Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Lista de novas na galaxia Vía Láctea
Velaquí unha lista parcial de novas da galaxia Vía Láctea que foron descubertas e rexistradas desde 1891 (e engadíronse algunhas anteriores famosas). As novas son estrelas que sofren grandes explosións, pero a diferenza das supernovas, estas non resultan na destrución da estrela orixinal. A taxa estimada probable de novas na Vía Láctea é dunhas 40 por ano, pero destas só unhas 10 por ano foron descubertas por observadores na década do 2000.
Winston Leonard Spencer-Churchill, nado no pazo de Blenheim, na comarca de Oxford, o 30 de novembro de 1874 e finado en Londres o 24 de xaneiro de 1965, foi un político e escritor británico, coñecido polo seu liderado no Reino Unido durante a segunda guerra mundial. Así mesmo desempeñou labores de periodista, soldado e pintor, este último no seu lecer. Foi gañador do Premio Nobel de Literatura no ano 1953.
Unha charla ou leria (do inglés chat), é unha conversa mantida a través da rede a tempo real. Normalmente os usuarios do chat utilizan pseudónimos denominados nicks. Tamén cabe destacar que os usuarios deste tipo de medios escriben utilizando unha linguaxe simplificada, con palabras curtas, simplificando palabras e en xeral sen respectar as regras ortográficas.
Stig Svante Stockselius, nado o 31 de decembro de 1955, é un xornalista sueco e executivo de televisión, que foi Supervisor xefe dos Concursos de Cancións da Unión Europea de Radiodifusión (UER). Foi o supervisor executivo do Festival da Canción de Eurovisión (ESC) e do Festival de Eurovisión Júnior (JESC).
A cremación é un método de disposición final dun cadáver mediante a queima (combustión).A incineración pode servir como rito funerario ou post-funeral e como alternativa ao enterramento dun cadáver intacto. Nalgúns países, incluíndos a India e o Nepal, a cremación nunha pira ao aire libre é unha tradición antiga. A partir do século XIX, a cremación foi introducida ou reintroducida noutras partes do mundo.
O alfabeto grego é o alfabeto utilizado para escribir o grego desde arredor do século IX a.C. Deriva do alfabeto fenicio e foi a primeira escrita da historia en ter letras distintas para as vogais e para as consoantes. Dente o século IV a.C., o alfabeto euclidiano, de vinte e catro letras converteuse no estándar e é a versión que aínda se emprega para escribir o grego na actualidade. En época arcaica tiña distintas variedades: basicamente unha occidental (da que provén o alfabeto etrusco e o latino) e outra oriental (da que proveñen o alfabeto xónico, que foi considerado o clásico, e del o cirílico, o armenio,...).
Terminator (en inglés: The Terminator) é un filme estadounidense de acción dirixido por James Cameron que foi estreado no 1984. Escrito conxuntamente entre Cameron e William Wisher Jr., está protagonizado por Arnold Schwarzenegger, Michael Biehn, e Linda Hamilton. Estreouse en galego na TVG o 20 de xaneiro de 1992.
International Standard Musical Work Code
O ISWC (acrónimo inglés de International Standard Musical Work Code) é o número de referencia internacional para a identificación e comercialización de obras musicais, equivalente ao ISBN para os libros. Está descrito pola norma internacional ISO 15707.
Casaquistán ou Kazhakhstán é un país fundamentalmente asiático, aínda que tamén inclúa unha rexión relativamente pequena que, xeograficamente, pertence á Europa: a área entre o río Ural e a fronteira rusa, o punto máis oriental do continente europeo. Limita ao norte e oeste con Rusia (6.846 quilómetros de fronteira), ao leste coa China (1.533 km), a sur co Kirguizistán (1.051 km), o Uzbekistán (2.203 km) e Turkmenistán (379 km) e a oeste co Mar Caspio. É o noveno país máis grande do mundo por superficie, mais ten unha densidade de 6 hab./km².
Á busca do tempo perdido (en francés: À la recherche du temps perdu) é unha novela dividida en sete volumes escritos por Marcel Proust. É considerada a súa obra máis destacada, coñecida pola súa lonxitude e polo seu tema da memoria involuntaria, sendo o máis famoso exemplo o do "episodio da madalena" que ocorre a comezos do primeiro volume. O primeiro volume da novela, Pola banda de Swann, foi traducido ó galego por Xesús Riveiro Costa e publicado por Edicións Xerais no ano 2005.
Un volcán é unha estrutura xeolóxica pola cal emerxe magma (rocha fundida) e gases do interior dun planeta. O ascenso ocorre xeralmente en episodios de actividade violenta denominados erupcións, nas cales o volcán inxecta altas cantidades de poeira, gas e aerosois na atmosfera, podendo causar arrefriamento climático temporal. Ao acumularse o material arrastrado do interior fórmase unha estrutura cónica en superficie que pode atinxir alturas dunhas centenas de metros ata varios quilómetros.
O bosón de Higgs, tamén chamado bosón escalar (polo propio Peter Higgs, pois o termo bosón dinos que ten un spin -xiro- enteiro, e escalar que o valor do xiro é 0), é unha partícula elemental masiva teorizada no ano 1964 dentro do esquema do modelo estándar da física de partículas. É a derraderia partícula do modelo estándar que foi observada, confirmouse a súa existencia polo CERN o 14 de marzo de 2013 - os resultados preliminares comunicáronse publicamente o 4 de xullo de 2012-, e desenvolve un papel importante na explicación da existencia do mecanismo do Campo de BEH ou Campo de Higgs, que da orixe a masa doutras partículas elementais, en particular a diferenza entre o fotón (sen masa) e os bosóns W e Z (relativamente pesados). As partículas elementais con masa e a diferenza entre electromagnetismo (causado polos fotóns) e a forza débil (causada polos bosóns W e Z) son críticos en moitos aspectos da estrutura microscópica (e así macroscópica) da materia.
iOS é un sistema operativo móbil da multinacional Apple Inc. Orixinalmente desenvolvido para o iPhone (iPhone OS), despois foi usado en dispositivos como o iPod touch e o iPad. Máis tarde en iPad, crearíase o sistema operativo iPad OS para substituír a iOS. Apple non permite a instalación de iOS en hardware de terceiros.
O New Wave (nova onda) é un xénero musical xurdido entre mediados e finais dos anos 70 como derivado do punk rock, e que evolucionou de xeito independente na década dos 80. Inicialmente a música New Wave foi considerada o mesmo que o punk rock, ata que foi indentificado como un xénero de seu, incorporando aspectos da música electrónica e experimental, subcultura mod, disco e pop dos anos 60, así como gran parte do son e o carácter orixinal do punk rock, como a énfase nas cancións curtas e apegadizas. Nos anos 90 e 2000 houbo un renacer do xénero, e un feixe de bandas influenciadas por unha variedade de estilos de New Wave xurdiron acadando bastante popularidade a mediados da década dos 2000.
World of Warcraft, tamén abreviado WOW, é un videoxogo de rol online multixogador masivo desenvolvido por Blizzard Entertainment dispoñible para os sistemas operativos Windows e Mac OS X. Está baseado no mundo de ficción e a historia de Warcraft onde se adopta o papel dun personaxe virtual que interactúa con outros personaxes e desenvolve situacións nun ambiente fantástico como nun xogo de rol. Consta de tres expansións oficiais unha chamada World of Warcraft: The Burning Crusade, e a outra chamada World of Warcraft: Wrath of the Lich King e World of Warcraft: Cataclysm. As revisións de parches tamén engaden novos contidos e son bastante frecuentes.
Camiñante sobre o mar de néboa
Camiñante sobre o mar de néboa (en alemán: Der Wanderer über dem Nebelmeer) é unha coñecida pintura do pintor romántico alemán Caspar David Friedrich, con data de 1818. Trátase dun óleo sobre téa que mide 74,8 centímetros de ancho por 94,8 centímetros de alto. Actualmente consérvase no Kunsthalle de Hamburgo (Alemaña).A obra presenta un viaxeiro, que algúns críticos identificaron co propio Friedrich, en pé no cumio dun penedo elevado, fitando un mar de brétema que lle queda embaixo.
O termo compás pode referirse a: o compás, adro ou lonxa previo ó acceso de igrexas e conventos. o compás, un instrumento de navegación que indica a dirección dos polos magnéticos. o compás naútico (constelación norte) e o compás de debuxo (constelación sur), a primeira é unha constelación do hemisferio norte que pertencía a antiga (obsoleta) constelación Argo Navis e a segunda é tamén unha constelación pero do hemisferio sur, aínda que en astronomía a confusión é moito menor xa que normalmente son usados os seus nomes en latín; Pyxis para a constelación do norte (compás naútico) e Circinus para a constelación do sur (compás de debuxo).
Unha "raza fantástica" é un grupo de seres máis ou menos fantásticos mencionados normalmente nos universos imaxinarios da fantasía heroica, a ciencia ficción e os xogos de rol. O termo pode referirse a grupos étnicos, especies, nacionalidades ou grupos sociais. Nos xogos de rol a "raza" refírese a calquera especie que poida usarse como personaxe xogador ou non.
A escatoloxía refírese ás expectativas do fin da era actual, da historia, ou do propio mundo. A fin do mundo ou fin dos tempos está prevista por varias relixións (tanto abrahámicas como non abrahámicas), que ensinan que os acontecementos mundiais negativos alcanzarán un clímax. A crenza de que a fin do mundo é inminente coñécese como apocalipticismo, e co tempo foi mantida tanto por membros das relixións principais como por cultos do fin do mundo.
Cravos vermellos (titulado orixinalmente en inglés Red Nails) é un relato escrito polo autor estadounidense Robert E. Howard para o seu personaxe de espada e bruxaría Conan o bárbaro. Foi o primeiro relato de Conan en ser publicado postumamente (a revista pulp Weird Tales publicouno en outubro de 1936 despois de que Howard se suicidara en xuño) e tamén foi o primeiro, e o único, no que aparece a personaxe feminina de Valeria, que máis tarde, en 1982, sería utilizada no filme Conan o bárbaro, con Arnold Schwarzenegger no papel de Conan e Sandahl Bergman no papel de Valeria, aínda que a historia narrada no filme non coincidise coa historia narrada en Cravos vermellos. Foi traducido ó galego por Tomás González Ahola e foi publicado dentro da colección "Conan IV" de Urco Editora no ano 2016.
René Descartes (Pronunciación francesa: [ʁəne dekaʁt] ( ); latinización: Renatus Cartesius; onomástico do que se deriva o adxectivo cartesiano, nado en La Haye en Touraine (localidade rebautizada como Descartes máis tarde) o 31 de marzo de 1596 e finado en Estocolmo o 11 de febreiro de 1650, foi un filósofo, matemático e físico francés. considerado o pai da xeometría analítica e da filosofía moderna, así como un dos protagonistas con luz propia no limiar da revolución científica.Descartes, por veces chamado o fundador da filosofía moderna e o pai da matemática moderna, é considerado un dos pensadores máis importantes e influentes da historia humana. Inspirou aos seus contemporáneos e a xeracións de filósofos.
Tanxugueiras é un trío de pandeireteiras galegas formado por Aida Tarrío e as irmás xemelgas Olaia e Sabela Maneiro. O grupo traballa co repertorio da música tradicional galega, tratando de darlle unha sonoridade máis moderna, que a aproximan ao trap ou á electrónica. Nas súas pezas saliéntanse temas como o entendemento entre pobos, a defensa da lingua e da cultura galegas e o apoderamento da muller.O nome do grupo procede da toponimia, trátase do nome dunhas leiras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós.
Front Nacional de Catalunya (FNC) foi unha organización política catalá fundada en Perpiñán como fronte patriótica de organizacións políticas nacionalistas catalás no exilio tras a guerra civil española. En 1942 Nosaltres Sols, Estat Català e a Federació Nacional d’Estudiants Nacionalistes participaron na creación da FNC e a organización traballou durante a segunda guerra mundial como aliada da resistencia francesa e dos servizos de intelixencia polacos e británicos e organizando o paso polos Pireneos ata España de máis de 800 aviadores aliados, xudeus e outros fuxitivos. A FNC reivindicaba o dereito á autodeterminación, organizou unha sección militar no interior que foi desartellada pola policia en 1946.
Domingo Catoira Mosquera, nado en Évian-les-Bains o 9 de setembro de 1972, é un exfutbolista e dirixente deportivo galego. Como futbolista xogaba de defensa e a súa carreira transcorreu principalmente na Segunda División B, categoría na que disputou un total de 330 partidos repartidos entre o Fabril, o Lugo, o Novelda e o Benidorm. Trala súa retirada traballou nos despachos técnicos do propio Benidorm, o Valencia, o Valladolid e o Espanyol.
Escherichia coli, moitas veces abreviado como E. coli, é unha bacteria gramnegativa con forma de bacilo, que se encontra comunmente no tracto gastrointestinal inferior dos organismos de sangue quente (endotermos). A maioría das cepas de E. coli son inofensivas, pero algúns serotipos poden causar graves intoxicacións alimentarias nos humanos, e son ocasionalmente responsables da retirada de produtos alimenticios debido á súa contaminación. As cepas inofensivas son parte da flora intestinal humana normal, e poden ser beneficiosas para os seus hóspedes ao produciren vitamina K2, e impediren que se establezan alí bacterias patóxenas.E. coli e as bacterias relacionadas constitúen arredor do 0,1% da flora intestinal, e a transmisión fecal-oral é a principal ruta utilizada polas cepas patóxenas que causan doenzas.
Aleksandr Sergeevich Pushkin, (en ruso: Александр Сергеевич Пушкин), coñecido como Aleksandr Pushkin (ás veces transcrito ao galego como Alexander ou Alexandre Puxquin), nado en Moscova o 26 de maio de 1799 e finado en San Petersburgo o 29 de xaneiro de 1837, foi un poeta, dramaturgo e novelista ruso,da era do romanticismo É considerado por moitos como o máis grande poeta ruso e o fundador da literatura rusa moderna.Pushkin naceu na nobreza rusa en Moscova. O seu pai, Serguéi Lvovich Pushkin, pertencía a unha antiga familia nobre. O seu bisavó materno era o xeneral de división Abram Petrovich Gannibal, un nobre de orixe africana que foi secuestrado da súa patria polos otománs.
Non confundir coa fonte-monumento dos Cabalos da Praza de España en Vigo, nin coa Fonte dos Cabalos de Lalín.A Fonte das Pratarías, máis coñecida coma Fonte dos Cabalos (tamén Fonte dos Catro Cabalos ou dos Hipocampos) é unha fonte monumental de estilo barroco compostelán, obra de J. Pernas do ano 1825 que se atopa no centro da praza das Pratarías, na cidade vella de Santiago de Compostela. Está formada por catro cabalos que botan auga pola boca, por riba dos cales se ergue un pedestal coa Arca Marmórica rematado cunha figura feminina co brazo alzado sostendo a estrela de Compostela. O seu significado ten suscitado diferentes interpretacións ao longo dos anos, mais crese que se trata dunha alegoría á cidade de Compostela.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O Teatro de Thorikos (grego: Αρχαίο Θέατρο Θορικού), situado ao norte de Lavrio, era un antigo teatro grego na demo de Thorikos en Ática, Grecia. É un dos teatros gregos máis antigos coñecidos e foi construído arredor do 525-480 a.C. O teatro é inusual no seu deseño, xa que é alongado en lugar do típico semicírculo.
Saudade de ti é unha serie de televisión estreada en 2022 pola Televisión de Galicia, consta de 60 capítulos na primeira tempada, que foron emitidos entre xullo e setembro de 2022. A primeira tempada foi líder de audiencia na TVG. Foi seguida por máis de 150.000 espectadores cada noite, a primeira elección en horario de máxima audiencia en Galicia.En marzo de 2023 gravábase a segunda tempada en Ares. Foi estreada na TVG o domingo 18 de xuño de 2023, emitíndose os domingos, luns e martes.
O arroaz, Tursiops truncatus (Montagu 1821), é, entre todos os golfiños, a especie máis común e máis coñecida, porque adoita achegarse á costa e entrar no interior das rías, debido a que o seu comportamento social a achega ás proximidades dos barcos e mesmo dos nadadores, e porque é a que mellor se adapta ás condicións de catividade dos delfinarios, o que o converteu no protagonista habitual destes espectáculos. Está presente en augas quentes e temperadas de todo o mundo, en todos os océanos excepto no Ártico e no Antártico.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Julius Robert Oppenheimer, nado o 22 de abril de 1904 en Nova York e finado o 18 de febreiro de 1967 en Princeton, Nova Jersey, foi un físico teórico estadounidense de orixe xudía e profesor de física na Universidade de California, Berkeley. É un dos chamados «pais da bomba atómica» pola súa destacada participación no Proxecto Manhattan, o proxecto que conseguiu desenvolver as primeiras armas nucleares da historia durante a segunda guerra mundial. A primeira bomba nuclear foi detonada o 16 de xullo de 1945 na Proba Trinity en Novo México, Estados Unidos.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
As linguas nahuas ou aztecas son aquelas linguas da familia uto-azteca que sufriron un cambio fonético, coñecido como lei de Whorf, que cambiou unha *t orixinal por /tɬ/ antes de *a. Posteriormente, algunhas linguas nahuas cambiaron esta /tɬ/ a /l/ ou a /t/, pero aínda se pode ver que a lingua pasou por unha etapa /tɬ/. A lingua nahua máis coñecida é o náhuatl.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
O panarabismo (en árabe: العروبة) é unha ideoloxía política que defende a unificación dos países de África do Norte e Asia Occidental, dende o océano Atlántico até o mar Arábigo, os cales son coñecidos colectivamente como mundo árabe. Está estreitamente conectado co nacionalismo árabe, que defende a idea de que os árabes constitúen unha única nación. A súa popularidade acadou o seu cumio durante as décadas de 1950 e 1960.
O teixugo euroasiático, porco teixo, teixo, melandro ou tourón (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamosos, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis.Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.
Partido Comunista dos Traballadores de España
O Partido Comunista dos Traballadores de España (en castelán: Partido Comunista de los Trabajadores de España, abreviado PCTE) é un partido político comunista e marxista–leninista. Foi fundado o 3 de marzo de 2019 como resultado dunha escisión do Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE).
A Biblia de Kennicott, ás veces denominada primeira Biblia de Kennicott, é unha copia manuscrita da Biblia hebrea escrita na cidade da Coruña en 1476, sendo un dos manuscritos iluminados máis exquisitos que se coñecen en lingua hebrea; está considerado como unha das obras cume da ilustración medieval, e mesmo o manuscrito sefardí máis luxosamente ilustrado do século XV. O manuscrito foi redactado na cidade da Coruña polo calígrafo Moisés Ibn Zabarah e iluminado por Joseph Ibn Hayyim e foi descuberto no século XVIII. É considerado por algúns, como o historiador Carlos Barros, o manuscrito relixioso máis importante da Idade Media galega.O manuscrito recibe o seu nome de Benjamin Kennicott, un cóengo da catedral da Igrexa de Cristo de Oxford (Inglaterra), que mercou o manuscrito á Biblioteca Radcliffe, de onde foi transferido á Biblioteca Bodleian en 1872.Un dos aspectos máis destacados do exemplar é a estreita colaboración que amosa entre o autor do texto e o iluminador, algo poucas veces conseguido neste tipo de traballo, segundo o historiador da cultura xudía Cecil Roth.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 244.700 habitantes (INE, 2022); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
Alasca (en inglés: Alaska, [əˈlæskə] (AFI), escoitar) é o Estado con máis superficie dos Estados Unidos de América situado na parte noroccidental do continente, limitando por terra só co Canadá (ó leste), e por mar co océano Pacífico (sur), océano Glacial Ártico (norte) e a confluencia de ambos os dous no estreito de Bering (oeste). A súa capital é Anchorage. Comprado ó imperio ruso en 1867 por 7 millóns de dólares, é o territorio estadounidense con menor densidade de poboación de 0,42 hab/km², sendo o cuarto con menor poboación, tras Wyoming, Dacota do Norte e Vermont.