Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
A Torre de Hércules é unha torre e faro situado nun cabo da península da cidade da Coruña, que ten o privilexio de ser o único faro de orixe romana en funcionamento no mundo. O 27 de xuño de 2009 foi proclamada Patrimonio da Humanidade en Sevilla pola Comisión do Patrimonio Mundial da UNESCO. Deste xeito converteuse no cuarto recoñecemento da UNESCO en Galicia xunto co Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e a Cidade vella de Santiago de Compostela.
A cor do pelo ou cabelo é o resultado da pigmentación debida á presenza nel das substancias químicas eumelanina e feomelanina. En xeral, canto máis melanina presenta, máis escura é a cor do pelo; canto menos melanina, máis claro. A cor dos cabelos dunha persoa pode tamén cambiar co tempo e pode presentar pelo de distinta cor á vez (isto independentemente do pelo cano que se forma ao envellecermos).
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de Internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Shelley Alexis Duvall, nada o 7 de xullo de 1949 en Houston, Texas, e finada en Blanco, Texas, o 11 de xullo de 2024, foi unha actriz, produtora, cantante, actriz de dobraxe e humorista estadounidense, principalmente coñecida polos seus traballos en filmes como Brewster McCloud, Frankenweenie, Faerie Tale Theatre, Nashville, Popeye, The Shining, Thieves Like Us, Os heroes do tempo ou 3 Women.
Michelle Clemente Escotet, nada en Caracas o 7 de decembro de 1994, é un exfutbolista venezolana, que xogaba como centrocampista. Foi internacional coas categorías inferiores da selección venezolana. Dende 2023 é membro do Consello de Administración do Deportivo da Coruña, club do que é propietario o seu tío Juan Carlos Escotet por medio de Abanca.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Asia Oriental é unha rexión cultural e xeográfica do continente asiático que inclúe a China, o Xapón, Mongolia, Corea do Norte, Corea do Sur e Taiwán, ademais das cidades autónomas chinesas de Hong Kong e Macau. As economías da China, o Xapón, Corea do Sur e Taiwán atópanse entre as máis grandes e prósperas do mundo. Asia Oriental linda con Siberia e co Extremo Oriente ruso no norte, co sueste asiático no sur, co sur de Asia no suroeste, con Asia Central no oeste, e co océano Pacífico no leste.
Posición do misioneiro invertida
A posición da amazona é calquera posición sexual na que a muller está enriba do seu compañeiro sexual durante a actividade sexual. A posición máis comunmente asociada coa muller na parte superior adoita chamarse posición da vaqueira ou cabalgando, que deriva o seu nome da imaxe da muller que "monta" o home como vaqueira montando a cabalo. Nesta posición, o home adoita deitarse de costas coas pernas pechadas, mentres que a parella está a cabalo sobre el estendendo as pernas a cada lado, normalmente de xeonllos, coas canelas detrás, ou sentado sobre o sexo e as pernas da parella, mirando cara a adiante ou cara a atrás, e o home ou a muller insire o pene erecto do home na vaxina ou no ano da muller.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 212.090.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
O cesio é un elemento químico de símbolo Cs e número atómico 55. É un metal alcalino brando de cor prateada-dourada, cun punto de fusión de 28,44 °C (301,59 K), un dos únicos cinco metais elementais que se poden atopar en estado líquido a temperatura ambiente. As súas propiedades físicas e químicas aseméllanse ás do rubidio e ás do potasio.
Os capilares linfáticos (TA: vas lymphocapillare) son diminutos microvasos de paredes delgadas localizados nos espazos entre as células (excepto no sistema nervioso central e tecidos non vasculares) que serve para drenar e procesar o líquido extracelular, que forma parte do sistema linfático. O fluído recollido, despois de entrar no lume dun capilar linfático, denomínase linfa. Cada capilar linfático transporta a linfa a un vaso linfático de maior calibre, que á súa vez comunica cun ganglio linfático, unha pequena glándula con forma de faba que filtra e controla o líquido linfático por se ten algunha infección.
Dicionario da Real Academia Galega
O Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) é un dicionario en galego, unicamente dispoñible en formato dixital, producido pola Real Academia Galega e herdeiro do Diccionario da Real Academia Galega. Foi estreado en abril do 2012, cunhas 50.000 entradas, coa pronunciación de todas as palabras. En xuño de 2013 o dicionario actualizouse e acadou as 52.000 entradas, engadíronse os sinónimos e sete criterios de busca, tendo en conta a palabra completa, o comezo, o remate, letras que a conforman, contidos da súa definición, exemplos ou tamén a que grupo de tecnolecto pertence.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro. Para o nome de Rosalía, véxase Rosalía (nome) Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
A tumba de Vix, túmulo de Vix ou túmulo da Dama de Vix, é unha tumba principesca das chamadas de carro que apareceu ao escavar a necrópole dun oppidum da cultura de Hallstatt situado xunto á cidade francesa de Vix, no norte de Borgoña, Francia. Forma parte dun importante conxunto prehistórico dos períodos celtas da cultura de Hallstatt e de La Téne, que inclúe un importante asentamento fortificado e varios túmulos.
As mulleres na informática xogaron un papel determinante no seu nacemento e nos seus primeiros pasos. O que nos seus inicios se chamou "computador", tamén coñecido como computadora ou ordenador, debe o seu nome ás chamadas "computers", grupos de mulleres que tanto en Inglaterra como nos Estados Unidos traballaban en cálculos matemáticos relacionados coa determinación de traxectorias balísticas durante as guerras. Non só a primeira programadora da historia foi unha muller, Ada Byron Lovelace (1815-1852), senón que ata os anos 80, coa entrada nos fogares dos primeiros ordeadores persoais, o traballo de programación era considerado un traballo feminino.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
As ciencias da computación ou ciencias computacionais son aquelas que abarcan as bases teóricas da información e a computación, así como a súa aplicación en sistemas computacionais. O corpo do coñecemento das ciencias da computación é frecuentemente descrito como o estudo sistemático dos procesos algorítmicos que describen e transforman información: a súa teoría, análise, deseño, eficiencia, posta en funcionamento e aplicación. É o estudo sistemático da factibilidade, estrutura, expresión e mecanización de procedementos metódicos (ou algoritmos) que subxacen na adquisición, representación, procesamento, almacenamento, comunicación e acceso á información se dita información está codificada en forma de bits nunha memoria de computadora ou especificada nunha estrutura de xenes e proteínas nunha célula biolóxica.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Nuno García Pico, coñecido musicalmente como Grande Amore, nado no Valadouro en 1995, é un músico galego. Afincado en Compostela, xoga co pop, o punk, o rock e a música techno dos 80 con letras en galego. Laureado por varias revistas e periodistas e con actuacións no MAZO Madrid ou no Underfest de Vigo.
José Manuel Fernández Alvariño
José Manuel Fernández Alvariño, nado en Vigo o 12 de maio de 1947, é un avogado e empresario galego.
José Luis Mato Sanmartín, coñecido como Joselu ou Joselu Mato, nado en Stuttgart (Alemaña) o 27 de marzo de 1990, é un futbolista galego, que xoga de dianteiro no Al Gharafa de Qatar. Formado na canteira do Celta de Vigo, debutou co primeiro equipo celeste na Segunda División en 2009, e máis tarde militou en catro equipos da Primeira División, entre eles o máximo rival histórico do Celta, o Deportivo da Coruña; así como o Real Madrid, co que gañou unha liga e unha Liga de Campións. Xogou tamén tres anos na Bundesliga alemá (nas filas do Hoffenheim, o Eintracht Frankfurt e o Hannover 96) e outros tres na Premier League inglesa (vestindo as camisetas do Stoke City e o Newcastle).
O Parque do Pasatempo, situado na cidade de Betanzos, é un parque construído inicialmente en 1893 e rematado aproximadamente en 1914, a instancias dos benfeitores e emigrantes betanceiros na Arxentina os Irmáns García Naveira. O Pasatempo é un dos lugares de visita recomendada para os peregrinos que fan o Camiño inglés.
James David Rodríguez Rubio, nado en Cúcuta, Norte de Santander, Colombia, o 12 de xullo de 1991, coñecido futbolisticamente como James Rodríguez ou simplemente James (pronunciado de acordo coa fonoloxía do español; ˈxames), é un futbolista colombiano que xoga como centrocampista no Everton FC da Premier League. É internacional coa Selección de Colombia, da cal é capitán. Recibiu en 2009, 2012 e 2014 o premio de xogador revelación na Primeira División da Arxentina e na Primeira Liga de Portugal.
O termo ponte pode referirse a: En Galiza Provincia de Pontevedra, provincia de Galicia; Comarca de Pontevedra, comarca de dita provincia; Pontevedra, concello de dita comarca; Pontevedra, parroquia de dito concello; Pontevedra, vila e cidade de dita parroquia; Ponte Caldelas, concello da comarca de Pontevedra; Ponte Caldelas, parroquia de dito concello; Ponte Caldelas, lugar de dita parroquia; Ponteareas, concello da comarca do Condado; Ponteareas, parroquia de dito concello; Ponteareas, lugar de dita parroquia; Ponteceso, concello da comarca de Bergantiños; Pontecesures, concello da comarca de Caldas; Pontecesures, parroquia de dito concello; Pontedeume, concello da comarca do Eume; Pontedeume, parroquia de dito concello; Pontedeume, lugar de dita parroquia; Pontedeva, concello da comarca de Terra de Celanova; Pontedeva, parroquia de dito concello; Ponte, parroquia do concello de Silleda; Ponte Ambía, parroquia do concello de Baños de Molgas; Ponte Ambía de Abaixo, parroquia de dito concello; Ponte Ambía de Arriba, parroquia de dito concello; Ponte Castrelo, parroquia do concello de Castrelo de Miño; Ponte Sampaio, parroquia do concello de Pontevedra; Ponte Veiga, parroquia do concello do Carballiño; Pontellas, parroquia do concello de Betanzos; Pontellas, parroquia do concello do Porriño; Ponte, lugar da parroquia de Oseiro, no concello de Arteixo; Ponte, lugar da parroquia de Verdes, no concello de Coristanco; Ponte, lugar da parroquia de San Miguel de Castro, no concello da Estrada; Ponte, lugar da parroquia de Barro, no concello de Noia; Ponte, lugar da parroquia de Buscás, no concello de Ordes; Ponte, lugar da parroquia de Chaián, no concello de Trazo; Ponte Alta, lugar da parroquia de Arcos, no concello de Ponteareas; Ponte Alta, lugar da parroquia de Lira, no concello de Salvaterra de Miño; Ponte Aranga, lugar da parroquia de Aranga, no concello de Aranga; Ponte Arnelas, lugar da parroquia de Leiro, no concello de Ribadumia; Ponte Arnelas, lugar da parroquia de Baión, no concello de Vilanova de Arousa; Ponte Barxas, lugar da parroquia de Padrenda, no concello de Padrenda; Ponte Bermuz, lugar da parroquia da Balsa, no concello de Muras; Ponte Cadós, lugar da parroquia de Cadós, no concello de Bande; Ponte Carreira, lugar da parroquia de Gafoi, no concello de Frades; Ponte Carreira, lugar da parroquia de Ledoira, no concello de Frades; Ponte Corneira, lugar da parroquia de Corneira, no concello da Baña; Ponte de Carros, lugar da parroquia do Rosal, no concello do Rosal; Ponte de Sa, lugar da parroquia de Insua, no concello de Vilalba; Ponte de San Francisco, lugar da parroquia de Tállara, no concello de Lousame; Ponte Dena, lugar da parroquia de Dena, no concello de Meaño; Ponte do Sil, lugar da parroquia de Nocedo, no concello de Quiroga; Ponte do Vao, lugar da parroquia de Lagoa, no concello de Alfoz; Ponte do Vao, lugar da parroquia de Coeo, no concello de Lugo; Ponte dos Madeiros, lugar da parroquia de Freás de Eiras, no concello de Ramirás; Ponte Ermida, lugar da parroquia de Zarracós, no concello da Merca; Ponte Escourido, lugar da parroquia de Sancovade, no concello de Vilalba; Ponte Fechas, lugar da parroquia de Fechas, no concello de Celanova; Ponte Fechas, lugar da parroquia de Rabal, no concello de Celanova; Ponte Fechas, lugar da parroquia de Faramontaos, no concello da Merca; Ponte Goiáns, lugar da parroquia de Boiro, no concello de Boiro; Ponte Gorda, lugar da parroquia de Trabada, no concello de Trabada; Ponte Grañolas, lugar da parroquia de Magazos, no concello de Viveiro; Ponte Lema, lugar da parroquia de Lema, no concello de Arzúa; Ponte Mandrás, lugar da parroquia de Mandrás, no concello de San Cristovo de Cea; Ponte Nova, lugar da parroquia de Paradela, no concello de Meis; Ponte Pedrouzos, lugar da parroquia da Torre, no concello de Vilalba; Ponte Pereira, lugar da parroquia da Pereira, no concello de Santa Comba; Ponte Pousada, lugar da parroquia do Carme, no concello de Mondoñedo; Ponte Queimadas, lugar da parroquia da Capela, no concello de Toques; Ponte Rodríguez, lugar da parroquia de Boizán, no concello de Vilalba; Ponte Rubiás, lugar da parroquia de Pardavedra, no concello da Bola; Ponte San Xusto, lugar da parroquia de Dombodán, no concello de Arzúa; Ponte Trimaz, lugar da parroquia de Gondaísque, no concello de Vilalba; Ponte Valga, lugar da parroquia de Valga, no concello de Valga; Pontecabras, lugar da parroquia de Alba, no concello de Pontevedra; Ponteceso, lugar da parroquia de Cospindo, no concello de Ponteceso; Ponteceso de Cabana, lugar da parroquia de Cesullas, no concello de Cabana de Bergantiños; Ponteciñas, lugar da parroquia de Cereo, no concello de Coristanco; Ponteliñares, lugar da parroquia de Callobre, no concello da Estrada; Pontellas, lugar da parroquia de Cerdido, no concello de Cerdido; Pontellas, lugar da parroquia de Devesos, no concello de Ortigueira; Pontellas, lugar da parroquia de Ferreira, no concello de San Sadurniño; Pontellas, lugar da parroquia de San Román de Vale, no concello do Vicedo; Pontellas, lugar da parroquia de Magazos, no concello de Viveiro; Pontellos, lugar da parroquia de Oseiro, no concello de Arteixo; Pontellos, lugar da parroquia de Beán, no concello de Ordes; Pontenoufe, lugar da parroquia da Xesta, no concello de Lalín; Pontenova, lugar da parroquia de San Simón da Costa, no concello de Vilalba; Ponterriza, lugar da parroquia de Moldes, no concello de Boborás; Ponterriza, lugar da parroquia de Longoseiros, no concello do Carballiño; Ponterrosa, lugar da parroquia de San Mamede do Carballal, no concello de Palas de Rei; Ponterroxal, lugar da parroquia de Candia, no concello de Abadín; Pontevea, lugar da parroquia de Reis, no concello de Teo; Pontevedra, lugar da parroquia de Liñaio, no concello de Negreira; Trasponte, lugar da parroquia de Cuntis, no concello de Cuntis. Río de Galiza Ría de Pontevedra, unha entrada de mar, que forma parte das Rías Baixas. Fóra de Galiza En Italia Ponte, unha comuna italiana da provincia de Benevento.
Mazarelos: revista de historia e cultura
Mazarelos é unha publicación periódica de carácter cuadrimestral de contidos divulgativos sobre historia e cultura. O seu nome vén da proximidade da praza de Mazarelos coa Facultade de Xeografía e Historia, lugar de encontro entre a academia e o ocio. O primeiro número saíu do prelo en xaneiro de 2020 logo dunha campaña de micromecenado.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Sabela Ramil Rivera, coñecida artisticamente como Sabela, nada en Bravos (Ourol) o 1 de outubro de 1993, é unha cantante e compositora galega que se fixo coñecida pola súa participación no concurso musical de televisión Operación Triunfo, no ano 2018. En canto á súa voz trátase dunha voz de música popular rasgada, que entraría dentro do rango de mezzosoporano.
Joseph Robinette "Joe" Biden, Jr, nado en Scranton, Pensilvania o 20 de novembro de 1942, é un avogado e político estadounidense, 46º presidente dos Estados Unidos de América. Membro do Partido Demócrata, Biden foi senador por Delaware durante seis mandatos dende 1973 a 2009 e foi o 47º vicepresidente dos Estados Unidos de América, no goberno de Barack Obama, dende 2009 a 2017. Criado en Scranton, Pensilvania e no condado de New Castle, Delaware, Biden estudou na Universidade de Delaware antes de obter a carreira de Dereito na Universidade de Siracusa en 1968.
Jesús Navas González, nado en Los Palacios y Villafranca (Sevilla) o 21 de novembro de 1985, é un futbolista español. Actualmente xoga de extremo dereito e mediapunta no Sevilla FC. Foi internacional coa selección española, coa que gañou a Copa Mundial de Fútbol en 2010 e a Eurocopa de 2012, dous dos tres títulos do triplete conseguido pola selección entre 2008 e 2012, inédito na historia do fútbol.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
O Campionato de Europa de fútbol da UEFA (en inglés: UEFA European Football Championship), máis coñecida como Eurocopa ou simplemente Euro, é a competición de seleccións nacionais de fútbol que organiza a UEFA. Dispútase cada catro anos dende 1960. Hai tamén unha Eurocopa de fútbol feminino que comezou en 1984 e que dende 1997 celébrase tamén cada catro anos.
Oscillococcinum (ou Oscillo) é unha preparación homeopática que se vende para aliviar os síntomas da gripe, aínda que non está demostrado que proporcione ningún beneficio máis alá do placebo. É unha preparación bastante popular nalgúns países, especialmente en Francia e Rusia. Oscillococcinum promociónase segundo o principio homeopático non probado de que "o similar cura o similar" e que unha doenza pode curarse con pequenas cantidades da substancia que causa síntomas similares.
Hans Olof Hildebrand, nado en Estocolmo o 5 de abril de 1842 e finado na mesma cidade o 2 de febreiro de 1913, foi un anticuario, arqueólogo e numismático sueco, que presidiu a Sociedade Numismática Sueca (1881-1883) e foi responsable da Dirección Nacional de Patrimonio (1879-1907). É recoñecido internacionalmente como un dos pioneiros da técnica arqueolóxica da tipoloxía. Traballou tanto en arqueoloxía como en numismática, principalmente da Idade Media, e xunto co seu pai e o seu colega Oscar Montelius (1843-1921), está considerado un dos pais da arqueoloxía sueca.
A Sociedade Numismática Sueca (en sueco: Svenska numismatiska föreningen –SNF–) é unha asociación numismática fundada en 1873 e con sede en Estocolmo, que ten como finalidade a promoción da investigación numismática. É a entidade asociativa de índole numismático máis antiga de toda Escandinavia. En 2008 accedeu á súa presidencia Jan-Olof Björk, de Växjö.
Por dominio público enténdese o conxunto de bens e dereitos de titularidade pública non posuídos de xeito privativo. Un exemplo é o consistente no espazo radioeléctrico, as augas terrestres, as continentais etc. Outros ordenamentos xurídicos consideran que o dominio público está formado polos bens de titularidade comunitaria.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.
Masacre dos Xogos Olímpicos de Múnic
O Masacre de Múnic ocorreu durante os Xogos Olímpicos de 1972 en Múnic, Alemaña, cando membros do equipo olímpico israelí foron tomados como reféns pola organización terrorista Palestina Setembro Negro, un grupo relacionado coa organización de Yasser Arafat, Fatah. Os terroristas asasinaron a 11 atletas israelís e a un oficial de policía alemán. Cinco dos oito secuestradores foron mortos pola policía durante unha tentativa de rescate.