Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
As Pandeireteiras de Mens foron un grupo de mulleres labregas dos lugares de Asalo e Mens (Malpica de Bergantiños) que desde a década de 1970 actuaron en Europa e América coa Agrupación Folklórica Aturuxo. O 5 de xullo de 2024, a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2025 ás cantareiras e á poesía popular, incluíndo a Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema Villar.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2025, 71 autores (13 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 63 edicións do Día das Letras Galegas, posto que en 1998 houbo unha homenaxe colectiva a Martín Codax, Johan de Cangas e Mendinho (tres trobadores ligados á ría de Vigo) e en 2025 escolléronse sete mulleres en representación das cantareiras (Adolfina Casás Rama, Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Teresa García Prieto, Asunción Garrido Ameixenda, Prudencia Garrido Ameixenda e Manuela Lema Villar).
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Robert Francis Prevost Martínez, coñecido como León XIV, nado en Chicago o 14 de setembro de 1955, é o 267º papa da Igrexa Católica, bispo de Roma, matemático e xefe de estado do Vaticano. Foi elixido o 8 de maio de 2025, no segundo día do conclave. Aínda que estadounidense de nacemento, dende 2015, posúe tamén a nacionalidade peruana polos moitos anos vividos no país.
Corea do Sur, oficialmente República de Corea (RDC), é un país do leste asiático. Constitúe a parte meridional da Península de Corea e linda coa Corea do Norte ao longo da zona desmilitarizada de Corea, co mar Amarelo ao oeste e o mar do Xapón ao leste. Igual que Corea do Norte, Corea do Sur afirma ser o único goberno lexítimo de toda a península e illas axacentes.
Antón Luís Santamarina Fernández, nado en San Martín de Suarna (A Fonsagrada) o 18 de febreiro de 1942, é un lingüista galego, catedrático de filoloxía románica na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega. É un experto en lexicografía recoñecido internacionalmente.
Radiación gamma ou raio gamma (γ) é un tipo de radiación electromagnética producida xeralmente por elementos radioactivos, procesos subatómicos como a aniquilación dun par positrón-electrón. Este tipo de radiación tan enerxética tamén se produce en fenómenos astrofísicos de gran violencia. A enerxía deste tipo de radiación é medida en Megaelectron-volts (MeV).
Xabier Alonso Olano, máis coñecido como Xabi Alonso, nado en Tolosa (Guipúscoa) o 25 de novembro de 1981, é un exfutbolista e adestrador vasco. Dende outubro de 2022 adestra o Bayer Leverkusen da Bundesliga. Xogaba na posición de centrocampista e foi 114 veces internacional coa selección española, coa que gañou a Copa do Mundo en 2010 e as Eurocopas de 2008 e 2012, un triplete inédito na historia do fútbol.
A física (do latín physica, e este do grego antigo φυσικός physikós «natural, relativo a natureza») é unha ciencia que estuda as propiedades da materia, os seus constituíntes fundamentais, o seu movemento e comportamento a través do espazo e tempo, e as entidades relacionadas de enerxía e forza, considerando unicamente os atributos susceptíbeis de seren medidos. A física é unha das disciplinas científica máis fundamentais, sendo o seu principal obxectivo comprender como se comporta o universo. Un científico que se especializa no campo da física chámase físico.
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
A mecánica cuántica é unha teoría fundamental da física (máis particularmente, da física moderna) que proporciona unha descrición das propiedades físicas da natureza a escala de átomos e partículas subatómicas. É a base de toda a física cuántica, incluíndo a química cuántica, a teoría cuántica de campos, a tecnoloxía cuántica e a ciencia da información cuántica. A física clásica (o conxunto de teorías que existían antes da aparición da mecánica cuántica) describe moitos aspectos da natureza a escala ordinaria (macroscópica), pero non é suficiente para describilos a escalas moi pequenas (atómica e subatómica).
En informática, un intérprete refírese a un programa informático que executa instrucións escritas nunha linguaxe de programación. Namentres que intérprete e compilador poden parecer termos excluíntes, isto non é de todo certo, xa que moitos intérpretes levan a cabo certo traballo de tradución, coma os compiladores. Un intérprete será, desta forma, un programa que: executa código fonte directamente traduce código fonte a algunha forma eficiente de código intermedio (ex: bytecode) e execútao de seguido.
Denomínase campo eléctrico á deformación do espazo arredor dunha rexión que contén carga, creada pola presenza dela, tamén ao espazo onde se manifesta a atracción ou repulsión sobre outras cargas. A representación matemática da intensidade de campo eléctrico é: E {\displaystyle E} A intensidade do campo eléctrico nun punto é a forza que actúa sobre a unidade de carga positiva colocada no punto dado a unha distancia r da carga considerada. Se colocamos un corpo electrizado no seo dun campo eléctrico, aquel é atraído ou repelido, dependendo do tipo de carga, por unha forza que é directamente proporcional á carga do corpo Q {\displaystyle Q} e á intensidade do campo E {\displaystyle E} .
O cobre (do latín cuprum, e este do grego kypros), é o elemento químico de número atómico 29 e símbolo Cu. Trátase dun metal de transición de cor arrubiada e brillo metálico que, canda a prata e o ouro, forma parte da denominada familia do cobre, caracterizada por ser os mellores condutores de electricidade. Grazas á súa alta condutividade eléctrica, ductilidade e maleabilidade, converteuse no material máis utilizado para fabricar cables eléctricos e outros compoñentes eléctricos e electrónicos.
En matemáticas, o conxunto dos números reais (denotado por R {\displaystyle \mathbb {R} } ) inclúe tanto aos números racionais (positivos, negativos e o cero) como aos números irracionais; e noutro enfoque, transcendentes e alxébricos. Os irracionais e os transcendentes (1970) non se poden expresar mediante unha fracción de dous enteiros con denominador non nulo; teñen infinitas cifras decimais aperiódicas, tales como: √5, π, o número real log2, cuxa transcendencia foi enunciada por Euler no século XVIII. Os números reais poden ser descritos e construídos de varias formas, algunhas simples aínda que carentes do rigor necesario para os propósitos formais de matemáticas e outras máis complexas pero co rigor necesario para o traballo matemático formal. Durante os séculos XVI e XVII o cálculo avanzou moito aínda que carecía dunha base rigorosa, debido a que no momento prescindían do rigor e fundamento lóxico, tan esixente nos enfoques teóricos da actualidade, e usábanse expresións como «pequeno», «límite», «achégase» sen unha definición precisa.
Europa ( pronunciación ) é un dos continentes que conforman o supercontinente eurasiático, situado entre os paralelos 35º 30’ e 70º 30’ de latitude norte. Europa é unha das grandes penínsulas de Eurasia (segundo como se considere, a maior delas), á que de forma convencional e por motivos históricos considérase un continente propio, e pertence a súa a Eurafrasia. De forma convencional e por motivos histórico-culturais é considerada un continente, tras a delimitación realizada polo xeógrafo ruso Vasili Tatíshchev quen desexaba sinalar a pertenza de Rusia a Europa e a Asia.
Os cloroplastos (do grego, chloros "verde", e plastes, "forma" ou "entidade") son orgánulos citoplasmáticos da célula encargados de realizar a fotosíntese en organismos eucariontes. Atópanse nas follas das plantas e mais en organismos protistas fotosintéticos. Os cloroplastos capturan a enerxía lumínica para conservaren enerxía libre en forma de ATP e reduciren o NADP+ a NADPH a través dun conxunto de procesos complexos chamado fotosíntese.
A táboa periódica dos elementos é unha disposición en formato de táboa dos elementos químicos, ordenados polo seu número atómico, configuración electrónica e propiedades químicas recorrentes. Esta ordenación presenta unhas tendencias periódicas, como por exemplo a presenza de elementos semellantes na mesma columna. Presenta tamén catro bloques con propiedades químicas semellantes.
O carbono (do latín, carbo, 'carbón') é un elemento químico de número atómico 6, símbolo C e masa atómica 12,01. É un non metal e tetravalente, dispoñendo de catro electróns para formar ligazóns químicas covalentes. Tres isótopos do carbono producense de forma natural, os estables 12C e 13C e o isótopo radioctivo 14C, que decae cunha vida media duns 5730 anos.
Un semicondutor é un material con condutividade eléctrica de magnitude intermedia entre a dun condutor e a dun illante, isto é, aproximadamente entre 103 e 10−8 siemens por centímetro. Os materiais semicondutores son a base da electrónica moderna, sendo empregados en transistores, células solares, moitas clases de díodos (incluíndo o díodo emisor de luz (LED), o rectificador controlado de silicio e o fotodíodo) e circuítos integrados dixitais e analóxicos. Os paneis solares fotovoltaicos semicondutores converten directamente a enerxía lumínica en electricidade.
Un dobre enlace ou enlace dobre en química é un enlace químico entre dous elementos químicos no que están implicados catro electróns de enlace en lugar dos habituais dous. O dobre enlace máis común é o que se establece entre dous átomos de carbono, tal como o dos alquenos. Hai moitos tipos de dobre enlace entre dous átomos diferentes, por exemplo no grupo carbonilo entre un átomo de carbono e outro de oxíxeno.
O metabolismo (do grego μεταβολή, metabolē, "cambio" ou de μεταβολισμός, metabolismos, "derrocamento") é o conxunto integrado das reaccións químicas que teñen lugar nunha célula ou organismo. Está constítuido por series de reaccións que forman unha rede complexa, ordenada e interconectada de vías ou rutas metabólicas catalizadas por encimas. A función destas reaccións é obter e transformar materia e enerxía.
O Imperio Romano (en latín: imperium romanum) foi un imperio da antigüidade sucesor da República Romana e caracterizado por un sistema autocrático. Gobernou extensas terras ao longo de Europa e o Mediterráneo. Durante o mandato de Traxano abarcaba, de oeste a leste, dende o océano Atlántico até as beiras do mar Caspio, o mar Vermello e o golfo Pérsico e, de norte a sur, dende as fragas dos ríos Rin e Danubio e a fronteira con Caledonia até o deserto do Sáhara.
Dorothé Schubarth, nada en Basilea o 11 de setembro de 1944 e finada na mesma cidade o 6 de setembro de 2023, foi unha investigadora, docente, musicóloga e compositora suíza. Tras facer estudos musicais na súa cidade natal, ampliounos logo en Colonia e Múnic. Rexistrou, xunto con Antón Santamarina, primeiramente o Cancioneiro galego de tradición oral, publicado en 1982, e, posteriormente, o monumental Cancioneiro popular galego en sete volumes, editado en 1984 e dixitalizado en 2012 pola Fundación Barrié.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Unha liña espectral é unha liña escura ou brillante nun espectro uniforme e continuo, resultado dun exceso ou carencia de fotóns nun estreito rango de frecuencias, comparado coas frecuencias limítrofes. Cando existe un exceso de fotóns fálase dunha liña de emisión (fotóns emitidos polo obxecto de estudo no espectrómetro). No caso de carencia de fotóns, fálase de liña de absorción (fotóns absorbidos polo obxecto de estudo no espectrómetro).
A tectónica de placas é unha teoría científica que establece que a litosfera (a porción superior máis fría e ríxida da Terra) está fragmentada nunha serie de placas ou baldosas que se desprazan sobre o manto terrestre fluído (astenosfera). Esta teoría tamén describe o movemento das placas, as súas direccións e interaccións. As diferentes placas desprázanse con velocidades da orde de 5 cm/ano o que é, aproximadamente, a velocidade con que crecen as uñas das mans.
En matemáticas, o sistema de coordenadas polares é un sistema de coordenadas de dúas dimensións no que cada punto nun plano está determinado por un ángulo e unha distancia. O sistema de coordenadas polares é especialmente útil cando a relación entre dous puntos se expresa máis ben en termos de ángulos e distancias. No sistema máis coñecido, o cartesiano ou de coordenadas rectangulares, estas relacións hai que atopalas a partir das funcións trigonométricas.
O comunismo é un sistema social, así como tamén un modo de organización socioeconómica, caracterizado pola propiedade en común dos medios de produción, a ausencia de propiedade privada nos medios de produción e a inexistencia de clases sociais e dun Estado. O comunismo como proxecto de socialización dos medios de produción xurdiu no século XVI baixo a forma de diversas utopías baseadas no colectivismo agrario. As máis coñecidas foron a obra Utopía de Tomás Moro e a ideoloxía revolucionaria babuvina que derivou do movemento xacobino da Revolución francesa.
Un campo magnético é unha descrición matemática da influencia magnética das correntes eléctricas e dos materiais magnéticos. O campo magnético en calquera punto está especificado por dous valores, a dirección e a magnitude; de tal forma que é un campo vectorial. Especificamente, o campo magnético é un vector axial, como o son os momentos mecánicos e os campos rotacionais.
O Celsius (°C) é unha unidade de temperatura, así denominada en homenaxe ao astrónomo sueco Anders Celsius (1701–1744), que foi o primeiro a propola en 1742. A escala de temperatura Celsius foi concibida de tal forma que o punto de conxelación da auga corresponde a 0 graos, e o punto de ebulición a 100 graos a unha presión atmosférica patrón. Como existen cen graduacións entre eses dous puntos de referencia, o termo orixinal para este sistema foi centígrado (100 partes) ou centésimos.
A herdanza xenética é a transmisión a través do material xenético contido no núcleo celular, das características anatómicas, fisiolóxicas ou doutro tipo, dun ser vivo aos seus descendentes. O ser vivo resultante terá características dun ou dos dous pais. A herdanza consiste na transmisión á súa descendencia dos caracteres dos ascendentes.
O atomismo, é unha teoría física e filosófica que xurdiu en Grecia durante o século V a.C., aínda que talvez moito antes, que propón unha concepción dun universo descontinuo, composto de materia e de baleiro. Segundo os atomistas, os átomos que compoñen o universo son todos da mesma substancia. Son indivisíbeis e non difiren os uns dos outros máis que pola súa forma, a súa posición e o seu movemento.
Un hidroxilo é un grupo formado por un átomo de osíxeno unido covalentemente cun átomo de hidróxeno, que aparece en compostos como os alcohois, fenois, ácidos carboxílicos e sulfónicos, oxoácidos e bases . Por hidroxilo pódense entender estas tres cousas: O grupo funcional -OH, chamado grupo hidroxilo, hidroxil, grupo alcohólico ou grupo OH. Trátase dun grupo químico unido covalentemente a unha molécula, como sucede nos alcohois. Por exemplo CH3-OH (metanol).
Os xudeus (en hebreo: יְהוּדִי, Yehuda ; e en yiddish: ייִד, YID ), tamén coñecidos como pobo xudeu son unha nación e un grupo etnorelixioso que descenden dos hebreos e antigos israelitas do próximo oriente. A relixión constitúe un posible aspecto de pertenza ao pobo xudeu así como tamén as tradicións, prácticas culturais, sociais e lingüísticas. E, aínda que poden presentar características comúns, tales como o idioma ou a crenza, os xudeus non constitúen un grupo étnico homoxéneo, por iso a definición precisa de xudeu é controvertida e pode variar dependendo da énfase que se faga na observancia relixiosa ou na identidade secular.
A síndrome do macho XX, tamén coñecido como síndrome de la Chapelle ou trastorno testicular do desenvolvemento sexual 46,XX, é unha rara condición na cal un individuo con cariotipo feminino 46,XX se desenvolve cun fenotipo masculino. No 90 % destes individuos a síndrome é causada polo xene SRY do cromosoma Y, que é o que desencadea o desenvolvemento reprodutivo masculino, pero que neste caso é atipicamente incluído no sobrecruzamento de información xenética que ten lugar entre as rexións pseudoautosómicas dos cromosomas X e Y durante a meiose no pai e acaba no cromosoma X. Cando o X co xene SRY se combina cun X normal procedente da nai durante a fecundación, o resultado é que se produce a diferenciación testicular das gónadas (en lugar de ovárica). Menos comúns son os individuos SRY-negativos, que parecen ter un cariotipo feminino normal, os cales se poden orixinar por unha mutación nun xene dun cromosoma autosómico ou do cromosoma X. A masculinización nas persoas que teñen esta síndrome é variable e son estériles.
A fusión nuclear é un proceso físico durante o que se xuntan dous ou máis átomos e forman outro átomo de maior número atómico. A fusión nuclear só acontece a temperaturas de varios millóns de graos e vai seguida dunha enorme liberación de enerxía. O principal tipo de fusión que ocorre no interior das estrelas é o de hidróxeno en helio, onde catro átomos de hidróxeno se xuntan para formar un átomo de helio.
O racionalismo (do latín ratio, razón) é unha corrente filosófica que concede primacía absoluta á razón humana na adquisición de coñecemento, en contraste co empirismo, que resalta o papel da experiencia, en especial o sentido da percepción. A distinción entre racionalismo e empirismo é unha subdivisión posterior dos historiadores, pero nun principio ambos conceptos estaban incluídos no termo 'racionalismo'. Comprende todo o século XVII e é un largo e intenso epígono metafísico aos grandes progresos da ciencia do Renacemento.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A Bioquímica é o estudo químico dos seres vivos, especialmente da estrutura e función dos seus compoñentes químicos específicos, como son as proteínas, carbohidratos, lípidos e ácidos nucleicos, ademais doutras pequenas moléculas presentes nas células. A bioquímica baséase no concepto de que todo ser vivo contén carbono e en xeral as moléculas biolóxicas están compostas principalmente de carbono, hidróxeno, osíxeno, nitróxeno, fósforo e xofre. É a ciencia que estuda a mesmísima base da vida: as moléculas que compón as células e os tecidos, que catalizan as reaccións químicas da dixestión, a fotosíntese e a inmunidade, entre outras.
O fascismo é unha doutrina totalitaria de extrema-dereita desenvolvida por Benito Mussolini na Italia, a partir de 1919, e durante o seu goberno (1922–1943 e 1943–1945). Fascismo deriva de fascio, nome de grupos políticos ou de militancia que xurdiron na Italia entre finais do século XIX e comezos do XX; mais tamén de fasces, que nos tempos do Imperio Romano era un símbolo dos maxistrados: un machado co mango rodeado de varas, simbolizando o poder do Estado e a unidade do pobo. Os fascistas italianos tamén foron coñecidos pola expresión camisas negras, en virtude do uniforme que levaban.
O número atómico é o número enteiro positivo que designa o número de protóns que hai no núcleo dun átomo. Represéntase coa letra Z. Este número é característico de cada elemento químico e representa unha propiedade fundamental do átomo: a súa carga nuclear. Nun átomo eléctricamente neutro (sen carga eléctrica neta), o número de electróns é igual ao de protóns.
O Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland), ou simplemente Reino Unido (incorrectamente chamado Gran Bretaña ou Inglaterra) é un país e un estado soberano situado ao noroeste da Europa Continental. O seu territorio, con capital en Londres, está formado xeograficamente pola illa de Gran Bretaña, o nordés da illa de Irlanda e pequenas illas adxacentes. Irlanda do Norte é a única parte do Reino cunha fronteira terrestre, que a separa da República de Irlanda.
O pinyin (拼音, pīnyīn) ou hanyu pinyin (caracteres simplificados: 汉语拼音; pinyin: hànyǔ pīnyīn) significa literalmente notación fonética da lingua chinesa é un sistema de transcrición mediante o alfabeto latino (romanización) dos caracteres chineses segundo a pronuncia estándar do putonghua ou chinés unificado estándar, oficial na República Popular Chinesa. Posiblemente resulte máis difícil para os occidentais que a máis común Wade-Giles, pero dada a súa oficialidade na China, é cada vez máis utilizada. O Hanyu Pinyin aprobouse en 1958 e adoptouse en 1979 polo goberno da República Popular da China.
No cálculo, a integral dunha función foi creada orixinalmente para determinar a área baixo unha curva no plano cartesiano, mais tamén xorde naturalmente en ducias de problemas de Física, como por exemplo na determinación da posición en todos os instantes dun obxecto, sendo coñecida a súa velocidade en todos os instantes. O proceso de calcular a integral dunha función chámase integración. Diferentemente da noción asociada de derivación, existen varias definicións para a integración.
En bioloxía os factores abióticos son as partes químicas ou físicas non vivas do ambiente que afectan aos organismos vivos e ao funcionamento dos ecosistemas. Entre os factores abióticos están a luz, radiación, temperatura, presión, humidade, concentracións dos gases atmosféricos, condicións do solo, concentración de substancias químicas etc. Os compoñentes abióticos comprenden as condicións físicas e os recursos non vivos que afectan ao crecemento, mantemento ou reprodución dos organismos vivos.
Un enlace covalente é unha forma de enlace químico caracterizado pola compartición dun ou máis pares de electróns entre átomos para producir unha atracción mutua que mantén unida a molécula resultante. Os átomos tenden a compartir electróns de tal maneira que se enchan as órbitas exteriores. Estes enlaces son sempre máis fortes que o enlace de hidróxeno intermolecular e semellantes en forza ou máis fortes que o enlace iónico.
Unha base de datos é un ficheiro organizado de datos sobre un tema. Nos servizos públicos é empregado como un arquivo para ter un acceso rápido ós os seus datos administrados. En informática, unha base de datos é un ficheiro informático que se emprega para preservar datos de xeito organizado e que permite atopar está información rapidamente cando sexa preciso.
Un cloruro é un composto ou molécula que contén ou ben un ión de cloro (Cl−), que é un átomo de cloro con carga negativa, ou ben un átomo de cloro non cargado enlazado covalentemente ao resto da molécula por un enlace simple (−Cl). Moitos cloruros inorgánicos son sales. Moitos compostos orgánicos son cloruros.
Os neurotransmisores son substancias químicas endóxenas que transmiten sinais desde unha neurona a unha célula diana por medio dunha sinapse. Os neurotransmisores están no interior de vesículas sinápticas acumuladas no terminal sináptico da neurona presináptica, e son liberados na fenda sináptica (o espazo entre as dúas células), onde se unen a receptores situados na membrana da célula postsináptica. A liberación dos neurotransmisores normalmente está causada pola chegada á membrana do terminal sináptico dun potencial de acción, pero pode tamén ser causado por potenciais eléctricos graduados.
O ciclo do carbono é un ciclo bioxeoquímico polo cal o carbono se intercambia entre a biosfera, a litosfera, a hidrosfera e a atmosfera terrestre. Os coñecementos sobre esta circulación de carbono posibilitan a apreciación da intervención humana no clima e os seus defectos sobre o cambio climático. O carbono (C) é o cuarto elemento máis abundante no Universo, despois do hidróxeno, o helio e o osíxeno.
Un metal (do grego antigo μέταλλον métallon 'mina, canteira, metal') é un material que, cando está recentemente preparado, pulido ou fracturado, mostra un aspecto lustroso e conduce electricidade e calor relativamente ben. Os metais adoitan ser dúctiles (pódense estirar para formar arames) e maleables (pódense martillar para formar láminas finas). Estas propiedades son o resultado da ligazón metálica entre os átomos ou moléculas do metal.
A masa é unha propiedade dos obxectos físicos que, basicamente, mide a cantidade de materia. É un concepto central na mecánica clásica e disciplinas afíns, expresando a magnitude que, para un corpo determinado, indica a proporción entre forza e aceleración. No Sistema Internacional de Unidades mídese en quilogramos.
Un gas de efecto invernadoiro (ou ás veces, simplemente, gas de invernadoiro ou gas invernadoiro) é un gas que absorbe e emite enerxía radiante nas lonxitudes de onda do infravermello térmico, causando o efecto invernadoiro. Os principais gases de efecto invernadoiro da atmosfera terrestre son o vapor de auga (H2O), dióxido de carbono (CO2), metano (CH4), óxido nitroso (N2O) e ozono (O3). Cantidades moderadas de efecto invernadoiro suavizan a temperatura media da Terra e se non existisen estes gases, a temperatura media na superficie da Terra sería de só -18 °C, en lugar da media actual de 15 °C (33 °C máis).
A bioloxía é a ciencia que estuda a vida e, en particular, as características e comportamento dos organismos, a orixe de especies e individuos, e o xeito en que estes interactúan entre si e co seu ambiente. A bioloxía abrangue un espectro amplo de áreas académicas consideradas frecuentemente disciplinas independentes, mais que, no seu conxunto, estudan a vida ás máis variadas escalas. A vida é estudada á escala atómica e molecular pola bioloxía molecular, pola bioquímica e pola xenética molecular, no nivel da célula pola bioloxía celular e á escala multicelular pola fisioloxía, pola anatomía e pola histoloxía.
As hormonas (do grego ὁρμή - "ímpeto, estímulo") son substancias químicas liberadas por glándulas, órganos ou por células epiteliais ou intersticiais, que afectan ao metabolismo doutras células noutras partes do corpo. Só se precisa unha pequena cantidade de hormona para modificar o metabolismo doutra célula. Trátase basicamente dun mensaxeiro químico que leva un sinal dunha célula a outra.
Kenya oficialmente República de Kenya, é un país da África oriental e membro fundador da Comunidade Africana Oriental (CAO). A súa capital e meirande cidade é Nairobi. O territorio de Kenya atópase no ecuador e superponse ó Rift de África Oriental cubrindo un extenso e diverso terreo que abrangue dende o lago Vitoria até o lago Turkana (antigamente chamado lago Rudolph) e cara ao sueste co océano Índico.
A memoria de acceso aleatorio, ou memoria de acceso directo (en inglés Random Access Memory), máis coñecida como memoria RAM, componse dun ou varios chips e utilízase como memoria de traballo para programas e datos. É un tipo de memoria temporal que perde os datos cando se queda sen enerxía eléctrica (por exemplo, ao apagar a computadora).
O trigo é o termo xeral que designa as distintas especies bravas e cultivadas do xénero Triticum spp, cereal anual que se cultiva en todo o mundo. Globalmente, é o segundo gran comestíbel máis cultivado, xunto ao millo; sendo o terceiro o arroz; e o máis consumido polo ser humano na civilización occidental dende a antigüidade. En Galiza cultívase dende hai séculos, aínda que outros cereais, como o millo, que ten máis importancia no país .
Un videoxogo é un xogo electrónico no que unha ou máis persoas interactúan, por medio dun controlador, cun dispositivo que mostra imaxes de vídeo. Este dispositivo electrónico, coñecido xenericamente como «plataforma», pode ser unha computadora, unha máquina arcade, unha videoconsola ou un dispositivo portátil, por exemplo un teléfono móbil. Os videoxogos poden ser de moitos tipos e son, ano tras ano, unha das principais industrias da arte e o entretemento.
O latín (autoglotónimo: Lingua Latina ou Latina; en grego clásico: Λατινικὴ ɣλῶττα; en neogrego: Λατινική γλώσσα ou Λατινικά) é unha lingua itálica pertencente ao subgrupo das linguas latino-faliscas, e á súa vez á familia das linguas indoeuropeas que foi falada na Roma antiga e posteriormente durante a Idade Media e a Idade Moderna, chegando ata a Idade Contemporánea, pois se mantivo como lingua científica ata o século XIX. O seu nome deriva dunha zona xeográfica da Península Itálica onde se desenvolveu Roma, o Lacio (en latín, Latium). Adquiriu grande importancia coa expansión de Roma, e foi lingua oficial do Imperio romano en gran parte de Europa, África setentrional e Oriente Próximo, xunto co grego. Como as demais linguas indoeuropeas en xeral, o latín era unha lingua flexiva de tipo fusional cun maior grao de síntese nominal que as actuais linguas romances, na cal dominaba a flexión mediante sufixos, combinada en determinadas veces co uso das preposicións, mentres que nas linguas modernas derivadas dominan as construcións analíticas con preposicións, mentres que se reduciu a flexión nominal a marcar só o xénero e o número, conservando os casos de declinación só nos pronomes persoais (estes teñen, ademais, unha orde fixa nos sintagmas verbais).
Os escoceses (scots: scots fowk, escocés: albannaich), son unha nación e grupo étnico nativo de Escocia. Historicamente, xurdiron dunha mestura entre pictos e gaels, que fundaron o Reino de Escocia (ou Alba) no século IX, e que son etnolingüisticamente celtas. Tempo despois, os veciños britanos cúmbricos, que tamén falaban unha lingua celta, así como os anglosaxóns e nórdicos xermánicos, foron incorporados á nación escocesa.
Chámase enerxía nuclear ou enerxía atómica a aquela enerxía que se obtén ao aproveitarse as reaccións nucleares espontáneas ou provocadas polo ser humano. Con todo, este termo engloba outro significado, o aproveitamento de devandita enerxía para outros fins, tales como a obtención de enerxía eléctrica, enerxía térmica e enerxía mecánica a partir de reaccións atómicas, e a súa aplicación, ben sexa con fins pacíficos ou bélicos. Así, é común referirse á enerxía nuclear non só como o resultado dunha reacción senón como un concepto máis amplo que inclúe os coñecementos e técnicas que permiten a utilización desta enerxía por parte do ser humano.
A ecuación de Schrödinger, desenvolvida polo físico austríaco Erwin Rudolf Josef Alexander Schrödinger en 1925, describe a dependencia temporal dos sistemas mecanocuánticos. É de importancia central na teoría da mecánica cuántica, onde representa un papel que se pode considerar semellante ás leis de Newton na mecánica clásica. Na mecánica cuántica, o conxunto de todos os estados posibles nun sistema descríbese por un espazo de Hilbert complexo, e calquera estado instantáneo dun sistema descríbese por un vector unitario nese espazo.
Unha relixión oficial ou relixión estatal é unha relixión ou un credo aprobado oficialmente por un estado soberano. Un estado con relixión oficial (tamén coñecido como estado confesional), aínda que non sexa laico, non é necesariamente unha teocracia. As relixións estatais son establecidas de xeito oficial polo goberno dunha relixión, mais o estado non ten por que estar baixo o control da relixión nin a relixión estar necesariamente baixo o control do estado.
A electricidade é un termo xeral que abrange unha variedade de fenómenos resultantes da presenza e do fluxo de carga eléctrica. Estes inclúen moitos fenómenos facilmente recoñecibles, tales como o relampo, a electricidade estática, e as correntes eléctricas dos cableados. Alén diso, é a propiedade da materia que se basea no movemento das cargas eléctricas que produce un desequilibrio entre as mesmas.
A liberdade de culto ou liberdade relixiosa é un dereito fundamental que se refire á opción de cada ser humano de elixir libremente a súa relixión, de non elixir ningunha ou de non crer ou validar a existencia dun certo Deus e poder exercer dita crenza publicamente, sen ser vítima de opresión nin discriminación.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
A radiación infravermella é un tipo de radiación electromagnética con lonxitude de onda maior que a da luz visible, pero menor que a das microondas. O seu nome quere dicir "por debaixo do vermello", xa que o vermello é a cor de lonxitude de onda máis longa da luz visible, comprendida entre 700 nanómetros (frecuencia 430 THz) e un milímetro (300 GHz). No espectro electromagnético, os infravermellos subdivídense en infravermellos curtos (0,7-5 µm), infravermellos medios (5-30 µm) e infravermellos longos (30-1000 µm).
En física, o momento magnético ou momento do dipolo magnético é unha medida da intensidade dun campo magnético. No caso mais simple dunha espira pola que circula unha corrente constante: m → = I A → {\displaystyle {\vec {m}}=I{\vec {A}}} ou m → = I ∫ d A → {\displaystyle {\vec {m}}=I\int d{\vec {A}}} onde A é o vector area do lazo de corrente, e a corrente, I, é constante. Por convención, a dirección do vector area vén dada pola regra da man dereita.
A propiedade intelectual refírese a un ben económico xeralmente inmaterial, aínda que poida estar asociados a produtos físicos, recollido na maior parte de lexislacións dos países e suxeito a explotación económica por parte dos posuidores legais de devandita propiedade. Nun sentido estritamente xurídico a propiedade intelectual, é o protexido polas leis de propiedade intelectual, e calquera produción intelectual non explicitamente recollida pola lexislación non pode ser considerada propiedade intelectual en sentido xurídico. Así, os dereitos de propiedade intelectual protexen os intereses dos creadores ao ofrecerlles prerrogativas en relación coas súas creacións.
Os pobos xermánicos habitaban a rexión de Europa situada alén das fronteiras do Imperio Romano, entre os ríos Rin, Danubio e Vistula e os mares do Norte e Báltico, denominada Xermania. Eran considerados "bárbaros" polos romanos (do grego βάρβαροι, bárbaroi = estranxeiros, que non falan a lingua grega), pois non posuían a mesma cultura. Dividíanse en numerosas tribos.
En cosmoloxía, a chamada materia escura é unha hipotética materia de natureza descoñecida e que non emitiría radiación electromagnética detectábel, e cuxa única interacción observábel coa materia "normal" sería de natureza gravitatoria, de xeito que a súa presenza daría conta de movementos de rotación nas galaxias que non encaixan nos modelos gravitacionais aceptados, e outras observacións astronómicas que carecen actualmente de explicación satisfactoria, como algunhas lentes gravitacional (tamén son usadas lentes gravitacionais para detectar estruturas de materia escura), a distribución de gas quente nalgunhas galaxias e cúmulos de galaxias ou a distribución anisotrópica na radiación de fondo cósmico de microondas. Todas estas observación esixen, ou ben un cambio de modelo cósmico, ou ben un aumento da masa tal que máis dun 63% da masa material do Universo debería corresponder a esta materia descoñecida.