Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
A arquitectura cliente-servidor é un modelo de aplicación no que as tarefas son divididas entre os provedores de recursos e servizos, chamados servidores, e os demandantes, chamados clientes. Un cliente fai as peticións a outro programa, o servidor, que dá resposta. Esta idea pode ser aplicada a programas executados nun único ordenador, aínda que sexa máis vantaxosa nunha contorna distribuída a través dunha rede de comunicacións.
Stanford Encyclopedia of Philosophy
A Enciclopedia de filosofía de Stanford (SEP) é unha enciclopedia de libre acceso en liña mantida pola Universidade Stanford. A enciclopedia desenvolveuse inicialmente con fondos públicos do NEH e do NSF. Un plan de recollida de fondos a longo prazo co fin de asegurar o libre acceso á enciclopedia está apoiado a nivel mundial por varias universidades e consorcios de bibliotecas. Ditas institucións contribúen baixo un plan formulado polo SEP en colaboración coa Scholarly Publishing and Academic Resources Coalition (SPARC), a International Coalition of Library Consortia (ICOLC) e a Southeastern Library Network (SOLINET), con fondos equiparados pola NEH. Cada entrada é escrita e mantida por un experto no tema, incluíndo a profesores de máis de 65 Institucións académicas arredor do mundo.
A licenza MIT (ou licenza X11 ou MIT X) é unha licenza de software libre permisiva Esta licenza creárona avogados no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) fundamentándose na licenza BSD e facéndoa máis sinxela.. Como o MIT liberou diversas licenzas a Free Software Foundation refírese a esta licenza chamándoa Licenza X11. Dálle ese nome porque é a licenza do xestor gráfico X Window System.
Moishe Zakharovich Shagalov, nado en Viciebsk (Belarús, entón no Imperio Ruso) o 7 de xullo de 1887 e finado en Saint-Paul de Vence (Francia) o 28 de marzo de 1985, foi un pintor francés de orixe xudía belaruso, de estiño surrealista, máis coñecido como Marc Chagall. En 1960 foi galardoado co Premio Erasmus.
O dólar estadounidense (en inglés United States dollar, U.S. dollar ou, simplemente, dollar) é a moeda oficial dos Estados Unidos dende o 6 de xullo de 1785. A Reserva Federal é o órgano encargado da súa emisión. O seu símbolo é $, aínda que o código ISO 4217 para o dólar norteamericano é USD e o Fondo Monetario Internacional utiliza US$ .
Eugene Luther Gore Vidal, máis coñecido como Gore Vidal, nado en West Point (Nova York) o 3 de outubro de 1925 e finado nos Ánxeles o 31 de xullo de 2012, foi un escritor, ensaísta, militar, guionista e periodista estadounidense, candidato ao Premio Nobel de Literatura. Durante gran parte dos últimos anos do século XX, Vidal dividiu o seu tempo entre Ravello (Italia, na Costa Amalfitana), e Os Ánxeles. En 2003, vendeu a súa casa de Ravello para pasar a maior parte do seu tempo nos Ánxeles.
Marius Ivanovich Petipa (ruso: Ма́риус Ива́нович Петипа́), nado Victor Marius Alphonse Petipa o 11 de marzo de 1818 en Marsella (Francia) e finado en Gurzuf (Imperio Ruso) o 1 de xulloxul./ 14 de xullo de 1910greg., foi un bailarín, pedagogo e coreógrafo francés e ruso. Petipa adicou case sesenta anos da súa vida ao ballet e é considerado o mestre de ballet e coreógrafo máis influente da historia do ballet, sendo denominado como o "pai do ballet clásico".
.jp é o código de internet do dominio de nivel superior (ccTLD) do Xapón, administrado polo Servizo de Rexistro do Xapón. Cando se estableceu o dominio .jp administrouno o JPNIC, como parte do seu papel como corpo técnico de supervisión para Internet no Xapón. Con todo, debido á importancia crecente e ó tamaño do rexistro do .jp, decidiuse na 11ª xuntanza xeral do JPNIC en decembro de 2000 crear unha nova corporación que administraría o dominio .jp.
Os Bronces de Riace coñecidos tamén como Guerreiros de Riace, son unha parella de estatuas gregas do século -V, que se expoñen no Museo nacional da Magna Grecia da cidade de Regio de Calabria. Son dous dos poucos exemplos en bronce que quedan da arte grega antiga, xunto co Poseidón do Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas e co auriga de Delfos. Foron atopadas preto da localidade de Riace, na provincia de Regio en 1972.
007: Nunca digas endexamais (en inglés: Never Say Never Again) é un filme da saga de James Bond estreado en 1983. Foi dirixido por Irvin Kershner e está protagonizado por Sean Connery. O guión foi escrito por Lorenzo Semple Jr., coa colaboración non acreditada de Dick Clement e Ian La Frenais, a partir dunha historia de Kevin McClory, Jack Whittingham e Ian Fleming.
A diferenza que se fai de Europa occidental fronte a Europa oriental (ou mesmo central), é máis por motivos culturais e históricos que propiamente xeográficos (como acontece con outras rexións). Basicamente, os estados de Europa occidental comparten a tradición do anhelo democrático dende a Revolución francesa (1789) e posterior invasión napoleónica. Durante a primeira guerra mundial, eran estados occidentais os que defendían a vía democrática (Reino Unido, Francia, Benelux,...) fronte ás políticas imperiais (Imperio Alemán, Imperio Austrohúngaro, Reino de Italia,...).
Der Hase und der Igel, en galego O ourizo e a lebre, é un conto ou Schwank (farsa humorística, na clasificación ATU 275C). Está nos Contos infantís e domésticos (Kinder- und Hausmärchen) dos irmáns Grimm na 5ª Edición de 1843 no lugar 187 (KHM 187) en baixo alemán e procede do Hannoversche Volksblatt de Wilhelm Schröder de 1840 (Ein plattdeutsches Volksmärchen. Dat Wettlopen twischen den Hasen un den Swinegel up de lütje Heide bi Buxtehude.
Salamanca é unha cidade española, capital da provincia homónima, na Comunidade Autónoma de Castela e León. Está situada na comarca do Campo de Salamanca, xunto ao río Tormes, e forma parte da rexión histórica do Reino de León. Tiña unha poboación de 154.462 habitantes, e a súa área metropolitana acadaba os 213.399 (datos de 2010), sendo a segunda área máis poboada da comunidade, tras Valladolid.
Samoa Americana (samoano: Amerika Sāmoa, [aˈmɛɾika ˈsaːmʊa], tamén Amelika Sāmoa ou Sāmoa Amelika) é unha colonia dos Estados Unidos no Océano Pacífico sur ao sueste do independente estado de Samoa. Está situada a 7.700 km da costa americana. En realidade o nome fai referencia ao xentilicio dos Estados Unidos, por contraposición á Samoa Alemá tras a repartición entre as potencias coloniais.
Abdelkader Bensalah (en árabe: عبد القـادر بن صالح), nado en Fellaoucene (Alxeria francesa) o 24 de novembro de 1941 e finado en Alxer o 22 de setembro de 2021, foi un xornalista e político alxeriano. Membro da Agrupación Nacional para a Democracia (RND), preside dende 2002 o Consello da Nación, a cámara alta do Parlamento alxeriano. Dende o 2 de abril e o 19 de decembro de 2019 exerceu como presidente interino de Alxeria, en substitución de Abdelaziz Bouteflika.
Unha imaxe (do latín imago) é unha representación visual, que manifesta a aparencia visual dun obxecto real ou imaxinario. Aínda que o termo adoita entenderse como sinónimo de representación visual, tamén se aplica como extensión para outros tipos de percepción, como imaxes auditivas, olfativas, táctiles, sinestésicas etcétera. As imaxes que a persoa non percibe senón que vive interiormente son denominadas imaxes mentais, mentres que se designan como imaxes creadas (ou ben como imaxes reproducidas, segundo o caso) as que representan visualmente un obxecto mediante técnicas diferentes: debuxo, deseño, pintura, fotografía ou vídeo, entre outras.
Long Duration Exposure Facility
LDEF (acrónimo de Long Duration Exposure Facility) foi un satélite artificial estadounidense lanzado o 6 de abril de 1984 mediante o transbordador espacial Challenger durante a misión STS-41-C desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral.
Mosca é o nome común dun extenso grupo de especies de insectos pertencentes á orde dos dípteros (Diptera). Foron clasificadas unhas 120.000 especies de moscas, e algúns científicos estiman que hai un millón de especies vivas hoxe en día. Así pois, unha de cada dez especies animais recoñecidas pola ciencia é unha mosca, e existen máis especies distintas de moscas que de vertebrados.
Un factor de virulencia é unha molécula producida por un axente infeccioso (bacterias, virus, fungos, protozoos) que contribúe ao carácter patóxeno (a virulencia) deses organismos e lles permite: ocupar un nicho no hóspede (colonización), o que ocorre polo movemento cara ás súas células e a unión ás mesmas ; escapar ao sistema inmunitario do hóspede (inmunoevasión) ; inhibir o sistema inmunitario do hóspede (inmunosupresión) ; entrar e saír das células do hóspede no caso de infeccións intracelulares (o que é típico dos virus) ; absorber os nutrientes do hóspede.
Una locución é, en gramática, o grupo estable de dúas ou máis palabras que funciona como una unidade léxica con significado de seu, non derivado do literal das palabras que o forman. Segundo a Gramática da lingua galega de Rosario Álvarez e Xosé Xove, "cando os adverbios, preposicións e conxuncións constan de máis dunha palabra e ó mesmo tempo se escriben separadamente denomínanse habitualmente locucións".
Stranger Things é unha serie de televisión estadounidense do xénero sobrenatural, ciencia ficción e terror creada polos Irmáns Duffer. Foi escrita e dirixida por Matt e Ross Duffer e o seu produtor executivo é Shawn Levy. A primeira tempada, estreada en xullo de 2016, está protagonizada por Winona Ryder, David Harbour, Finn Wolfhard, Millie Bobby Brown, Gaten Matarazzo, Caleb McLaughlin, Natalia Dyer, Charlie Heaton, Cara Buono e Matthew Modine, xunto con Noah Schnapp e Joe Keery nos papeis secundarios.
Chairs Missing é o segundo álbum de estudio da banda inglesa de rock Wire, publicado en agosto de 1978 a través do selo Harvest Records. O disco chegou ao número 48 na lista británica de álbums.Aínda que conta con algo do punk rock minimalista do seu álbum de estrea Pink Flag, ten unhas estruturas de cancións máis desenvolvidas (con influencias do rock progresivo, a psicodelia e o art rock dos 70), e teclados e sintetizadores traídos polo produtor Mike Thorne, ademais dunha paleta máis ampla de temas emocionais e intelectuais. O título é un termo de argot británico que fai referencia a unha persoa levemente perturbada.
Un aceno ou xesto é unha forma de comunicación non verbal feito cunha parte do corpo, pódese usar para substituír ou complementa-la comunicación verbal. Os acenos xogan un papel fundamental en moitos aspectos da vida humana e tamén son importantes nos animais, os acenos úsanse para inicia-lo rito do cortexo. Os acenos espirituais e relixiosos son tamén comúns, como o signo cristián da cruz.
A polgada (en inglés inch) é unha unidade de lonxitude que foi, con distintos valores, case universal, e que agora se utiliza aínda e principalmente en países anglosaxóns (Estados Unidos, Gran Bretaña etc.). En case todos os demais países utilízase o metro como medida de lonxitude (os países mencionados están en proceso de transición). Orixinalmente a polgada foi unha unidade de lonxitude antropométrica que equivalía ao ancho da primeira falanxe do polgar, e máis especificamente á súa falanxe distal.[Cómpre referencia] Foi utilizada en moitos países, con diferentes equivalencias (moi probablemente dependendo da anchura da falanxe do gobernante que fixou a medida ou, máis ben, do tamaño desa falanxe que quería ter o gobernante para que os súbditos o tivesen por alguén moi grande).[Cómpre referencia] Pero tras a introdución do sistema métrico decimal no século XIX, foise abandonando en case todo o planeta, salvo nos países da angloesfera (aínda que tamén neles estase empezando a adoptar o Sistema Internacional de Unidades).
O cabo Cod (Cape Cod en inglés), coñecido popularmente en inglés como the Cape (o cabo), e denominado cabo de Keel polos antigos exploradores nórdicos, é unha península no extremo oriental do estado de Massachusetts, no nordeste dos Estados Unidos. O seu territorio coincide co condado de Barnstable. Moitas pequenas illas achegadas, incluíndo Monomoy, Monmoscoy, Popponesset e Seconsett, pertecen tamén ao condado, como parte dos municipios do cabo.
BARTOC, siglas para Basel Register of Thesauri, Ontologies & Classifications (en galego: Rexistro de Tesauros, Ontoloxías e Clasificacións de Basel) é unha base de datos de Sistemas de Organización do Coñecemento creada na Universidade de Basel, Suíza. O seu obxectivo principal é documentar nun único punto de acceso os sistemas de organización do coñecemento (KOS) como son as clasificacións, os tesauros e os rexistros de autoridades de xeito que teñan maior visibilidade, se destaquen as súas características e poidan buscarse e compararse, fomentando que se comparta o coñecemento. A diferenza doutros rexistros de terminoloxías, BARTOC inclúe calquera tipo de KOS de calquera área do coñecemento, en calquera lingua, sexa cal sexa o seu formato ou forma de acceso.
A varicela é unha doenza infecciosa causada polo virus varicela-zóster, pertencente á familia dos herpesvíridos, que tamén causa o herpes zóster. Preséntase principalmente en nenos de entre un e nove anos de idade. A infección en adolescentes e adultos adoita ser máis severa e ten maior risco de complicacións como a enfermidade pulmonar intersticial.
Unha caricatura é un retrato que esaxera ou distorsiona a esencia, ben dos caracteres físicos, ben dos éticos, dunha personaxe mediante procedementos moi diversos (contrastes, técnicas de degradación, léxico,...), mais creando un parecido facilmente identificábel. Na maioría dos casos as caricaturas son cómicas ou satíricas e mesmo poden ser ruíns, crueis, hilarantes,... Cando a distorsión da realidade é aberrante chégase ó esperpento.
Saint-Denis é unha comuna francesa situada no departamento de Seine Saint-Denis na rexión de Illa de Francia. Saint-Denis localízase nos suburbios de París, a 9,4 km ao norte de devandita cidade. Nesta localidade atópanse a necrópole real da Basílica de Saint-Denis e o estadio nacional de Francia, o Stade de France, construído para albergar a Copa Mundial de Fútbol de 1998.
Os Fomoré, Fomorianos ou Fomoireos, eran, na mitoloxía de Irlanda, os deuses da morte, do mal e da noite, aberracións infernais que tiñan variadas formas: algúns cun ollo, un pé e unha man; outros tiñan cacholas de animais, xeralmente de cabra, aínda que outros non, coma Elatha, que era loiro e fermoso. Eran malévolas divindades humanizadas do Ciclo Mitolóxico de Irlanda, coñecidas principalmente pola súa aparición no Leabhar Gabhála (libro das invasións de Irlanda) e o Cath Mag Tuired (a segunda batalla de Mag Tuired). Os monxes escribas medievais representáronos como demos aínda que os críticos literarios afirman que se tratan de divindades personificadas, e como se trata de textos extraídos da tradición oral irlandesa na Idade media polos monxes cristiáns, estes representáronos como piratas ou demos.
A chacona está comprendida nas danzas populares españolas, con metro ternario, tempo moderado e variación continua das voces superiores sobre baixo ostinato. No século XVII difundiuse por toda Europa a través de España (aínda que existen defensores da súa orixe hispanoamericana). Apareceu orixinalmente en coleccións de guitarra con patróns comúns de acordes/baixo.
O glaciar (do latín glacies) é unha grosa masa de xeo que se orixina na superficie terrestre por compactación e recristalización da neve, mostrando evidencias de fluxo no pasado ou na actualidade. A súa existencia é posíbel cando a precipitación anual de neve supera a evaporada en verán, polo cal a maioría se atopa en zonas próximas aos polos, aínda que existen noutras zonas montañosas, como por exemplo no territorio suízo. O proceso do crecemento e estabelecemento do glaciar chámase tamén glaciación.
O dereito é a orde normativa e institucional da conduta humana en sociedade inspirada en postulados de xustiza e certeza xurídica, baseado nas relacións sociais existentes que determinan o seu contido e carácter. Noutras palabras, é o conxunto de normas que regulamentan a convivencia social e permiten resolver os conflitos interpersoais. A anterior definición define o dereito positivo ou efectivo, pero non explica o seu fundamento; é por iso que xuristas, filósofos e teóricos do dereito levan proposto diversas definicións alternativas, sen que exista consenso, ata a data.
Un conector DIN é un conector que foi orixinariamente estandarizado polo Deutsches Institut für Normung (DIN), a organización de estandarización alemá. Existen estándares DIN para diferentes conectores, polo tanto, o termo "Conector DIN" por si mesmo é ambiguo xa que non identifica a un conector en particular amenos que se lle engada un número de documento que indique do tipo de conector do que se trata (por exemplo "Conector DIN 41524"). No contexto da electrónica de consumo, o termo de "conector DIN" refírese por regra xeral aos conectores con extremo circular que foron os que primeiro se estandarizaron por DIN para ser empregados nos sinais de son analóxicos.
Vampire: The Masquerade – Bloodlines
Vampire: The Masquerade – Bloodlines é un videoxogo de rol de acción de 2004 desenvolvido por Troika Games e publicado por Activision para Microsoft Windows. Ambientado no World of Darkness de White Wolf Publishing, o xogo baséase no xogo de rol Vampire: The Masquerade. O xogador encarna o papel protagonista dun humano personaxe que morre e revive como un vampiro, nunha historia que se desenvolve na cidade dos Ánxeles no século XXI tentando descubrir a verdade sobre unha reliquia recentemente atopada que presaxia o fin de tódolos vampiros.
En química, un composto químico é unha substancia formada pola unión de dous ou máis elementos da táboa periódica, e que pode descompoñerse nestes por métodos químicos apropiados.Os compostos, do mesmo xeito que as mesturas, están constituídos por dous ou máis elementos químicos diferentes, pero diferéncianse esencialmente destas nos seguintes aspectos: Os compoñentes das mesturas poden separarse por medios físicos (filtración, decantación, destilación, ...), pero os constituíntes dos compostos, non. As mesturas teñen as propiedades dos seus compoñentes, pero os compostos posúen as súas propiedades específicas correspondentes. As mesturas poden existir en calquera proporción mentres que os compostos fórmanse a partir dos elementos químicos en proporción invariable (lei das proporcións definidas enunciada entre 1794 e 1804 polo químico francés Joseph Louis Proust).
A África Setentrional Italiana (ASI) era o conxunto das colonias italianas e dos territorios controlados polo Reino de Italia na África do Norte desde 1911 até o fin da segunda guerra mundial. A diferenza da África Oriental Italiana, non era unha entidade administrativa, senón que indicaba simplemente a administración italiana nos territorios norteafricanos controlados por este país.
Chipre no Festival de Eurovisión
Chipre debutou no Festival de Eurovisión 1981 e dende entón ficou presente en todas as edicións, excepto en 1988, ano en que a súa canción foi eliminada, e no Festival de Eurovisión 2011 e no Festival de Eurovisión 2014. O seu mellor resultado foi o quinto lugar, o cal o logrou en tres ocasións: no 1982 con Anna Vissi, no 1997 con Chara e Andreas Constantinou e no 2004 con Lisa Andreas. A maior parte das cancións chipriotas foron cantadas en grego ou en inglés, habendo excepcións como no ano 2000 cando a canción "Nomiza" incluía grego e italiano, e no 2007 cando Evridiki interpretou "Comme Ci, Comme Ça" en francés.
En bioloxía chámase larva a calquera forma dun animal en desenvolvemento (ou sexa, que aínda non atinxiu a maduración sexual que é diferente do estado adulto. A larva pode ter un aspecto semellante ao adulto ou ter formas completamente diferentes, como é o caso dos estados larvarios das bolboretas ou da libeliña. En calquera caso, aínda que a larva non posúe capacidade reprodutiva e non ten aínda totalmente formados tódolos órganos que caracterizan a especie, pode ter órganos que o adulto non ten.
A escrita chinesa é un sistema de escrita vello de case 4000 anos. É un sistema logográfico que emprega un número de signos moi grande, chamados caracteres, que representan palabras ou morfemas individuais. Este sistema serviu como forza unificadora durante a historia da China pois é independente das realizacións orais.
Os Los Angeles Clippers son un equipo profesional estadounidense de baloncesto con sede nos Ánxeles (California). Os Clippers compiten cada ano na National Basketball Association (NBA), sendo membros da División Pacífico da Conferencia Oeste. O club xoga os seus partidos como local no Staples Center, pavillón que comparten cos seus rivais da NBA Los Angeles Lakers, o equipo da NBA feminina Los Angeles Sparks e a franquía de hóckey sobre xeo da NHL Los Angeles Kings.
Un foguete sonda é foguete deseñado para levar instrumentos a bordo e facer medicións e experimentos científicos durante voos suborbitais. A altura típica que alcanzan os foguetes sonda está entre 48 e 145 km, que é a altura intermedia entre á que traballan os globos sonda e os satélites artificiais. A altura máxima á que poden chegar os globos é duns 40 km e a mínima dos satélites uns 120 km.
A Copa de Ouro CONCACAF 2021 (oficialmente 2021 CONCACAF Gold Cup) foi a décimo sexta edición da Copa de Ouro da CONCACAF, o campionato bienal internacional masculino de fútbol máis importante a nivel de seleccións en Norteamérica, Centroamérica e o Caribe organizado pola CONCACAF. Estaba previsto que se celebrase do 2 ao 25 de xullo de 2021, pero posteriormente foi adiada e disputouse do 10 de xullo ao 1 de agosto. A selección de fútbol de México defenderá o título conseguido na edición anterior. Por vez primeira, o sistema Video Assistant Referee (VAR) foi utilizado no torneo.Os Estados Unidos gañaron a súa sétima Copa de Ouro tras derrotar a México por 1-0 na final.
Proteína intrinsecamente desordenada
En bioloxía molecular, unha proteína intinsecamente desordenada (PID ou, en inglés, IDP) é unha proteína que carece dunha estutura tridimensional fixa ou ordenada, tipicamente en ausencia das moléculas coas cales establece unha interacción macromolecular, como outras proteínas ou ARN. As PIDs poden ser desde proteínas totalmente desestruturadas a parcialmente desestruturadas e inclúen pelotas aleatorias, agregados similares a un glóbulo fundido ou rexións enlazadoras flexibles en proteínas grandes multidominio. Ás veces considéranse unha clase máis de proteínas xunto coas globulares, fibrosas e de membrana.As PIDs son unha clase grande e funcionalmente importante de proteínas e o seu descubrimento desbotou a idea de que as estruturas tridimensionais das proteínas deben ser fixas para poder cumprir as súas funcións biolóxicas. Por exemplo, as PIDs foron identificadas como participantes nas interaccións débiles multivalentes que son moi cooperativas e dinámicas, o que as fai importantes na regulación do ADN e na sinalización celular.
Amaral é un conxunto musical zaragozano formado por Eva Amaral (vocalista e compositora) e Juan Aguirre (guitarra). O seu estilo musical poderíase denominar Folk Rock, pero fusionado con ritmos latinos, sintetizadores e con letras de alto contido poético e reivindicador. Ata 2010, Amaral vendeu máis de 3 millóns de copias dos seus discos.
Cherylin Sarkisian LaPierre, nada en El Centro (California) o 20 de maio de 1946, é unha cantante, bailarina e actriz estadounidense, máis coñecida como Cher. A súa carreira, que abarca máis de seis décadas, foi marcada por varios cambios de imaxe e nalgúns momentos pola controversia. Cher vendeu máis de 100 millóns de discos dos seus 25 álbums.Unha das súas cancións máis coñecidas dos anos 1990 é Believe (unha das primeiras nas que se usou o autotune).
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.
O accidente de Montrove foi o accidente de aviación máis grave da historia de Galicia. Produciuse ao esnafrarse entre unha densa néboa un SE 210 Caravelle da aeroliña comercial Aviaco nas proximidades do aeroporto de Alvedro, o 13 de agosto de 1973. O accidente produciuse debido a un erro humano debido a querer aterrar pese a densa néboa, en lugar de proceder ao aeródromo alternativo que figuraba no plano de voo.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamosos, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis.Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
A Festa do Monte de Santa Trega, coñecida coloquialmente como Festa do Monte, é unha festa popular galega que se celebra a segunda fin de semana de cada mes de agosto no Monte de Santa Trega, na localidade pontevedresa da Guarda. Está declarada como festa de interese turístico galego desde o ano 2009.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Noroeste Pop Rock, ou Festival Noroeste é un festival de música pop rock que cada ano se celebra no mes de agosto na cidade da Coruña dentro do programa das Festas de María Pita. A edición do ano 2017 foi a número 31 dende os seus comezos nos anos oitenta. Tradicionalmente neste festival o público pode ver de balde as actuacións, que se levan a cabo nun escenario montado na area da praia de Riazor.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Concepción Velasco Varona, coñecida como Concha ou Conchita Velasco, nada en Valladolid o 29 de novembro de 1939, é unha actriz, cantante, bailarina e presentadora de televisión española. Estudou Danza Clásica e Española en Madrid e no Conservatorio Nacional dos 10 a 20 anos. Estréase como bailarina no Corpo de Baile da Ópera da Coruña e na compañía de Manolo Caracol como bailaora flamenca.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
O arroaz, Tursiops truncatus (Montagu 1821), é, entre todos os golfiños, a especie máis común e máis coñecida, porque adoita achegarse á costa e entrar no interior das rías, debido a que o seu comportamento social a achega ás proximidades dos barcos e mesmo dos nadadores, e porque é a que mellor se adapta ás condicións de catividade dos delfinarios, o que o converteu no protagonista habitual destes espectáculos. Está presente en augas quentes e temperadas de todo o mundo, en todos os océanos excepto no Ártico e no Antártico.
A copia por contacto é un procedemento fotográfico que permite obter copias a partir dunha película fotográfica do mesmo tamaño sobre papel, chamándose á resultado folla de contactos. Normalmente obtense a partir de negativos pero tamén poderían obterse a partir de diapositivas co que o resultado sería un negativo.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
Fiandola é un grupo de música galega de base tradicional. O traballo deste grupo nace da transformación e interiorización da música de raíz de Galicia que se plasma nun modo particular de interpretar esta música e de compoñer novas melodías. Fiandola presenta un repertorio orientado ao baile e ao directo e que se nutre do traballo de campo desenvolvido polos membros do grupo, polos cancioneiros e arquivos dispoñibles e polo traballos de composición e arranxos que eles mesmos elaboran ou por melodías doutros compositores galegos.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 198.245.