Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
José Manuel Ramos Alonso, nado en La Bañeza o 3 de xaneiro de 1971, máis coñecido como Crispín d'Olot, é un xograr adicado á recuperación da tradición oral e a difusión da literatura medieval, renacentista e barroca en linguas iberorromances, valéndose de pezas folclóricas ou literarias que transforma en cancións ou declamacións teatrais.
Afonso é un nome propio masculino galego. Provén do xermánico Adelfuns, composto por unha raíz gótica ath-, que podería vir de hathu 'loita' e outra raíz funs (disposto, valente). Adefonso é a única variante que admite a RAG. En xaneiro de 2023 existían 40 varóns en Galicia co nome Afonso, cunha media de idade de 39,1 anos.
O Imperio romano (en latín: imperium romanum) foi un imperio da antigüidade sucesor da República Romana e caracterizado por un sistema autocrático. Gobernou extensas terras ao longo de Europa e o Mediterráneo. Durante o mandato de Traxano abarcaba, de oeste a leste, dende o océano Atlántico até as beiras do mar Caspio, o mar Vermello e o golfo Pérsico e, de norte a sur, dende as fragas dos ríos Rin e Danubio e a fronteira con Caledonia até o deserto do Sáhara.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Día Internacional do Orgullo LGTB
O Día Internacional do Orgullo LGTB, refírese a unha xornada na que teñen lugar unha serie de accións reivindicativas da comunidade LGTB+, co gallo de reafirmaren a súa orientación sexual, reivindicaren os seus dereitos e mais para faceren denuncia das actitudes homófobas. A festa ten lugar o 28 de xuño, polo que a maioría das celebracións fanse ao redor desa data ou no sábado inmediatamente posterior. A noción básica do «orgullo LGTB+» consiste en que ningunha persoa debe sentir vergoña do que é, sexa cal for o seu sexo ou orientación sexual.
Antonio "Toñito" Blanco, nado na Coruña en 1964, e finado en 1994, foi un guionista, actor e director de cinema galego. É coñecido por ser un dos creadores do programa Xabarín Club da TVG, e codirector do filme de culto A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos xunto con Ricardo Llovo, un dos poucos exemplos do cinema gore galego. Foi actor e guionista na serie Composteláns e colaborou como experto en banda deseñada no magazine A tumba aberta.
O acceso libre é un movemento xurdido nos anos noventa co obxecto de artellar un novo sistema de comunicación científica a través das novas tecnoloxías. Xorde fundamentalmente a causa dos fortes incrementos de prezos das revistas científicas, debidos ó carácter monopolístico que lle imprimiron á información científica os grandes grupos editoriais internacionais. Nado de proxectos individuais como ArXiv.org, está sendo asumido polos organismos de investigación (Declaración de Berlín) e por institucións políticas de investigación (Parlamento británico).
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora (máis coñecido simplemente como Álvaro Cunqueiro) nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo galego, considerado un dos grandes autores da literatura galega e da literatura española do século XX. Foi director do xornal Faro de Vigo. Ingresou na Real Academia Galega en 1963. Foi nomeado fillo predilecto de Mondoñedo en 1965.
A Copa de España de Rally foi unha competición de rally organizada pola Real Federación Española de Automobilismo que se disputou en España entre 1984 e 1992 independente do Campionato de España de Rally. A maioría das probas que formaron parte do mesmo eran probas habituais do Campionato de España, que ao saíren do calendario deste foron puntuables para a Copa de España.
A arte (do latín ars, artis, a través do seu acusativo singular artem) é entendida xeralmente como calquera actividade ou produto realizado polo ser humano cunha finalidade estética ou comunicativa, a través do que se expresan ideas, emocións ou, en xeral, unha visión do mundo, mediante diversos recursos, como as plásticos, lingüísticos, sonoros ou mixtos. A arte é un compoñente da cultura, reflectindo na súa concepción os substratos económicos e sociais, e a transmisión de ideas e valores, inherentes a calquera cultura humana ó longo do espazo e do tempo. Adoita considerarse que coa aparición do Homo sapiens a arte tivo en principio unha función ritual, máxica ou relixiosa, pero esa función cambiou coa evolución do ser humano, adquirindo un compoñente estético e unha función social, pedagóxica, mercantil ou simplemente ornamental.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 216.547.
A Idade de Bronce (c. 3300 – c. 1200 a.C.) foi un período histórico caracterizado principalmente polo uso de ferramentas de bronce e o desenvolvemento de sociedades urbanas complexas, así como pola adopción da escritura nalgunhas zonas. A Idade do Bronce é o período medio principal do sistema das tres idades, que segue á Idade de Pedra e precede á Idade de Ferro. Concibida como unha era global, a Idade do Bronce segue ao Neolítico, cun período de transición entre ambos os coñecido como Calcolítico.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
A Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) (en inglés North Atlantic Treaty Organization, NATO e en francés Organisation du traité de l'Atlantique nord, OTAN), tamén denominada Alianza do Atlántico, Alianza do Atlántico Norte ou Alianza Atlántica, é unha alianza militar intergobernamental creada o 4 de abril de 1949 da que forman parte países de Europa e América. As súas funcións cambiaron dende a súa fundación: naceu como organización defensiva para conter ós países comunistas de Europa do leste, que se agruparon no chamado Pacto de Varsovia, e tras a caída do Muro de Berlín facilitouse a entrada a ditos países no tratado, de xeito que hoxe inclúe a maioría deles. No ano 1999 variouse o tratado para permitir outras misións diferentes da pura defensa.
Transnistria (nalgúns casos escrito como "Transdniéster", "Transdniestria" ou "Cisdniéster") é un territorio separatista de Moldova situado principalmente entre o río Dnister e a fronteira oriental da República Moldova con Ucraína. Desde a súa declaración de independencia en 1990 e, especialmente despois da Guerra de Transnistria en 1992, é gobernada como a República Moldova Pridnestroviana (RMP), tamén coñecida como "Pridnestrovia"), un Estado non recoñecido que reclama o territorio ao leste do río Dnister, a cidade de Bender e as súas localidades circundantes situadas na beira oeste deste río. Moldova non recoñece a secesión e considera que os territorios controlados poa RMP son parte da rexión autónoma moldova de Stînga Nistrului (literalmente, "a ribeira esquerda do Dnister"), oficialmente denominada Unidade Territorial Autónoma Transistria, cun status xurídico especial.
Mario Brión Toucedo, nado en Boiro en 2 de outubro de 1994, é un remeiro do Club de Remo Cabo da Cruz e creador de contido dixital, principalmente para a plataforma de YouTube, máis coñecido polo seu nome de usuario na rede olaxonmario. Na 21ª edición dos Premios Mestre Mateo estivo nomeado na categoría a mellor comunicador.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Estudos de xénero —do inglés gender studies— é a denominación dun campo interdisciplinario centrado no estudo académico de diversos temas relacionados co xénero como categoría central. Este inclúe os estudos feministas —relativos á muller, feminismo, xénero e política—, estudos das mulleres, estudos dos homes e os estudos LGBT. Nalgunhas ocasións, os estudos de xénero inclúense dentro daqueles sobre sexualidade, onde poden compartir técnicas e sustento teórico-metodolóxico. Tales disciplinas estudan o xénero e a sexualidade en campos tan variados como a literatura e a linguaxe, historia, ciencias políticas, socioloxía, antropoloxía, estudos sobre o cinema e os medios de comunicación, o desenvolvemento humano, o dereito e a medicina.
As mulleres na Idade Media reflectían a pirámide social xeral da Idade Media e, polo tanto, tiñan vidas moi diferentes segundo o estamento e a función para a que estivesen destinadas, mais, en xeral, adoptaban un papel subordinado respecto ao home, sendo relegadas á casa ou á vida relixiosa. Repetíase a relación de vasalaxe na esfera doméstica, onde os homes actuaban como os señores da casa. Aínda así, algunhas mulleres desafiaron estes modelos e cultivaron as ciencias, as artes e o pensamento.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A moeda da Antiga Roma é, de entre todas as moedas da Idade Antiga, a que coñeceu a máis ampla expansión xeográfica, ata se converter durante varios séculos na moeda común de todo o mundo occidental e o Mediterráneo. Particularmente durante a maior parte da República Romana e na metade occidental do Imperio Romano, baseouse nun sistema constituído polo áureo (lat. aureus, "ouro"), o denario (lat.
Regulamento xeral de protección de datos
O Regulamento xeral de protección de datos (GDPR) (Control (UE) 2016/679) é un regulamento europeo mediante o que o parlamento, o consello e a comisión pretenden fortalecer e unificar a protección de datos para todos os países da Unión Europea e o Espazo Económico Europeo, controlando tamén a transferencia de datos de fóra da Unión. Os seus principais obxectivos son devolverlles aos cidadáns o control sobre a súa información persoal e unificar o marco regulador para as empresas multinacionais. Establece un marco máis estrito que outras normas, e é a primeira norma sobre este asunto que lle afecta a todos os países da Unión Europea, e tanto os dereitos como as obrigas.
A querela das mulleres, coñecida especialmente pola súa expresión en francés: querelle des femmes é o nome polo que se coñece o debate literario e académico que tivo lugar ao longo de varios séculos abarcando desde finais do século XIV, na Europa medieval, até a revolución francesa no século XVIII, que xorde en defensa da capacidade intelectual, o dereito das mulleres ao acceso á universidade e á política das mulleres fronte á misoxinia. Afírmase que esta capacidade non é unha cuestión de natureza senón social, de posibilidade de acceso ao coñecemento. A querela manifestouse publicamente en faladoiros e xerou numerosos escritos en torno ao valor, a diferenza e as relacións entre ambos os sexos.
Euclides (en greco antigo: Εὐκλείδης / Eukleídês), ás veces chamado Euclides de Alexandría para distinguilo de Euclides de Megara, (floruit o 300 a.C.), foi un matemático e xeómetra grego. Considerado como "o pai da xeometría". coñéceselle principalmente polo tratado Elementos, que estableceu os fundamentos da xeometría que dominaron en gran parte este campo até principios do século XIX. O seu sistema, agora denominado como xeometría euclidiana, incluía innovacións en combinación cunha síntese de teorías de matemáticos gregos anteriores, como Eudoxo de Cnido, Hipócrates de Quíos, Tales e Teeteto.
O dereito é a orde normativa e institucional da conduta humana en sociedade inspirada en postulados de xustiza e certeza xurídica, baseado nas relacións sociais existentes que determinan o seu contido e carácter. Noutras palabras, é o conxunto de normas que regulamentan a convivencia social e permiten resolver os conflitos interpersoais. A anterior definición define o dereito positivo ou efectivo, pero non explica o seu fundamento; é por iso que xuristas, filósofos e teóricos do dereito levan proposto diversas definicións alternativas, sen que exista consenso, ata a data.
A agricultura (do latín agri ‘campo’, e cultūra ‘cultivo’, ‘crianza’) é o conxunto de técnicas, coñecementos e saberes para o cultivo da terra co fin de plantas útiles ao home, particularmente para a súa alimentación. Comprende todo un conxunto de accións humanas que transforman o medio natural e hábitats. A agricultura foi o desenvolvemento clave no xurdimento da civilización humana sedentaria, mediante a cal o cultivo de especies domesticadas creou excedentes de alimentos que permitiron ás persoas vivir agrupadas nun mesmo poboado.
Denomínase como enerxía renovable a aquela enerxía que se obtén de recursos naturais virtualmente inesgotables, unhas pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen (por exemplo a enerxía xeotérmica), e outras por seren capaces de rexenerarse por medios naturais (a enerxía solar ou a eólica). Sendo esta o conxunto de fontes de enerxía que periodicamente se atopan a disposición dos humanos e que estes son capaces de transformar en enerxía útil . Consideramos que se rexeneran, ou se renovan, naturalmente de xeito máis rápido á velocidade que as consumimos.
A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos
A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos (en castelán: La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos) é unha longametraxe galega dirixida por Toñito Blanco e Ricardo Llovo. Autodenomínase como “posibelmente a película máis noxenta, cutre e divertida de tódolos tempos”. O filme conta coa participación de músicos como Julián Hernández (Siniestro Total), César Strawberry (Def con Dos, Strawberry Hardcore) ou Silvia Superstar (Killer Barbies).
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
En matemáticas, o lema de Hensel, tamén coñecido como lema de levantamento de Hensel, chamado así en honor de Kurt Hensel, é un resultado da aritmética modular, que indica que se un polinomio univariado ten unha raíz simple módulo un número primo p, entón esta raíz pode levantarse a unha única raíz módulo calquera potencia de p maior. De forma máis xeral, se un polinomio factoriza módulo p en dous polinomios coprimos, esta factorización pódese levantar a unha factorización módulo calquera potencia de p superior (o caso das raíces corresponde ao caso de grao 1 para un dos factores). Ao pasar ao "límite" (de feito este é un límite inverso) cando a potencia de p tende ao infinito, dedúcese que unha raíz ou unha factorización módulo p pode levantarse a unha raíz ou unha factorización sobre os enteiros p-ádicos.
O Tempo Universal Coordenado, ou UTC, tamén coñecido como tempo civil, é o fuso horario de referencia a partir do cal se calculan todas as outras zonas horarias do planeta Terra. É o sucesor do Tempo Medio de Greenwich (Greenwich Mean Time), abreviadamente GMT. Acuñouse esta nova denominación para eliminar a inclusión dunha localización específica nun patrón internacional, así como para basear a medida do tempo nos patróns atómicos, máis do que nos celestes. Ao contrario do GMT, o UTC non se define polo Sol ou as estrelas, senón que se mide polos reloxos atómicos.
O Territorio Mohawk de Kahnawake (en francés: Territoire Mohawk de Kahnawake; pronunciado ɡahnaˈwaːɡe na lingua mohawk e en tuscarora: Kahnawáˀkye) é unha reserva do pobo mohawk de Kahnawá:ke, que se atopa na ribeira sur do río San Lourenzo, no Quebec, no Canadá. Estabelecida polos francocanadenses en 1719 como unha misión xesuíta, tamén foi coñecida como Seigneury Sault du St-Louis e Caughnawaga (en referencia a unha aldea mohawk no Val Mohawk de Nova York). Hai 17 variacións ortográficas europeas do termo mohawk Kahnawake.
O falseamento, falsabilidade, falseabilidade, falsacionismo, refutabilidade, refutacionismo ou principio de falseamento, que de todas estas formas, entre outras, pode verse escrito, son termos que son diferentes adaptacións do alemán Fälschungsmöglichkeit. O falseamento ou refutabilidade é un importante concepto da epistemoloxía descrito polo filósofo austríaco Karl Popper. Para este, contrastar unha teoría significa intentar refutala mediante un contraexemplo.
Movemento Galego ao Socialismo
O Movemento Galego ao Socialismo (MGS) foi un partido político comunista e independentista galego, integrado no Bloque Nacionalista Galego que tiña como principais obxectivos a superación do capitalismo, a liberación nacional de Galiza, a democracia socialista e o comunismo. Como tal organización naceu en marzo de 2009, aínda que a súa I Asemblea Nacional celebrouse en maio de 2012, onde aprobou os seus Estatutos e escolleu a súa primeira dirección, chamada Mesa Nacional. En decembro de 2014 celebrou a II Asemblea Nacional, na que aprobou o seu programa político.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Defínese, desde o punto de vista organizativo, como unha fronte de partidos e sitúase na esquerda do espectro político. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Google Académico (en inglés: Google Scholar) é un motor de busca de Google enfocado e especializado na busca de contido e bibliografía científico-académica. O sitio indexa editoriais, bibliotecas, repositorios, bases de datos bibliográficas, entre outros; e entre os seus resultados pódense atopar citas, ligazóns a libros, artigos de revistas científicas, comunicacións e congresos, informes científico-técnicos, teses, tesiñas e arquivos depositados en repositorios. Foi lanzado ao público en versión Beta o 19 de novembro de 2005. O índice inclúe todos aqueles documentos accesibles na Web que cumpran cunha serie de requisitos técnicos.
Beans é un filme canadense de 2020 dirixido pola cineasta mohawk Tracey Deer. O filme explora a crise de Oka de 1990 en Kanesatake, que Deer viviu cando era nena, a través dos ollos de Tekehentahkhwa (alcumada "Beans"), unha moza mohawk cuxa perspectiva da vida cambia radicalmente por mor destes acontecementos. O filme estreouse no Festival Internacional de Cinema de Toronto de 2020, onde quedou no segundo posto ao premio People's Choice.
O GM1 (monosialotetrahexosilgangliósido) é o gangliósido prototípico, membro da serie ganglio dos gangliósidos que conteñen un residuo de ácido siálico. O GM1 ten importantes propiedades fisiolóxicas e afecta a plasticidade funcional e mecanismos de reparación e a liberación de neurotrofinas no cerebro. Ademais da súa función na fisioloxía do cerebro, o GM1 actúa como sitio de unión para a toxina colérica e a enterotoxina lábil á calor de Escherichia coli (diarrea do viaxeiro).
Karoniaktajeh Louis Hall, nado en Kahnawake o 15 de xaneiro de 1918, e finado ibídem o 9 de decembro de 1993, foi un artista, escritor e activista mohawk de Kahnawake. É coñecido por ser o creador da "bandeira guerreira mohawk", tamén coñecida como a "bandeira da unidade", que foi utilizada como símbolo de resistencia pola Sociedade Guerreira Mohawk (en mohawk: Rotisken'rakéhte), na crise de Oka en 1990. Hall era coñecido pola súa forte participación na revitalización das tradicións espirituais haudenosaunee (pobos iroqueses) e da cultura Kanonsiononwe (casa longa).
O Pòrt de la Luna en gascón ou Port de la Lune en francés (Porto da Lúa) é o nome que recibe o porto de Bordeos, que data da Idade Media, pola forma do río que cruza a cidade. Está representado cunha media lúa no escudo de Bordeos, e por tres medias lúas entrelazadas no escudo do municipio. En 2007, o Porto da Lúa e preto de 1800 hectáreas da zona urbana circundante foron catalogados como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO debido á súa excepcional e "innovadora arquitectura clásica e tendencias arquitectónicas neoclásicas" e a prominencia de Bordeos como centro da industria vitivinícola histórica e como centro comercial mundial durante máis de 800 anos.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Saír do armario é o proceso declarar voluntaria e publicamente a propia orientación sexual ou identidade de xénero. Este proceso adoita interpretarse e debaterse como un asunto privado, xa que as consecuencias de facelo poden variar segundo os individuos, algúns dos cales poden arriscarse a perder o seu traballo ou ver afectada a súa seguridade persoal. O acto en si pode entenderse como un proceso psicolóxico, unha decisión ou risco, un problema de identidade persoal, un rito de paso, unha liberación ou emancipación da opresión, unha proba, ou un medio para vivir con orgullo no canto de con vergoña ou baixo un estigma social.
Posición do misioneiro invertida
A posición da amazona é calquera posición sexual na que a muller está enriba do seu compañeiro sexual durante a actividade sexual. A posición máis comunmente asociada coa muller na parte superior adoita chamarse posición da vaqueira ou cabalgando, que deriva o seu nome da imaxe da muller que "monta" o home como vaqueira montando a cabalo. Nesta posición, o home adoita deitarse de costas coas pernas pechadas, mentres que a parella está a cabalo sobre el estendendo as pernas a cada lado, normalmente de xeonllos, coas canelas detrás, ou sentado sobre o sexo e as pernas da parella, mirando cara a adiante ou cara a atrás, e o home ou a muller insire o pene erecto do home na vaxina ou no ano da muller.
O sexo anal é unha práctica sexual que consiste na introdución do pene erecto no ano e o recto da parella, co fin de obter pracer. Outras formas de sexo anal inclúen o fingering, o uso de xoguetes sexuais, o sexo oral realizado no ano (anilingus), e o pegging. O termo sexo anal refírese máis comunmente á penetración do pene no ano, mais algunhas fontes refírense a coito anal para a penetración anal, e sexo anal para calquera forma actividade sexual, especialmente en parellas, e oposta á masturbación anal.
Francia ( pronunciación ) (en francés: France, [fʁɑ̃s] (AFI), escoitar), oficialmente República Francesa ( pronunciación ) (en francés: République française, [ʁepyblik fʁɑ̃sɛz] (AFI)) é un estado membro da Unión Europea, con capital en París, que se estende sobre unha superficie total de 675 417 km², incluíndo Francia metropolitana e os territorios de ultramar espallados nos cinco continentes. Conta cunha poboación de 64,9 millóns de habitantes. Constituído en estado democrático de dereito, a súa forma de goberno esta organizada como república semipresidencialista, co nome oficial de República Francesa (République française) e o lema Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade, Fraternidade).
Vidas e doutrinas dos filósofos máis ilustres
Vidas e doutrinas dos filósofos máis ilustres (en grego antigo: περὶ βίων, δογμάτων καὶ ἀποφθεγμάτων τῶν ἐν φιλοσοφία εὐδοκιμησάντων; en galego, Sobre as vidas, as doutrinas e as sentenzas dos máis ilustres na filosofía) é un tratado de biografías de filósofos escrito por Dióxenes Laercio no século III.
O olláparo ou alláparo é un ser mitolóxico galego. É unha especie de xigante que ten un único ollo no medio e medio da fronte; ás veces o olláparo ten dous ollos, un no medio da fronte e o outro na caluga. Trátase de seres brutais, feroces, salvaxes pero un pouco parvos; tamén son moi voraces, de hábitos antropófagos.
Matemáticas ou matemática (do grego μαθηματικός, mathēmatikós, 'o que aprende', que á súa vez deriva de μάθημα, máthēma, 'coñecemento', 'estudo', 'aprendizaxe') é o estudo abstracto de cuestións que abranguen os conceptos de cantidade, estrutura, espazo, cambio, e outras propiedades; se ben non hai unha definición xeralmente aceptada. Os matemáticos buscan patróns e formulan novas conxecturas das que tratan de establecer a súa verdade ou falsidade mediante unha demostración matemática. Cando as estruturas matemáticas son bos modelos de fenómenos reais, o razoamento matemático pode axudar a comprender e facer predicións sobre a natureza.
A cerámica é calquera dos diversos materiais duros, fráxiles, resistentes á calor e resistentes á corrosión que se obteñen mediante a conformación e posterior cocción dun material inorgánico e non metálico, como a arxila ou a terracota, a alta temperatura (de 700 °C a 1100 °C) despois de lles dar a forma mediante un moldeado ou modelaxe. Exemplos comúns son o barro, a porcelana e o ladrillo. Tamén se refire a arte que fabrica obxectos como olas ou xerras (olaría), tellas e materiais de construción.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Dende o punto de vista antropolóxico, diversos estudos xenéticos demostran a súa orixe centroeuropea, menos influenciados polos pobos mediterráneos que outras poboacións ibéricas por mor do illamento histórico dos seus habitantes, froito da súa localización xeográfica. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía.