Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
As Pandeireteiras de Mens foron un grupo de mulleres labregas dos lugares de Asalo e Mens (Malpica de Bergantiños) que desde a década de 1970 actuaron en Europa e América coa Agrupación Folklórica Aturuxo. O 5 de xullo de 2024, a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2025 ás cantareiras e á poesía popular, incluíndo a Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema Villar.
José Alberto Mujica Cordano, nado en Montevideo o 20 de maio de 1935 e finado o 13 de maio de 2025 na mesma cidade, foi un agricultor e político uruguaio. Foi o cuadraxésimo presidente do Uruguai entre 2010 e 2015. Con pasado guerrilleiro, pois fora membro do Movemento Nacional de Liberación-Tupamaros, iniciouse na carreira política e foi escollido deputado e senador.
Javier Ibarra Ramos, nado en Zaragoza o 1 de marzo de 1980, é un MC aragonés en lingua castelá, coñecido artisticamente como Kase.O. Forma parte do grupo Violadores del Verso xunto a Hate, Lírico e R de Rumba. O grupo atópase nun descanso temporal, mais cada artista continúa a súa carreira en solitario e teñen pensado volver a reunirse nun futuro, como así o teñen expresado múltiples veces.
Robert Francis Prevost, coñecido como León XIV, nado en Chicago o 14 de setembro de 1955, é o 267º papa da Igrexa Católica, bispo de Roma, matemático e xefe de estado do Vaticano. Foi elixido o 8 de maio de 2025, no segundo día do conclave. Aínda que estadounidense de nacemento, dende 2015, posúe tamén a nacionalidade peruana polos moitos anos vividos no país.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2025, 71 autores (13 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 63 edicións do Día das Letras Galegas, posto que en 1998 houbo unha homenaxe colectiva a Martín Codax, Johan de Cangas e Mendinho (tres trobadores ligados á ría de Vigo) e en 2025 escolléronse sete mulleres en representación das cantareiras (Adolfina Casás Rama, Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Teresa García Prieto, Asunción Garrido Ameixenda, Prudencia Garrido Ameixenda e Manuela Lema Villar).
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
Os Tupamaros, tamén coñecidos como MLN (Movimiento de Liberación Nacional) foi unha organización de guerrilla urbana no Uruguai nos anos 60 e 70 e que na actualidade actúa como partido político na Fronte Ampla. Toma o nome de Túpac Amaru II, líder dunha revolta contra os españois no século XVIII. En 1960 apareceu no seo do Partido Socialista do Uruguai, partido que virara cara a esquerda sumándose ao terceiromundismo, un grupo que miraba cara ás loitas de liberación que se desenvolveran en Alxeria, a China e especialmente en Cuba e discutía a viabilidade dunha guerrilla rural no Uruguai, este grupo confluíu coa Unión de Traballadores Azucreiros de Artigas dirixida por Raúl Sendic, tamén membro do PSU e que estivera en Cuba varios meses tralo triunfo da revolución. O 31 de xullo de 1963 realizan a primeira acción armada, o asalto ao Club de Tiro Suízo, apropíanse de varias armas e munición, Raúl Sendic idenficado pola policía como o ideólogo marchou ao exilio.
A caligrafía (do grego καλλος kallos "beleza" e γραφος graphos "escrita") é a arte de escribir con trazos de estilo fermoso. O vocábulo designa a escrita manual na cal predominan as calidades de elegancia, uniformidade e beleza. A caligrafía continúa a florecer en formas como as invitacións de voda e outros eventos, a tipografía e o deseño de fontes, o deseño de logotipos, a arte relixiosa, anuncios, deseño gráfico, inscricións en pedras e documentos de lembranza.
A tecnoloxía (do grego, (τεχνολογια) techne (τεχνη) "oficio" + logía (λογια) "que di") é o coñecemento técnico humano e as ferramentas creadas pola humanidade a partir de tal coñecemento, así mesmo é a suma de técnicas, habilidades, métodos e procesos utilizados na produción de bens ou servizos ou no logro de obxectivos, como a investigación científica. A tecnoloxía pode ser o coñecemento de técnicas, procesos e similares, ou pode integrarse en máquinas para permitir o seu funcionamento sen un coñecemento detallado do seu funcionamento. Os sistemas (por exemplo, máquinas) que aplican tecnoloxía tomando unha entrada, cambiándoa de acordo con o uso do sistema e logo producindo un resultado denomínanse sistemas tecnolóxicos.
No cálculo, a integral dunha función foi creada orixinalmente para determinar a área baixo unha curva no plano cartesiano, mais tamén xorde naturalmente en ducias de problemas de Física, como por exemplo na determinación da posición en todos os instantes dun obxecto, sendo coñecida a súa velocidade en todos os instantes. O proceso de calcular a integral dunha función chámase integración. Diferentemente da noción asociada de derivación, existen varias definicións para a integración.
O logaritmo dun número positivo x nunha certa base b, é o expoñente y ao que hai que elevar a base para obter o número dado. A base de logaritmos b ten que ser un número positivo distinto de un. Abreviadamente o logartimo exprésase por log, indicando a continuación a base como un subíndice e lese "logaritmo en base b de x".
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Un videoxogo é un xogo electrónico no que unha ou máis persoas interactúan, por medio dun controlador, cun dispositivo que mostra imaxes de vídeo. Este dispositivo electrónico, coñecido xenericamente como «plataforma», pode ser unha computadora, unha máquina arcade, unha videoconsola ou un dispositivo portátil, por exemplo un teléfono móbil. Os videoxogos poden ser de moitos tipos e son, ano tras ano, unha das principais industrias da arte e o entretemento.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Os cloroplastos (do grego, chloros "verde", e plastes, "forma" ou "entidade") son orgánulos citoplasmáticos da célula encargados de realizar a fotosíntese en organismos eucariontes. Atópanse nas follas das plantas e mais en organismos protistas fotosintéticos. Os cloroplastos capturan a enerxía lumínica para conservaren enerxía libre en forma de ATP e reduciren o NADP+ a NADPH a través dun conxunto de procesos complexos chamado fotosíntese.
Un semicondutor é un material con condutividade eléctrica de magnitude intermedia entre a dun condutor e a dun illante, isto é, aproximadamente entre 103 e 10−8 siemens por centímetro. Os materiais semicondutores son a base da electrónica moderna, sendo empregados en transistores, células solares, moitas clases de díodos (incluíndo o díodo emisor de luz (LED), o rectificador controlado de silicio e o fotodíodo) e circuítos integrados dixitais e analóxicos. Os paneis solares fotovoltaicos semicondutores converten directamente a enerxía lumínica en electricidade.
Ontario é unha provincia do Canadá e a máis populosa do país. Segundo o censo de poboación de 2021, é o fogar do 38,5% da poboación total do país, e é a segunda provincia por tamaño detrás do Quebec. A maior cidade canadense, Toronto, así como a capital nacional do país, Otava, están localizadas en Ontario.
O Uruguai, oficialmente a República Oriental do Uruguai (en castelán: República Oriental del Uruguay escoitar ), é un país de América do Sur. Limita ao norte e nordeste co estado de Río Grande do Sur (Brasil), ao oeste co río Uruguai coas provincias arxentinas de Entre Ríos e Corrientes, ao suroeste co esteiro do Río da Prata o cal o separa de Buenos Aires (Arxentina) e ao sueste co océano Atlántico. O seu territorio, cunha superficie de máis de 176.000 km², é o segundo máis pequeno do subcontinente detrás de Suriname e áchase dividido administrativamente en 19 departamentos.
Europa ( pronunciación ) é un dos continentes que conforman o supercontinente eurasiático, situado entre os paralelos 35º 30’ e 70º 30’ de latitude norte. Europa é unha das grandes penínsulas de Eurasia (segundo como se considere, a maior delas), á que de forma convencional e por motivos históricos considérase un continente propio, e pertence a súa a Eurafrasia. De forma convencional e por motivos histórico-culturais é considerada un continente, tras a delimitación realizada polo xeógrafo ruso Vasili Tatíshchev quen desexaba sinalar a pertenza de Rusia a Europa e a Asia.
O metabolismo (do grego μεταβολή, metabolē, "cambio" ou de μεταβολισμός, metabolismos, "derrocamento") é o conxunto integrado das reaccións químicas que teñen lugar nunha célula ou organismo. Está constítuido por series de reaccións que forman unha rede complexa, ordenada e interconectada de vías ou rutas metabólicas catalizadas por encimas. A función destas reaccións é obter e transformar materia e enerxía.
A síndrome XYY, tamén coñecida como síndrome de Jacobs, é unha condición xenética aneuploide humana na cal un macho ten un cromosoma Y extra, xerando un cariotipo XYY de 47 cromosomas, en vez do XY normal de 46 cromosomas. Xeralmente ten poucos síntomas. Entre estes poden estar ter unha estatura maior da media e un aumento do risco de ter discapacidades de aprendizaxe.
Unha estrela (do latín: stella) é un esferoide luminoso que mantén a súa forma debido á súa propia gravidade. A estrela máis próxima á Terra é o Sol. Outras estrelas son visibles a simple vista desde a Terra durante a noite, aparecendo como unha diversidade de puntos luminosos aparentemente fixos no ceo debido á súa inmensa distancia da mesma.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Unha sílaba é un conxunto de realizacións que se pronuncian nun mesmo golpe de voz. É unha organización para unha secuencia de sons formada tipicamente por un núcleo silábico (habitualmente unha vogal) con marxes iniciais ou finais opcionais (tipicamente consoante). As sílabas adoitan ser consideradas "bloques construtivos" fonolóxicos das palabras.
A illa de Creta (en grego: Κρήτη; Kriti) é unha illa mediterránea, a maior e máis poboada das illas gregas, sendo a súa situación xeográfica o punto máis meridional de Europa. Reincorporada á Grecia no 1913, é unha das trece periferias (rexión administrativa). Forma unha parte importante da economía e o patrimonio cultural de Grecia, mentres que mantén os seus propios trazos culturais locais (como o seu dialecto, poesía e música).
A auga (fórmula química H2O) é unha substancia química inorgánica, transparente, insípida, inodora e case incolora, que é o principal constituínte da hidrosfera terrestre e dos fluídos de todos os organismos vivos coñecidos (no que actúa como disolvente).). É vital para todas as formas de vida coñecidas, aínda que non proporciona alimento, enerxía nin micronutrientes orgánicos. A súa fórmula química, H2O, indica que cada unha das súas moléculas conteñen un átomo de osíxeno e dous de hidróxeno, conectados por enlaces covalentes.
Kenya oficialmente República de Kenya, é un país da África oriental e membro fundador da Comunidade Africana Oriental (CAO). A súa capital e meirande cidade é Nairobi. O territorio de Kenya atópase no ecuador e superponse ó Rift de África Oriental cubrindo un extenso e diverso terreo que abrangue dende o lago Vitoria até o lago Turkana (antigamente chamado lago Rudolph) e cara ao sueste co océano Índico.
Sistema de coordenadas cartesianas
As coordenadas cartesianas ou coordenadas rectangulares (plano cartesiano) son un tipo de coordenadas ortogonais usadas en espazos euclidianos, para a representación gráfica dunha función, en xeometría analítica , ou do movemento ou posición en física, caracterizadas porque emprega como referencia eixes ortogonais entre si que se cortan nun punto orixe. As coordenadas cartesianas defínense así como a distancia á orixe das proxeccións ortogonais dun punto dado sobre cada un dos eixes. A denominación de 'cartesiano' introduciuse en honra de René Descartes, quen o utilizou de maneira formal por primeira vez.
A derivada é unha operación realizada ás funcións dentro do cálculo infinitesimal (ou cálculo diferencial e integral) polo cal se busca un cálculo que relacione a variación (aumento o diminución) do valor dependente da función segundo o valor da variable independente, é dicir, canto aumenta y por cada aumento de x. Para que unha función sexa derivable nun punto x a {\displaystyle x_{a}\,} ten que ser continua na súa contorna pola dereita e pola esquerda e ter o mesmo límite polos dous lados.
Dorothé Schubarth, nada en Basilea o 11 de setembro de 1944 e finada na mesma cidade o 6 de setembro de 2023, foi unha investigadora, docente, musicóloga e compositora suíza. Tras facer estudos musicais na súa cidade natal, ampliounos logo en Colonia e Múnic. Rexistrou, xunto con Antón Santamarina, primeiramente o Cancioneiro galego de tradición oral, publicado en 1982, e, posteriormente, o monumental Cancioneiro popular galego en sete volumes, editado en 1984 e dixitalizado en 2012 pola Fundación Barrié.
Ruxe Ruxe é un grupo de música galego formado en Aríns (Santiago de Compostela) en 1996. A súa música é rock combinada con sons tradicionais galegos, empregando ás veces instrumentos como a gaita e o saxofón, e sempre con actitude punk. As súas letras son en galego e de temática moi variada nas que predominan os textos costumistas, os de carácter social e o realismo máxico.
As hormonas (do grego ὁρμή - "ímpeto, estímulo") son substancias químicas liberadas por glándulas, órganos ou por células epiteliais ou intersticiais, que afectan ao metabolismo doutras células noutras partes do corpo. Só se precisa unha pequena cantidade de hormona para modificar o metabolismo doutra célula. Trátase basicamente dun mensaxeiro químico que leva un sinal dunha célula a outra.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
Un enlace covalente é unha forma de enlace químico caracterizado pola compartición dun ou máis pares de electróns entre átomos para producir unha atracción mutua que mantén unida a molécula resultante. Os átomos tenden a compartir electróns de tal maneira que se enchan as órbitas exteriores. Estes enlaces son sempre máis fortes que o enlace de hidróxeno intermolecular e semellantes en forza ou máis fortes que o enlace iónico.
Lista de linguas por número de falantes
Este artigo recolle as principais linguas humanas segundo o número de falantes nativos. Todas estas clasificacións deben terse en conta con precaución, xa que non é posible elaborar un conxunto coherente de criterios lingüísticos para distinguir as linguas nun continuo dialectal. Por exemplo, unha lingua a miúdo defínese como un conxunto de variedades mutuamente intelixibles, pero as linguas estándar nacionais independentes poden considerarse linguas separadas aínda que sexan en gran parte mutuamente intelixibles, como no caso do dinamarqués e o noruegués.
A sublimación (do latín, sublimāre) é o proceso físico que consiste no cambio de estado da materia dende o estado sólido ó estado gasoso, sen pasar polo estado líquido. O proceso inverso, o paso directo dende o estado gasoso ó estado sólido, ás veces tamén recibe o nome de sublimación, pero é máis apropiado referirse a esa transición como sublimación regresiva ou sublimación inversa. Exemplos clásicos de sublimación preséntanos os cristais de iodo e o xeo seco.
Islandia (en islandés: Ísland) é un país insular situado na Dorsal Medio Atlántica, e xeralmente englobada en Europa. A illa está bañada polo océano Atlántico ao sur e ao oeste e polo mar de Noruega ao norte e ao leste. Os territorios máis próximos son Groenlandia ao noroeste, da cal está separada polo estreito de Dinamarca, as Illas Feroe ao sueste e, bastante máis lonxe, a illa norueguesa de Jan Mayen ao nordeste.
O carbón é unha rocha sedimentaria de cor negra ou marrón, con gran contido de carbono. É utilizada en diversos procesos industriais, destacando a produción de enerxía, procesos siderúrxicos e a industria química. A formación de carbón procede da acumulación de materia orgánica eminentemente vexetal durante millóns de anos.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
A depredación é unha interacción biolóxica na que un organismo, o depredador, mata e devora a outro organismo, a presa. Forma parte dunha familia de comportamentos de alimentación comúns que inclúen o parasitismo e a micropredación (que normalmente non matan o hóspede) e o parasitoidismo (que sempre acaba matando o hóspede). É distinto do comportamento preeiro de alimentarse de presas mortas, aínda que moitos depredadores tamén o practican; superpónse cos herbivorismo, xa que os predadores de sementes e os fruxívoros destrutivos tamén son depredadores.
Unha neurona (do grego νεῦρον, corda, nervio) ou célula nerviosa é un tipo de célula pertencente ao sistema nervioso cuxa membrana plasmática ten a característica de excitarse con electricidade para procesar e transmitir información por medio de impulsos eléctricos e químicos. Son un tipo de células altamente diferenciadas e non teñen a habilidade de se dividiren, aínda que existan algunhas que o fagan. As neuronas conéctanse unhas coas outras formando enormes redes neuronais.
Chámase enerxía nuclear ou enerxía atómica a aquela enerxía que se obtén ao aproveitarse as reaccións nucleares espontáneas ou provocadas polo ser humano. Con todo, este termo engloba outro significado, o aproveitamento de devandita enerxía para outros fins, tales como a obtención de enerxía eléctrica, enerxía térmica e enerxía mecánica a partir de reaccións atómicas, e a súa aplicación, ben sexa con fins pacíficos ou bélicos. Así, é común referirse á enerxía nuclear non só como o resultado dunha reacción senón como un concepto máis amplo que inclúe os coñecementos e técnicas que permiten a utilización desta enerxía por parte do ser humano.
Unha cidade estado é unha rexión soberana controlada exclusivamente por unha cidade, un Estado composto unicamente dunha cidade. Actualmente os seguintes Estados teñen a cosideración de cidades estados: Singapur Cidade do Vaticano Principado de Mónaco As primeiras cidades estado (polis) formaban ligas na Grecia clásica. Por exemplo, a liga espartana e a liga ateniense eran conxuntos de cidades que tomaban partido por unha das dúas cidades en guerra (neste caso Atenas ou Esparta).
En matemáticas, a razón ou ratio é unha relación binaria entre magnitudes (é dicir, obxectos, persoas, estudantes, unidades do SI, etc.), normalmente expresada como "a é a b" ou a:b ou "a en relación a b". No caso dos números, calquera razón pode expresarse como unha fracción e eventualmente como un decimal.
A República Democrática Alemá (abreviado RDA; alemán: Deutsche Demokratische Republik, abreviado DDR), tamén coñecida como Alemaña do Leste ou Alemaña Oriental, foi unha república socialista establecida en 1949 na zona de ocupación soviética de Alemaña trala segunda guerra mundial. O territorio incluía tamén Berlín Leste, unha porción da cidade baixo control das Forzas Aliadas. Xeograficamente, a RDA ocupaba o nordeste da actual Alemaña, os actuais estados de Mecklemburgo-Antepomerania, Saxonia-Anhalt, Saxonia, Turinxia e Brandeburgo, cunha área total de 108.179 km².
Primeiro ministro do Reino Unido
O Primeiro Ministro do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (Prime Minister of the United Kingdom, en inglés; Prif Weinidogion e Deyrnas Unedig, en galés; Prìomhairean na Breatainne, en gaélico escocés) é o xefe de Goberno do Reino Unido. Encabeza o Goberno da súa Maxestade e do mesmo xeito que outros primeiros ministros da Commonwealth (que seguen a forma constitucional que se chama o sistema Westminster) exercita, xunto cos membros do seu gabinete, o poder executivo do Goberno Británico. O Primeiro Ministro exercita os poderes que pertencen teoricamente a A súa Maxestade a Raíña.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 221.268.
A masa molar (símbolo M) dunha substancia é unha propiedade física que se define como a súa masa por unidade de cantidade de substancia. A unidade de medida no SI é o quilogramo por mol (kg/mol ou kg·mol−1). Non obstante, por razóns históricas a masa molar adoita expresarse en gramos por mol (g/mol).
A óptica (do latín medieval opticus, relativo á visión, e do grego clásico ὀπτικός, optikós) é unha rama da física que describe o comportamento e propiedades da luz e a interacción desta coa materia, así como a construción de instrumentos que se serven dela ou a detectan. Así, a óptica procura explicar, e proporcionar o xeito adecuado de dominar os fenómenos nos que intervén a luz ou fenómenos ópticos. O campo da óptica abrangue usualmente a descrición do comportamento da luz visible, infravermella e ultravioleta; porén, como a luz é unha onda electromagnética, fenómenos análogos suceden nos raios X, microondas, radioondas e outras formas de radiación electromagnética.
O latín (autoglotónimo: Lingua Latina ou Latina; en grego clásico: Λατινικὴ ɣλῶττα; en neogrego: Λατινική γλώσσα ou Λατινικά) é unha lingua itálica pertencente ao subgrupo das linguas latino-faliscas, e á súa vez á familia das linguas indoeuropeas que foi falada na Roma antiga e posteriormente durante a Idade Media e a Idade Moderna, chegando ata a Idade Contemporánea, pois se mantivo como lingua científica ata o século XIX. O seu nome deriva dunha zona xeográfica da Península Itálica onde se desenvolveu Roma, o Lacio (en latín, Latium). Adquiriu grande importancia coa expansión de Roma, e foi lingua oficial do Imperio romano en gran parte de Europa, África setentrional e Oriente Próximo, xunto co grego. Como as demais linguas indoeuropeas en xeral, o latín era unha lingua flexiva de tipo fusional cun maior grao de síntese nominal que as actuais linguas romances, na cal dominaba a flexión mediante sufixos, combinada en determinadas veces co uso das preposicións, mentres que nas linguas modernas derivadas dominan as construcións analíticas con preposicións, mentres que se reduciu a flexión nominal a marcar só o xénero e o número, conservando os casos de declinación só nos pronomes persoais (estes teñen, ademais, unha orde fixa nos sintagmas verbais).
A interdisciplinariedade expresa a cualidade de ser "interdisciplinario" ou "interdisciplinar", e ten como concepto o común a dúas ou máis disciplinas científicas, técnicas, artísticas ou educativas. O concepto foi obxecto de debate e de estudo desde os primeiros anos do século XX atribuíndose a súa invención ao sociólogo Louis Wirth. Foi popularizado por Jean Piaget na súa clasificación das relacións entre disciplinas na súa obra "L´equilibration des structures cognitives: Problème central du développement " distinguindo tamén multidisciplinariedade, pluridisciplinariedade e transdisciplinariedade, termos longamente debatidos durante todo o século XX, e popularizados nos anos 70s.
O irlandés ou gaélico irlandés (Gaeilge) é unha lingua céltica da rama goidélica falada na illa de Irlanda. Segundo datos de 2016, na República de Irlanda había 73 803 persoas que falan o irlandés a diario fóra do sistema educativo, mentres que outras 1 761 420 declararan ser quen de falalo como segunda lingua. Tamén a fala un número indeterminado de inmigrantes noutros países (Reino Unido, Canadá, Estados Unidos e Australia).
Leonhard Paul Euler, nado en Basilea o 15 de abril de 1707 e finado en San Petersburgo o 18 de setembro de 1783, foi un matemático e físico suízo, que pasou a meirande parte da súa vida en Rusia e Alemaña. Considérase a Euler coma o matemático máis importante do século XVIII e un dos máis grandes e prolíficos de tódolos tempos. Euler fixo descubrimentos importantes en campos diversos coma o cálculo infinitesimal e a teoría de grafos.
Os ácidos nucleicos son macromoléculas, polímeros formados pola repetición de monómeros chamados nucleótidos, unidos mediante enlaces fosfodiéster. Fórmanse, así, longas cadeas ou polinucleótidos, o que fai que algunhas destas moléculas cheguen a atinxir tamaños xigantes (de millóns de nucleótidos de longo), as moléculas máis grandes que se coñecen. O descubrimento dos ácidos nucleicos débese a Miescher que na década de 1860 illou dos núcleos das células unha substancia ácida á que chamou nucleína, nome que posteriormente se cambiou a ácido nucleico.
O turco ( Türkçe ) é a máis estendida das linguas turcas, con entre 80 e 90 millóns de falantes. É a lingua nacional de Turquía e a República Turca do Norte de Chipre. Existen comunidades de falantes en Iraq, Siria, Alemaña, Austria, Bulgaria, Macedonia do Norte, Grecia e o no Cáucaso, así como noutras partes de Europa e Asia central.
Radiación gamma ou raio gamma (γ) é un tipo de radiación electromagnética producida xeralmente por elementos radioactivos, procesos subatómicos como a aniquilación dun par positrón-electrón. Este tipo de radiación tan enerxética tamén se produce en fenómenos astrofísicos de gran violencia. A enerxía deste tipo de radiación é medida en Megaelectron-volts (MeV).
A hemoglobina (Hb) é unha heteroproteína do sangue, de peso molecular 64.000 (64 kD), de cor vermella característica, que transporta o osíxeno dende os órganos respiratorios até os tecidos, en mamíferos, ovíparos e outros animais. Fórmana catro cadeas polipeptídicas (globinas) a cada unha das cales se une un grupo hemo, cuxo átomo de ferro é capaz de unirse de xeito reversíbel ao osíxeno. O grupo hemo fórmase por: Unión do succinil-CoA (formado en ciclo de Krebs ou ciclo do ácido cítrico) a un aminoácido glicina formando un grupo pirrol.
A bioloxía molecular é o estudo da vida a un nivel molecular. Esta área solápase con outros campos da bioloxía e a química, particularmente xenética e bioquímica. A bioloxía molecular atangue principalmente ao entendemento das interaccións dos diferentes sistemas da célula, o que inclúe moitísimas relacións, entre elas as do ADN co ARN, a síntese de proteínas, o metabolismo, e a forma como esas interaccións son reguladas para conseguiren un axeitado funcionamento da célula.
Nas matemáticas de probabilidade, un proceso estocástico é unha función aleatoria. En aplicacións prácticas, o dominio no que a función é definida é un intervalo de tempo (un proceso estocástico deste tipo chámase serie temporal) ou unha rexión do espazo (un proceso estocástico chamado campo variable). Exemplos familiares de series temporais inclúen o mercado de accións e flutuacións do prezo de cambio, sinais como a voz, son e vídeo; datos médicos como a presión sanguínea ou a temperatura; movemento aleatorio como o movemento Browniano.
A radiación infravermella é un tipo de radiación electromagnética con lonxitude de onda maior que a da luz visible, pero menor que a das microondas. O seu nome quere dicir "por debaixo do vermello", xa que o vermello é a cor de lonxitude de onda máis longa da luz visible, comprendida entre 700 nanómetros (frecuencia 430 THz) e un milímetro (300 GHz). No espectro electromagnético, os infravermellos subdivídense en infravermellos curtos (0,7-5 µm), infravermellos medios (5-30 µm) e infravermellos longos (30-1000 µm).
Gilbert Newton Lewis, nado en Weymouth (Massachusetts) o 23 de outubro de 1875 e finado en Berkeley o 23 de marzo de 1946, foi un fisicoquímico estadounidense, famoso polo seu traballo sobre a denominada estrutura de Lewis ou diagramas de punto. Tamén é lembrado por idear o concepto de enlace covalente e por cuñar o vocábulo fotón.
En ecoloxía, un hábitat é o lugar ou o tipo de lugares onde vive unha especie de organismo particular ou onde a súa poboación aparece de xeito natural. Pódese entender que é tamén o ambiente e o conxunto de condicións dese ambiente que permiten a especie estea presente alí. Un hábitat está caracterizado por características tanto físicas como biolóxicas.
Tanzania, oficialmente República Unida de Tanzania (en suahili: Jamhuri ya Muungano wa Tanzania), é un país da África oriental, dentro da rexión dos Grandes Lagos Africanos. Limita ao norte con Uganda e Kenya, ao leste polo océano Índico, ao sur por Mozambique, por Malawi e por Zambia e ao oeste por Burundi, por Ruanda e pola República Democrática do Congo, fronteira exclusivamente lacustre, a través do Lago Tanganica. O país inclúe tamén o arquipélago de Zanzíbar, no Índico.
A fusión nuclear é un proceso físico durante o que se xuntan dous ou máis átomos e forman outro átomo de maior número atómico. A fusión nuclear só acontece a temperaturas de varios millóns de graos e vai seguida dunha enorme liberación de enerxía. O principal tipo de fusión que ocorre no interior das estrelas é o de hidróxeno en helio, onde catro átomos de hidróxeno se xuntan para formar un átomo de helio.
A criptografía é a ciencia que versa sobre a ocultación da información. Durante miles de anos as nacións levan dependendo de posuír dunhas comunicacións eficientes para artellar o goberno, mandar aos exércitos e dar resposta a posibles ataques de potencias inimigas. Moitos dos parágrafos da historia están escritos arredor de traizóns e conspiracións.
A Lúa é o único satélite natural da Terra, visible desde esta só en parte e baixo formas distintas, chamadas fases, segundo a posición que teña respecto da Terra e o lado por onde reciba a luz do Sol. Esferoide achatado coa zona máis plana preto da Terra, cun diámetro de 3476 km é o quinto satélite máis grande do Sistema Solar, mentres que en canto ao tamaño proporcional respecto do seu planeta é o satélite máis grande: un cuarto do diámetro da Terra e 1/81 da súa masa. Logo de Ío, é ademais o segundo satélite máis denso.
Entalpía estándar de formación
Desígnase como entalpía estándar de formación ou "calor estándar de formación" dun composto á variación de entalpía que acompaña á formación de 1 mol dunha substancia no seu estado estándar a partir dos seus elementos constituíntes no seu estado estándar (a forma máis estable dun elemento a 1 atmosfera de presión e unha determinada temperatura, que adoita ser 298 K ou 25 °C). Denotase por ΔHfO. A variación de entalpía estándar de formación ten como unidade enerxía, Joule, partido por cantidade de substancia, mol, (J/mol). Habitualmente dáse en (kJ mol−1), perono cahco nada de estto!
A Bioquímica é o estudo químico dos seres vivos, especialmente da estrutura e función dos seus compoñentes químicos específicos, como son as proteínas, carbohidratos, lípidos e ácidos nucleicos, ademais doutras pequenas moléculas presentes nas células. A bioquímica baséase no concepto de que todo ser vivo contén carbono e en xeral as moléculas biolóxicas están compostas principalmente de carbono, hidróxeno, osíxeno, nitróxeno, fósforo e xofre. É a ciencia que estuda a mesmísima base da vida: as moléculas que compón as células e os tecidos, que catalizan as reaccións químicas da dixestión, a fotosíntese e a inmunidade, entre outras.
A extinción do Devoniano tardío ou extinción masiva do Devoniano é o nome que se lle dá a unha serie de importantes extincións de especies ocorridas ao final do Devoniano, hai entre 408 e 360 millóns de anos (Ma). Recoñecéronse polo menos dous eventos de extinción: o evento Kellwasser, no límite Frasniano-Famenniano, e o evento Hangenberg, entre o Famenniano e o Misisipiano. Esta crise de extinción masiva tivo maiores efectos nos mares que nos continentes e afectou máis as especies de latitudes tropicais que de latitudes medias.