Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
En metalurxia e a ciencia dos materiais a tenacidade dun material é a enerxía mecánica necesaria para levar ese material á ruptura. Se un material é tenaz pode sufrir un alto grao de deformación sen romper. Tal enerxía pode ser calculada a través da área nun gráfico Tensión - Deformación do material, portando basta integrar a curva que define o material, da orixe até a ruptura.
The Next Day é o vixésimo cuarto álbum de estudio do músico inglés David Bowie, publicado o día 8 de marzo do 2013 a través do propio selo de Bowie ISO Records, baixo licenza exclusiva para Columbia Records. O disco anunciouse inesperadamente o día do 66 aniversario de Bowie, o 8 de xaneiro do 2013. A páxina do artista foi actualizada co vídeo para o sinxelo principal, "Where Are We Now?", e este inmediatamente foi posto á venda na iTunes Store.
Michael Jeffrey Jordan, nado o 17 de febreiro de 1963 en Brooklyn, Nova York, é un ex xogador de baloncesto estadounidense, home de negocios, e propietario maioritario dos Charlotte Hornets. A súa biografía na páxina web oficial da National Basketball Association (NBA) di: "Por aclamación, Michael Jordan é o mellor xogador de baloncesto de tódolos tempos."Despois dunha sobresaliente carreira na Universidade de Carolina do Norte en Chapel Hill, onde dirixiu aos Tar Heels a un Campionato Nacional en 1982, Jordan uniuse aos Chicago Bulls da NBA en 1984. Rapidamente destacou como unha das estrelas da liga, debido ás súas grandes actuacións e espectacular xogo, destacando sobre todo a súa capacidade de salto, que lle permitía poder facer mates dende a liña de tiros libres.
A National Football League (en galego: Liga Nacional de Fútbol Americano), mellor coñecida polas súas siglas en inglés, (NFL), é a maior liga de fútbol americano profesional dos Estados Unidos e está considerada como a máis grande e prestixiosa propiedade deportiva nese país. A NFL toma a figura xurídica de Asociación Deportiva, controlada polos seus propios membros. Foi creada por once equipos en 1920 como a American Professional Football Association (a liga mudou o nome polo de American Professional Football League en 1921, e mudouno novamente en [[1922] polo nome agora vixente]).
Derek Daly, nado o 11 de marzo de 1953 en Ballinteer (Dublín), é un ex piloto de carreiras de Irlanda, que competiu na Fórmula 1, CART, as 24 Horas de Le Mans e as 12 Horas de Sebring. Daly nacionalizouse cidadán estadounidense e agora reside en Noblesville, Indiana coa súa terceira esposa, Rhonda, e tres fillos do seu segundo matrimonio.
O Cenomaniano é unha división da escala temporal xeolóxica, a primeira idade ou piso do Cretáceo superior, segunda época do período Cretáceo. Esta idade esténdese de 100,5 até 93,9 millóns de anos atrás, aproximadamente. A idade cenomaniana sucede o Albiano, do Cretáceo inferior, e precede o Turoniano.
O DOI ou identificación de material dixital (en inglés, digital objet identifier) é un sistema estándar para legalizar a propiedade intelectual de obras difundidas a través de calquera tipo de formato dixital, por exemplo Internet. É un sistema parecido aos identificadores URI. Unha forma común de empregar o sistema DOI é dar ás publicacións científicas un número específico que calquera pode utilizar para localizar a través da Rede o citado artigo. A diferenza do sistema URL, usado nas páxinas web, o sistema DOI non cambia co paso do tempo, aínda que o artigo sexa recolocado nun enderezo distinto posto que leva a información incorporada en forma de metadatos.
a-ha foi unha banda norueguesa de synthpop formada polo vocalista Morten Harket, o guitarrista Paul Waaktaar-Savoy e o tecladista Magne Furuholmen. Tras formaren o grupo en 1982, saíron de Noruega rumbo a Londres co obxectivo de facer unha carreira no mundo da música. O grupo alcanzou pronto grande éxito co seu álbum de estrea: Hunting High and Low, lanzado en 1985.
O aspecto gramatical, en lingüística, é unha propiedade que posúen os verbos e as perífrases verbais para sinalar o tempo interior da acción ou resaltar unha fase do seu desenvolvemento interior por enriba das demais, caracterizando así o transcurso do tempo dos acontecementos descritos. Cabo resaltar que o aspecto lingüístico diferénciase do tempo, en que mentres o tempo sinala o momento en que algo ocorre respecto de todo o demais, o aspecto especifica o tempo interior da acción ou a fase de desenvolvemento ou modificación da mesma que destaca sobre todas as demais, tanto na conxugación regular en que se reflicte o 'grao de terminación' do acontecemento, isto é, se posúe un aspecto perfectivo ou perfecto, que sinala a acción acabada no tempo de que se trate, como o aspecto imperfectivo ou imperfecto, que sinala acción inacabada no tempo exterior de que se trate. A chamada conxugación perifrástica ou por perífrase expresa os outros matices de aspecto, menos importantes ca estes .
Unha linguaxe de programación é unha linguaxe informática consistente nun conxunto de instrucións nun código concreto que ten como obxectivo facilitar a comunicación entre o programador e o sistema informático, permitindo que os primeiros poidan comunicarse cos segundos que empregan o código máquina (unha combinación de 0 e 1) mediante un sistema semellante á linguaxe humana. Deste xeito, posibilítase que os humanos poidan expresar dunha forma precisa algoritmos para estes seren executados polos ordenadores, sen ter que compor manualmente as instrucións de baixo nivel nunha linguaxe de máquina. Estas linguaxes artificiais non permiten unha liberdade de expresión tan ampla como as naturais.
O Consello británico-irlandés (en inglés British–Irish Council, BIC) é unha Organización Internacional creada baixo o Acordo de Belfast de 1998. Os seus membros comprenden: Os dous gobernos soberanos da República de Irlanda e o Reino Unido. As tres administracións devoltas de Irlanda do Norte, Escocia e Gales.
O dólar internacional é unha unidade monetaria hipotética que ten o mesmo poder adquisitivo que o dólar estadounidense ten nos Estados Unidos nun momento dado . Esta unidade mostra canto vale unha unidade dunha moeda local dentro das fronteiras do país. As conversións a dólares internacionais calcúlanse utilizando a "paridade de poder adquisitivo" (PPA).
En encimoloxía, unha amidase (EC 3.5.1.4, acilamidase, acilase (termo confuso), amidohidrolase (ambiguo), desaminase (ambiguo), acilamidase de ácido graxo, N-acetilaminohidrolase (ambiguo)) é un encima que cataliza a hidrólise dunha amida: Así, os dous substratos deste encima son amidas de ácido monocarboxílico e a H2O, mentres que os seus dous produtos son monocarboxilatos e NH3. Este encima pertence á familia das hidrolases que actúan sobre enlaces carbono-nitróxeno que non son enlaces peptídicos de proteínas, especificamente amidas liñais. O nome sistemático desta clase de encimas é acilamida amidohidrolase.
LinkedIn é unha rede social para profesionais (coñecida tamén como “Facebook dos profesionais")[Cómpre referencia] fundada en decembro de 2002 e aberta ao público en maio de 2003; sendo creada por Reid Hoffman, Allen Blue, Konstantin Guericke, Eric Ly e Jean-Luc Vaillant. Nesta rede é posible crear o teu perfil e colgar o teu CV (resumo da tua experiencia e logros profesionais), ofrecéndoche a opción de contactar con persoas especializadas no teu mesmo sector, establecendo deste xeito unha rede de contactos. En outubro de 2008, tiña arredor de 20 millóns de usuarios rexistrados.
Un videoxogo para un xogador, (single-player en inglés) é aquel que ten entrada para un único xogador . Os videoxogos máis temperáns, como Tennis for Two, eran para dous xogadores, os xogos para un único xogador gañan popularidade pouco despois con títulos como Speed Race e Space Invaders. A primeiros dos 90 presentáronse moitos xogos que utilizaron redes de área local para modos de multixogador, Doom é un exemplo notábel destes.
PDF (Portable Document Format, Formato de Documento Portábel) é un formato de ficheiro aberto creado por Adobe para crear documentos impresos como se se tratase dunha imaxe electrónica que o usuario pode observala no PC, imprimila etc empregando un programa lector apropiado. O fundamental deste formato é que o aspecto dos documentos é independente do dispositivo electrónico no que se visualice. O lector máis coñecido é o Adobe Reader.
Anton Pavlovich Chekhov (en ruso: Антон Павлович Чехов), nado en Taganrog (Rusia) o 29 de xaneiro de 1860 e finado en Badenweiler (Alemaña) o 14 ou 15 de xullo de 1904, foi un famoso escritor ruso, un dramaturgo e un mestre do conto moderno considerado un dos máis grandes escritores de todos os tempos. A súa carreira como dramaturgo produciu catro clásicos, e os seus mellores relatos son moi apreciados por escritores e críticos. Xunto con Henrik Ibsen e August Strindberg, Chekhov é frecuentemente referido como unha das tres figuras fundamentais do nacemento do primeiro modernismo no teatro.
Un programa informático ou aplicación é un conxunto de instrucións que se lle dan a un sistema informático para realizar un conxunto de tarefas determinado. Un programa de ordenador é unha lista de instrucións escritas nunha linguaxe de programación. Todas as linguaxes de programación consisten en palabras reservadas (parecidas a substantivos e verbos) en inglés, un conxunto de operadores (equivalentes a operadores matemáticos como “máis”, “menos” etc.) e un conxunto de funcións e procedementos que realizan tarefas específicas tales como imprimir, ler un ficheiro, calcular a raíz cadrada dun número etc.
O Club Basket Bilbao Berri S.A.D., actualmente coñecido como Surne Bilbao Basket por motivos de patrocinio, é un equipo profesional de baloncesto español con sede na cidade de Bilbao, Biscaia. Foi fundado o 7 de marzo de 2000 co obxectivo de que a cidade volvese a contar cun equipo na elite após a desaparición do Caja Bilbao en 1994. O Bilbao Basket xoga actualmente na Liga ACB, competición da que foi subcampión na temporada 2010−11.
Grant DeVolson Wood, nado en Anamosa (Iowa) o 13 de febreiro de 1891 e finado en Iowa City o 12 de febreiro de 1942, foi un pintor estadounidense. É coñecido sobre todo polas súas pinturas que representan o Medio Oeste rural estadounidense de entreguerras. Foi un dos pintores da Escola Ashcan, que a través de Arshile Gorky levou ao expresionismo abstracto posterior á segunda guerra mundial.
A centrodereita ou centro dereita comprende, dende o punto de vista da ciencia política, ás persoas ou organizacións que comparten ideoloxías de dereita e do centro ou un intermedio entre ambas as dúas. Na práctica política o termo é xeralmente usado en varios sentidos. Aduciuse que a centrodereita encadra esencialmente o conservadorismo laico ou secular, ademais dalgunhas correntes do liberalismo e do democristianismo.
Aretha Louise Franklin, nada o 25 de marzo de 1942 en Memphis, e finada en Detroit o 16 de agosto de 2018, foi unha cantante de soul, R&B e gospel. Recibiu o alcume de «Lady Soul» (a dama do soul) ou «Queen of soul» (a raíña do soul), e foi unha das artistas máis influentes na música contemporánea, ostentando o posto número un da lista dos 100 cantantes máis grandes de todos os tempos da revista Rolling Stone. A mediados da década de 1960 consolidouse como estrela feminina do soul, algo que favoreceu os dereitos raciais e das mulleres nos Estados Unidos.
Lista de atentados terroristas en 2019
Isto é unha lista sobre os atentados terroristas que aconteceron no 2019
Unha galaxia espiral é un tipo de galaxia da secuencia de Hubble que se caracteriza polas seguintes propiedades físicas: Ten un disco plano xiratorio composto de estrelas e materia interestelar que adoitan ser de nova creación. Véxase a relación Tully-Fisher. Está composta por unha concentración de estrelas central (bulbo) arrodeada por un disco.
O Pacto de Teodomiro (tamén coñecido como Pacto de Tudmir ou Tratado de Orihuela) foi un tratado dhimmi asinado no ano 713 entre ‘Abd al-‘Aziz (fillo de Musa ibn Nusayr, gobernador do norte de África) e o duque cristián visigodo Teodomiro, Tudmir en árabe (príncipe e gobernador da provincia de Aurariola con capital na actual Orihuela) a inicios do século VIII. Foi subscrito no ano 713, dous anos despois do inicio da conquista musulmá da Península Ibérica.
A unidade astronómica (UA) é unha unidade de distancia aproximadamente igual á distancia media (xa que as órbitas son elípticas) entre a Terra e mailo Sol. É bastante utilizada en astronomía para expresar a órbita dos planetas e outros corpos celestes no ámbito da astronomía planetaria, e equivale aproximadamente a 149 597 870 700 metros.
As citoquininas (CK) ou citocininas son un tipo de hormona vexetal ou fitohormona que promove a división celular nas raíces e taliños. O seu nome procede de "citocinese". Están implicadas principalmente no crecemento e diferenciación celular, pero tamén afectan á dominancia apical, crecemento das xemas axilares, e senescencia das follas.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
A vía MAPK/ERK (tamén chamada vía Ras-Raf-MEK-ERK) é un certo conxunto de proteínas do grupo das quinases que actúan e cadea na célula, que comunican un sinal desde un receptor na superficie da célula ao ADN do núcleo celular. O sinal empeza cando unha molécula de sinalización se une ao seu receptor na superficie celular e remata cando o ADN do núcleo orixina que se exprese unha proteína, a cal produce algún cambio na célula, como a división celular. Esta vía comprende moitas proteínas, como as proteína quinases activadas por mitóxeno (MAPKs), orixinalmente chamadas quinases reguladas por sinal extracelular (ERKs), as cales actúan engadindo grupos fosfato a proteínas veciñas (fosforilándoas), funcionando así como un interruptor de "encendido" ("on") e "apagado" ("off").
Un presentador é unha persoa que presenta ou conduce un programa de radio ou televisión (informativos ou concursos), así como algúns eventos públicos ou privados (entregas de premios, entregas de diplomas, funcións de cine ou de teatro, etc.). Habitualmente, o presentador é un comunicador, un xornalista, un locutor ou alguén con algunha profesión afín, escollido por certas calidades (boa dicción, carisma, coñecementos, aparencia física).
Lisboa é a capital e maior cidade de Portugal, situada na foz do río Texo. Alén diso é tamén capital do distrito de Lisboa, da rexión de Lisboa, da área metropolitana de Lisboa, e é tamén o principal centro da subrexión estatística da Grande Lisboa. A cidade ten unha poboación de 545.245 habitantes (2011), mais a súa área metropolitana ten preto de 2,9 millóns, un 27% da poboación do país.
Nelson Rolihlahla Mandela, nado en Mvezo o 18 de xullo de 1918 e finado en Xohanesburgo o 5 de decembro de 2013, foi un activista, líder político e filántropo surafricano, presidente do país dende 1994 ata 1999. Foi o primeiro xefe de estado de raza negra do país e o primeiro elixido nunha elección democrática completamente representativa. O seu goberno centrouse na disolución do apartheid procurando combater o racismo institucionalizado e fomentar a reconciliación racial.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O A é a primeira letra do alfabeto galego, e representa a vogal máis aberta da lingua galega. Pode ter a función de artigo determinado feminino singular (a bolboreta), ou de preposición con distintos valores (axudar a alguén, ir a Santiago). Tamén pode ser un prefixo de orixe latina con valor de aproximación ou dirección (achegar, asentar), ou un prefixo de orixe grega con valor de negación (apolítico, anormalidade).
Fernando Botero Angulo, nado en Medellín o 19 de abril de 1932 e finado o 15 de setembro de 2023 en Mónaco, foi un acuarelista e escultor colombiano, recoñecido polas súas personaxes de formas redondas e voluptuosas. Sendo el mesmo alcumado ironicamente «o máis colombiano dos artistas colombianos» , é un dos raros pintores a coñecer o éxito e a gloria en vida. A súa carreira comeza realmente en 1958, cando gaña o primeiro premio do `Salón de Artistas Colombianos ' Ao grao das súas numerosas viaxes en Estados Unidos e en Europa, Fernando Botero desenvolveu un estilo propio e do cal a súa natureza morta Naturaleza muerta con Mandolina, de 1957, constitúe a primeira manifestación .
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2022/23 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 244.700 habitantes (INE, 2022); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
The Last Duel é un filme británico-estadounidense de 2021 dirixido por Ridley Scott a partir dun guión de Nicole Holofcener, Ben Affleck e Matt Damon. Está baseado no libro de 2004 The Last Duel: A True Story of Trial by Combat in Medieval France escrito por Eric Jager. Ambientado na Francia medieval, o filme está protagonizado por Damon como Jean de Carrouges, un cabaleiro que reta ao seu antigo amigo, o escudeiro Jacques Le Gris (Adam Driver) a un xuízo por combate logo de que a muller de Jean, Marguerite (Jodie Comer), acusase a Jacques de violala.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Estatua de Che Guevara en Oleiros
A Estatua de Che Guevara en Oleiros é unha homenaxe ao Che Guevara na avenida que leva o seu nome en Oleiros, na rotonda á altura do parque de Nirvana, preto da praia de Bastiagueiro. A estatua está baseada na famosa fotografía Guerrillero Heroico de Alberto Korda. A Escola de Artes Plásticas San Alejandro, da Habana, fixo un concurso de deseño da estatua que gañou o escultor Juan Quintanilla Álvarez e o músico Karol William Pérez.
Supercopa de España de baloncesto
A Supercopa de España de baloncesto, actualmente coñecida por motivos de patrocinio como Supercopa Endesa, é unha competición que se celebra anualmente en España entre catro equipos: o gañador da Liga ACB, o gañador da Copa do Rei, o equipo local e o equipo que faga mellor participación en competicións europeas a pasada campaña. Se o mesmo equipo gaña a Copa e a Liga, entón os dous seguintes equipos na Liga ACB compiten. A Supercopa naceu na década de 1980.
Os GRAPO (Grupos de Resistencia Antifascista Primero de Octubre) foi unha organización terrorista española de extrema esquerda, cunha forte inspiración maoísta creada en 1975. Tras múltiples anuncios do seu desartellamento por parte dos corpos de seguridade, a organización (ou pequenos grupos que así se reivindican) segue funcionando cunha mínima intensidade. É o brazo armado do PCE(r).
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Víctor Lidio Jara Martínez, nado en San Ignacio o 28 de setembro de 1932 e asasinado en Santiago de Chile o 16 de setembro de 1973, foi un músico, cantautor e director de teatro chileno. Procedente dunha familia campesiña, converteuse nun referente internacional da canción reivindicativa e de cantautor. Foi asasinado durante a represión que seguiu ó golpe de estado do Xeneral Augusto Pinochet contra o goberno democrático de Salvador Allende o 11 de setembro de 1973.
O J (iota) é unha letra, non propia do alfabeto galego moderno pero usada no galego medieval, e no galego moderno para préstamos léxicos doutras linguas. No alfabeto fonético internacional, [j] representa o aproximante palatal. Na maioría dos teclados alfanuméricos, as teclas j e f xeralmente aparecen cun pequeno relevo perceptible ao tacto, que permite aos usuarios a súa orientación táctil no teclado.
Iraq (en árabe العراق), e oficialmente República de Iraq (en árabe: [جمهورية العراق] , é un país de Asia Occidental que abrangue a chaira aluvial de Mesopotamia, o límite noroccidental dos Montes Zagros, e a parte leste do deserto sirio.Iraq limita con Turquía polo norte, con Irán polo leste, Kuwait polo sueste, Arabia Saudita polo sur, Xordania polo suroeste e Siria polo oeste. Ademais o país ten unha franxa costeira de 58 km de lonxitude no noroeste do Golfo Pérsico. A súa capital, Bagdad está localizada na zona do centro deste.
Singapur, oficialmente República de Singapur (en chinés: 新加坡共和国, Xīnjīapō Gònghéguó; en inglés: Republic of Singapore; en malaio: Republik Singapura; en támil: சிங்கப்பூர் குடியரசு, Siṅkappūr Kuṭiyarasu), é unha cidade-estado insular situada na Península Malaia no Sueste asiático, a 137 km ao norte do ecuador terrestre. O país está composto por 63 illas, separadas de Malaisia polo estreito de Johor no norte e das illas indonesias de Riau polo estreito de Singapur no sur. A República está altamente urbanizada, con moi poucas zonas boscosas restantes, aínda que se está gañando terra ao mar.
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.
Hugh Michael Jackman, nado en Sidney o 12 de outubro de 1968, é un actor e produtor australiano. Jackman gañou recoñecemento internacional polos seus papeis en grandes producións, interpretando a superheroes e personaxes de romances. É coñecido polo seu papel de Lobeto na serie de filmes de X-Men, así como por protagonizar Kate & Leopold, Van Helsing, O prestixio, Australia, Real Steel, Les Misérables e Prisoners.