8 de xaneiro de 1942 e finado en Cambridge o 14 de marzo de 2018, foi un físico teórico, cosmólogo, autor e director de investigación británico. Os seus traballos científicos inclúen unha colaboración con Roger Penrose nos teoremas de singularidade gravitacional no eido da relatividade xeral, e a predicción teórica de que os buratos negros emiten radiación, a miúdo chamada radiación de Hawking. Hawking foi o primeiro en expoñer unha teoría da cosmoloxía explicada pola unión da teoría xeral da relatividade e a mecánica cuántica.
Vibrio é un xénero de bacterias gramnegativas que ten unha característica forma de bacilo curvado con forma de coma, entre as que está a especie que produce o cólera (Vibrio cholerae). As bacterias con forma de coma (do xénero Vibrio e doutros) chámanse xenericamente vibrios ou vibrións e son un dos grandes tipos morfolóxicos de bacterias, xunto cos cocos, bacilos e espirilos. O nome Vibrio deriva da palabra vibrión, que utilizou Filippo Pacini para chamar aos microorganismos que illou de pacientes de cólera en 1854, e ten que ver coa súa mobilidade (vibraban).Ademais do cólera causado por V. cholerae, varias especies do xénero Vibrio poden causar infeccións alimentarias, xeralmente asociadas co consumo de alimentos pouco cociñados, e outros poden infectar feridas abertas e producir septicemias.
William Edward Burghardt Du Bois, ás veces chamado Web Dubois, nado en Great Barrington (Massachusetts) o 23 de febreiro de 1868 e finado en Ghana o 27 de agosto de 1963, foi un afroamericano de orixe haitiana que loitou polo recoñecemento dos dereitos cívicos dos negros nos Estados Unidos. Foi tamén editor e poeta. Pertenceu á francmasonería.
O Premio Café Gijón é un premio literario español para novela que tomou o seu nome do faladoiro do Café Gijón de Madrid da man do actor e escritor Fernando Fernán Gómez en 1949. A idea orixinal dos impulsores do proxecto (xunto a Fernán Gómez estaban Gerardo Diego, Camilo José Cela e Enrique Jardiel Poncela, entre outros) foi crear un premio que competise co Premio Nadal en novela curta e dese a coñecer aos compoñentes da xeración que se reunía en torno ao que sería mítico café. O premio era xestionado polo propio Café Gijón e o seu prestixio tivo que ver máis coa difusión e calidade dos autores que coa retribución que por el se recibía, dado que en moitas ocasións as obras galardoadas non eran publicadas por falta de fondos.
A narrativa é un xénero literario, que adoita presentarse en forma de prosa, mais pode ser tamén en versos (epopea, romanceiros). Segundo Carlos Reis, o texto narrativo é un proceso de exteriorización, unha actitude obxectiva e baseada na sucesividade. No século XX, a partir do estruturalismo, xorde unha especie de teoría semiótica da narrativa (ou narratoloxía) que propón estudar a narratividade en xeral (novelas, contos, filmes, espectáculos, mitos, anécdotas, cancións, músicas, vídeos).
Selección feminina de fútbol de Cataluña
A selección feminina de fútbol de Cataluña é o equipo de fútbol organizado pola Federación Catalá de Fútbol que representa a Cataluña. Non está afiliado á FIFA nin á UEFA polo cal só pode xogar partidos amigábeis.
O quilogramo (comunmente quilo cando se usa para quilogramo-forza) é a unidade básica de masa do SI e o seu padrón, que se conserva na Oficina Internacional de Pesos e Medidas. O seu símbolo é kg. Un quilogramo equivale a 1000 gramos pero, dado que no SI é a unidade fundamental de masa, non debe ser considerado como derivado do gramo.
O Cenomaniano é unha división da escala temporal xeolóxica, a primeira idade ou piso do Cretáceo superior, segunda época do período Cretáceo. Esta idade esténdese de 100,5 até 93,9 millóns de anos atrás, aproximadamente. A idade cenomaniana sucede o Albiano, do Cretáceo inferior, e precede o Turoniano.
O bob, bobsleigh ou bobsled (verba inglesa) é un deporte olímpico de inverno que xunto ao luge e o skeleton representan distintas modalidades de descenso en zorra. Ao igual que o luge e o skeleton, a súa orixe atópase nos Alpes suízos a finais do século XIX. Concretamente o primeiro club de bobsleigh do mundo fundouse en 1897 en St. Moritz, Suíza, e desde aí difundiuse a outras partes de Europa.
Gloucester é unha cidade de Inglaterra, capital do condado de Gloucestershire, situada no suroeste do país, nunha beira do río Severn, preto da fronteira con Gales. A súa poboación estimada é de 125.649 habitantes (en 2014). A cidade foi fundada polos romanos no ano 97 durante o goberno do emperador Nerva co nome Colonia Glevum Nervensis.
Professional Coin Grading Service
Professional Coin Grading Service (PCGS) é unha compañía privada estadounidense con base en Santa Ana, California, que ofrece un servizo internacional de certificación de moedas, fundada en 1985.A compañía conta con divisións en Europa e en Asia,e forma parte do grupo Collectors Universe. PCGS cualificou máis de 42,5 millóns de moedas, medallas, fichas comerciais e billetes, valorados en máis de 36.000 millóns de dólares.
Nikita Sergeyevich Mikhalkov (ruso: Ники́та Серге́евич Михалко́в), nado en Moscova o 21 de outubro de 1945 é un cineasta e actor ruso. Gañou o León de Ouro do 48.º Festival de Cinema de Venecia (1991) e foi candidato ao Oscar ao mellor filme en lingua non inglesa polo filme Urga. Gañou o premio nesa categoría con Utomlyonnye solntsem, que tamén logrou o Grand Premio do Festival de Cinema de Cannes.
"Winter Is Coming" é o episodio piloto da serie de televisión de fantasía medieval da HBO Game of Thrones. É o primeiro episodio da primeira tempada, e foi escrito polos creadores da serie David Benioff e D. B. Weiss, nunha adaptación fiel dos primeiros capítulos do libro de George R. R. Martin A Game of Thrones. O episodio foi dirixido por Tim Van Patten, refacendo o traballo feito polo director Tom McCarthy no episodio piloto sen estrear.
Rosamunde Pilcher, nada en Lelant (Cornualla) o 22 de setembro de 1924 e finada en Longforgan (Escocia) o 6 de febreiro de 2019, foi unha escritora británica de novela romántica, literatura popular feminina e relatos, desde 1949 até a súa xubilación en 2000. As súas obras venderon máis de 60 millóns de exemplares. Nos comezos da súa carreira publicou co pseudónimo de Jane Fraser.
Midsommar é un filme sueco-estadounidense de 2019 escrito e dirixido por Ari Aster e protagonizado por Florence Pugh, Jack Reynor, William Jackson Harper, Vilhelm Blomgren e Will Poulter. É unha coprodución entre os Estados Unidos e Suecia, e foi rodada en localizacións de Budapest no verán e no outono de 2018. Midsommar estreouse nos cinemas dos Estados Unidos o 3 de xullo de 2019 a través de A24, e en Suecia o 10 de xullo de 2019 a través de Nordisk Film.
Unha erupción volcánica é unha emisión máis ou menos violenta na superficie terrestre ou doutro planeta, de materias procedentes do interior do globo. Exceptuando os géyseres, que emanan auga quente, e os volcáns de lodo, cuxa materia, en gran parte orgánica, provén de xacementos de hidrocarburos relativamente preto da superficie, as erupcións terrestres débense ós volcáns, rexistrándose desde o 8000 a.C ata o inicio do século XXI unhas 7.900 erupcións.
Un ano luz é unha unidade de lonxitude, utilizada en astronomía, que corresponde á distancia percorrida no vacuo pola luz durante un ano. Máis precisamente, é a distancia percorrida por un fotón no vacuo a unha distancia infinita de calquera campo gravitatorio ou magnético, nun ano gregoriano medio e a unha velocidade de 299.792.458 m/s. Para calcular o valor en quilómetros dun ano luz utilízase a velocidade indicada (299.792.458 m/s) e como tempo un ano gregoriano Medio (ver Calendario gregoriano) con 365,2425 días.
Lionel Andrés Messi Cuccittini, nado en Rosario (Santa Fe) o 24 de xuño de 1987, é un futbolista arxentino de orixe italiana. Xoga de dianteiro ou mediapunta no Paris Saint-Germain da Ligue 1 de Francia. É internacional coa selección absoluta da Arxentina, equipo do que é capitán, xogador con máis partidos e máximo goleador histórico.
IGN (abreviatura do nome Imagine Games Network) é unha páxina web estadounidense de videoxogos e entretemento operada por IGN Entertainment Inc., unha subsidiaria de Ziff Davis, á súa vez propiedade de j2 Global. A sede da compañía atópase en San Francisco e está dirixida polo seu antigo editor en xefe, Peer Schneider. A páxina web de IGN foi obra do emprendedor Chris Anderson e foi lanzada o 29 de setembro de 1996.
Na arte, unha obra de arte (ou peza artística ou obra) é unha creación, tal como unha composición musical, un libro, unha película, un gravado, unha escultura ou unha pintura, que foi feita coa finalidade de ou ben ser un obxecto de beleza en si mesmo ou ben unha expresión simbólica ou ben a representación dun concepto determinado. O oposto é un obxecto práctico ou útil, aínda que ben pode acontecer que un obxecto sexa varias cousas ao mesmo tempo. A partir do modernismo, o eido da arte espallouse incluíndo á fotografía, á cinematografía, a arte de performance (ou execución), a arte conceptual, e a arte en vídeo.
Sun Yat-sen (chinés simplificado: 孙逸仙pinyin: Sūn Yìxiān / chinés simplificado: 孙中山pinyin: Sūn Zhōngshān / chinés simplificado: 孙德明pinyin: Sūn Démíng), nado o 12 de novembro de 1866 en Cuiheng, actual Zongshan e finado o 12 de marzo de 1925, foi un líder nacionalista e republicano chinés. Está considerado, tanto pola República Popular da China como pola actual República da China (Taiwán) como o pai da China moderna.
Un ovo de Fabergé e unha das sesenta e nove xoias creadas por Peter Carl Fabergé e os seus artesáns da empresa Fabergé para os tsares de Rusia, así como para algúns membros da nobreza e da burguesía industrial e financeira, entre os anos 1885 e 1917. Estes ovos considéranse obras mestras da xoiería.
Santiago o Xusto, tamén chamado irmán do Señor, a miúdo identificado con Santiago o Menor ou ben Santiago Alfeo, martirizado en 62, foi consonte a tradición, o primeiro bispo ou patriarca de Xerusalén, e o autor da Epístola de Santiago incluída no Novo Testamento. Hai tres personaxes neotestamentarias chamadas Santiago: Santiago o Maior fillo de Zebedeo e Salomé, irmán de Xoán evanxelista, un dos Apóstolos. Santiago o Xusto, irmán do Señor.
O dólar da Liberdade sentada (en inglés: Seated Liberty dollar) foi unha moeda dun dólar de prata cuñada pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 1840 e 1873, deseñada polo seu gravador xefe, Christian Gobrecht. Foi a derradeira moeda de prata deste valor cuñada antes da aprobación da Lei da Moeda de 1873, que supuxo unha interrupción temporal da emisión do dólar de prata. O anverso desta moeda baséase no do anterior "dólar Gobrecht", ao que substitúe, cuñado de xeito experimental entre 1836 e 1839.
Gran Premio dos Países Baixos de 1975
O Gran Premio dos Países Baixos de 1975 foi unha carreira de automobilismo de Fórmula Un, celebrada o 22 de xuño de 1975 no circuíto de Zandvoort. Foi a oitava carreira da tempada de Fórmula Un de 1975. Foi o 24º Gran Premio dos Países Baixos.
O Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland), ou simplemente Reino Unido (incorrectamente chamado Gran Bretaña ou Inglaterra) é un país e un estado soberano situado ao noroeste da Europa Continental. O seu territorio, con capital en Londres, está formado xeograficamente pola illa de Gran Bretaña, o nordés da illa de Irlanda e pequenas illas adxacentes. Irlanda do Norte é a única parte do Reino cunha fronteira terrestre, que a separa da República de Irlanda.
O topónimo Mira pode referirse a: En Galicia Mira, parroquia do concello de Zas; Mira, lugar de dita parroquia; Mira, lugar da parroquia de Trasariz, no concello de Cenlle; Mira, lugar da parroquia de Seavia, no concello de Coristanco; Mira de Abaixo, lugar da parroquia de Santo Eusebio da Peroxa, no concello de Coles; Mira de Cima, lugar da parroquia de Santo Eusebio da Peroxa, no concello de Coles; Mira do Río, lugar da parroquia de Santo Eusebio da Peroxa, no concello de Coles.En España Mira, concello da provincia de Cuenca.En ItaliaMira, concello do Véneto, da provincia de Venecia.En PortugalMira, concello do distrito de Coímbra; Praia de Mira, vila e freguesía do concello de Mira. O Mira, río de Portugal.Na antiga LiciaMira, cidade de Licia.
Un continente é unha grande extensión de terra que presenta algunha diferenza salientable respecto das veciñas. En xeografía pódese considerar un tipo de MUG (macro unidade xeográfica), que está establecida por criterios físico-históricos. Por isto, atopamos continentes como Europa e Asia que forman unha única extensión de terra (Eurasia) pero habitualmente son considerados de xeito separado.
Un CD (das siglas inglesas de Compact Disc) ou disco compacto é un soporte dixital óptico para todo tipo de datos (son, vídeo, documentos etc). Foi creado en 1980 por Sony e Philips e comercializado a partir de 1982 deica hoxe. Nos días de hoxe, tecnoloxías sucesoras como o DVD poden desprazar ou minimizar esta forma de almacenamento; o DVD tamén é un almacenamento óptico.
O illamento topográfico dun cume é a distancia mínima do gran círculo até un punto de altitude igual, o que representa un radio de dominancia no que o cume é o punto máis alto. Pódese calcular para pequenos outeiros e illas, así como para os principais picos das montañas, e mesmo se pode calcular para os cumes submarinos.
Qingdao (en chinés tradicional: 青島; en chinés simplificado: 青岛; pinyin: Qīngdǎo), anteriormente coñecida coma Tsingtao, é unha importante cidade portuaria da provincia de Shandong na República Popular da China. Situada na entrada da baía de Jiaozhou dende o Mar Amarelo, no sur da Península de Shandong, tamén é base naval da mariña chinesa. De fundación recente (finais do século XIX), o seu desenvolvemento urbano tivo lugar a partir de 1897 como colonia alemá.
O chinés (chinés simplificado: 汉语 / chinés tradicional: 漢語 / Pinyin: Hànyǔ; 华语/華語 / Huáyǔ; ou 中文 / Zhōngwén) é a lingua (ou familia de linguas) falada na China, pertencente ao grupo sino-tibetano. Aínda que se tende a considerar o chinés como unha única lingua, principalmente debido ao feito de que todos os seus falantes escriben igual (é dicir, que son mutuamente intelixibles a nivel escrito), o certo é que é un conxunto de linguas distintas, cuxos falantes non se entenden oralmente entre si. A principal e oficial na República da China é o mandarín estándar (Putonghua), baseado no dialecto de Pequín, aínda que a máis falada fóra da China é o cantonés (Yue).
Zhou Enlai (chinés simplificado: 周恩来, chinés tradicional: 周恩來, pinyin: Zhōou Ēnlái, Wade-Giles: Chou En-lai), nado en Huai'an o 5 de marzo de 1898 e finado en Pequín o 8 de xaneiro de 1976, foi un destacado político da República Popular da China, membro do Partido Comunista Chinés dende a súa mocidade e primeiro ministro da China dende o establecemento do réxime socialista en 1949 até a súa morte.
Ota Benga, nado c. 1883 no bosque de Ituri, Estado Libre do Congo, e finado o 20 de marzo de 1916 en Lynchburg, Virxinia, foi un home de etnia mbuti (un dos pobos pigmeos), coñecido por ser exhibido na Exposición Universal de St. Louis de 1904, e tamén nun zoolóxico humano no Bronx en 1906. Benga fora mercado a comerciantes de escravos africanos polo explorador Samuel Phillips Verner, un empresario americano que buscaba persoas africanas para a Exposición Universal.
National Basketball Association
A National Basketball Association (NBA) é a principal liga profesional de baloncesto de América do Norte, estando considerada maioritariamente como a mellor competición deste deporte no mundo. Formada por trinta franquías, vinte e nove delas situadas nos Estados Unidos e unha no Canadá, a NBA é membro da USA Basketball (Federación de Baloncesto dos Estados Unidos), a cal está considerada pola FIBA como o órgano nacional para o baloncesto nos Estados Unidos. A NBA está tamén considerada unha das catro grandes competicións deportivas do América do Norte xunto coa NFL, a MLB e a NHL. Os xogadores da NBA son os deportistas mellor pagados do mundo tendo en conta o salario medio por xogador.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Aspergillus niger é unha especie de mofo ascomiceto clasificado dentro da sección Nigri do xénero Aspergillus. O xénero Aspergillus comprende mofos ou barolos comúns que se encontran no ambiente en solos e augas, sobre vexetación, en materia fecal, en materia en descomposición e suspendidos no aire. As especies deste xénero adoitan crecer rapidamente e poden esporular só uns poucos días despois da xerminación.
Julius Robert Oppenheimer, nado o 22 de abril de 1904 en Nova York e finado o 18 de febreiro de 1967 en Princeton, Nova Jersey, foi un físico teórico estadounidense de orixe xudía e profesor de física na Universidade de California, Berkeley. É un dos chamados «pais da bomba atómica» pola súa destacada participación no Proxecto Manhattan, o proxecto que conseguiu desenvolver as primeiras armas nucleares da historia durante a segunda guerra mundial. A primeira bomba nuclear foi detonada o 16 de xullo de 1945 na Proba Trinity en Novo México, Estados Unidos.
Front Nacional de Catalunya (FNC) foi unha organización política catalá fundada en Perpiñán como fronte patriótica de organizacións políticas nacionalistas catalás no exilio tras a guerra civil española. En 1942 Nosaltres Sols, Estat Català e a Federació Nacional d’Estudiants Nacionalistes participaron na creación da FNC e a organización traballou durante a segunda guerra mundial como aliada da resistencia francesa e dos servizos de intelixencia polacos e británicos e organizando o paso polos Pireneos ata España de máis de 800 aviadores aliados, xudeus e outros fuxitivos. A FNC reivindicaba o dereito á autodeterminación, organizou unha sección militar no interior que foi desartellada pola policia en 1946.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
O panarabismo (en árabe: العروبة) é unha ideoloxía política que defende a unificación dos países de África do Norte e Asia Occidental, dende o océano Atlántico até o mar Arábigo, os cales son coñecidos colectivamente como mundo árabe. Está estreitamente conectado co nacionalismo árabe, que defende a idea de que os árabes constitúen unha única nación. A súa popularidade acadou o seu cumio durante as décadas de 1950 e 1960.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
Sergio Ramos García, nado o 30 de marzo de 1986 en Camas (Sevilla), é un futbolista español que xoga na posición de defensa para o Paris Saint-Germain FC da Ligue 1. Tamén xoga na selección de fútbol de España, coa que gañou a Copa Mundial de Fútbol en 2010 e as Eurocopas de 2008 e 2012, un triplete inédito na historia do fútbol.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.