Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
O automóbil é un vehículo que se despraza sobre rodas autopropulsado por un motor propio e destinado ao transporte de persoas ou mercancías sen necesidade de carriles. Diferentes tipos de automóbiles inclúen o coche, o autobús, a furgoneta e o camión. Desprázase grazas a un motor de explosión a base dunha mestura de gasolina, ou gasóleo, e aire.
Unidade de procesamento gráfico
A unidade de procesamento gráfico (Graphics Processing Unit) ou GPU, tamén coñecida como unidade de procesamento visual (Visual Processing Unit) é un microprocesador (ou acelerador gráfico) para computadores persoais, videoconsolas e outros dispositivos que requiran de gran cantidade de imaxes xeradas por computador. As GPUs modernas son moi eficientes manipulando e mostrando gráficos por computador, e a súa estrutura de alto paralelismo fainas moito máis efectivas que as típicas CPUs para un amplo rango de algoritmos complexos. Unha GPU pon en funcionamento un número de operacións gráficas primitivas cunha rapidez maior que unha CPU. As operacións máis comúns para os primeiros gráficos 2D inclúen o copiado rectangular de zonas de memoria (como as xanelas ou os videoxogos), coñecido polo termo inglés de blitter, e tamén operacións de recheo de rectángulos, triángulos, círculos, e demais formas xeométricas.
O estranxeiro (en francés, L'Étranger) é unha novela publicada en 1942, a primeira do escritor Albert Camus. O estranxeiro adoita asociarse á filosofía do absurdo e ao existencialismo, aínda que Camus sempre se distanciou desta última etiqueta. O protagonista, Meursault, é un francés alxeriano indiferente á realidade por resultarlle absurda e inabordable.
Ray Douglas Bradbury, nado en Waukegan (Illinois) o 22 de agosto de 1920 e finado o 6 de xuño de 2012, foi un escritor estadounidense de ciencia ficción e de misterio. Deuse a coñecer polos seus relatos breves de ciencia ficción, que deron lugar á colección de Crónicas marcianas publicadas en 1950. É coñecido sobre todo pola súa novela Fahrenheit 451 na que se describe un mundo no que os libros están prohibidos e o pensamento crítico é perseguido.
Santorio Santorio ou Sanctorius de Padua, nado o 29 de marzo de 1561 en Capodistria e finado o 22 de febreiro de 1636 en Venecia, foi un fisiólogo, físico e profesor italiano. Entre 1611 a 1624, foi profesor en Padua, onde realizou experimentos sobre a temperatura, a respiración e o peso. Santorio estudou o que chamou "transpiración insensíbel" e orixinou o estudo do metabolismo.
A lectura é o proceso que permite que, tras visualizar detidamente un texto, poidamos entender, interpretar ou maxinar o seu contido. A lectura é un acto comunicativo que precisa dun emisor, dunha mensaxe, dun código e dun receptor que o dea interpretado. A lectura non é unha actividade neutra: pon en xogo o lector e unha serie de relacións complexas co texto, o que le, o que desenvolve a lectura, é o receptor.
General Dynamics F-16 Fighting Falcon
O F-16 Fighting Falcon é un caza lixeiro monomotor de combate multipropósito, desenvolvido pola firma estadounidense General Dynamics para a USAF. Acada velocidades de Mach 2 e está deseñado para levar ata 9.726 kg de armamento. Orixinalmente deseñado como avión de combate lixeiro diúrno, foi evolucionando ata converterse nun extraordinario cazabombardeiro todo tempo. As súas excelentes cualidades fixeron que, ademais dos Estados Unidos, 23 países o mercasen, converténdoo no programa de aviación militar máis exitoso de occidente, con ao redor de 4.500 avións construídos.
O Empire State Building é un rañaceos de 102 plantas dedicado a oficinas situado na Quinta Avenida entre a intersección das rúas 33 e 34 de Manhattan no oeste da cidade de Nova York, en Estados Unidos. A súa altura é de 381 metros, pero acada 443 metros contando coa antena. O nome do edificio deriva do alcume que ten o Estado de Nova York: "Empire State" ("Estado do Imperio").
A Fédération Internationale de Football Association ou Federación Internacional de Fútbol (FIFA) é a institución que dirixe internacionalmente as asociación deportivas de fútbol. Fundouse o 21 de maio de 1904 e ten a súa sede en Zúric, en Suíza. Forma parte do FA Board Internacional, organismo encargado de modificar as regras do xogo.
O Apollo Theater (Apollo Theatre) da rúa West 125th, entre Adam Clayton Powell Jr. Boulevard e Frederick Douglass Boulevard no barrio de Harlem en Manhattan, Nova York é unha sala de música que é coñecida polos seus artista afroamericanos. Foi o fogar do Showtime at the Apollo, un programa de televisión, emitido entre 1987 e 2008, que amosaba novos talentos.
Zopheridae (zoféridos) é unha familia de escaravellos que creceu considerablemente nos últimos anos pola incorporación de membros doutras familias; estas familias anteriores eran os Monommatidae e os Colydiidae, que agora están incluídos en Zopheridae como subfamilias ou (no último caso) incluso como tribo da subfamilia Zopherinae. Algúns autores aceptan ata seis subfamilias dentro do grupo, mentres que outros inclúen todas menos Colydiinae dentro de Zopherinae. A familia ten aproximadamente 190 xéneros e 1700 especies, que se encontran por todo o mundo.
O tiranosauro (Tyrannosaurus; que significa literalmente "réptil tirano") é un xénero extinto de dinosauro terópodo do clado dos coelurosauros. A especie Tyrannosaurus rex (onde rex quere dicir "rei" en latín), tamén chamada T. rex ou coloquialmente T-Rex, é unha das máis coñecidas dos grandes terópodos. O tiranosauro habitou no que no presente é o oeste de América do Norte, e que outrora era unha illa continente chamada Laramidia.
O gato ou gato doméstico (Felis silvestris catus ou Felis catus), chamado familiarmente micho ou mico, é un mamífero doméstico da familia dos felinos, con unllas retráctiles, carnívoro, de pelaxe espesa e suave. Os humanos adoitan valorar estes animais pola súa compañía e pola súa capacidade de cazar pequenos animais coma os ratos. Existen máis de setenta razas de gatos recoñecidas por varios rexistros.
Ricciardo e Zoraide (en galego Ricardo e Zoraida) é unha ópera seria en dous actos con música de Gioachino Rossini e libreto en italiano de Francesco Berio di Salsa (quen xa escribira o libreto para Otello de Rossini en 1816) baseado nos cantos XIV e XV do poema épico ''Ricciardetto (1738) de Niccolò Forteguerri. A súa estrea tivo lugar no Teatro San Carlo de Nápoles o 3 de decembro de 1818.
O Košarkaški klub Cibona, comunmente coñecido como Cibona Zagreb, é un club de baloncesto da cidade de Zagreb, Croacia. Actualmente compite na A1 Liga, a máxima competición do baloncesto croata, así como na Liga do Adriático e a Euroliga. Disputa os seus partidos como local no Dražen Petrović Basketball Hall, cunha capacidade para 5.400 espectadores.
Un quilómetro (escrito con q na súa forma plena, pero abreviado km por convención internacional) é unha unidade de medida derivada do metro, e equivale a mil (1.000) metros. O seu símbolo é km no Sistema Internacional. Nótese que se escribe con minúscula e sen punto, a non ser que coincida no fin dunha frase.
Un vilán é unha persoa malvada, especialmente na ficción. Os viláns son personaxes de ficción, ou quizais personaxes novelados, en dramas e melodramas que exercen a maldade deliberadamente e se enfrontan ó heroe. Como tales, os viláns son un recurso argumental case inevitable, e máis que os heroes, elementos cruciais sobre os que xira a trama.
BodyPump é un programa grupal de adestramento baseado no levantamento de halteres de pesos, creado e distribuído internacionalmente por Les Mills International. Creado en 1991 por Phillip Mills en Auckland, Nova Zelandia, en 2015 estaba dispoñíbel en máis de 100 países e en 17500 clubs deportivos de todo o mundo.As clases de BodyPump teñen unha duración de 60 minutos e conteñen oito cancións ou "tracks", cada unha das cales se centra nun grupo muscular diferente, ademais dun track para o quecemento ao comezo da clase e outro ao final para relaxación, alongamentos e estiradas. Existen tamén outros formatos da mesma clase cunha duración de 45 e 30 minutos, os cales omiten certos grupos musculares.
Valence pode referirse a: Valence, Charente, unha comuna francesa no departamento de Drôme na rexión de Ródano-Alpes. Valence, Drôme, unha comuna francesa no departamento de Drôme na rexión Ródano-Alpes. Valence, Tarn-et-Garonne, unha comuna francesa no departamento de Tarn-et-Garonne na rexión Mediodía-Pireneos.
Marco Licinio Craso, en latín Marcus Licinius Crassus, (112 a.C. 53 a.C.) foi, na súa época, un dos homes máis ricos de Roma e recibiu por iso o cognome de Dives. Foi cónsul por dúas veces, no 70 e no 55 a.C., ambas xunto a Pompeio. Aínda así, a súa influencia no mundo político era limitada polo feito de ser un home ligado ao mundo dos negocios, o que non era considerado propio para un senador.
O post-disco foi un xénero musical que comezou a finais da década de 1970 nos Estados Unidos, comezando en Chicago e estendéndose por todo o país, e que rematou coa aparición masiva da música house a finais da década de 1980. Post-disco pode referirse tamén ó movemento disco iniciado por artistas urbanos de Nova York que comezaron un estilo de seu en resposta á comercialización excesiva e á decadencia da cultura disco.
O quilovatio-hora, simbolizado kWh, é unha unidade de enerxía. Equivale á enerxía correspondente a unha potencia dun quilovatio (kW) durante unha hora, que corresponde a 3,6 millóns de joules. O quilovatio hora úsase xeralmente para a facturación da enerxía eléctrica, dado que é máis práctico de utilizar que a unidade de enerxía do Sistema Internacional de Unidades, o joule, o cal corresponde a un vatio por segundo (W·s), que sendo como é unha unidade pequena, obrigaría a empregar cifras grandes.
O paradoxo de Fermi xorde da aparente contradición entre as altas estimacións de probabilidade de existencia de civilizacións extraterrestres (como na ecuación de Drake), e a manifesta falta de evidencia da existencia de tales civilizacións. A ecuación de Drake para estimar o número de civilizacións extraterrestres coas que eventualmente poderíamos poñernos en contacto parece implicar que tal tipo de contacto non é extremadamente raro. A resposta de Fermi a esta conclusión é que se houbese numerosas civilizacións avanzadas na nosa galaxia entón "Onde están?
Tolosaldea é unha comarca do leste de Guipúscoa, en Euskadi. Engloba os concellos situados nos arredores da principal localidade da zona, Tolosa, que tamén é a capital da comarca. Limita polo norte con Donostialdea, polo oeste con Urola Kosta, polo sur con Goierri e polo leste con Navarra, concretamente coa comarca de Leitzaldea.
Parque Xurásico (en inglés: Jurassic Park) é un filme de 1993, dirixido por Steven Spielberg e con guión baseado no libro homónimo de Michael Crichton. É o primeiro filme da franquía Jurassic Park, e o guión foi escrito entre Crichton e David Koepp. O filme está ambientado na illa ficticia de Nublar, localizada na costa pacífica de América Central, preto de Costa Rica, onde un filántropo billonario e o seu equipo de científicos xenetistas crearon un parque temático de dinosauros clonados.
Partit Comunista dels Valencians
O Partit Comunista dels Valencians (PCV) foi un partido comunista valenciano creado en maio de 1987 como unha escisión dirixida por Víctor Baeta do Partit Comunista del País Valencià. A escisión tivo lugar pola, segundo o PCV, morna postura do PCPV á hora de dar apoio ás loitas veciñais do barrio de Benimaclet polo trenet, xa que as protestas ían en contra do PSPV-PSOE, partido que gobernaba na Xeneralidade Valenciana co apoio dos comunistas. En novembro de 1991 o PCV integrouse no Moviment de Defensa de la Terra (sector IPC).
Front Nacional de Catalunya (FNC) foi unha organización política catalá fundada en Perpiñán como fronte patriótica de organizacións políticas nacionalistas catalás no exilio tras a guerra civil española. En 1942 Nosaltres Sols, Estat Català e a Federació Nacional d’Estudiants Nacionalistes participaron na creación da FNC e a organización traballou durante a segunda guerra mundial como aliada da resistencia francesa e dos servizos de intelixencia polacos e británicos e organizando o paso polos Pireneos ata España de máis de 800 aviadores aliados, xudeus e outros fuxitivos. A FNC reivindicaba o dereito á autodeterminación, organizou unha sección militar no interior que foi desartellada pola policia en 1946.
Hanabiko "Koko", nada o 4 de xullo de 1971 e finada o 21 de xuño de 2018, foi unha Gorilla gorilla gorilla coñecida por aprender un gran número de sinais dunha versión modificada da lingua de sinais americana. A súa coidadora, Francine "Penny" Patterson, afirma que Koko era quen de entender máis de 1 000 sinais do que Patterson chama "lingua de sinais gorila" (GSL). En contraste con outros intentos experimentais de ensinar a lingua de sinais a primates, Patterson expuxo ó mesmo tempo a Koko ó inglés falado dende moi cativa.
Os glicosaminoglicanos (GAG), antes chamados mucopolisacáridos, son un tipo de heteropolisacáridos formados por cadeas longas e non ramificadas de azucres compostas xeralmente por unha unidade repetitiva de disacárido coa fórmula xeral (azucre ácido - aminoazucre)n. Constitúen a fracción glicídica dos proteoglicanos, un tipo de biomoléculas formadas por proteínas e polisacáridos de función estrutural presentes fundamentalmente no tecido conectivo, epitelial e óseo, e no medio intercelular. O aminoazucre dos glicosaminoglicanos pode ser D-glicosamina ou D-galactosamina, e nel o grupo amino está normalmente acetilado coa fin de eliminar a súa carga eléctrica positiva, pero tamén pode levar un grupo sulfato no carbono 4 ou 6 ou nun nitróxeno non acetilado.
Red Dead Redemption 2 é un videoxogo de acción e aventura do 2018 desenvolvido e publicado por Rockstar Games. O xogo é a terceira entrada na saga de videoxogos Red Dead e un precuela do xogo do 2010 xogo Red Dead Redemption. A historia é unha representación ficticia dos Estados Unidos en 1899 e segue as proezas do proscrito Arthur Morgan, un membro da banda de Van der Linde, e teñen que lidiar co decline Vello Oeste mentres tentan sobrevivir contra forzas de goberno, bandas rivais, e outros adversarios.
O Reino de Nápoles foi un reino que ocupou os territorios da Italia meridional (Nápoles) e durante algúns períodos tamén a illa de Sicilia. En 1442 Afonso V, rei de Aragón, conquistou Nápoles que foi un dominio da dinastía Anxevina dende o ano 1266. Dende o século XV, Nápoles estivo en poder tanto de Aragón, Francia (durante un curto prazo), España e Austria e finalmente independente dende 1734 ata 1860, ano no que quedou incorporado ao proceso de unificación de Italia.
Simone Lucie Ernestine Marie Bertrand de Beauvoir máis coñecida coma Simone de Beauvoir, nada en París o 9 de xaneiro de 1908 e finada na mesma cidade o 14 de abril de 1986, foi unha novelista francesa, filósofa existencialista e feminista figura importante na reivindicación dos dereitos da muller. Escribiu novelas, ensaios, biografías e monográficos sobre temas políticos, sociais e filosóficos. O seu pensamento enmárcase dentro do existencialismo e obras como O segundo sexo son elementos fundacionais do feminismo.
Microsoft Windows Vista é a versión do sistema operativo Windows que sucede a Windows XP. Durante o seu desenvolvemento foi coñecido como Windows Longhorn. Foi lanzado o 30 de novembro de 2006 para o mundo empresarial a través de licenzas Open, mentres que o resto das versións empaquetadas para o usuario final saíron á venda o 30 de xaneiro de 2007.
O voo 705 de Federal Express foi un McDonnell Douglas DC-10-30 de carga que transportaba equipos electrónicos dende Memphis, Tennessee ata San Jose, California que intentou ser secuestrado o 7 de abril de 1994 por Auburn Calloway, que supostamente quería suicidarse. Calloway, un empregado de Federal Express, enfrontábase a un posible despedimento por mentir sobre as súas horas de voo. Embarcou no avión voando gratis levando unha funda de guitarra que ocultaba varios martelos e un arpón.
Déixame saír (en inglés: Get Out) é un filme estadounidense de terror escrito, coproducido e dirixido por Jordan Peele, no seu debut como director. Está protagonizado por Daniel Kaluuya, Allison Williams, Lil Rel Howery, Bradley Whitford, Caleb Landry Jones, Stephen Root e Catherine Keener, e conta a historia dunha parella interracial que visita a misteriosa casa dos pais dela. Déixame saír estreouse no Festival de Cinema de Sundance o 24 de xaneiro de 2017, e nos cines dos Estados Unidos de América o 24 de febreiro, con Universal Pictures.
Coñécese como África Austral, África do Sur ou África subsahariana, á parte sur do continente africano. Comprende o conxunto de territorios situados ao sur do Sáhara. Normalmente considérase que forman parte desta magna rexión africana os seguintes territorios e estados: Angola Botswana Comores Eswatini Lesoto Madagascar Malawi Mauricio Mayotte (dependencia francesa) Mozambique Namibia Reunión (dependencia francesa) Santa Helena (dependencia británica) Suráfrica Zambia ZimbabueNalgúns lados tamén se inclúen as Seychelles e o Territorio Británico no Océano Índico, e noutros exclúense os estados insulares das Comores, Madagascar e Mauricio e as dependencias francesas de Mayotte e a Reunión, considerándoas partes da África Oriental.
Wu Zetian, nada o 17 de febreiro de 624 e finada en Luoyang o 16 de decembro de 705, tamén chamada Wu Zhao, Wu Hou, Tian Hou durante o final da dinastía Tang, foi unha soberana chinesa que goberno non oficialmente como emperatriz consorte e oficialmente como rexente e emperatriz viúva e como emperatriz reinante. Durante vinte e cinco anos, cogobernou co seu marido e fillos e por quince co seu propio nome (皇帝) durante a breve dinastía Zhou (周, 690–705), que interrompeu a dinastía Tang. Wu é a única emperatriz recoñecida na China en máis de dous milenios.
Rusia no Festival de Eurovisión Júnior
Rusia debutou no Festival de Eurovisión Júnior na edición do ano 2005. Obtivo a súa primeira vitoria na súa segunda aparición no 2006, cando as Xemelgas Tolmachevy, gañaron o festival coa canción "Vesenniy Jazz". A cadea RTR reprensentou a Rusia no Festival de Eurovisión Júnior, seleccionando a Ekaterina Ryabova como representante do país na edición de 2009 en Kíiv coa canción "Malenkiy prints".
Os dispositivos ou aparatos electrónicos consisten nunha combinación de diversos elementos ou compoñentes organizados en circuítos, destinados a controlar e aproveitar os sinais eléctricos, a diferenza dun dispositivo eléctrico, o cal serve para controlar e aproveitar o fluxo da corrente eléctrica. Comparemos o funcionamiento dun dispositivo eléctrico e dun dispositivo electrónico para notar mellor o concepto anterior: Unha lámpada eléctrica aproveita o fluxo eléctrico para producir enerxía luminosa, mentres que un aparato amplificador de son gobernará, mediante os seus circuítos electrónicos, os sinais provenientes dun micrófono, e os sinais excitadores dos altofalantes. Un ordenador, está composto de diferentes dispositivos e circuítos electrónicos que cumpren variadas funcións, esencialmente gobernando sinais eléctricos, como por exemplo os producidos na unidade láser do lector de CD-ROMs.
Sabela Ramil Rivera, coñecida artisticamente como Sabela, nada en Bravos, Ourol, o 1 de outubro de 1993, é unha cantante e compositora galega que se fixo coñecida pola súa participación no concurso musical de televisión Operación Triunfo, no ano 2018. En canto á súa voz trátase dunha voz de música popular rasgada, que entraría dentro do rango de mezzosoporano.
Un cumio (tamén chamado bico, cima, cume, cúspide ou pico) é, en topografía, un punto dunha superficie que é máis elevado en altitude que todos os puntos inmediatamente adxacentes a el.Xeralmente, o termo cumio só é empregado para os picos montañosos que posúen un grao significativo de prominencia topográfica ou singularidade topográfica (gran distancia ao momento máis próximo de maior elevación); así, un bloque rochoso próximo á cima principal dunha montaña non é considerado un cumio.
As amígdalas palatinas, tamén chamadas tonsilas palatinas (en latín tonsilla palatina) son dúas tonsilas de tecido linfoide situadas nos lados esquerdo e dereito da parte posterior da garganta, que adoitan verse como vultos de cor carnosa ou rosada. Só teñen aspecto branco cando se inflaman ou están infectadas con síntomas de exsudados (drenaxes de pus) e inchamento. A amigdalite (tamén chamada popularmente anxinas) é unha inflamación das amígdalas palatinas, que con frecuencia pode causar dor de gorxa e febre.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
En anatomía, a amígdala farínxea, tamén chamada tonsila farínxea (en latin tonsilla pharyngea) ou adenoide é unha masa de tecido linfático situada na parte posterior das fosas nasais, no teito da nasofarinxe, onde as fosas nasais se comunican coa garganta. O agrandamento da amígdala farínxea denomínase hipertrofia adenoide, coñecida como vexetacións adenoides, que pode dificultar o paso de aire.
As amígdalas linguais ou tonsilas linguais (en latín tonsilla lingualis) son unhas masas de tecido linfático localizadas na lámina propia da raíz da lingua. Este tecido linfático consta de ganglios linfáticos con abundantes células do sistema inmunitario (inmunocitos). Os inmunocitos inician a resposta inmune cando as amígdalas linguais se poñen en contacto con microorganismos invasores patóxenos (bacterias, virus ou parasitos).
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Un TECOR societario é un tipo de TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) promovido polas sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas. A súa sinalización está indicada por carteis de forma rectangular cunha diagonal do lado superior esquerdo ao inferior dereito; a metade inferior en negro e a superior en branco.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.