Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Vladimir Evgrafovich Tatlin (en ruso: Владимир Евграфович Татлин), nado en Moscova o 28 de decembro de 1885 e finado en Moscova o 31 de maio de 1953, foi un pintor e arquitecto soviético. Xunto con Kasimir Malevitch converteuse nunha das dúas figuras máis importantes do movemento artístico do Avant-garde soviética na década de 1920.
As Pandeireteiras de Mens foron un grupo de mulleres labregas dos lugares de Asalo e Mens (Malpica de Bergantiños) que desde a década de 1970 actuaron en Europa e América coa Agrupación Folklórica Aturuxo. O 5 de xullo de 2024, a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2025 ás cantareiras e á poesía popular, incluíndo a Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema Villar.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
José Alberto Mujica Cordano, nado en Montevideo o 20 de maio de 1935 e finado o 13 de maio de 2025 na mesma cidade, foi un agricultor e político uruguaio. Foi o cuadraxésimo presidente do Uruguai entre 2010 e 2015. Con pasado guerrilleiro, pois fora membro do Movemento Nacional de Liberación-Tupamaros, iniciouse na carreira política e foi escollido deputado e senador.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2025, 71 autores (13 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 63 edicións do Día das Letras Galegas, posto que en 1998 houbo unha homenaxe colectiva a Martín Codax, Johan de Cangas e Mendinho (tres trobadores ligados á ría de Vigo) e en 2025 escolléronse sete mulleres en representación das cantareiras (Adolfina Casás Rama, Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Teresa García Prieto, Asunción Garrido Ameixenda, Prudencia Garrido Ameixenda e Manuela Lema Villar).
Robert Francis Prevost Martínez, coñecido como León XIV, nado en Chicago o 14 de setembro de 1955, é o 267º papa da Igrexa Católica, bispo de Roma, matemático e xefe de estado do Vaticano. Foi elixido o 8 de maio de 2025, no segundo día do conclave. Aínda que estadounidense de nacemento, dende 2015, posúe tamén a nacionalidade peruana polos moitos anos vividos no país.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
A masa é unha propiedade dos obxectos físicos que, basicamente, mide a cantidade de materia. É un concepto central na mecánica clásica e disciplinas afíns, expresando a magnitude que, para un corpo determinado, indica a proporción entre forza e aceleración. No Sistema Internacional de Unidades mídese en quilogramos.
A respiración celular é o conxunto de reaccións metabólicas por medio das cales as células obteñen enerxía dos nutrientes por medio da súa oxidación utilizando múltiples reaccións encimáticas, unha cadea de transportadores de electróns e o encima ATP sintase. A forma máis estendida de respiración celular entre os seres vivos é a respiración aerobia, que ten lugar nas mitocondrias dos eucariotas e na maioría das bacterias e que require oxíxeno. Nunhas poucas especies de bacterias existe unha modalidade de respiración celular moi similar, pero que non require oxíxeno, chamada respiración anaerobia.
Londres (en inglés: London, [ˈlʌndən] (AFI), escoitar) é a capital e cidade máis poboada de Inglaterra e do Reino Unido; atópase á beira do río Támese, na illa da Gran Bretaña. No ano 2015 tiña unha poboación estimada de 8,31 millóns de habitantes na división administrativa do Gran Londres, composta por 32 distritos municipais (boroughs) e mais pola Cidade de Londres propiamente dita (City of London), nunha área de 1579 km². A súa área metropolitana ten preto de 17,1 millóns de habitantes.
O evento da grande oxidación (EGC ou, en inglés, GOE), tamén chamado evento da grande oxixenación, grande oxidación, catástrofe do oxíxeno, crise do oxíxeno e Revolución do Oxíxeno, foi a aparición do oxíxeno (dioxíxeno, O2) na atmosfera terrestre inducida bioloxicamente. Dese modo a atmosfera terrestre fíxose rica en oxíxeno, cousa que anteriormente non era. Aínda que as evidencias xeolóxicas, isotópicas, e químicas indican que este gran cambio ambiental ocorreu hai arredor de 2.300 millóns de anos (2,3 Ga ou xigaanos), as súas causas reais e a súa datación exacta son moi discutidas na comunidade científica.
Kenya oficialmente República de Kenya, é un país da África oriental e membro fundador da Comunidade Africana Oriental (CAO). A súa capital e meirande cidade é Nairobi. O territorio de Kenya atópase no ecuador e superponse ó Rift de África Oriental cubrindo un extenso e diverso terreo que abrangue dende o lago Vitoria até o lago Turkana (antigamente chamado lago Rudolph) e cara ao sueste co océano Índico.
Espectro electromagnético é o intervalo completo da radiación electromagnética, que contén desde as ondas de radio, pasando polas microondas, o infravermello, a luz visible, os raios ultravioleta, os raios X, a radiación gamma, ata os raios cósmicos. Falar de espectro referíndose a un fenómeno ondulatorio como o é a radiación electromagnética (EM), significa falar en termos de frecuencia de oscilación, longura de onda ou enerxía de fotón. Así o espectro electromagnético é un mapa, unha clasificación da radiación EM segundo estes parámetros.
Pi ou π é unha constante matemática cuxo valor é a razón aritmética de calquera circunferencia dun círculo co seu diámetro; este é o mesmo valor có da razón da área dun círculo co cadrado do seu raio. É aproximadamente igual a 3,14159 na notación decimal habitual. π é unha das constantes matemáticas e físicas máis importantes: moitas fórmulas das matemáticas, ciencias e enxeñaría están moi relacionadas con π.
A sintaxe (do latín syntaxis, e este do grego σύνταξις, de συντάσσειν 'coordinar') é unha subdisciplina da lingüística. É a parte da gramática que se encarga de estudar as regras que gobernan a forma en que as palabras se organizan en sintagmas e, á súa vez, estes sintagmas en oracións, así como de estudar a función que cumpren os elementos dentro de cada unidade. A escola sistémico funcional inclúe nas súas análises sintácticas o modo en que as oracións se organizan en estruturas de texto.
A evolución é o cambio nas características herdadas das poboacións biolóxicas co paso das xeracións. Os procesos evolutivos dan lugar a diversidade en todos os niveis biolóxicos de organización, como as especies, os organismos individuais e as moléculas como o ADN e proteínas. Todos os seres vivos da Terra descenden dun antepasado común (LUCA) que viviu hai entre 3 500 e 3 800 millóns de anos.
Volt, ou menos recomendable voltio, é a unidade do SI da tensión eléctrica, derivada a partir do ampere e mais do watt. O seu nome vénlle polo físico italiano Alessandro Volta, e o seu símbolo é V. Volt, no sistema métrico decimal, é unha unidade de medida de diferenza de potencial eléctrico. Un volt é igual á diferenza de potencial existente entre dúas secións transversais dun condutor percorrido por unha corrente eléctrica variable de 1 A, cando a potencia disipada entre as dúas seccións é igual a 1 watt.
A soldadura é un proceso fabril que consiste na unión de dous materiais (xeralmente metais ou termoplásticos), usualmente logrado a través dun proceso de fusión no que as pezas se soldan derreténdose e agregando metal ou plástico derretido para conseguir unha pía que ó arrefriarse forma unha unión forte.
A polaridade química ou, simplemente, polaridade é unha característica que describe a distribución de cargas positivas e negativas nun dipolo. A polaridade dun enlace ou dunha molécula débese á diferenza de electronegatividade entre os elementos químicos que a compoñen, que induce á separación das cargas eléctricas no espazo. Se a maioría das cargas se distribúen asimetricamente o enlace, ou a molécula, será polar, mentres que se as caragas se distribúen simetricamente, serán es, é dicir, non polares.
Refraneiro galego sobre o mes de maio
A auga de febreiro ten pros campos tempero; i a de maio teno pra todo o ano . A auga de maio inda carga o carro . A chuvia na semana da Ascensión, leva o centeo e deixa o relón .
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Os/as enzimas (ou encimas) son un grupo de compostos orgánicos de natureza en xeral proteica (existen tamén enzimas constituídos por ARN, chamados ribozimas), con actividade intra ou extracelular que teñen funcións catalíticas, catalizando reaccións químicas, que, sen a súa presenza, serían imposibles ou non poderían ter lugar á velocidade axeitada. Isto conséguese a través da diminución da enerxía de activación precisa para que se dea unha reacción química, resultando no aumento da velocidade desta e posibilitando así o metabolismo dos seres vivos. A capacidade catalítica dos enzimas fainos adecuados para aplicacións industriais, como na industria farmacéutica ou na alimentaria.
A física (do latín physica, e este do grego antigo φυσικός physikós «natural, relativo a natureza») é unha ciencia que estuda as propiedades da materia, os seus constituíntes fundamentais, o seu movemento e comportamento a través do espazo e tempo, e as entidades relacionadas de enerxía e forza, considerando unicamente os atributos susceptíbeis de seren medidos. A física é unha das disciplinas científica máis fundamentais, sendo o seu principal obxectivo comprender como se comporta o universo. Un científico que se especializa no campo da física chámase físico.
O castelán ou español é unha lingua romance do grupo ibérico, orixinaria de Castela. É falada en toda España, e boa parte de América do Sur, América Central e América do Norte como lingua materna por uns 340 millóns de persoas e por 450 como segunda lingua (estimacións de 2004). É a segunda lingua do mundo en número de falantes, despois do mandarín e a segunda lingua máis estudada no mundo, despois do inglés.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O A é a primeira letra do alfabeto galego, e representa a vogal máis aberta da lingua galega. Pode ter a función de artigo determinado feminino singular (a bolboreta), ou de preposición con distintos valores (axudar a alguén, ir a Santiago). Tamén pode ser un prefixo de orixe latina con valor de aproximación ou dirección (achegar, asentar), ou un prefixo de orixe grega con valor de negación (apolítico, anormalidade).
O carbono (do latín, carbo, 'carbón') é un elemento químico de número atómico 6, símbolo C e masa atómica 12,01. É un non metal e tetravalente, dispoñendo de catro electróns para formar ligazóns químicas covalentes. Tres isótopos do carbono producense de forma natural, os estables 12C e 13C e o isótopo radioctivo 14C, que decae cunha vida media duns 5730 anos.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Suíza (/ˈswi.θa/; en alemán: Schweiz; en francés: Suisse; en italiano: Svizzera; en romanche: Svizra), é un estado federal situado na Europa central, sen saída ao mar, mais con conexións a través do río Rin. Linda ao norte con Alemaña, ao leste con Austria e Liechtenstein, ao sur con Italia e ao oeste con Francia. É tamén coñecida como a Confederación Suíza ou de xeito oficial, aínda que menos usual, Confoederatio Helvetica (en latín para Confederación Helvética).
Un hidroxilo é un grupo formado por un átomo de osíxeno unido covalentemente cun átomo de hidróxeno, que aparece en compostos como os alcohois, fenois, ácidos carboxílicos e sulfónicos, oxoácidos e bases . Por hidroxilo pódense entender estas tres cousas: O grupo funcional -OH, chamado grupo hidroxilo, hidroxil, grupo alcohólico ou grupo OH. Trátase dun grupo químico unido covalentemente a unha molécula, como sucede nos alcohois. Por exemplo CH3-OH (metanol).
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
A gravidade (do latín gravitas), tamén denominada interacción gravitacional ou gravitación, é un fenómeno natural polo cal os obxectos con masa ou enerxía son atraídos entre si, efecto maiormente observable na interacción entre os planetas, estrelas, galaxias e demais obxectos do universo, incluída a luz. É unha das catro interaccións fundamentais que orixina a aceleración que experimenta un corpo físico nas proximidades dun obxecto astronómico. A gravidade é a responsable de moitas das estruturas a grande escala do universo, como a formación de estrelas a partir da atracción gravitacional de masas gasosas, ou a agrupación destas en galaxias e cúmulos.
Mercurio é o planeta máis pequeno do sistema solar e o máis próximo ao Sol. O igual que Venus, Mercurio orbita o Sol dentro da órbita terrestre como un planeta inferior, e a súa distancia aparente o Sol visto desde a Terra nunca supera os 28°. Esta proximidade ao Sol fai que o planeta só poida verse preto do horizonte occidental despois da posta de sol ou do horizonte oriental antes da saída do sol, normalmente no crepúsculo.
Irlanda ( pronunciación ) ou Eire (en irlandés: Éire, [ˈeː.ɾʲə] (AFI), escoitar; en inglés: Ireland, [ˈaɪərlənd] ou [ˈɑrlənd] (AFI), escoitar), oficialmente República de Irlanda ( pronunciación ) (en irlandés: Poblacht na hÉireann; en inglés: Republic of Ireland) é un país do noroeste de Europa que forma parte da Unión Europea (UE). A súa capital é Dublín (en irlandés: Baile Átha Cliath e en inglés: Dublin). No ano 1949 declarouse o estado irlandés como a República de Irlanda (en inglés Republic of Ireland, en irlandés: Poblacht na hÉireann).
A entropía (do grego en [en] + trope [transformación]) é unha magnitude termodinámica que dá conta da enerxía que non pode realizar traballo útil nun proceso termodinámico. É unha función de estado de carácter extensivo e o seu valor medra nun sistema illado, de acordo coa Segunda Lei da Termodinámica. Pode ser interpretada como o estado de desorde dun sistema.
En ecoloxía denomínase plancto ao conxunto de organismos de moi pequeno tamaño, principalmente microscópicos, que viven nas augas salgadas ou doces e que, por seren incapaces de nadar contra a corrente, flotan e son arrastrados polas correntes. O plancto tipicamente flúe coas correntes de auga. Mentres que algunhas formas son capaces de realizar movementos independentes e poden nadar verticalmente centos de metros nun só día (comportamento denominado migración vertical diaria), a súa posición horizontal está determinada principalmente polas correntes.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
As Festas Minervais é un certame literario galego que apareceu por primeira vez en 1536 na honra da figura de Alonso de Fonseca III, arcebispo de Toledo e de Santiago de Compostela. Dito certame foi promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, considerándose un modelo tanto no campo literario como no lingüístico da época. Os autores participantes empregaron a lingua castelá e o latín para as súas composicións.
Nixeria ( [n ), oficialmente República Federal de Nixeria, é unha república federal que comprende 36 estados e máis o Territorio da Capital Federal, Abuja. O país atópase no oeste de África, e comparte fronteiras terrestres coa República de Benín polo oeste, o Chad e o Camerún polo leste, e Níxer polo norte. No sur está a costa, co golfo de Guinea no océano Atlántico.
Chile é un país de América do Sur, limitado ó norte polo Perú, ó leste por Bolivia e a Arxentina, cun total de 6.339 km de fronteiras terrestres, ó sur polo Estreito de Drake e ó oeste polo océano Pacífico. O seu nome oficial é República de Chile e a súa capital é a cidade de Santiago de Chile. Chile descríbese normalmente como constituído de tres distintas zonas.
A sistemática é unha área da bioloxía encargada de clasificar ás especies a partir da súa historia evolutiva (filoxenia). Ocúpase da diversidade biolóxica nun plano descritivo e nun interpretativo. A unidade fundamental da que parte toda a clasificación é a especie, aquela agrupación de seres na que todos os seus membros son quen de aparearse entre si e producir descendencia viable e fértil.
Un organismo pluricelular ou multicelular (das formas do latín plures, plura, plurium que significan "varios", "moitos"; e cellula, diminutivo tamén latino de cella, "cela", "cuarto pequeno") é aquel organismo que está constituído por máis dunha célula e que posúe células diferenciadas que realizan funcións especializadas, en contraposición aos organismos unicelulares (protozoos e bacterias, entre moitos outros) que reúnen todas as súas funcións vitais nunha única célula. A pluricelularidade ten a vantaxe de que permite a especialización de diferentes grupos celulares, ao liberar as células de ter que asumir todas as funcións vitais. Así, posibilítase a formación de diferentes tecidos e órganos.
A mecánica cuántica é unha teoría fundamental da física (máis particularmente, da física moderna) que proporciona unha descrición das propiedades físicas da natureza a escala de átomos e partículas subatómicas. É a base de toda a física cuántica, incluíndo a química cuántica, a teoría cuántica de campos, a tecnoloxía cuántica e a ciencia da información cuántica. A física clásica (o conxunto de teorías que existían antes da aparición da mecánica cuántica) describe moitos aspectos da natureza a escala ordinaria (macroscópica), pero non é suficiente para describilos a escalas moi pequenas (atómica e subatómica).
Unha minoría ou grupo minoritario refírese a unha categoría de persoas que experimentan unha desvantaxe relativa en comparanza cos membros dun grupo social dominante. A membresía dun grupo minoritario xeralmente baséase en diferenzas nas características ou prácticas observábeis, tales como: sexo, etnia, raza, relixión, discapacidade, identidade de xénero ou orientación sexual. Utilizando o marco de interseccionalidade, é importante recoñecer que un individuo pode ser membro de múltiples grupos minoritarios ao tempo (por exemplo, unha minoría racial e relixiosa).
A temperatura da cor dunha fonte de luz é a temperatura dun radiador ideal de corpo negro que irradia luz dunha cor similar á da fonte de luz. A temperatura da cor é unha característica da luz visible que ten importantes aplicacións en iluminación, fotografía, videografía, edición, fabricación, astrofísica, horticultura e outros campos. Na práctica, a temperatura da cor é significativa só para as fontes de luz que de feito se corresponden un pouco estreitamente coa radiación dalgún corpo negro, é dicir, a luz nun rango que vai do vermello ao laranxa ao amarelo ao branco ao branco azulado; non ten sentido falar da temperatura da cor, por exemplo, unha luz verde ou púrpura.
Etiopía (en amhárico: ኢትዮጵያ, ʾĪtyōṗṗyā, oficialmente República Democrática Federal de Etiopía) é un país situado na parte centroriental de África, no chamado Corno de África. Limita ao norte con Eritrea, ao leste con Djibuti e Somalia, ao sur con Kenya e ao oeste co Sudán e co Sudán do Sur. En 2017 tiña unha poboación estimada de máis de 94 millóns de habitantes, que o converten no segundo país máis poboado de África despois de Nixeria.
A Commonwealth ou Commonwealth of Nations é o nome en inglés dunha asociación de territorios autónomos, mais dependentes do Reino Unido, creada en 1931 e formada actualmente por 54 estados, a maioría dos cales independentes pero incluíndo algúns que aínda manteñen lazos políticos coa antiga potencia colonial. Coa progresiva perda de poder da Gran Bretaña sobre as súas colonias a partir de mediados do século XIX, a poboación branca conseguiu a autonomía, primeiro coa concesión do estatuto de Dominio británico (Canadá, Australia, Nova Zelandia, Suráfrica e Terra Nova). O termo Commonwealth foi utilizado por vez primeira en 1917 como sinónimo de Imperio Británico para designar a asociación existente entre a Gran Bretaña e estes Dominios.
En matemáticas, unha fracción (do latín fractus, -a, um, 'roto', adxectivo que é o participio pasado de frango, frēgi, fractum, 'romper', 'quebrar') é a expresión dunha cantidade dividida entre outra. Diversas fraccións poden ter o mesmo valor (chamadas fraccións equivalentes); o conxunto de todas as fraccións equivalentes denomínase número racional. É a división racional que hai entre o numerador e o denominador.
A monarquía absoluta é unha forma de monarquía na que o monarca ten o poder absoluto do goberno e os seus poderes e facultades non están limitados por leis ou institucións. Nela non existe a división de poderes. Aínda que a administración da xustiza poida ter unha autonomía relativa en relación ao rei ou existan institucións parlamentarias, o monarca absoluto pode cambiar as decisións e os ditames dos tribunais en última instancia ou reformar as leis á súa vontade ("a palabra do rei é lei").
Afganistán (en paxto e dari افغانستان, Afġānistān), oficialmente coñecido como Emirato Islámico de Afganistán, é un país localizado en Asia Central. Ten unha poboación de arredor de 31 millóns de habitantes, sendo o país 42 máis poboado do mundo. Limita con Irán ó oeste, con Paquistán ó sur e ó leste, con Turkmenistán, Uzbekistán e Tadjiikistán no norte e coa República Popular da China no extremo máis oriental do país.
Un gradiente electroquímico é un gradiente de potencial electroquímico, xeralmente creado por un ión que se move a través dunha membrana. Cando os ións son protóns (H+) é un gradiente de protóns. O gradiente consta de dúas partes: un potencial eléctrico e unha diferenza na concentración química a través da membrana.
Un sistema dinámico é un sistema cun estado que evoluciona co tempo. Os sistemas físicos en situación non estacionaria son exemplos de sistemas dinámicos, pero tamén existen modelos económicos, matemáticos e doutros tipos que son sistemas abstractos que son, ademais, sistemas dinámicos. O comportamento en devandito estado pódese caracterizar determinando os límites do sistema, os elementos e as súas relacións; desta forma pódense elaborar modelos que buscan representar a estrutura do mesmo sistema.
En química un composto hidrófobo (do grego medo ou odio á auga) é aquel que ten a propiedade de non poder establecer enlaces de hidróxeno coa auga, polo que é "repelido" (excluído) por unha masa de auga e non se mestura ben ou disolve nela. As moléculas hidrófobas son apolares (ou de mínima polaridade), é dicir son moléculas neutras, que tenden a non presentar grupos químicos polares (con algún átomo moi electronegativo), que orixinen cargas eléctricas parciais δ+ e δ-. As longas cadeas hidrocoarbonadas dalgunhas moléculas son hidrófobas.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Occidente (do latín occĭdens, "lugar da caída do Sol") significa oeste, e en xeral refírese a un conxunto de culturas. Existen distintas acepcións sobre o significado do Mundo Occidental: Na súa acepción máis restritiva, abrangue a Europa Occidental xurdida durante a Idade Media. Na súa acepción ampla, inclúe a toda a cultura grecorromana, e incluso as primeiras civilizacións de Mesopotamia, como os sumerios e o Antigo Exipto.
O alfabeto latino ou abecedario (en latín: Abecedarium Latinum) é o sistema de escritura alfabético máis usado do mundo na actualidade. Nado do alfabeto etrusco, que á súa vez se basea nunha versión do alfabeto grego arcaico que se usaba na antiga cidade grega de Cumas, na Magna Grecia. O alfabeto grego foi alterado polos etruscos , e posteriormente o seu alfabeto foi alterado polos antigos romanos .
A raíz cadrada de dous, denotada como 2 {\displaystyle {\sqrt {2}}} , é o único número real positivo cuxo cadrado (é dicir, o resultado da súa multiplicación por si mesmo) é dous: 2 × 2 = 2 {\displaystyle {\sqrt {2}}\times {\sqrt {2}}=2} . A raíz cadrada de dous é un número irracional, é dicir, non é posíbel atopar dous enteiros a {\displaystyle a} e b {\displaystyle b} tal que a b = 2 . {\displaystyle {\frac {a}{b}}={\sqrt {2}}.} Crese que 2 {\displaystyle {\sqrt {2}}} foi o primeiro número irracional recoñecido como tal.
O helio é un elemento químico de número atómico 2 e símbolo He. A pesar de que a súa configuración electrónica é 1s², non figura no grupo 2 da táboa periódica, xunto o hidróxeno no bloque s, senón que se coloca no grupo 18 do bloque p, xa que o ter o nivel de enerxía completo, presenta as propiedades dun gas nobre. Isto é, é inerte (non reacciona) e ao igual que estes, é un gas monoatómico incoloro e inodoro.
A ecuación de Schrödinger, desenvolvida polo físico austríaco Erwin Rudolf Josef Alexander Schrödinger en 1925, describe a dependencia temporal dos sistemas mecanocuánticos. É de importancia central na teoría da mecánica cuántica, onde representa un papel que se pode considerar semellante ás leis de Newton na mecánica clásica. Na mecánica cuántica, o conxunto de todos os estados posibles nun sistema descríbese por un espazo de Hilbert complexo, e calquera estado instantáneo dun sistema descríbese por un vector unitario nese espazo.
Unha arma termonuclear é un deseño de segunda xeración de armas nucleares. A idea básica é o uso dunha bomba atómica de fisión a modo de disparador colocada preto dunha cantidade de combustible de fusión, e o uso da “implosión de radiación” para comprimir o combustible da fusión e conseguir o seu acendido. A bomba de fisión e o combustible de fusión colócanse preto un doutro nun recipiente especial que está feito para reflectir raios X durante o maior tempo posible.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
En matemáticas, especificamente en aritmética elemental, a división é unha operación aritmética que é a inversa da multiplicación e ás veces pode interpretarse como unha resta repetida. Noutras palabras, consiste en pescudar cantas veces un número (o divisor) está contido noutro número (o dividendo). Na división de números enteiros ademais do dividendo e o divisor interveñen outros números.
O Uruguai, oficialmente a República Oriental do Uruguai (en castelán: República Oriental del Uruguay escoitar ), é un país de América do Sur. Limita ao norte e nordeste co estado de Río Grande do Sur (Brasil), ao oeste co río Uruguai coas provincias arxentinas de Entre Ríos e Corrientes, ao suroeste co esteiro do Río da Prata o cal o separa de Buenos Aires (Arxentina) e ao sueste co océano Atlántico. O seu territorio, cunha superficie de máis de 176.000 km², é o segundo máis pequeno do subcontinente detrás de Suriname e áchase dividido administrativamente en 19 departamentos.
O gas natural é unha mestura de gases encontrado frecuentemente en combustíbeis fósiles, illado ou acompañando ao petróleo. Aínda que a súa composición sexa diferente dependendo da fonte da cal é extraído, é composto principalmente por metano en cantidades que poden superar 90 ou 95%, e outros gases como nitróxeno, etano, CO2 ou restos de butano ou propano.
Dorothé Schubarth, nada en Basilea o 11 de setembro de 1944 e finada na mesma cidade o 6 de setembro de 2023, foi unha investigadora, docente, musicóloga e compositora suíza. Tras facer estudos musicais na súa cidade natal, ampliounos logo en Colonia e Múnic. Rexistrou, xunto con Antón Santamarina, primeiramente o Cancioneiro galego de tradición oral, publicado en 1982, e, posteriormente, o monumental Cancioneiro popular galego en sete volumes, editado en 1984 e dixitalizado en 2012 pola Fundación Barrié.
En matemáticas, a sucesión de Fibonacci é a sucesión de números naturais: 0 , 1 , 1 , 2 , 3 , 5 , 8 , 13 , 21 , 34 , 55 , 89 , 144 , 233 , 377 , 610 , 987 , 1597 … {\textstyle 0,1,1,2,3,5,8,13,21,34,55,89,144,233,377,610,987,1597\ldots \,} (secuencia A000045 na OEIS) A sucesión comeza cos números 0 e 1, e a partir destes a relación de recorrencia que a define é que «cada termo é a suma dos dous anteriores». Aos elementos desta sucesión chámaselles números de Fibonacci. Esta sucesión foi descrita en Europa por Leonardo de Pisa, matemático italiano do século XIII tamén coñecido como Fibonacci.
Unha bixección, función bixectiva ou correspondencia un a un entre dous conxuntos matemáticos é unha función tal que cada elemento do segundo conxunto (o codominio) é a imaxe de exactamente un elemento do primeiro conxunto (o dominio). De forma equivalente, unha bixección é unha relación entre dous conxuntos de tal xeito que cada elemento de calquera conxunto está emparellado exactamente cun elemento do outro conxunto. Unha función é bixectiva se e só se é invertíbel; é dicir, unha función f : X → Y {\displaystyle f:X\to Y} é bixectiva se e só se hai unha función g : Y → X , {\displaystyle g:Y\to X,} a inversa de f, tal que cada unha das dúas formas de compoñer as dúas funcións produce unha función identidade: g ( f ( x ) ) = x {\displaystyle g(f(x))=x} para cada x {\displaystyle x} en X {\displaystyle X} e f ( g ( y ) ) = y {\displaystyle f(g(y))=y} para cada y {\displaystyle y} en Y .
Un xene é a unidade básica de herdanza dos seres vivos. Dende o punto de vista molecular, un xene é unha secuencia lineal de nucleótidos na molécula de ADN (ou ARN no caso dalgúns virus), que contén a información necesaria para a síntese dunha macromolécula con función celular específica. Por exemplo: Proteínas, ARNm, ARN ribosómico, ARN de transferencia e ARN pequenos.