Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Óliver Laxe Coro, nado en París o 11 de abril de 1982, é un actor, director e guionista de cinema galego. En 2010 gañou o Premio Fipresci do Festival Internacional de Cine de Cannes polo seu filme Todos vós sodes capitáns, en 2016 gañou o Gran Premio da Semana da Crítica de Cannes polo seu traballo en Mimosas e, en 2019, foi distinguido co Premio de Xurado, na sección "Un Certain Regard" pola película O que arde. Tras Víctor Erice, é o segundo español que presentou as súas tres primeiras películas en Cannes.
O Banquete de Conxo, tamén coñecido como Banquete Democrático de Conxo, tivo lugar o 2 de marzo de 1856 na carballeira do antigo mosteiro do concello de Conxo, integrado dende 1925 no concello de Santiago de Compostela. O banquete foi organizado polos estudantes liberais en homenaxe ao terceiro estado, e constituíu un xesto de irmandade entre a clase traballadora e os estudantes.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Secretaría Xeral de Universidades
A Secretaría Xeral de Universidades é un órgano da Xunta de Galicia encargado da regulación do Sistema Universitario de Galicia. É un órgano dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. O seu titular actual é José Alberto Díez de Castro.
A síndrome de Turner (ST) xeralmente coñecida tamén como 45,X ou 45,X0, é un trastorno cromosómico que se dá en mulleres cuxas células teñen un só cromosoma X en vez de dous, ou perderon parcialmente un dos cromosomas X (monosomía dos cromosomas sexuais) o que causou a deleción completa ou parcial das rexións pseudoautosómicas (PAR1, PAR2) no cromosoma X afectado. O normal é que as persoas teñan dous cromosomas sexuais (XX as mulleres e XY os homes). A miúdo nesta síndrome a anormalidade cromosómica está presente só nalgunhas células, e nese caso deomínase síndrome de Turner con mosaicismo.
En defensa do mestrado de Matemáticas da USC
En defensa do mestrado de Matemáticas da USC é unha plataforma que defende o mestrado en matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.
O que arde é un filme dramático galego de 2019 dirixido por Óliver Laxe e coescrito por Laxe e Santiago Fillol. Está ambientado na Galicia rural e aborda a problemática da desaparición do rural e dos lumes forestais. O elenco está composto por actores non profesionais da zona da serra dos Ancares, e está protagonizado por Amador Arias no papel de Amador Coro, un pirómano que sae do cárcere logo de ser condenado como o responsable dun incendio, e Benedicta Sánchez no papel de Benedicta, a súa nai.
Iago Aspas Juncal, nado en Moaña o 1 de agosto de 1987, é un futbolista galego. Xoga na demarcación de dianteiro e o seu equipo actual é o Celta de Vigo. Formouse no Real Club Celta, e debutou co primeiro equipo da cidade olívica o 6 de xuño de 2009 nun importante encontro fronte o Alavés onde os seus 2 goles significaron a vitoria do equipo celeste por 2-1, e a conseguinte permanencia matemática en segunda división a falta dunha xornada para a conclusión da liga.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
O Real Club Celta de Vigo S.A.D., coñecido popularmente como Celta, é un equipo de fútbol galego fundado na cidade de Vigo o 23 de agosto de 1923 por unión do Real Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna de Vigo. Disputa os seus partidos no estadio de Balaídos, inaugurado o 30 de decembro de 1928. O 3 de xuño de 2012 conseguiu volver á primeira división logo de descender na tempada 2006-07 tras quedar 18º.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 32.490 espectadores. Na tempada 2024/25 compite na Segunda División Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gañou unha Copa do Rei e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Rafael Nadal Parera, nado o 3 de xuño de 1986 en Manacor (Mallorca), é un tenista español, actual número 3 do mundo na clasificación ATP. É o tenista que, cun total de 22, ten máis títulos de individual masculino en torneos de Grand Slam. Foi campión de Roland Garros en 14 ocasións (2005, 2006, 2007, 2008, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2022), gañador do Torneo de Wimbledon en 2008 e 2010 e onde foi outras tres veces finalista (2006, 2007 e 2011), do Aberto dos Estados Unidos en 2010, 2013, 2017 e 2019 (finalista en 2011) e do Aberto de Australia en 2009 e 2022 (finalista en 2012, 2014, 2017 e 2019). Foi medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 en individuais e nos Xogos Olímpicos de Río de 2016 en dobres formando parella con Marc López.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Lucas Vázquez Iglesias, nado en Curtis o 1 de xullo de 1991, é un futbolista galego. Xoga de extremo dereito e lateral dereito no Real Madrid. É o futbolista galego máis laureado de todos os tempos a nivel colectivo cun total de 23 títulos, todos co Real Madrid, entre eles catro ligas, cinco Ligas de Campións, catro Mundiais de Clubs e unha Copa Intercontinental da FIFA. Tras comezar a súa formación futbolística no CCD Curtis e no Ural CF, ingresou na canteira do Real Madrid en 2007.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Singularidade de máster universitario
A singularidade de máster universitario no Sistema Universitario de Galicia é un réxime contemplado pola Resolución do 10 de marzo de 2022 da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia. Considerarase singular para o Sistema universitario de Galicia a titulación oficial de grao ou máster universitario que, polas súas concretas características, resulte indispensable para a oferta global do sistema ou teña un especial interese estratéxico para a formación universitaria da Comunidade Autónoma.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Uatsdin (en oseto: Уацдин, ás veces escrito Watsdin), e tamén coñecida como Assdin (Ассдин, "fe nos asos"), ou Ætsæg Din (Æцæг Дин, literalmente "fe verdadeira"; o mesmo significado de "Uatsdin", que é unha palabra composta), ou Assianismo (Ассианство), é unha relixión tradicional practicada principalmente polos osetos (un pobo iranio oriental, que habita na rexión de Osetia, no Cáucaso que no presente está dividida entre dous estados: a república de Osetia do Norte-Alania en Rusia, e o estado de Osetia do Sur). Esta relixión experimentou unha crecente recuperación dende a década de 1980. Certas tradicións da relixión tradicional dos osetos sobreviviron até o presente, e foron revitalizadas especialmente nas áreas rurais.
Cristina Castaño Gómez, nada en Vilalba o 30 de novembro de 1978, é unha actriz galega. Fíxose coñecida en Galicia polo seu papel de Paula Barreiro na serie de éxito Pratos combinados e no resto de España polos seus traballos en Al salir de clase e La que se avecina. É irmá do tamén actor Nacho Castaño e sobriña do xornalista deportivo Pepe Domingo Castaño.
As Pandeireteiras de Mens foron un grupo de mulleres labregas dos lugares de Asalo e Mens (Malpica de Bergantiños) que desde a década de 1970 actuaron en Europa e América coa Agrupación Folklórica Aturuxo. O 5 de xullo de 2024, a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2025 ás cantareiras e á poesía popular, incluíndo a Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema Villar.
Xabier Alonso Olano, máis coñecido como Xabi Alonso, nado en Tolosa (Guipúscoa) o 25 de novembro de 1981, é un exfutbolista e adestrador vasco. Dende outubro de 2022 adestra o Bayer Leverkusen da Bundesliga. Xogaba na posición de centrocampista e foi 114 veces internacional coa selección española, coa que gañou a Copa do Mundo en 2010 e as Eurocopas de 2008 e 2012, un triplete inédito na historia do fútbol.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
The Simpsons é unha comedia de situación de animación estadounidense creada por Matt Groening para a canle de televisión, tamén estadounidense, Fox Broadcasting Company. A serie é unha parodia satírica do estilo de vida do americano de clase media personificado na familia protagonista, formada por Homer, Marge, Bart, Lisa e Maggie. O programa está ambientado na cidade de ficción Springfield, satirizando moitos dos aspectos das condicións humanas, dentro das que se atopa a cultura, sociedade e televisión dos Estados Unidos.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 6 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega. Un fragmento do seu poema "Os Pinos" constitúe a letra do Himno de Galicia. Foi unha das tres grandes voces líricas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez.
Borja Iglesias Quintás, nado en Santiago de Compostela o 13 de xaneiro de 1993, é un futbolista galego que xoga na demarcación de dianteiro centro no Celta de Vigo da Primeira División, cedido polo Real Betis. Formouse nas canteiras do Santiago, do Valencia e do Villarreal e debutou na Primeira División coa camiseta do Celta de Vigo en 2015, despois de militar varios anos no seu filial, do que é o máximo goleador histórico. A continuación conseguiu boas cifras goleadoras no Zaragoza e no Espanyol e en 2019 fichou polo Betis.
Unha letra é cada un dos símbolos ou signos gráficos dun sistema de escritura. Os signos de certas escrituras, como algunhas moi antigas, son chamados silabogramas se describen unha sílaba, ideogramas se reflicten unha idea (ás veces parte dunha palabra) ou logogramas se reflicten unha palabra ou oración, como algúns xeroglíficos. Unha palabra é o conxunto formado por unha ou máis letras con significación semántica.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Abu Zayd 'Abd al-Rahman ibn Muhammad ibn Khaldún al-Hadrami (عبد الرحمن بن محمد بن خلدون الحضرمي), coñecido como Ibn Khaldún ou Ibn Jaldún nado en Tunisia o 27 de maio de 1332 (732 da héxira) e finado no Cairo o 19 de marzo de 1406 (808 da héxira) foi un famoso sociólogo, filósofo e historiador árabe norte-africano. amplamente recoñecido como un dos máis grandes científicos sociais da Idade Media, e considerado por moitos o pai dos estudos de historiografía, socioloxía, economía e demografía. O seu libro máis coñecido, e o Muqaddimah ou Prolegómenos («Introdución»), que escribiu en seis meses, segundo afirma na súa autobiografía, influíu en historiadores otománs dos séculos XVII e XIX como Kâtip Çelebi, Mustafa Naima e Ahmed Cevdet Pasha, que utilizaron as súas teorías para analizar o crecemento e declive do Imperio otomán.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamosos, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis. Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo.
Clasificación histórica da Primeira división española de fútbol
A clasificación histórica da Primeira División Española de fútbol está elaborada pola RFEF e baséase nos puntos conseguidos por cada equipo en primeira división, independentemente de se nunha tempada a vitoria outorgaba 2 ou 3 puntos ao vencedor ou do número de puntos en xogo. Debido a isto, os equipos que recentemente realizaron boas campañas a miúdo están en postos máis altos que os que realizaron boas campañas hai máis de dez anos. A clasificación non inclúe datos tales como puntos en divisións inferiores ou en Copa do Rei.
Antonio Xavier Euloxio Rodríguez Reixa coñecido como Antón Reixa, nado en Vigo o 17 de abril de 1957, é un dos maiores representantes da cultura galega contemporánea. Renovador da poesía desde os anos 70, destaca tamén como intérprete musical, produtor e creador en varias das linguaxes audiovisuais. Desde os anos 90 Reixa converteuse ademais en figura popular comparecendo a través dos medios televisivo e radiofónico.
Este artigo trata sobre a estrutura animal, para o elemento arquitectónico véxase Pendente (arquitectura), para o elemento estrutural véxase Cuncha (estrutura) A cuncha é unha estrutura dura, de natureza calcaria, que cobre externamente o corpo dos moluscos para protexelo dos predadores e servir de elemento de inserción dos músculos e órganos internos. Constitúe, nestes animais, o exoesqueleto ou esqueleto externo propio dos animais invertebrados. Noutros casos, coma nos crustáceos, fálase de casca.
Os crustáceos (Crustacea) son un extenso subfilo de artrópodos, con máis de 67 000 especies (e sen dúbida aínda faltan por descubrir até cinco ou dez veces este número). O subfilo inclúe varios grupos de animais tan coñecidos como as lagostas, as centolas, os camaróns, os cangrexos, as nécoras e os percebes. Os crustáceos son fundamentalmente acuáticos e habitan en todas as profundidades, tanto no medio mariño, como nas augas salobres e doces; uns poucos colonizaron o medio terrestre, como as cochinillas da humidade (isópodos) e certos cangrexos.
Xamaica (/dʒəˈmeɪkə/; en inglés e oficialmente Jamaica) é un país insular situado no mar Caribe. Cunha extensión de 10 990 km², 240 km de longo e un máximo de 80 km de ancho, é a terceira illa máis grande das Grandes Antillas e do Caribe (despois de Cuba e Hispaniola). Xamaica atópase a 630 km do continente centroamericano, a uns 145 km.
2001: Unha odisea do espazo (en inglés: 2001: A Space Odyssey) é un filme británico-estadounidense de ciencia ficción producido e dirixido por Stanley Kubrick que se estreou en 1968. O guión, escrito por Kubrick e Arthur C. Clarke, está parcialmente baseado na historia curta de Clarke "The Sentinel". Posteriormente, Clarke escribiu a novela 2001: A Space Odyssey, que foi publicada pouco despois da estrea.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 221.629.
O pene é o órgano masculino que intervén na excreción urinaria e en certas prácticas sexuais. O pene en erección, en especial a súa representación, recibe o nome de falo. Intervén na expulsión do esperma e os ouriños e a súa forma e tamaño depende do grao de excitación sexual e doutros factores externos.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Denes nad Makedonija (en macedonio: Денес Над Македонија/Hoxe sobre Macedonia) é o himno nacional de Macedonia do Norte. Foi adoptado por primeira vez pola República Socialista de Macedonia, parte de Iugoslavia, tras concluír a segunda guerra mundial. O himno conservouse trala independencia do país.
Mónaco (en francés: Monaco, en monegasco: Múnegu, en italiano: Monaco, en occitano: Mónegue), oficialmente Principado de Mónaco (en francés: Principauté de Monaco, en monegasco: Principatu de Múnegu, en italiano: Principato di Monaco, en occitano: Principat de Mónegue) é unha cidade-estado situada ao sur de Francia na costa mediterránea, en Europa. Cunha superficie de 1,9 km² é o segundo país máis pequeno do mundo, despois da Cidade do Vaticano. Debido a ese pequeno tamaño posúe soamente pouco máis de catro quilómetros de fronteira, todas con Francia, aínda que se atopa bastante preto de Italia a 11 km.
O sexo anal é unha práctica sexual que consiste na introdución do pene erecto no ano e o recto da parella, co fin de obter pracer. Outras formas de sexo anal inclúen o fingering, o uso de xoguetes sexuais, o sexo oral realizado no ano (anilingus), e o pegging. O termo sexo anal refírese máis comunmente á penetración do pene no ano, mais algunhas fontes refírense a coito anal para a penetración anal, e sexo anal para calquera forma actividade sexual, especialmente en parellas, e oposta á masturbación anal.
A política é o conxunto de actividades que se asocian coa toma de decisións en grupo, ou outras formas de relacións de poder entre individuos, como a distribución de recursos ou o status. Tamén é a arte, doutrina ou práctica referente ao goberno dos Estados, promovendo a participación cidadá ao posuír a capacidade de distribuír e executar o poder segundo sexa necesario para garantir o ben común na sociedade. Pode usarse positivamente no contexto dunha "solución política" que sexa comprometedora e non violenta, ou descriptivamente como "a arte ou a ciencia do goberno", pero a miúdo tamén ten unha connotación negativa.