Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
O acceso libre é un movemento xurdido nos anos noventa co obxecto de artellar un novo sistema de comunicación científica a través das novas tecnoloxías. Xorde fundamentalmente a causa dos fortes incrementos de prezos das revistas científicas, debidos ó carácter monopolístico que lle imprimiron á información científica os grandes grupos editoriais internacionais. Nado de proxectos individuais como ArXiv.org, está sendo asumido polos organismos de investigación (Declaración de Berlín) e por institucións políticas de investigación (Parlamento británico).
Regulamento xeral de protección de datos
O Regulamento xeral de protección de datos (GDPR) (Control (UE) 2016/679) é un regulamento europeo mediante o que o parlamento, o consello e a comisión pretenden fortalecer e unificar a protección de datos para todos os países da Unión Europea e o Espazo Económico Europeo, controlando tamén a transferencia de datos de fóra da Unión. Os seus principais obxectivos son devolverlles aos cidadáns o control sobre a súa información persoal e unificar o marco regulador para as empresas multinacionais. Establece un marco máis estrito que outras normas, e é a primeira norma sobre este asunto que lle afecta a todos os países da Unión Europea, e tanto os dereitos como as obrigas.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
O Pòrt de la Luna en gascón ou Port de la Lune en francés (Porto da Lúa) é o nome que recibe o porto de Bordeos, que data da Idade Media, pola forma do río que cruza a cidade. Está representado cunha media lúa no escudo de Bordeos, e por tres medias lúas entrelazadas no escudo do municipio. En 2007, o Porto da Lúa e preto de 1800 hectáreas da zona urbana circundante foron catalogados como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO debido á súa excepcional e "innovadora arquitectura clásica e tendencias arquitectónicas neoclásicas" e a prominencia de Bordeos como centro da industria vitivinícola histórica e como centro comercial mundial durante máis de 800 anos.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
Ana Peleteiro Brión, nada en Ribeira o 2 de decembro de 1995, é unha atleta galega, especialista en triplo salto. Considerada a atleta galega máis destacada de todos os tempos, foi campioa de Europa tanto ao aire libre como en pista cuberta, gañou unha medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020 e outros dous bronces nos Campionatos Mundiais de Atletismo en Pista Cuberta. Asombrou desde moi nena, batendo os récords de España cadete, xuvenil, júnior e promesa e, con 16 anos, foi campioa do mundo júnior no Estadio Olímpico de Barcelona, cun salto de 14,17 m, batendo ademais o récord nacional absoluto.
A fiestra valdeira: comedia de remate ledo en tres lances, o derradeiro c'un respiro é unha peza teatral de ambiente mariñeiro escrita por Rafael Dieste. Foi publicada na tipografía de El Eco de Santiago o 16 de marzo de 1927, aínda que saíu á luz uns meses antes, o 21 de xaneiro de 1927, cando Dieste fixera unha lectura da obra para ingresar no Seminario de Estudos Galegos. Ese mesmo ano, a obra foi relida na Festa da Prosa Galega.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 216.276.
En matemáticas, a sucesión de Fibonacci é a sucesión de números naturais: 0 , 1 , 1 , 2 , 3 , 5 , 8 , 13 , 21 , 34 , 55 , 89 , 144 , 233 , 377 , 610 , 987 , 1597 … {\textstyle 0,1,1,2,3,5,8,13,21,34,55,89,144,233,377,610,987,1597\ldots \,} (secuencia A000045 na OEIS) A sucesión comeza cos números 0 e 1, e a partir destes a relación de recorrencia que a define é que «cada termo é a suma dos dous anteriores». Aos elementos desta sucesión chámaselles números de Fibonacci. Esta sucesión foi descrita en Europa por Leonardo de Pisa, matemático italiano do século XIII tamén coñecido como Fibonacci.
Camilo Nogueira Román, nado o 22 de novembro de 1936 na parroquia e -daquela- concello de Lavadores (hoxe integrado no de Vigo) é un enxeñeiro e economista galego, máis coñecido pola súa faceta política, historicamente vinculada a partidos nacionalistas galegos de esquerda e desde 1994 ao Bloque Nacionalista Galego (BNG).
Eladio Rodríguez González, nado en San Clodio (Leiro) o 24 de xullo de 1864 e finado na Coruña o 14 de abril de 1949, foi un lexicógrafo, xornalista e escritor galego. Foi un dos corenta membros numerarios fundadores da Real Academia Galega, a cal presidiu entre 1926 e 1934; tamén é autor dun dicionario, ó que lle dedicou toda a súa vida, moi valorado polo seu contido etnográfico, que foi editado postumamente. No ano 2001 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
A Comunidade de Madrid (en castelán: Comunidad de Madrid) é unha comunidade autónoma de España uniprovincial situada no centro da Península Ibérica, no centro da Meseta Central. Limita coas provincias de Guadalaxara, Cuenca, Toledo, Ávila e Segovia. A súa capital, Madrid, é tamén a capital de España.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Para a icona de marca comercial, véxase Logotipo Logo é unha linguaxe de programación usada para a programación funcional. É unha adaptación sinxela do Lisp, habendo quen di que é un Lisp sen parénteses. Hoxe en día é coñecido sobre todo polos gráficos da tartaruga, pero tamén ten facilidades significativas para o manexo de listas, ficheiros, E/S e recursión.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
Bernabé Costas de Miranda, nado en Vincios o 16 de xaneiro de 1980, é un ex xogador profesional galego de baloncesto en cadeira de rodas. Como membro da selección española de baloncesto en cadeira de rodas, gañou o bronce Campionato Europeo de 2011 e obtivo un quinto posto nos Xogos Paralímpicos de Londres 2012. Xogou a maior parte da súa carreira no club Aldasa Amfiv de Vigo, na máxima categoría española, excepto catro tempadas que xogou no Barcelona.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Coñécese como diáspora galega o proceso de emigración masiva do pobo galego que se produciu durante as tres últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Así, entre 1850 e 1960 marcharon cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. Posteriormente, xa na segunda década do século XXI, por mor da crise en Galicia e España, iniciouse unha segunda vaga de emigración galega, principalmente cara a países de Europa (Alemaña e Inglaterra), formada normalmente por mozos con estudos e un nivel cultural medio-alto.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
De Ninghures é unha banda galega de música folk conformada, á altura de 2019, por un total de 7 integrantes, naturais de distintas localidades do país, tales como Carballo, Santiago de Compostela ou A Fonsagrada. Como grupo, caracterízase pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís.
Xabier Deive Martínez, nado en Narón o 14 de maio de 1970 e finado o 18 de xullo de 2024, foi un actor galego cunha ampla experiencia interpretativa. Traballou en teatro, cine e televisión, sendo especialmente coñecido polos seus papeis en numerosas series da Televisión de Galicia como A vida por diante, Matalobos ou Serramoura.
O millo ou maínzo (Zea mays) é unha planta gramínea anual e na mesma planta (monoica) atópanse as súas inflorescencias masculinas (nos extremos terminais) e femininas (nas vaíñas axilares). Ten un crecemento rápido, chegando aos 2,5 metros de altura nun ano, que é a súa quenda de colleita. As follas teñen forma alongada saíndo do talo cun lixeiro ángulo e coa punta caída cara a abaixo.
Sistema Internacional de Unidades
O Sistema Internacional de unidades (en inglés: International System of Units e en francés: Le Système international d'unités), abreviado como SI ou SIU, é o nome adoptado pola XI Conferencia Xeral de Pesos e Medidas (celebrada en París en 1960) para un sistema de unidades de medida universal, unificado e coherente, baseado no sistema MKS (metro-quilogramo-segundo). Na conferencia de 1960 definíronse os patróns para seis unidades básicas ou fundamentais e dúas unidades suplementarias (radián e estereorradián); en 1971 engadiuse unha sétima unidade fundamental, o mol. As dúas unidades suplementarias suprimíronse como clase independente dentro do Sistema Internacional na XX Conferencia Xeral de Pesos e Medidas (1995); estas dúas unidades quedaron incorporadas ó SI como unidades derivadas sen dimensións.
O Consello de Galiza foi unha entidade política galega que se constituíu o 15 de novembro de 1944 en Montevideo e que pretendía aglutinar os deputados galegos, por riba de partidos políticos, para dotar dun órgano político a Galicia no exilio e que pretendía actuar na práctica como un goberno galego no exilio, lexitimado polo Estatuto de autonomía que se sometera a plebiscito en 1936, pero sen chegar a constituírse formalmente como a Xunta que prevía o propio Estatuto.
Joaquín Domínguez Portela, coñecido como Elxokas, nado en Lugo o 13 de abril de 1991, é un influenciador, streamer, youtuber e creador de contido en Twitch e YouTube. Comezou como streamer en 2018 en Twitch creando contido do videoxogo Warcraft. En 2019, era xa o creador de contido máis grande da comunidade hispanofalante nesta categoría.
National Basketball Association
A National Basketball Association (NBA) é a principal liga profesional de baloncesto de América do Norte, estando considerada maioritariamente como a mellor competición deste deporte no mundo. Formada por trinta franquías, vinte e nove delas situadas nos Estados Unidos e unha no Canadá, a NBA é membro da USA Basketball (Federación de Baloncesto dos Estados Unidos), a cal está considerada pola Federación Internacional de Baloncesto como o órgano nacional para o baloncesto nos Estados Unidos. A NBA está tamén considerada unha das catro grandes competicións deportivas do América do Norte xunto coa National Football League, a Major League Baseball e a National Hockey League.
John Maynard Keynes, primeiro barón Keynes, nado en Cambridge o 5 de xuño de 1883 e finado en Firle o 21 de abril de 1946, foi un economista e filósofo inglés cuxas ideas cambiaron radicalmente a teoría e a práctica da macroeconomía e as políticas económicas dos gobernos. De formación matemática, baseouse en traballos anteriores sobre as causas dos ciclos económicos e perfeccionounos. Foi un dos economistas máis influentes do século XX, os seus escritos son a base da escola do pensamento coñecida como economía keynesiana, e das súas diversas ramificacións.
Information Technology Infrastructure Library
A Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías de Información, frecuentemente abreviada ITIL (do inglés Information Technology Infrastructure Library), é un marco de traballo das mellores prácticas destinadas a facilitar a entrega de servizos de tecnoloxías da información (TI).
"The War of the Worlds" é un episodio da serie de radioteatro estadounidense The Mercury Theatre on the Air. Foi presentado como un episodio de Halloween da serie o domingo 30 de outubro de 1938 e emitido na rede de radio Columbia Broadcasting System. Dirixido e narrado polo actor e futuro cineasta Orson Welles, o episodio foi unha adaptación da novela de H.G. Wells A guerra dos mundos (1898).
RSS é parte da familia de formatos XML, desenvolvidos especificamente para os sitios de novas e os blogs. Este tipo de sitios que se actualizan con frecuencia inclúen dentro das súas potencialidades, a posibilidade de compartir información e usala noutros lugares web ou programas. Este procedemento coñécese como sindicación.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
A galegofobia ou galaicofobia fai referencia á aversión non xustificada cara a Galicia, cara á cultura e lingua galegas e cara ao individuo galego e a súa identidade. Malia que o termo non aparece recollido en ningún dicionario de corte académico, trátase da denominación xenérica e popular para se referir a este fenómeno tanto na prensa coma no eido social. Así, a primeira constancia que se ten do seu uso é nun artigo de prensa asinado por Villar Ponte e datado en 1916.
Nos Estados Unidos de América, un lugar designado polo censo (tradución literal da frase en inglés: census-designated place, polo que é coñecido polo acrónimo nesta lingua CDP) é un lugar, unha concentración de poboación, identificado pola Oficina do Censo dos Estados Unidos cunha finalidade estatística. Os CDP inclúense en cada censo decenal como contrapartida na estatística dos lugares incorporados como cidades, aldeas e vilas rurais. Son comunidades que carecen de goberno local, pero que fisicamente se parecen aos lugares incorporados.
A Idade de Bronce (c. 3300 – c. 1200 a.C.) foi un período histórico caracterizado principalmente polo uso de ferramentas de bronce e o desenvolvemento de sociedades urbanas complexas, así como pola adopción da escritura nalgunhas zonas. A Idade do Bronce é o período medio principal do sistema das tres idades, que segue á Idade de Pedra e precede á Idade de Ferro. Concibida como unha era global, a Idade do Bronce segue ao Neolítico, cun período de transición entre ambos os coñecido como Calcolítico.
Coñécese como gripe de 1918 unha pandemia de gripe que afectou a todo o planeta precisamente cando remataba a primeira guerra mundial. Entre xaneiro de 1918 e decembro de 1920 infectou 500 millóns de persoas, aproximadamente un cuarto da poboación da época , e matou entre 17 e 50 millóns de persoas, un número tres veces maior que o de baixas na guerra.
Cartafol foi un programa cultural da TVG que se emitiu na tempada entre 1989 e 1990. Estaba dirixido e presentado por Xosé Antonio Perozo, coa colaboración, entre outros de, Luís Rei Núñez, Miguel Outeiriño, Miguel Anxo Seixas e Ana Robles, a partir de 1990 encargouse da súa dirección Manuel Anxo Seixas.
Na noite estrelecida é unha obra poética de Ramón Cabanillas, publicada en 1926. Está conformada por tres poemas escritos en series de pareados alexandrinos, mesturados con romances e sextinas, que ten como tema principal a materia de Bretaña. Dúas das sagas xa foran publicadas (con algunhas variantes) antes de 1926, mais foi nese ano cando apareceron as tres reunidas nunha publicación.
Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 30 de setembro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX. Membro da xeración Nós, é considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego. Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega.
A Organización Mundial da Saúde (OMS, ou WHO, nas súas siglas en inglés), é o organismo especializado das Nacións Unidas responsable da saúde pública internacional. Ten a súa sede en Xenebra, Suíza, e conta con seis oficinas rexionais e 150 oficinas locais en todo o mundo. A OMS fundouse o 7 de abril de 1948 e convocou a súa primeira reunión o 24 de xullo dese ano..
O raposo común (Vulpes vulpes), tamén coñecido simplemente como raposo, raposa ou golpe nalgunhas zonas ó norte de Galicia, é a meirande especie de raposo e un dos membros máis espallados no mundo da orde dos carnívoros, estando presente en todo o hemisferio norte dende o círculo polar ártico até o norte de África, América do Norte e Eurasia. Está clasificada como unha especie pouco preocupante pola IUCN. A súa área de distribución medrou paralelamente coa expansión humana, sendo introducido en Australia, onde é considerado prexudicial para os mamíferos nativos e as poboacións de aves. Por mor da súa presenza en Australia, está incluído na lista das 100 especies invasoras máis daniñas do mundo.
A masturbacion coas mamas ou coito mamario é un acto sexual, que se realiza como preludio ou como sexo sen penetración, que implica a estimulación do pene cos peitos dunha muller e viceversa. Implica colocar o pene entre os peitos dunha muller e mover o pene cara a arriba e abaixo para simular a penetración sexual e para crear pracer sexual. Pódese usar como alternativa a unha masturbación manual.
O arroz vaporizado obtense tras meter o arroz con casca en auga a 60 °C e logo sometelo a unha forte presión de vapor, eliminándose así gran parte do amidón, mais conservando vitaminas e sales minerais que os arroces tradicionais perden durante o seu puído. O proceso de vaporizado fai que o arroz sexa máis fácil de procesar a man, mellora o seu perfil nutricional e muda a súa textura. Puír o arroz a man, é dicir, retirar a capa de fibra, é máis fácil se o arroz foi vaporizado.
O Circo de los Muchachos (en galego: Circo dos Rapaces) foi o primeiro proxecto de escola de circo en España. Fundado polo padre Jesús Silva Méndez na década de 1960, instalouse nunha leira chamada «Benposta» (tamén coñecida como «La Ciudad de los Muchachos»), no arrabalde sur da cidade de Ourense, na parroquia de Seixalbo. Mantívose en activo até a primeira década do 2000.
A serra do Xistral forma o núcleo do serras setentrionais de Galiza que separa a Terra Chá do mar, do que irradian os serra da Toxiza cara ao leste, a Carba cara ao poñente, e montes de Buio e dos Cabaleiros, na caída do macizo cara ao litoral. Este conxunto montañoso esténdese polos concellos das Pontes de García Rodríguez, Abadín, Alfoz, Mondoñedo, Muras, Ourol, O Valadouro, Vilalba, Xermade, Xove, Viveiro e Cervo. É un espazo natural declarado como zona especial de conservación (ZEC).