Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
O Protocolo de Internet (IP, das súas siglas en inglés Internet Protocol) é un protocolo non orientado á conexión, usado tanto pola orixe como polo destino para a comunicación destes a través dunha rede (Internet) de paquetes conmutados. Os datos nunha rede que se basea en IP son enviados en bloques coñecidos como paquetes ou datagramas (no protocolo IP estes termos adóitanse usar indistintamente). En particular, en IP non se necesita ningunha configuración antes de que un equipo intente enviar paquetes a outro co que non se comunicara antes.
O alsaciano (en francés: alsacien, en inglés: alsatian, en castelán: alsaciano, en alemán: Elsässerdeutsch e en alsaciano: Elsässisch) é un conxunto de variantes de baixo alemánico e alto alemánico que se falan dende o leste da cordilleira dos Vosgos e o río Rin, principalmente na rexión de Alsacia.
Wikipedia en xaponés (en xaponés: ウィキペディア日本語版; Wikipedia Nihongo-ban) é a edición xaponesa de Wikipedia, unha enciclopedia libre e aberta. Esta edición é a oitava máis grande despois da Wikipedia en inglés, alemán, francés, polaco, italiano, español e ruso. Comezou en marzo de 2001, e esta versión da enciclopedia contén 1.382.242 artigos e 2.097.972 usuarios, dos cales 13.840 son activos.
World Wide Web (Grande Arañeira Mundial), a Web ou WWW, é unha rede de páxinas escritas en hipertexto, coa linguaxe de etiquetado HTML, e conectadas entre si, de xeito que forman un só corpo de coñecemento facilmente navegable. Para acceder á web, a única ferramenta indispensable é un navegador web. A web baséase en tres estándares para funcionar: Uniform Resource Location (URL), que se encarga de dar unha dirección única a cada páxina para que poida ser claramente localizada; Hyper Text Transfer Protocol (HTTP), que especifica a maneira na que se enviará e se recibirá esta información entre o navegador e o servidor; Hyper Text Markup Language (HTML), un método para especificar ó navegador como visualizar esta información.Actualmente, o organismo encargado de manter estes tres estándares é o W3C, dirixido por Tim Berners-Lee, o creador da Web.
Unha melodía é unha sucesión de sons que é percibida como unha entidade única. Desenvólvese nunha secuencia lineal, é dicir ao longo do tempo, e ten unha identidade e significado propio dentro dun contorno sonoro particular. En sentido estrito unha melodía é unha combinación de alturas e ritmo, mentres que nun sentido máis figurado o termo en ocasións ampliouse para incluír as secuencias doutros elementos musicais como o timbre.
A lista de Schindler (en inglés: Schindler's List) é un filme de 1993 baseado no libro Schindler's Art de Thomas Keneally (o libro foi máis tarde renomeado como Schindler's List). Dirixido por Steven Spielberg, relata a historia de Oskar Schindler, un checo que foi instrumento para salvar a vida de máis de mil xudeus polacos durante o Holocausto. O título refírese á lista de 1 200 xudeus que Schindler contratou para traballar na súa fábrica, quitándoos do campo de concentración.
A US Patriot Act ("Lei Patriota" en inglés), é un texto legal estadounidense promulgado o 26 de outubro do 2001. Foi aprobada por maioría tanto pola Cámara de Representantes como polo Senado estadounidense despois dos atentados do 11 de setembro de 2001. O obxectivo desta lei é ampliar a capacidade de control do Estado sobre a cidadanía co gallo de combater o terrorismo, mellorando a capacidade das distintas axencias federais de seguridade estadounidenses ó coordinalas e dotalas de maiores poderes de vixilancia contra os delitos de terrorismo.
Irlanda ( pronunciación ) (en irlandés: Éire, [ˈeː.ɾʲə] (AFI), escoitar; en inglés: Ireland, [ˈaɪərlənd] ou [ˈɑrlənd] (AFI), escoitar), oficialmente República de Irlanda ( pronunciación ) (en irlandés: Poblacht na hÉireann; en inglés: Republic of Ireland) é un país do noroeste de Europa que forma parte da Unión Europea (UE). A súa capital é Dublín (en irlandés: Baile Átha Cliath e en inglés: Dublin). No ano 1949 declarouse o estado irlandés como a República de Irlanda (en inglés Republic of Ireland, en irlandés: Poblacht na hÉireann).
María Teresa Lamata Jiménez, nada en Logroño en 1952, é unha investigadora e catedrática de ciencias da computación e intelixencia artificial da Universidade de Granada. Na súa labor profesional salientaou a súa defensa do papel da muller nas disciplinas TIC, á parte do seu papel destacado como investigadora na área. É licenciada en matemáticas e doutora en ciencias pola Universidade de Granada.
Cravos vermellos (titulado orixinalmente en inglés Red Nails) é un relato escrito polo autor estadounidense Robert E. Howard para o seu personaxe de espada e bruxaría Conan o bárbaro. Foi o primeiro relato de Conan en ser publicado postumamente (a revista pulp Weird Tales publicouno en outubro de 1936 despois de que Howard se suicidara en xuño) e tamén foi o primeiro, e o único, no que aparece a personaxe feminina de Valeria, que máis tarde, en 1982, sería utilizada no filme Conan o bárbaro, con Arnold Schwarzenegger no papel de Conan e Sandahl Bergman no papel de Valeria, aínda que a historia narrada no filme non coincidise coa historia narrada en Cravos vermellos. Foi traducido ó galego por Tomás González Ahola e foi publicado dentro da colección "Conan IV" de Urco Editora no ano 2016.
iCarly é unha serie de televisión de comedia adolescente creada polo produtor de televisión, Dan Schneider e transmitida orixinalmente pola canle Nickelodeon. A serie trata da historia de Carly Shay, unha moza que xunto aos seus dous mellores amigos, Sam Puckett e Freddie Benson, crean un webshow chamado iCarly. A serie foi producida por Schneider's Bakery en asociación con Nickelodeon Productions.
Juliette Binoche, nada o 9 de marzo de 1964 en París, é unha actriz, artista e bailarina francesa. Ó longo da súa carreira como actriz, actuou en máis de 40 filmes, recibindo numerosos premios internacionais. Procendente dunha familia de artistas, comezou a recibir clases de interpretación durante a adolescencia.
A catedral de San Vito (en checo: Katedrála Svatého Víta ou Katedrála svatého Víta, Václava a Vojtěcha) é un templo adicado ao culto católico situado na cidade de Praga (República Checa). Forma parte do conxunto artístico monumental do Castelo de Praga e é a maior mostra de arte gótica da cidade. Dende 1989 está adicada a San Vito, San Venceslau e San Adalberto.
A lista vermella da IUCN (Unión Internacional para a Conservación da Natureza) é unha lista de especies, subespecies, variedades ou mesmo poboacións de seres vivos ameazados de extinción, en graos variados, e organizada no ano 1964. É o inventario máis completo das especies animais e vexetais a nivel mundial. Pola súa solidez científica, a lista vermella da UICN está considerada como a relación de maior autoridade sobre o estado da diversidade biolóxica.
Star Wars Episode VII: The Force Awakens
Star Wars Episode VII: The Force Awakens (tamén coñecido como Star Wars: The Force Awakens) é un filme estadounidense dirixido por J. J. Abrams que foi estreado en decembro de 2015. É o sétimo título na serie de filmes de Star Wars, e está protagonizado por John Boyega, Daisy Ridley, Adam Driver, Oscar Isaac, Andy Serkis, Domhnall Gleeson e Max von Sydow, xunto con Harrison Ford, Carrie Fisher, Mark Hamill, Anthony Daniels, Peter Mayhew e Kenny Baker. A historia está ambientada aproximadamente 30 anos despois dos eventos de O retorno do Jedi (1983).
Christopher Cross Griffin (máis coñecido como Chris) é o segundo fillo de Peter e Lois na serie de animación estadounidense Family Guy. É unha reprodución a escala do seu pai, do que herda a pouca intelixencia e a aparencia física, coma o sobrepeso. Destaca na pintura, onde chegou a ser promocionado como pintor en Nova York, onde coñeceu á que foi a súa moza Kate Moss.
Os videoxogos de rol son uns dos máis antigos representantes dos videoxogos. Sempre estiveron fortemente influídos por xogos de rol de mesa, exemplos claros diso son xogos baseados nas regras de Dungeons&Dragons, coma o clásico Eye of beholder ou os máis modernos Neverwinter nights e a súa continuación, Neverwinter nights II, ambos de Bioware; ou tamén, por exemplo, Vampire: the Masquerade Bloodlines, da desaparecida Troika games, baseado no universo homónimo.
O cometa Halley, tamén chamado 1P/Halley, é un cometa brillante de período intermediario que retorna ás rexións interiores do sistema solar cada 75,3 anos, aproximadamente. Aínda que o nome fai referencia ao astrómono inglés Edmund Halley por ter determinado a súa órbita e a súa reaparición periodica, o descubrimento atribúese ao astrónomo Johan Georg Palitzsch que o descubriu o 25 de decembro de 1758, aproximadamente na data prevista por Halley para a súa reaparición (de ónde ven a tradición de consideralo como o cometa do Nadal), chegou cun retardo de 618 días polo seu perihelio (ao ser perturbada a súa órbita por Xúpiter e Saturno). Halley, pola súa parte, usou datos de Kepler e Petrus Apianus para facer os seus cálculos.
Clasificación morfolóxica das galaxias
A clasificación morfolóxica das galaxias é un sistema utilizado polos astrónomos para dividir as galaxias en grupos baseados na súa aparencia visual. Hai varios esquemas en uso polos cales poden clasificarse as galaxias segundo as súas morfoloxías, o máis famoso é o das secuencias de Hubble, ideado por Edwin Hubble e ampliado posteriormente por Gérard de Vaucouleurs e Allan Sandage.
Björk Guðmundsdóttir, nada en Reiquiavik o 21 de novembro de 1965, é unha cantante, compositora e actriz islandesa máis coñecida como Björk. Foi a antiga líder da banda islandesa de rock alternativo The Sugarcubes. O seu gusto musical abrangue moitos tipos de música, entre eles; pop, rock alternativo, jazz, ambient, electrónica, folk, trip hop e clásica.
A frecuencia cardíaca é o número de latexos do corazón ou pulsacións por unidade de tempo. A súa medición realízase baixo determinadas condicións (en repouso ou en actividade) e está expresa en batimentos por minuto (bpm). A medición do pulso pode facerse en diferentes puntos do corpo, sendo o máis común o pulso, o pescozo (sobre a carótide) ou o peito.
Unha persoa docente é aquela que se adica ao proceso de aprendizaxe e ensino. Adoitan ter recoñecida unha destreza notábel nunha determinada área do saber, con capacidade de ensinar e compartir os seus coñecementos con outras persoas, denominadas discípulos, aprendices, ou simplemente alumnos. O profesorado que se encarga da educación formal e institucionalizada das etapas de Educación Infantil, Primaria ou Especial en escolas ou colexios adoitan ser chamados mestres e mestras.
Takeshi Kitano (北野 武, Kitano Takeshi), nado en Adachi (Toquio) o 18 de xaneiro de 1947, é un director, actor, cantante, editor, escritor, produtor e guionista xaponés. O crítico xaponés Nagaharu Yodogawa chamouno "o verdadeiro sucesor" do influente cineasta Akira Kurosawa. Agás no seu traballo como director de cine, é coñecido polo nome Beat Takeshi (ビートたけし, Bīto Takeshi).
Augmented Target Docking Adapter
Augmented Target Docking Adapter, coñecido tamén polo seu acrónimo ATDA, foi un vehículo espacial non tripulado usado como obxectivo para cita espacial da misión Gemini 9. Foi lanzado o 1 de xuño de 1966 desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral mediante un foguete Atlas SLV-3.
O metro é a unidade fundamental de lonxitude, pertencente ó Sistema Internacional de Unidades. O seu símbolo é m. Definiuse inicialmente como a 10 000 000 parte do cuadrante do meridiano terrestre, mais actualmente, o metro defínese como a lonxitude do traxecto percorrido pola luz no baleiro durante un intervalo de tempo de 1/299 792 458 de segundo (Unidade de Base ratificada pola 17ª CGPM - 1983).
Obi-Wan "Ben" Kenobi é un personaxe ficticio da serie de filmes e libros de aventura épica a Guerra das Galaxias. Obi-Wan é unha figura clave nos acontecementos deste universo como as Guerras Clon, a extinción dos Jedi, a caída da República Galáctica e a unión de Luke Skywalker á forza. É un dos personaxes principais da saga de filmes e xunto con Anakin Skywalker/Darth Vader, C-3PO e R2D2 é un dos poucos en aparecer nos seis episodios de Star Wars.
O coleccionismo de moedas, asociado adoito ao doutros obxectos cuñados ou relacionados co diñeiro (medallas, fichas monetiformes, billetes etc.) é unha das afeccións máis populares e un dos coleccionismos máis coñecidos. Algunhas persoas coleccionan pensando unicamente no investimento numismático, mais a razón principal para coleccionar moedas é a propia satisfacción persoal. Aínda que o coleccionismo de moedas non se debe confundir coa numismática, para a boa clasificación, organización e valorización dunha colección cómpre posuír un certo grao de coñecemento numismático.Cada coleccionista ten as súas propias preferencias e especificidades, como poden ser as moedas en bos estados de conservación, as resultado de erros nas cecas, as que considere particularmente fermosas ou historicamente significativas etc.
Rusia (en ruso: Россия, transliteración: Rossiia), oficialmente Federación Rusa (en ruso: Российская Федерация, transliteración: Rossiiskaia Federatsiia), é o maior país do mundo, estendéndose por case a metade de Europa e por preto dun terzo da Asia. Comprende, alén da porción continental, o enclave de Kaliningrado, no mar Báltico, e unha serie de illas e arquipélagos árticos, entre os cales os máis importantes son a Terra de Francisco Xosé, as illas Nova Zembla, a illa de Kolguev, o arquipélago da Terra do Norte, as illas de Nova Siberia e a illa de Wrangel. Inclúe tamén varias illas e arquipélagos no Extremo Oriente, en particular a illa Sakhalin, as illas Kuriles e as illas do Comandante.
Last Dinosaurs é un grupo musical australiano de indie rock formado en Brisbane, Queensland. O grupo está formado polo vocalista e guitarrista Sean Caskey, o guitarrista Lachlan Caskey, o baixo Michael Sloane e o batería Dan Koyama. Koyama e os irmáns Caskey son de ascendencia xaponesa, e o grupo fai xiras e visitas frecuentes nese país.
Rolling Stone é unha revista estadounidense dedicada á música e a cultura popular. Edítase dende 1967 e ademais de ter a súa edición norteamericana quincenal, posúe varias edicións estranxeiras mensuais, repartidas en distintos países do mundo, coas cales a revista permite dar unha ollada máis local á música. Foi fundada en San Francisco por Jann Wenner (que aínda é o editor xefe da revista) e o crítico musical Ralph J. Gleason.
Campionato do Mundo de Superbikes 2015
O Campionato do Mundo de Superbikes 2015 foi a 28ª edición do Campionato do mundo de Superbikes. A tempada comezou o 22 de febreiro no Circuíto de Phillip Island en Australia e rematou o 18 de outubro no Circuíto Internacional de Losail en Qatar, logo de disputarse 26 carreiras en 13 grandes premios. Jonathan Rea levou o título de pilotos e Kawasaki o de marcas.
A Batalla de Bannockburn foi un conflito bélico entre Escocia e Inglaterra que supuxo unha transcendental vitoria escocesa no marco das Guerras de independencia de Escocia. As tropas de Robert the Bruce preparáranse en Bannockburn para presenciar o acordo de paz entre o entón Rei inglés e o seu Soberano escocés. Dado que a negociación fallou, os escoceses cargaron sobre os campos contra os ingleses.
A Vila-mausoleo de Centcelles, está situada no actual termo municipal de Constantí, a 7 quilómetros da cidade de Tarragona, moi preto do río Francolí. É un dos monumentos romanos, conservados, máis importantes de España, cunha cúpula recuberta de mosaicos de excepcional valor. É unha das localizacións do sitio Patrimonio da Humanidade denominado Conxunto arqueolóxico de Tarraco, en concreto identificado co código 875-012.
A candorca ou alcandorca, Orcinus orca, é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos, a única do xénero Orcinus. É o membro de maior tamaño dos chamados golfiños oceánicos (pode chegar a pesar 10 t., e é un poderoso e versátil depredador que pode cazar peixes, pinnípedes como focas, cefalópodos, aves, tartarugas e, cazando en grupo, presas de maior tamaño, como morsas e incluso baleas. Está, polo tanto, no cumio da cadea trófica oceánica.
Xiang Gang zhi zao (en chinés: 香港製造) é un filme de Hong Kong de 1997 escrito e dirixido por Fruit Chan. Está protagonizado por Sam Lee, Yim Hui-Chi, Wenders Li e Tam Ka-Chuen. Foi escollido como candidato de Hong Kong ó Óscar ó mellor filme internacional na 71ª edición dos premios, mais finalmente non foi nomeado.
O Centro Pompidou é o nome máis empregado comunmente para designar ao Centro Nacional de Arte e Cultura Georges Pompidou de París (Francia) deseñado polos arquitectos Renzo Piano e Richard Rogers. Foi inaugurado o 31 de xaneiro de 1977. Trátase, ademais, dun edificio que posúe unha biblioteca cun aforamento de 2.000 persoas, aberta ao público.
Os crenarqueotas ou Crenarchaeota (tamén chamados Crenarchaea, eocitos ou Eocyta) son procariotas que forman un filo (ou reino) do dominio Archaea. Inicialmente, os Crenarchaeota pensábase que eran extremófilas (como os organismos termófilos e psicrófilos) pero estudos recentes identificáronas como as arqueas máis abundantes no medio mariño. Orixinalmente, foron separadas das outras arqueas baseándose nas secuencias do seu ARNr; porén, outras características fisiolóxicos, como a falta de histonas apoiaban esta separación, aínda que se atopou que algunhas especies de crenarqueotas tiñan histonas.
Un arquivo é o conxunto de documentos producidos por unha persoa, unha empresa ou unha institución. A xestión de arquivos de dimensións poboacionais só foi posible co xurdimento dos estados modernos, inda que na Idade Media xa existían bibliotecas, bases de datos (rexistros parroquiais) e xestión de contabilidade (foros) en dependencias eclesiásticas.
Os anófeles son os mosquitos pertencentes ao xénero Anopheles, descrito primeiramente e nomeado por J. W. Meigen en 1818. Dentro deste xénero recoñécense unhas 460 especies, das cales unhas 100 poden transmitir a malaria humana, pero soamente son de 30 a 40 as que transmiten comunmente os parasitos do xénero Plasmodium causantes da malaria en persoas que viven en áreas endémicas. A especie Anopheles gambiae é unha das máis coñecidas debido ao seu papel predominante na transmisión da especie de parasitos da malaria máis perigosos para os humanos, o Plasmodium falciparum.
Rolex SA (/ˈroʊlɛks/) é un deseñador e fabricante suízo de reloxos fundado en Gran Bretaña con sede en Xenebra, Suíza. Fundada en 1905 como Wilsdorf and Davis por Hans Wilsdorf e Alfred Davis en Londres, Inglaterra, a compañía rexistrou a palabra 'Rolex' como a marca dos seus reloxos en 1908 e pasou a ser Rolex Watch Co. Ltd.
Selección de fútbol de Portugal
A Selección de fútbol de Portugal representa a Portugal e competicións internacionais de fútbol xestionada pola Federación Portuguesa de Fútbol (FPF). A selección estreouse oficialmente o 18 de novembro de 1921 contra Inglaterra, xogo que acabou 2-1 a favor dos ingleses. A estrea de Portugal nun Mundial da FIFA, en 1966, levou á Selección das Quinas até as semifinais, onde sería derrotada pola anfitrioa e futura campioa, Inglaterra.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Departamentos e territorios de ultramar de Francia
Os Departamentos e territorios de ultramar de Francia (francés: departamentos et territoires d'outre-mer, coloquialmente coñecidos como o DOM-TOM [ dɔmtɔm ]) son todos os territorios franceses administrados fóra do continente europeo. Estes territorios teñen diferentes status legais e diferentes niveis de autonomía, aínda que todos (excepto os que non teñen habitantes permanentes) teñen representación no Parlamento de Francia, e en consecuencia o dereito a votar nas eleccións ao Parlamento Europeo. Os departamentos e territorios franceses inclúen territorios insulares nos océanos Atlántico, Pacífico e Índico, Güiana Francesa no continente suramericano e varias illas periantárticas, así como unha reclamación na Antártida.
O arroaz, Tursiops truncatus (Montagu 1821), é, entre todos os golfiños, a especie máis común e máis coñecida, porque adoita achegarse á costa e entrar no interior das rías, debido a que o seu comportamento social a achega ás proximidades dos barcos e mesmo dos nadadores, e porque é a que mellor se adapta ás condicións de catividade dos delfinarios, o que o converteu no protagonista habitual destes espectáculos. Está presente en augas quentes e temperadas de todo o mundo, en todos os océanos excepto no Ártico e no Antártico.
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
José Emiliano "Milo" Abelleira Solla, nado en Pontevedra o 8 de agosto de 1963, é un exfutbolista e adestrador de fútbol galego. O último club que adestrou foi o Rápido de Bouzas, entre 2019 e 2020. É o pai da xogadora do Real Madrid Feminino Teresa Abelleira e do futbolista do CD Choco Tomás Abelleira.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Ra é o nome galego para designar os anfibios anuros de varias familias, especialmente dos ránidos (Ranidae) e, máis especificamente, os membros do xénero Rana. Para a xente non moi versada en herpetoloxía, todos os anuros de pel máis ou menos lisa, que dan grandes saltos e viven preto da auga, son ras, mentres que os de pel rugosa, corpo máis repoludo, movementos máis torpes, de hábitos máis terrestres, son sapos. Porén, de seguirmos no criterio filoxenético, veremos que a ra de Santo Antón ou rela (Hyla arborea), está moito máis emparentada co sapo común (Bufo bufo) que coa ra verde (Rana perezi).Porque para o común da xente a palabra sapo suxire un animal feo, de cor discreta, desagradábel, torpe e nocivo.
The Book of Life (filme de 2014)
The Book of Life é un filme estadounidense de 2014 producido por Reel FX Creative Studios e distribuído por 20th Century Fox. Foi coescrito e dirixido por Jorge R. Gutierrez, e foi producido por Aaron Berger, Brad Booker, Guillermo del Toro e Carina Schulze. Está protagonizado polas voces de Diego Luna, Zoe Saldana, Channing Tatum, Christina Applegate, Ice Cube, Ron Perlman e Kate del Castillo.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
A cor é a impresión producida por un ton de luz nos órganos visuais, ou máis exactamente, é unha percepción visual que se xera no cerebro dos humanos e outros animais ao interpretar as sinais nerviosos que lle envían os fotorreceptores na retina do ollo, que á súa vez interpretan e distinguen as distintas lonxitudes de onda que captan da parte visible do espectro electromagnético. Todo corpo iluminado absorbe unha parte das ondas electromagnéticas e reflicte as restantes. As ondas reflectidas son captadas polo ollo e interpretadas no cerebro como distintas cores segundo as lonxitudes de ondas correspondentes.
Un TECOR societario é un tipo de TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) promovido polas sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas. A súa sinalización está indicada por carteis de forma rectangular cunha diagonal do lado superior esquerdo ao inferior dereito; a metade inferior en negro e a superior en branco.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
A filosofía da ciencia é a parte da filosofía que estuda os fundamentos, presupostos e implicacións filosóficas da ciencia, incluíndo as ciencias naturais como física e bioloxía, e as ciencias sociais, como psicoloxía e economía. Neste sentido, a filosofía da ciencia está intimamente relacionada á epistemoloxía e á ontoloxía. Procura explicar cousas como: A natureza das afirmacións e conceptos científicos.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.