Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
O dubstep é un xénero musical dentro da música dance e electrónica que xurdiu en South London, Inglaterra. Xurdiu a finais da década de 1990 como unha evolución doutros estilos como o 2-step garage, broken beat, drum and bass, jungle, dub e reggae. No Reino Unido, as súas orixes atópanse no crecemento do son xamaicano na escena musical a comezos de 1980.
Katowice [katɔˈvʲit͡sɛ]: (checo: Katovice, alemán: Kattowitz) é unha cidade da rexión de Silesia, no sur de Polonia, sobre os ríos Kłodnica e Rawa (os afluentes do Oder e do Vístula). Katowice está situado nas terras da alta Silesia, aproximadamente a 50 quilómetros do Silesian Beskids (a parte dos Cárpatos) e aproximadamente a 100 quilómetros do sistema montañoso dos Sudetes (Chequia). Katowice foi a capital do Voivodato de Silesia dende a súa formación en 1999.
Valladolid é unha cidade española situada no cuadrante noroeste da Península Ibérica, no centro de Castela e León, na confluencia dos ríos Pisuerga e Esgueva. É a capital da provincia de Valladolid e sede das Cortes e da Xunta de Castela e León. Así mesmo foi sede da corte castelá e posteriormente, entre 1601 e 1606, capital do Imperio Español.
Belize é un pequeno país en América Central, ribeirego do mar Caribe, que linda con México ao norte e Guatemala ao oeste e ao sur. Está separada de Honduras polo golfo do mesmo nome ao leste, cunha distancia de 75 quilómetros no punto máis próximo entre as dúas nacións. Belize era anteriormente coñecida como Honduras Británica e o nome coloquial procede da Cidade de Belize (Belize City) e do río Belize.
Sevilla é unha cidade española situada ao suroeste da Península Ibérica, capital de Andalucía e da provincia homónima. Sevilla é a cuarta cidade de España e cuarta área metropolitana por número de habitantes. Ten 696.676 habitantes en 2014, 1.317.098 na área metropolitana, 1.813.908 en total na provincia (datos de 2005).
Ohio (pronunciado [oʊˈhaɪoʊ]) é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, situado na zona dos Grandes Lagos, e un dos seus principais centros industriais. Localizado na Rexión Medio Oeste dos Estados Unidos —a rexión máis industrializada do país— Ohio ten á industria como a súa principal fonte de ingresos. Outras fontes de ingresos importantes son as finanzas, a minería do carbón —que axudou a facer de Ohio unha das principais potencias industriais do país— a agricultura e o turismo.
Barcelona (en catalán pronúnciase [bərsəˈɫonə]) é unha cidade situada no nordés da Península Ibérica, capital de Cataluña, da provincia homónima e da comarca do Barcelonès, así como a segunda cidade maior de España. Situada á beira do mar Mediterráneo, atópase a uns 120 km ao sur da cadea montañosa dos Pireneos e da fronteira con Francia, nunha chaira limitada polo mar ao leste, a serra de Collserola ao oeste, o río Llobregat ao sur e o río Besòs ao norte. É coñecida co alcume da "Cidade Condal" (Ciutat Comtal), por ser a capital do antigo Condado de Barcelona.
Ecuador (en quechua: Ikwayur; en shuar: Ekuatur), oficialmente República del Ecuador, é un país de América do Sur, limitado ó norte por Colombia, ó leste e sur polo Perú e ó oeste polo océano Pacífico. Alén do territorio continental, Ecuador posúe tamén as illas Galápagos, sendo o territorio continental máis próximo daquelas illas. Ecuador é un país multiétnico, con gran riqueza cultural, natural e arqueolóxica; situado en plena liña ecuatorial, a latitude cero.
O Chad (en francés Tchad, en árabe تشاد, Tshad), oficialmente República do Chad (en francés République du Tchad; en árabe جمهورية تشاد, Jumhūriyyat Tshād) é un país africano. Limita ao norte con Libia, ao leste co Sudán, ao sur coa República Centroafricana e ao oeste co Camerún, Nixeria e mais Níxer. A súa capital é Xamena.
Tokelau é un pequeno territorio da Polinesia, baixo administración da Nova Zelandia, que corresponde ás illas do mesmo nome, tamén coñecidas como Illas da Unión. Os veciños máis próximos son Kiribati ao norte, as Illas Cook ao leste, Samoa e a Samoa Americana ao sur e Tuvalu ao oeste. Consta de tres illas, Atafu, Nukunono e Fakaofo.
Futurama é unha serie de debuxos animados estadounidense creada por Matt Groening (creador de The Simpsons) e David X. Cohen (guionista tamén de The Simpsons). Está ambientada no ano 3000, na cidade de "Nova" Nova York, construída sobre as ruínas da antiga Nova York. Trátase dun programa animado de pouco máis de 20 minutos de duración producido por FOX que empezou a emitirse por televisión o 28 de marzo de 1999 en Estados Unidos, e permaneceu no ar até o 10 de agosto de 2003.
Zermatt, antigamente en francés, Praborgne, é unha comuna do distrito de Visp, situada no cantón de Valais en Suíza. Ten unha poboación durante todo o ano duns 5.800 habitantes e está clasificada coma cidade pola Oficina Federal de Estatística de Suíza (FSO). Atópase no extremo superior do val de Mattertal a unha altura de 1.620 metros, ao pé dos picos máis altos de Suíza.
Atlanta é a capital e cidade máis extensa e poboada do estado de Xeorxia e a trixésimo terceira nos Estados Unidos en cantidade de habitantes en 2008. Ten unha poboación estimada de 537.958 habitantes. A súa área metropolitana, cuxo nome oficial é Atlanta-Sandy Springs-Marietta, GA MSA (coñecida comunmente como Atlanta Metropolitana), é a novena área metropolitana con maior poboación do país, con aproximadamente 5,5 millóns de habitantes.
Bloemfontein (do afrikaans e neerlandés: a fonte de Bloem (flor) ou fonte de flores) é unha das tres capitais de Suráfrica, xunto con Pretoria e Cidade do Cabo. Bloemfontein é a capital xudicial de Suráfrica, así como tamén a capital da Provincia do Estado Libre. O nome sesotho da cidade é Mangaung, que significa "o lugar onde moran os guepardos".
Tennessee é un estado dos Estados Unidos de América, localizado na rexión Sur do país. En 1796, converteuse no décimo sexto estado que se adheriu á Unión. É denominado o "Volunteer State" (o estado dos voluntarios), porque durante a Guerra de 1812, soldados voluntarios procedentes dese estado, tiveron un papel salientábel durante a batalla de Nova Orleáns.
O islam (en árabe: الإسلام, al-Islām ) ou islamismo é unha relixión monoteísta abrahámica cuxo dogma baséase no libro do Corán, o cal establece como premisa fundamental para os seus crentes que «Non hai máis deus que Alá e que Mahoma é o último mensaxeiro de Alá». A palabra árabe Allah, galeguizada como Alá, significa Deus e a súa etimoloxía é a mesma da palabra semítica El (אל), coa que se nomea a Deus na Biblia. Os eruditos islámicos definen ao islam como: «A submisión a Deus o Altísimo a través do monoteísmo, a obediencia e o abandono da idolatría».
Vancouver é unha cidade do Canadá, na provincia da Columbia Británica. Localízase na costa do Pacífico, no suroeste da provincia. Con cerca de 550 mil habitantes distribuídos en 113 quilómetros cadrados (na cidade propiamente dita) e 2,14 millóns de habitantes na súa zona metropolitana, a densidade demográfica de Vancouver é a segunda máis alta da América do Norte, só por detrás de Nova York.
Asia ( pronunciación ) é o maior e máis poboado dos cinco continentes do planeta Terra localizado principalmente nos hemisferios norte e oriental. Abrangue un terzo das partes sólidas da superficie da Terra e é responsábel por albergar case tres quintos da poboación mundial. Limita ó norte a (Rusia) co océano Glaciar Ártico, ó leste co océano Pacífico e ó sur co océano Índico, ó oeste co mar Vermello, onde se xunta coa África pola canle de Suez.
Turku (en finés [ˈturku] (AFI), escoitar) ou Åbo (en sueco [ˈoːbu] (AFI), escoitar), fundada no século XIII, é a cidade máis antiga de Finlandia e a quinta en poboación, con 174.868 habitantes (no ano 2005). A cidade de Turku atópase na boca do río Aurajoki no suroeste do país, é a capital da rexión da Finlandia Propia e constitúe a terceira área urbana do país cunha área metropolitana de 270.000 habitantes. A cidade posúe unha das maiores poboacións suecofalantes do país.
Serbia, oficialmente República de Serbia, é un país sen litoral situado na Península dos Balcáns, ao centro e sueste de Europa. Linda ao norte con Hungría, ao nordés con Romanía, ao sueste con Bulgaria, ao sur con Macedonia do Norte, ao suroeste con Montenegro e ao oeste con Bosnia e Hercegovina e Croacia. Serbia reclama, amais, unha fronteira con Albania a través do territorio disputado de Kosovo.
Maribor (en alemán Marburg an der Drau, en italiano Maribor ou Marburgo) é unha cidade de 110.000 habitantes de Eslovenia, segundo centro máis poboada do país despois da capital Liubliana. Está situada á beira do río Drava, no punto no que se encontran os montes Pohorje, o val do Drava e a chaira do Drava e os outeiros do Kozjansko e do Slovenske gorice.
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
O Wikidata é unha base de datos editada de forma colaborativa, parte da Fundación Wikimedia, co obxectivo de proporcionar unha fonte común para certos tipos de datos, como datas de nacemento, que poden utilizar proxectos da Wikimedia como a Wikipedia. Isto é semellante á forma na que a Wikimedia Commons proporciona almacenamento para ficheiros multimedia e acceso a estes ficheiros en tódolos proxectos da Wikimedia.
Eswatini, antes de 2018 Suacilandia, ou Swazilandia, oficialmente Reino de eSwatini (en suazi: Umbuso weSwatini; en inglés desde 2018: Kingdom of Eswatini), é un pequeno país sen saída ao mar no sur de África (un dos máis pequenos do continente), situado nas ladeiras orientais dos Montes Drakensberg, entre Suráfrica ao oeste e Mozambique ao leste. Recibe o seu nome da tribo suazi, unha etnia bantú. Debido en parte á alta taxa de infección de VIH/SIDA, o país ten a esperanza de vida máis baixa do mundo: 32,62 anos.
Valencia (en valenciano e oficialmente: València, pronunciado [vaˈlensia]) é unha cidade española situada na costa do mar Mediterráneo, capital da Comunidade Valenciana, da provincia de Valencia e da comarca homónima. Ten 807.200 habitantes, sendo a terceira cidade máis poboada de España por detrás de Barcelona e Madrid, que aumentan até 1.738.690 coa área metropolitana, chamada L'Horta de València. A cidade tamén é coñecida como Cap i Casal ou Capital do Turia.
Starbucks Corporation é unha empresa multinacional de alimentación, especializada no café, fundada en Seattle, Estados Unidos en 1971. É a compañía de café máis grande do mundo, con máis de 24 000 locais en 70 países. Starbucks vende café elaborado, bebidas quentes e outras bebidas, ademais de bocadillos e algúns produtos como cuncas e grans de café.
Liechtenstein ( [ˈlɪçtn̩ˌʃtaɪ̯n] ) (en alemán: Liechtenstein, [ˈlɪçtn̩ˌʃtaɪ̯n] (AFI), escoitar), oficialmente Pincipado de Liechtenstein ( [ˈlɪktənstaɪn] ) (en alemán: Fürstentum Liechtenstein, [ˈfʏʁstn̩tuːm ˈlɪçtn̩ʃtaɪn] (AFI)) é un minúsculo principado do centro da Europa de lingua alemá, encravado nos Alpes, entre a Austria, ao leste, e a Suíza ao oeste. Non ten saída o mar e é coñecido por ser un paraíso fiscal. Aínda que non pertence á Unión Europea, desde decembro de 2011 forma parte do espazo de libre circulación Schengen.
Dunedin é unha cidade de Nova Zelandia situada na baía de Otago (Otago Harbour), un entrante do océano Pacífico que separa á cidade da península de Otago. A cidade fundouse en 1848, e despois de 1861 creceu rapidamente polo descubrimento de ouro. As industrias principais de Dunedin, outrora núcleo ferroviario, son a enxeñaría, a enxeñaría do software, a biotecnoloxía e a moda.
Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas. Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra en pleno centro das Rías Baixas e foi alcumada polos medios de comunicación franceses "a cidade onde o peón é rei". A cidade é coñecida polo seu urbanismo, converténdose nunha referencia internacional en materia de peonalización, mobilidade urbana e desenvolvemento sostible.
A fauna é o conxunto de especies animais que habitan nunha rexión xeográfica, que son propias dun período xeolóxico ou que se poden atopar nun ecosistema determinado. A Zooxeografía ocúpase da distribución espacial dos animais. Esta depende tanto de factores abióticos (temperatura, dispoñibilidade de auga) como de factores bióticos.
A Honda Motor Co., Ltd. (本田技研工業株式会社, Honda Giken Kogyo Kabushiki Kaisha) é unha das máis importantes corporación multinacional xaponesa coñecida principalmente como un fabricante de automóbiles e motocicletas do mundo. Fundada por Soichiro Honda, un rapaz soñador e realizador que dende a infancia mostrábase un visionario de seu tempo.
Madrid é a capital de España e da Comunidade de Madrid. Está situada no centro da Península Ibérica, ó sur da Serra de Guadarrama, no río Manzanares. Cunha poboación de 3.266.126 habitantes (Padrón Municipal, 2019) é a cidade máis grande e poboada do estado e da Península Ibérica, e a terceira da Unión Europea.
Korn (estilizado como KoЯn) é unha banda de nu metal de Bakersfield (California), Estados Unidos. Xunto con outros grupos da época, inspiraron a moitos dos grupos de nu metal e metal alternativo dos 90 e os comezos do 2000. O grupo conseguiu debutar nove veces consecutivas entre os dez primeiros da lista de éxitos Billboard.
Falun é unha cidade sueca capital do municipio de Falun e do condado de Dalarna. No ano 2017 tiña 58 340 habitantes.Falun forma, xunto con Borlänge, unha área metropolitana con preto de 100 000 habitantes. Falun foi orixinalmente famosa pola súa mina de cobre, e no presente é unha importante cidade industrial e de servizos aínda que a mina está pechada dende o ano 1992.
A dos Anseriformes é unha orde de aves acuáticas que comprende unhas 180 especies vivas repartidas en tres familias: anímidos (tres especies) anseranátidos (unha especie) e anátidos, a familia máis numerosa, que inclúe máis de 170 especies, entre elas os patos, os gansos e os cisnes. A maioría das especies modernas da orde están moi ben adaptadas para unha existencia acuática na superficie da auga. Coa excepción dos anímidos, os machos teñen pene, unha característica que se perdeu nas neoaves.
A masa é unha propiedade dos obxectos físicos que, basicamente, mide a cantidade de materia. É un concepto central na mecánica clásica e disciplinas afíns, expresando a magnitude que, para un corpo determinado, indica a proporción entre forza e aceleración. No Sistema Internacional de Unidades mídese en quilogramos.
Moravia (Morava en checo e eslovaco) é unha das tres partes que conforman a República Checa, xunto con Bohemia e a Silesia checa. Limita ó O con Bohemia, ó S con Austria (estado de Baixa Austria), ó SL, L e NL coas rexións eslovacas de Trnava, Trenčín e Žilina respectivamente, ó NL e N coa Silesia checa, e ó N coa Silesia polaca. O seu nome vén do río Morava, preto do cal se estableceu un grupo de eslavos pouco antes do ano 600.
Cincinnati é unha cidade do estado norteamericano de Ohio e a capital de condado de Hamilton. A cidade está localizada ao suroeste de Ohio, á beira do río Ohio na fronteira Ohio-Kentucky. Cunha poboación en 2006 de 332.252 habitantes, Cincinnati é a terceira cidade máis grande de Ohio, detrás de Columbus e Cleveland, e a 56ª cidade máis grande nos Estados Unidos.
Finlandia ( pronunciación ) (en finés: Suomi, en sueco: Finland ( pronunciación )), oficialmente República de Finlandia ( pronunciación ) (en finés: Suomen tasavalta, en sueco: Republiken Finland) é un país nórdico situado no norte de Europa. O país fai fronteira polo oeste con Suecia, polo leste con Rusia e polo norte con Noruega. Polo oeste e polo sur está rodeada polo mar Báltico, que separa de Suecia e Estonia, atravesando o golfo de Finlandia.
Zagreb é a capital de Croacia, nela viven 779.145 habitantes (2001), 1.200.000 contando a área metropolitana que inclúe Samobor, Velika Gorica e Zaprešić. A cidade localízase na aba do macizo Medvednica, nas beiras do río Sava. A Universidade de Zabreg que se fundou en 1669 é a máis importante do país.
Para o sistema operativo libre composto principalmente polo kernel Linux e GNU, véxase GNU/Linux. Linux é un kernel, ou núcleo, monolítico libre, inspirado en Unix, e que empregan os sistemas operativos GNU/Linux. Linux é un exemplo paradigmático de software libre no que contribúen centos de desenvolvedores e que ten soporte a longo prazo, de ata seis anos.
Burgos é unha cidade española de Castela e León, capital da provincia de Burgos. Conta cunha poboación de 179.097 habitantes, segundo os datos demográficos de 2013, repartidos nunha superficie de 107,08 km², converténdose na 37ª cidade máis poboada de España, e a segunda da comunidade. Aínda que hai probas de asentamentos neolíticos e da Idade de Ferro, a cidade como tal fundouna o conde castelán Diego Porcelos no ano 884 para frear o avance musulmán.
Huawei Technologies Co. Ltd. (pronunciado /ˈhwɑːˌweɪ/) en (chinés simplificado: 華為技術有限公司, pinyin: Huáwei Jíshu Yǒuxiàn Gōngsī), ten a súa sede principal en Shenzhen, Guangdong, República Popular da China, é o maior fabricante de equipamento de redes e telecomunicacións na China, e un dos líderes mundiais nesta industria.
Toyohashi (豊橋市, とよはしし, Toyohashi-shi) é un concello da prefectura de Aichi no Xapón. Está situado na parte de Tōkai da rexión de Chūbu, e ó sueste da prefectura, na zona da provincia histórica de Mikawa, no centro da illa de Honshū. A súa superficie é de 261,35 km², a poboación é de 377.341 habitantes (2009) e ten unha densidade de poboación de 1.440 h/km².
Kenya oficialmente República de Kenya, é un país da África oriental e membro fundador da Comunidade Africana Oriental (CAO). A súa capital e meirande cidade é Nairobi. O territorio de Kenya atópase no ecuador e superponse ó Rift de África Oriental cubrindo un extenso e diverso terreo que abrangue dende o lago Vitoria até o lago Turkana (antigamente chamado lago Rudolph) e cara ao sueste co océano Índico.
Messina (Missina en siciliano, Messina en italiano) é unha cidade de 242.841 habitantes (2010) situada no ángulo nordeste de Sicilia, a uns 90 km de Catania e uns 230 km de Palermo. Localízase en fronte da cidade de Regio de Calabria, xunto ao mar e ao homónimo Estreito de Messina. Ten lindes con concellos de: Fiumedinisi, Itala, Monforte San Giorgio, Rometta, Saponara, Scaletta Zanclea e Villafranca Tirrena.
Chicago é a cidade máis poboada do estado estadounidense de Illinois, así como dos estados da rexión xeográfica do Medio Oeste. Cunha poboación de 2 746 388 habitantes, segundo datos de 2020, é a terceira cidade máis poboada dos Estados Unidos de América, despois de Nova York e Os Ánxeles. A súa área metropolitana posúe máis de 9 millóns de habitantes.
Microsoft Corporation é unha compañía de software fundada por Bill Gates e Paul Allen en 1975 en Albuquerque, Novo México. Ten a súa sede actual en Redmond, Washington. É a maior compañía de software do mundo con máis de 50.000 empregados en total en varíos países[cando?] e é coñecida principalmente polas diferentes versións dos seus sistemas operativos Windows e MS-DOS, así como polo paquete de aplicacións ofimáticas Microsoft Office, da que fan parte programas como Word, Excel, Access ou FrontPage.
Apiaceae é unha familia de plantas anxiospermas (plantas con flor - división Magnoliophyta), pertencente á orde Apiales. Anteriormente coñecida como Umbelliferae (ambos os nomes son autorizados polo ICBN) e vernaculizado para umbelífera, esta é unha familia composta por plantas normalmente aromáticas e de talo oco. Inclúe especies como a cenoria e outros parentes.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
A Merseyside, ou ribeira do Mersey, é un condado metropolitano do Reino Unido creado o 1 de abril de 1974, situado ó norte de Inglaterra, na beira do río Mersey. Ocupa unha área de 645 km², cunha poboación en 2004 de 1 365 901 habitantes. Merseyside creouse áreas que anteriormente foran parte dos condados administrativos de Lancashire e Cheshire, xunto cos antigos distritos de Birkenhead, Wallasey, Liverpool, Bootle e St Helens.
François-Marie Arouet, nado en París o 21 de novembro de 1694 e finado na mesma cidade o 30 de maio de 1778, foi un poeta, ensaísta, dramaturgo, filósofo e historiador ilustrado francés, máis coñecido co pseudónimo de Voltaire. Voltaire destacou no século XVIII e ocupou un lugar particular na memoria colectiva dos franceses. Con el, iníciase a figura do intelectual comprometido ao servizo da verdade, da xustiza e da liberdade de pensamento.
Amiga é unha familia de ordenadores persoais introducida por Commodore en 1985. O modelo orixinal é un dos moitos ordenadores con procesadores de 16 ou 32 bits, 256 KB ou máis de RAM, GUI baseadas en ratos, gráficos e son significativamente mellorados en comparación cos sistemas anteriores de 8 bits. Isto inclúe o Atari ST, lanzado a principios do mesmo ano, así como o Macintosh e Acorn Archimedes.
Singapur, oficialmente República de Singapur (en chinés: 新加坡共和国, Xīnjīapō Gònghéguó; en inglés: Republic of Singapore; en malaio: Republik Singapura; en támil: சிங்கப்பூர் குடியரசு, Siṅkappūr Kuṭiyarasu), é unha cidade-estado insular situada na Península Malaia no Sueste asiático, a 137 km ao norte do ecuador terrestre. O país está composto por 63 illas, separadas de Malaisia polo estreito de Johor no norte e das illas indonesias de Riau polo estreito de Singapur no sur. A República está altamente urbanizada, con moi poucas zonas boscosas restantes, aínda que se está gañando terra ao mar.
Roma (AFI: /ˈroma/, pronuncia ) é unha cidade de 2.856.133 habitantes (2018), capital da República italiana e da rexión do Lacio, provincia de Roma. Cunha área de 1.285 km² é o municipio máis grande de Italia e a quinta cidade máis grande de Europa despois de Moscova, Istanbul, Londres e San Petersburgo. Así mesmo é o municipio máis poboado de Italia e a cuarta cidade máis poboada da Unión Europea despois de Londres, Berlín e Madrid.
O modelo TCP/IP ou modelo de referencia de Internet é unha descrición abstracta para un deseño de protocolo de rede de comunicación entre ordenadores. Ten unha estrutura moito menos definida que a do modelo OSI, e que se axusta mellor para o seu uso nas redes de comunicación de ordenadores actual. Non existe un documento que especifique o modelo de xeito oficial, pero habitualmente especificase nun modelo de 4 capas (aínda que existen outros que definen 5 capas).
Vercelli (Vërsèj en piemontés) é unha cidade de Italia da rexión do Piemonte, capital da provincia homónima. Ten uns 60.000 habitantes e está situada na ribeira dereita do río Sesia. Encóntrase no medio dunha gran chaira, entre Milán e Turín, con numerosos campos de arroz, produto que exporta a todo o mundo e do que é un dos maiores mercados europeos.