Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Julio José Iglesias de la Cueva, máis coñecido como Julio Iglesias, nado en Madrid o 23 de setembro de 1943, é un exfutbolista de orixe galega, empresario e cantante de sona internacional. É o intérprete latino que máis discos vendeu[Cómpre referencia] e segundo Sony Music un dos 10 maiores vendedores de discos en toda a historia da música[Cómpre referencia].
O Gran Premio Seumas McNally é o principal premio outorgado no Independent Games Festival, evento anual que ten lugar durante a Game Developers Conference. O premio leva o nome do programador Seumas McNally (1979–2000), fundador da compañía de videoxogos independente Longbow Digital Arts que faleceu por mor dun linfoma de Hodgkin pouco tempo despois de recibir o premio no ano 2000 polo xogo Tread Marks. O premio inclúe unha cantidade en metálico de 30 000 dólares.Ata a edición de 2016 houbo 19 videoxogos que recibiron o premio, con máis de 50 seleccionados como finalistas.
O opistosoma é un dos dous tagmas en que se divide o corpo dos quelicerados. O outro tagma é o prosoma.Nos quelicerados, que non teñen unha cabeza diferenciada do resto do corpo, o opistosoma é ás veces denominado abdome, termo desaconsellado xa que non é homólogo do abdome dos crustáceos e os insectos. En arañas e amblipixios existe unha constrición ou cinto (pedicelo) que separa o opistosoma do prosoma, pero no resto dos arácnidos o límite entre ambos os tagmas é menos evidente.
O Canadair Sabre foi un caza a reacción fabricado por Canadair baixo licenza da compañía californiana North American Aviation, principalmente para ser usado pola Real Forza Aérea do Canadá (RCAF). Trátase dunha versión do North American F-86 Sabre e foi producido ata 1958 e utilizado pola RCAF ata ser substituído polo Canadair CF-104 en 1962. Varias forzas aéreas adoptarían o avión.
Os metadatos ou metainformación son o conxunto de datos asociados a obxectos ou sistemas de información que teñen a finalidade de describilos, xestionalos, preservalos ou facilitar o seu uso; dito doutro xeito son datos sobre outros datos. Un elemento de metadatos pode dicir de que se trata eses datos, xeralmente información intelixible por un ordenador. Os metadatos facilitan a comprensión das relacións e fan que a información resulte útil nos datos.
O topónimo galego Sabugueira pódese referir a: Sabugueira, parroquia do concello de Santiago de Compostela; Sabugueira, lugar da parroquia de Santa Cruz do Valadouro, no concello do Valadouro; A Sabugueira, lugar da parroquia de Grixalba, no concello de Sobrado; A Sabugueira, lugar da parroquia de Meixonfrío, no concello de Taboada.
A historia de Italia é unha das máis importantes de toda Europa e de todo o mundo. Herdeira de múltiples culturas antigas como a dos etruscos e latinos, e receptora da colonización grega e cartaxinesa, viu nacer o Imperio Romano, legador dunha gran parte da cultura occidental e un dos maiores da historia. Trala caída do Imperio, Italia sufriu unha serie de invasións xermanas alternadas con intentos bizantinos e francos de reconstruír a unidade do Imperio Romano.
En demonoloxía, Amdusias (tamén Amduscias, Amdukias ou Ambduscias) é un demo que posúe trinta lexións baixo o seu mando (29 segundo outros autores) e ten o título de Gran Duque. É representado coma un humano con garras en lugar de mans e pés, a cabeza dun unicornio e unha trompeta para simbolizar a súa poderosa voz. De acordo con outras fontes, este demo é representado coma un unicornio que cambia a un home baixo a petición do conxurador.
The Frankenstein Chronicles é unha serie de televisión británica que se emitiu orixinalmente a través da canle ITV Encore o 11 de novembro de 2015. Trátase dunha versión reimaxinada da novela de 1818 de Mary Shelley Frankenstein ou o moderno Prometeo. Está protagonizado por Sean Bean, quen tamén foi produtor asociado na primeira tempada.
Biblioteca Nacional Central de Florencia
A Biblioteca Nacional Central de Florencia (en italiano Biblioteca Nazionale Centrale dei Firenze) é unha biblioteca pública nacional e unha das dúas bibliotecas centrais de Italia, xunto coa Biblioteca Nacional Central de Roma. Atópase en Florencia.
Eslovaquia ( pronunciación ) (en eslovaco, Slovensko [ˈslovɛnsko] ), oficialmente República Eslovaca ( pronunciación ) (en eslovaco, Slovenská republika [ˈslovɛnskaː ˈrɛpublika] ), é un país do centro de Europa, resultado da división de Checoslovaquia en 1993, que orixinou o novo estado e tamén a Chequia. Ten fronteira ó norte con Chequia e Polonia; ó leste con Ucraína; ó sur con Hungría e ó oeste con Austria. A súa capital é Bratislava.
O Solar Impulse (HB-SIA) é un proxecto situado principalmente en Suíza para construír un avión que poida voar unicamente coa enerxía solar, tanto de día como de noite. O prototipo pode voar durante o día propulsado polos paneis solares que cobren as súas ás, á vez que carga as baterías que lle permitirán manterse no aire durante a noite, o que lle dá unha autonomía case ilimitada.
Sailor Moon (美少女戦士セーラームーン, Bishōjo Senshi Sērā Mūn), tamén traducida ó galego como A guerreira Lúa, é unha serie xaponesa de manga escrita e ilustrada por Naoko Takeuchi. Foi convertida en serie anime por Nakayoshi entre 1991 e 1997. Os 52 capítulos individuais foron publicados en 18 volumes tankōbon.
O león (Panthera leo) é un mamífero carnívoro da familia dos félidos e unha das 5 especies do xénero Panthera. Algúns machos, excepcionalmente grandes, chegan a pesar ata 250 kg, o que os converte no segundo félido vivente máis grande despois do tigre. Os leóns salvaxes viven na África subsahariana e Asia, cunha poboación en perigo crítico ao noroeste da India, tendo desaparecido do norte de África, de Oriente Próximo e do oeste de Asia en tempos históricos.
A milla é unha unidade de lonxitude que non forma parte do sistema métrico decimal. De orixe moi antiga, foi herdada da Antiga Roma e equivalía a mil pares de pasos camiñados por un home (en latín: mille passus, plural: milia passuum). Como os pasos eran dobres, a milla romana era aproximadamente igual a 1 467 m, e polo tanto un paso simple era duns 73 cm.
Panthera é un xénero de mamíferos da familia Felidae, ao que pertencen catro especies moi coñecidas: o tigre, o león, o leopardo e o xaguar. O xénero comprende aproximadamente a metade dos grandes felinos. Soamente estas catro especies teñen as estruturas anatómicas que lles permiten ruxir, debido a unha modificación da forma do seu óso hioide.
O Pallacanestro Trieste 2004 é un equipo de baloncesto profesional italiano da localidade de Trieste, Friúl-Venecia Xulia. Fundado en 1975, actualmente compite na Lega Basket Serie A, máxima competición do baloncesto transalpino. O seu maior éxito a nivel deportivo foron so cinco títulos de liga conseguidos durante as décadas de 1930 e 1940.
O termo voz pode referirse a: Voz: en fonoloxía, é o son producido polo aparello fonador humano. Voz: en música, a voz humana que forma parte dunha composición. Voz: en lingüística, expresa o papel semántico de varios referentes que participan na oración (voz activa e voz pasiva).Outros significados: Berro, urro, na expresión "dar unha voz".
Tempadas dos Carolina Hurricanes
Os Carolina Hurricanes son un equipo profesional de hóckey sobre xeo da cidade de Raleigh, Carolina do Norte (Estados Unidos). O equipo é membro da Metropolitan Division na Conferencia Leste da National Hockey League (NHL). Esta lista documenta os rexistros na liga regular e os play-offs nas 17 tempadas que a franquía disputou dende o seu traslado dende Hartford, Connecticut en 1997.
Santos é unha cidade do litoral do estado de São Paulo, dende sitúase o principal porto marítimo do Brasil e tamén da América Latina, o Porto de Santos. Está a 70 km de distancia da capital do estado, a cidade de São Paulo, a cal se liga por dúas estradas: Rodovia Anchieta (máis antiga) e Rodovia dos Imigrantes (máis moderna). Para transporte de carga hai tamén dúas liñas de ferrocarril dirixíndose ó interior do estado e pasando pola capital.
O Airbus A380, fabricado polo consorcio europeo Airbus, é un avión para o transporte de viaxeiros (entre 555 e 850 viaxeiros), o que o converte no maior avión comercial da historia. Trátase dun catrimotor de dous pisos e fuselaxe ancha e debido ao seu tamaño moitos aeroportos tiveron que modificar e mellorar as súas instalacións para acomodalo. Inicialmente foi chamado Airbus A3XX e deseñouse para desafiar o monopolio de Boeing no mercado dos avións de gran tamaño.
Terminator 3: A rebelión das máquinas
Terminator 3: A rebelión das máquinas (en inglés: Terminator 3: Rise of the Machines) é un filme de acción estadounidense dirixido por Jonathan Mostow que foi estreado no 2003. Estreouse en galego na TVG o 20 de abril de 2011.
Os rohingyas son un pobo indoario e musulmán orixinario do estado de Rakhine, en Myanmar. Os medios de comunicación internacionais e as organizacións de dereitos humanos describiron ós rohingyas como unha das minorías étnicas máis perseguidas do mundo. Segundo as Nacións Unidas, as violacións de dereitos humanos cometidas contra os rohingyas poden ser clasificados como "crimes contra a humanidade".
José Antonio Urruticoechea Bengoechea, nado en Ugao-Miraballes, Biscaia o 24 de decembro de 1950, tamén coñecido como Josu Ternera e como Josu Urrutikoetxea Bengoetxea, é un membro histórico da organización terrorista Euskadi Ta Askatasuna (ETA) e ex-deputado de Euskal Herritarrok no Parlamento Vasco.
Neftalí Ricardo Reyes Basoalto, máis coñecido como Pablo Neruda, nado en Parral (Provincia de Linares, Chile) o 12 de xullo de 1904 e finado en Santiago de Chile o 23 de setembro de 1973, foi un poeta chileno, gañador do Premio Nobel de Literatura no 1971. Tomou o seu pseudónimo do escritor checo Jan Neruda.
Unha vacina de ARNm é un tipo de vacina que usa unha copia dunha molécula de ARN mensaxeiro (ARNm ou mRNA) para producir unha resposta inmune. A vacina entrega moléculas dun ARNm que codifica un antíxeno ás células inmunitarias, as cales usan o ARNm deseñado como molde para construír unha proteína allea ao organismo, que normalmente sería producida por un patóxeno infeccioso (como, por exemplo, un virus) ou por unha célula cancerosa. Estas moléculas de proteínas estimulan unha resposta inmunitaria adaptativa que ensina ao corpo a identificar e destruír o patóxeno correspondente ou as células cancerosas.
María do Socorro Ortega Romero
María do Socorro Ortega Romero, nada en Arteixo e finada en Santiago de Compostela o 12 de decembro de 2011, foi unha historiadora da arte galega.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2022/23 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Pepe Domingo Castaño Solar, nado en Lestrobe (Dodro) o 8 de outubro de 1942 e finado en Madrid o 17 de setembro de 2023, foi un cantante e xornalista galego. Durante moitos anos presentou distintos programas deportivos (especialmente de fútbol masculino) en diversas cadeas españolas, como SER (Carrusel deportivo) ou Cope (Tiempo de juego).
Xosé Ramón Gayoso Bonigno, nado na Coruña o 25 de abril de 1956, é un presentador da Televisión de Galicia e un dos personaxes públicos máis coñecidos en Galicia. Presentou varios programas da canle pública galega dende a súa mesma creación, en 1985, facéndose enormemente popular polo seu traballo en Luar, programa que presenta dende 1992.
San Miguel de Presqueiras, Forcarei
San Miguel de Presqueiras é unha parroquia que se localiza no concello de Forcarei, na comarca de Tabeirós - Terra de Montes. Segundo o IGE en 2014 tiña 210 habitantes (95 homes e 115 mulleres), 70 menos ca en 2004 (153 mulleres e 127 homes nese ano segundo o padrón municipal) e 73 menos ca en 1999. Ten cinco entidades de poboación.
Ana Peleteiro Brión, nada en Ribeira o 2 de decembro de 1995, é unha atleta galega, especialista en triplo salto e medallista de bronce nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020. Asombrou desde moi nena, batendo os récords de España cadete, xuvenil, júnior e promesa e, con 16 anos, foi campioa do mundo júnior no Estadio Olímpico de Barcelona, cun salto de 14,17 m, batendo ademais o récord nacional absoluto.Proclamouse en trece ocasións campioa absoluta de España de triplo salto, seis delas ao aire libre e sete en pista cuberta, a primeira delas en febreiro de 2014, aínda en idade júnior. No Mundial de atletismo en pista cuberta de 2018, disputado en Birmingham, acadou o bronce en triplo salto cunha distancia de 14,40 m.
Kalasma foi un pequeno principado da zona raiana entre os hititas e Mitanni que se formou sobre o século –XVI e caeu baixo influencia de Mitanni, ata que a finais do século -XV foi sometida ao Imperio Hitita. Sobre o -1360 o rei Tushratta de Mitanni favoreceu unha revolta nela. Suppiluliumas I, que probabelmente aínda só era príncipe herdeiro hitita, foi á zona e derrotou aos rebeldes.
IRC son as siglas de Internet Chat Relay ("retransmisión de charla por internet"), unha forma de comunicación instantánea sobre a Internet deseñada para a grupos de persoas que utilizan foros chamados "canais". O IRC foi creado por Jarkko Oikarinen a finais de agosto de 1988 como substituta dun programa chamado MUT nun BBS chamado OuluBox en Finlandia. Oikarinen inspirouse no Bitney Relay Chat que funcionaba na rede Bitnet.
O quilogramo (comunmente quilo cando se usa para quilogramo-forza) é a unidade básica de masa do SI e o seu padrón, que se conserva na Oficina Internacional de Pesos e Medidas. O seu símbolo é kg. Un quilogramo equivale a 1000 gramos pero, dado que no SI é a unidade fundamental de masa, non debe ser considerado como derivado do gramo.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
O A é a primeira letra do alfabeto galego, e representa a vogal máis aberta da lingua galega. Pode ter a función de artigo determinado feminino singular (a bolboreta), ou de preposición con distintos valores (axudar a alguén, ir a Santiago). Tamén pode ser un prefixo de orixe latina con valor de aproximación ou dirección (achegar, asentar), ou un prefixo de orixe grega con valor de negación (apolítico, anormalidade).
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 244.700 habitantes (INE, 2022); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Martin Luther King, Jr., nado como Michael King Jr en Atlanta (Xeorxia) o 15 de xaneiro de 1929 e asasinado en Memphis (Tennessee) o 4 de abril de 1968, foi un ministro e activista baptista estadounidense, un dos líderes máis destacados do movemento polos dereitos civís desde 1955 ata o seu asasinato en 1968. Líder da igrexa afroamericana e fillo do activista dos dereitos civís e ministro Martin Luther King Sr., King promoveu os dereitos civís da xente de cor nos Estados Unidos a través da non-violencia e a desobediencia civil. Inspirado polas súas crenzas cristiás e o activismo non violento de Mahatma Gandhi, dirixiu unha resistencia non violenta contra as leis de Jim Crow e outras formas de discriminación.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.