Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Un centro comercial, (tamén coñecidos como shopping centers do inglés), é unha construción que consta dun ou varios edificios, polo xeral de gran tamaño, que albergan servizos, locais e oficinas comerciais aglutinados nun espazo determinado concentrando maior cantidade de clientes potenciais dentro do recinto. Un centro comercial está pensado como un espazo colectivo con distintas tendas; ademais, inclúe lugares de lecer, esparexemento e diversión, como cines ou feiras de comidas dentro do recinto. Aínda que estea en mans privadas, polo xeral os locais comerciais alúganse e véndense de forma independente, polo que existen varios donos de devanditos locais, que deben pagar servizos de mantemento ao construtor ou á entidade administradora do centro comercial.
A serie Boeing Business Jet son variantes de avións de pasaxeiros de Boeing para o mercado de reactores executivos. A designación BBJ denota os reactores executivos baseados na serie 737. Eses avións levan normalmente entre 25 e 50 pasaxeiros cunha configuración luxosa que pode incluír un dormitorio principal, un baño con duchas, unha sala de conferencias/comedor, e unha sala de estar.
O paganismo nórdico ou escandinavo é un termo empregado para describir as tradicións relixiosas comúns entre as tribos xermánicas que habitaban nos países nórdicos antes e durante a cristianización da Europa do norte. O paganismo nórdico é un subconxunto do paganismo xermánico, practicado nas terras deshabitadas polas tribos xermánicas en case toda Europa central e setentrional, durante a era viquinga. O coñecemento actual sobre o paganismo nórdico foi inferido polos resultados arqueolóxicos, etimolóxicos e polos materiais escritos da época.
Esther Ferrer Ruiz, nada en San Sebastián o 19 de decembro de 1937, é unha artista interdisciplinar española centrada na performance e considerada unha das mellores artistas españolas da súa xeración. En 2008 recibiu o Premio Nacional de Artes Plásticas de España e en 2014, o Premio Velázquez de Artes Plásticas outorgado polo Ministerio de Cultura .
O Festival de Cinema de Sitges (en catalán: Festival Internacional de Cinema Fantàstic de Catalunya) é un festival de cine especializado no xénero fantástico que se celebra dende o ano 1968 na localidade barcelonesa de Sitges. A sede principal do festival é o Auditori, situado no interior do hotel Meliá Sitges. As outras sedes son o cinema Prado, o cinema El Retiro e o edificio L'Escorxador, onde ten lugar a sección Brigadoon.
En bioloxía, principalmente na anatomía, un órgano é un conxunto de tecidos que evolucionaron para executar unha determinada función vital. Algúns órganos comúns aos vertebrados son o corazón, o cerebro, o estómago etc. Nas plantas "superiores", os órganos principais son a raíz, o caule, as follas, as flores e os froitos.
Nevada é un dos 50 Estados dos Estados Unidos de América, localizada no suroeste do país. Nevada posúe as maiores taxas de crecemento poboacional de todos os Estados Unidos, en gran parte grazas á grande inmigración de mexicanos na rexión. O crecemento poboacional do Estado entre 1990 e 2000 foi do 66,3%, en canto a poboación do país como un todo creceu 13,1%.
O xacaré, caimán xacaré ou caimán iacaré (Caiman yacare) é unha especie de caimán que ten o seu hábitat no centro de América do sur, incluíndo o nordeste da Arxentina, o Uruguai, sueste do Perú, Bolivia oriental, centro e suroeste do Brasil, e os ríos de Paraguai. Dentro do pantanal brasileiro hai cerca de 10 millóns de exemplares de xacaré, representando posibelmente a máis grande poboación de crocodilios da Terra. Sendo un crocodilio de tamaño de pequeno a medio, a maioría dos machos adultos medran até aproximadamente os 2,5 m de longo, chegando ocasionalmente algúns individuos aos 3 m.
Na mitoloxía nórdica, Hlín (antigo nórdico "protectora") é unha deusa asociada coa divindade maior Frigg da cal é unha das tres serventas xunto con Fulla e Gná. Ten a tarefa de protexer ós homes e consolar ós mortais que se laian da súa sorte. Hlín aparece no poema Edda poética compilado no século XIII a partir de diversas fontes tradicionais, e na Edda prosaica, escrita no mesmo século por Snorri Sturluson.
Fragmente der griechischen Historiker
Os Fragmente der griechischen Historiker (Fragmentos dos historiadores gregos), máis coñecidos baixo a abreviatura de FGrH, FGH ou «o Jacoby», son unha colección de fragmentos de obras de historiadores gregos, reunidos polo filólogo alemán Felix Jacoby (1876-1959). Están en gran parte fundados nos Fragmenta historicorum Graecorum de Karl Müller, publicado en cinco tomos entre 1841 e 1870. Jacoby emprende os FGrH en 1923.
BBC One é a máis antiga estación de televisión do Reino Unido e do mundo. É a principal canle da BBC, e comezou a emitir como BBC Television Service o 2 de novembro de 1936, aínda que a BBC emitira experimentalmente en gran variedade de formatos dende que o 30 de setembro de 1929 Baird Televisión emitise utilizando os medios da BBC. O 1 de setembro de 1939 as emisións foron interrompidas ata que de novo o 7 de xuño de 1946 volveu transmitir. A estación tivo o monopolio das transmisións de televisión no Reino Unido ata a aparición da ITV en 1955.
Unha curtametraxe é unha produción audiovisual ou cinematográfica que dura substancialmente menos que o tempo medio dun filme de produción normal. Aínda que non existe unha norma estrita, unha posible clasificación por tempo podería facerse deste xeito: a duración das curtametraxes vai dende menos dun minuto ata os 30 minutos. Os filmes de entre 30 e 60 minutos son mediametraxes.
O Faro de Alexandría (en grego: ὁ Φάρος τῆς Ἀλεξανδρείας) foi unha das sete marabillas do mundo antigo. Construído no 279 a.C por Sostrato de Cnido por orde de Tolomeo I na illa de Pharos, fronte Alexandría (Exipto). Consistía nunha xigantesca torre sobre a que unha fogueira permanente marcaba a posición da cidade aos navegantes, dado que a costa nesa zona era demasiado chá e por aquel entón carecíase de calquera referencia para a navegación.
Unha obra derivada é, en termos lexislativos de dereitos de autor, unha obra intelectual creada a partir dunha ou outras xa existentes incluíndo aspectos que poden estar suxeitos a dereitos de autor. A obra derivada debe garantir os dereitos de autor da obra orixinal. Exemplos de obras derivadas poden ser unha tradución, unha adaptación musical, unha adaptación a outro medio de comunicación ou un resumo.
Transatlanticism é o cuarto álbum da banda estadounidense de indie rock Death Cab for Cutie, publicado o 7 de outubro de 2003 a través do selo Barsuk Records. Transatlanticism é o segundo álbum conceptual do grupo, e fala sobre o amor a distancia. Do traballo sacáronse tres sinxelos acompañados polos seus respectivos vídeos musicais: "The New Year", "The Sound of Settling" e "Title and Registration".
O Muro de Berlin foi unha construción civil que supuxo un símbolo vivo da división física da Alemaña da posguerra en dúas entidades, a República Federal Alemá e a República Democrática Alemá. Este muro, alén de dividir a cidade de Berlín ao medio, simbolizaba a división do mundo en dous bloques ou partes: o Bloque Occidental, constituído polos países capitalistas encabezados polos Estados Unidos de América, e o Bloque de Leste, ou Soviético, constituído polos países comunistas, que tiñan á súa fronte a Unión Soviética.
As Tres Torres de San Marino son un grupo de torres localizadas na Cidade de San Marino, aproveitando tres picos do Monte Titano. Aparecen representadas na bandeira e no escudo de San Marino. Tamén se representan nas moedas de euro emitidas por este país, en concreto aparecen as tres na moeda de 50 céntimos, a torre Guaita na de 5 céntimos e o Montale na de 1 céntimo.
Orquestra Sinfónica de Galicia
A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) foi creada en 1992 polo concello da Coruña e ten a súa sede no Palacio da Ópera. Dende a tempada 2013-14, o director español Roberto González-Monjas ocupa o cargo de director musical da orquestra coruñesa, mentres que o burgalés Víctor Pablo Pérez ocupa o posto de director honorario logo de vinte anos á fronte da orquestra herculina. A OSG ofrece unha tempada sinfónica de concertos anual e adoita participar na Tempada Lírica da Coruña, tamén ten participado nos principais festivais de música clásica da cidade herculina, como os desaparecidos Festival Mozart e o Festival de Ópera da Coruña, foi a orquestra residente do Festival Rossini de Pesaro (Italia) entre 2003 e 2005, e ten sido a orquestra acompañante no Concurso Internacional de Piano Cidade de Ferrol en varias ocasións.Levou a cabo xiras por Alemaña e Austria, e ofreceu concertos nas mellores salas e ciclos de concertos de España.
David Coulthard Marshall, OBE, nado en Twynholm (Kirkcudbrightshire) o 27 de marzo de 1971, é un piloto escocés de Fórmula 1, coñecido como DC. Coulthard, fixo o seu debut na Fórmula Un en 1994 e gañou 13 Grandes Premios na súa carreira de 15 tempadas. Dúas veces gañador en Mónaco, Coulthard foi compañeiro de equipo de Mika Häkkinen nas dúas tempadas nas que o finlandés foi o gañador doCampionato de Pilotos con McLaren Mercedes antes de axudar a establecer o equipo Red Bull. Coulthard sumou unha notable cantidade de puntos que o colocan undécimo na lista de máximos puntuadores de todos os tempos na Fórmula 1.
O RTECS (Registry of Toxic Effects of Chemical Substances, Rexistro de Efectos Tóxicos de Substancias Químicas) é unha base de datos de información sobre toxicidade de substancias químicas compilado da literatrura científica aberta, sen que se fagan ulteriores comprobacións. Ata o ano 2001 foi mantida polo NIOSH (Instituto Nacional de Seguridade Ocupacional e Saúde) dos Estados Unidos como unha publicación libremente dispoñible gratuíta. Actualmente é mantida pola compañía privada Symyx Technologies e só está dispoñible pagando unha tarifa ou por subscrición.
«A Day in the Life» –en galego: «Un día na vida»– é unha canción da banda británica The Beatles e é o último tema do álbum Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band, de 1967. Acreditada a Lennon-McCartney, pero maiormente escrita por Lennon, a canción inclúe distintos fragmentos que foron escritos polos membros da banda John Lennon e Paul McCartney por separado, coa colaboración dunha orquestra adicional, sendo esta unha das últimas veces en que realizaron unha canción xuntos como nos seus primeiros anos.
Atlético Levante Unión Deportiva
O Atlético Levante Unión Deportiva é un club de fútbol español da cidade de Valencia. É o primeiro equipo filial do Levante Unión Deportiva. Foi fundado en 1957 como Portuarios e en 1962 foi substituído polo Atlético Levante, nome que recuperou de novo para a tempada 2014/15.
Donald Arvid Nelson, nado o 15 de maio de 1940 en Muskegon, Míchigan, é un antigo xogador e adestrador profesional de baloncesto da NBA. O seu último equipo foron os Golden State Warriors, dirixindo anteriormente aos Milwaukee Bucks, New York Knicks e Dallas Mavericks. Todo un innovador do baloncesto, é o inventor do concepto do point forward (unha posición adicional que mestura os mellores atributos da base e o aleiro). Esta táctica é moi utilizada polos adestradores de hoxe en día.
A abscisión é a separación dunha parte do corpo. En botánica utilízase para referirse ó proceso polo que unha planta perde autóxenamente (inducida pola propia planta) unha ou máis partes da súa estrutura como poden se-las follas, froitos, sementes ou flores. Nas plantas caducas esta caída dáse nunha estación, mentres que nas perennes esténdese ó longo de todo o ano.
O corno é un filme galego de 2023 dirixido e escrito por Jaione Camborda e protagonizado por Janet Novás, Siobhan Fernandes e Carla Rivas. Foi rodado en lingua galega. Estreouse na 71ª edición do Festival Internacional de Cine de Donostia, onde se converteu no primeiro filme en galego en competir na sección oficial.
Xenopus laevis é unha especie de anfibio acuático africano da familia Pipidae moi utilizado en investigación como organismo modelo. Presenta tres curtas uñas características nos pés das patas traseiras, que utiliza para desgarrar a súa comida. A palabra Xenopus significa "pé estraño" e laevis significa "liso".
Un selo discográfico é unha empresa que se dedica a realizar gravacións de música, así como a comercialización e distribución das mesmas. Ademais, encárgase de producir artistas de calquera xénero musical, lanzar novos cantantes, proporcionar o necesario como a produción de videoclips, álbums, a promoción na radio, descargas de cancións dende Internet, realizar concertos, entre outras tarefas de difusión.
Indonesia, oficialmente República de Indonesia (en indonesio: Republik Indonesia), é un extenso país insular localizado entre o sueste asiático e Oceanía e entre os océanos Índico e Pacífico, ocupando boa parte do territorio do maior arquipélago do mundo, de 17.508 illas, as illas da Sonda, e máis a metade occidental da illa de Nova Guinea, posuíndo un total dun 267 millóns de habitantes, convertendo a Indonesia no cuarto país máis poboado do mundo. Con 1 905 569 km², Indonesia é o décimo sexto país do mundo por superficie e a súa densidade de poboación de 134 hab/km² sitúao no 88 no mundo. Indonesia é unha república, cun poder lexislativo e un presidente escolleitos por sufraxio e o goberno ten a súa sede central na cidade de Iacarta, a capital.
Bianca e Fernando é unha ópera en dous actos con música de Vincenzo Bellini e libreto en italiano de Domenico Gilardoni na súa primeira versión, estreada o 30 de maio de 1826 no Teatro San Carlo de Nápoles. Esta ópera case non se representa na actualidade, non aparecendo nas estatísticas de Operabase entre as óperas representadas no período 2005-2010. A pesar de non ser unha das obras máis coñecidas de Bellini, a súa aria para soprano Sorgi, o padre pode escoitarse de cando en vez en recitais.
Johannes Chrysostomus Wolfgangus Theophilus Mozart máis coñecido co nome de Wolfgang Amadeus Mozart (ˈvɔlfgaŋ amaˈdeus ˈmoːtsart), nado en Salzburgo o 27 de xaneiro de 1756 e finado en Viena o 5 de decembro de 1791, é considerado un dos máis grandes compositores de música clásica europea. A obra mozartiana abarca todos os xéneros musicais da súa época e alcanza máis de seiscentas creacións, na súa maioría recoñecidas como obras mestras da música sinfónica, concertante, de cámara, para piano, operística e coral, logrando unha popularidade e difusión universal. Na súa nenez máis temperá en Salzburgo, Mozart mostrou unha capacidade prodixiosa no dominio de instrumentos de teclado e do violín.
O crecemento celular é o incremento da masa total dunha célula, incluíndo tanto o volume do citoplasma, coma do núcleo e os orgánulos. O crecemento celular ocorre cando a taxa global de biosíntese (produción de biomoléculas ou anabolismo) é maior que a taxa global de degradación celular (a destrución de biomoléculas por medio do proteosoma, lisosoma ou autofaxia, ou catabolismo).O crecemento celular non se debe confundir coa división celular ou o ciclo celular, que son procesos distintos que poden ocorrer xunto co crecemento celular durante o proceso da proliferación celular, no cal a célula, chamada célula proxenitora, crece e divídese para producir dúas células fillas. Porén, o crecemento celular e a división celular poden tamén ocorrer independentemente un da outra.
José Luis Sanmartín Mato, coñecido como Joselu ou Joselu Mato, nado en Stuttgart (Alemaña) o 27 de marzo de 1990, é un futbolista galego. Xoga de dianteiro no Real Madrid, da Primeira División, cedido polo Espanyol. Formado na canteira do Celta de Vigo, debutou co primeiro equipo celeste na Segunda División en 2009, e máis tarde militou en catro equipos da Primeira División, entre eles o Real Madrid e o máximo rival histórico do Celta: o Deportivo da Coruña.
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 1982
O Campionato Mundial de Fórmula 1 de 1982 foi a 33ª tempada de Fórmula 1 organizada pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA), e a 25ª Copa Internacional de construtores de F1. O campionato contou con dezaseis Grandes Premios que se iniciaron o 23 de xaneiro e finalizaron o 25 de setembro.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Scuderia Ferrari S.p.A. (Modelo:IPA-it) é a división deportiva do fabricante de automóbiles italiano de luxo Ferrari e o equipo de carreiras na actualidade só participa na Fórmula 1, pero participou en numerosas clases de deportes de motor desde a súa creación en 1929, incluídas as carreiras de resistencia. O equipo tamén é coñecido polo alcume de "O cabalo rampante", en referencia ao seu logotipo. É o equipo de Fórmula Un máis exitoso que sobrevive e o equipo de Fórmula 1 máis exitoso, que competiu en todos os campionatos mundiais desde a tempada de Fórmula Un de 1950.
Alejandro Guillán Castaño, coñecido artisticamente como Baiuca, nado en Catoira en 1990 é un músico galego. Usou o nome artístico Alex Casanova ata 2017, momento no que deixou atrás o estilo musical pop para innovar coa mestura de música electrónica e música tradicional galega, resultando un estilo que algúns dan en chamar folktrónica. Reside en Madrid.
Pedro Rodríguez de la Vega nado en Cidade de México o 18 de xaneiro de 1940 e finado en Núremberg (Alemaña) o 11 de xullo de 1971, foi un piloto de automobilismo mexicano. Xunto co seu irmán máis novo Ricardo, dous anos menor, correu con bicicletas e motocicletas na súa adolescencia e chegou a ser campión mexicano de motos aos 13 anos en 1953 repetindo en 1954 e de aí saltou ao automobilismo de velocidade.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
Margaretha Geertruida "Margreet" Zelle MacLeod, máis coñecida como Mata Hari, nada en Leeuwarden o 7 de agosto de 1876 e finada en Vincennes, París, o 15 de outubro de 1917, foi unha famosa bailarina e actriz neerlandesa, condenada a morte por espionaxe e executada por fusilamento durante a I Guerra Mundial (1914-1918). A palabra matahari significa sol en malaio, e literalmente "ollo do día".
IRC son as siglas de Internet Chat Relay ("retransmisión de charla por internet"), unha forma de comunicación instantánea sobre a Internet deseñada para a grupos de persoas que utilizan foros chamados "canais". O IRC foi creado por Jarkko Oikarinen a finais de agosto de 1988 como substituta dun programa chamado MUT nun BBS chamado OuluBox en Finlandia. Oikarinen inspirouse no Bitney Relay Chat que funcionaba na rede Bitnet.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Xosé Ramón Gayoso Bonigno, nado na Coruña o 25 de abril de 1956, é un presentador da Televisión de Galicia e un dos personaxes públicos máis coñecidos en Galicia. Presentou varios programas da canle pública galega dende a súa mesma creación, en 1985, facéndose enormemente popular polo seu traballo en Luar, programa que presenta dende 1992.
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 1965
O Campionato Mundial de Fórmula 1 de 1965 foi a 16ª tempada de Fórmula 1 organizado pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA), e a 8ª Copa Internacional de construtores de F1. Os dous títulos disputáronse simultaneamente con dez Grandes Premios que se iniciaron o 1 de xaneiro e finalizaron o 24 de outubro.
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961, é un político galego, senador nas Cortes Xerais e presidente do Partido Popular dende o 2 de abril de 2022. Anteriormente foi presidente da Xunta de Galicia durante 13 anos, entre abril de 2009 e maio de 2022. Despois de presidir Correos e exercer como conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia durante o goberno de Manuel Fraga, en 2006 sucedeu a este á fronte do Partido Popular de Galicia.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2022/23 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Coñécese como diáspora galega o proceso de emigración masiva do pobo galego que se produciu durante as tres últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Así, entre 1850 e 1960 marchan cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. O historiador Eiras Roel estima en 2.041.603 o número de galegos emigrados a América, o que supón o 38,5% do total de españois (5.311.906).
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Rede privada virtual, do inglés virtual private network (VPN), é unha rede de comunicacións privada construída sobre unha rede de comunicacións pública (como por exemplo, a Internet). O tráfico de datos é levado pola rede pública utilizando protocolos padróns, non necesariamente seguros. En resumo, crea unha conexión segura e criptografada, que pode ser considerada como un túnel, entre o seu computador e un servidor operado polo servizo VPN. Unha VPN é unha conexión estabelecida sobre unha infraestrutura pública ou compartida, usando tecnoloxías de tunelamento e criptografia para manter seguros os datos trasfegados.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 244.700 habitantes (INE, 2022); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 199.116.