Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Filipinas —oficialmente, República de Filipinas (tagalo: Republika ng Pilipinas; inglés: Republic of the Philippines)— é un país insular (véxase arquipélago) situado no sueste asiático, sobre o océano Pacífico. A súa capital é Manila. Ao norte atópase separado da illa de Taiwán polo estreito de Luzón; ao oeste áchase o mar da China Meridional, tamén coñecido como o mar de Filipinas Occidental e Vietnam; ao suroeste, a illa de Borneo; ao sur, o mar de Célebes sepárao das illas de Indonesia, e o leste limita co mar de Filipinas.
Óliver Laxe Coro, nado en París o 11 de abril de 1982, é un director, guionista e actor de cinema galego. Dirixiu catro filmes ata a data, resultando galardoados os catro no Festival Internacional de Cine de Cannes: en 2010 gañou o Premio Fipresci polo seu filme Todos vós sodes capitáns, en 2016 gañou o Gran Premio da Semana da Crítica polo seu traballo en Mimosas, en 2019 foi distinguido co Premio de Xurado, na sección "Un Certain Regard" pola película O que arde e en 2025 recibiu o Premio do Xurado por Sirât. Tras Víctor Erice, é o segundo español que presentou as súas catro primeiras películas en Cannes.
As Festas Minervais é un certame literario galego que apareceu por primeira vez en 1536 na honra da figura de Alonso de Fonseca III, arcebispo de Toledo e de Santiago de Compostela. Dito certame foi promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, considerándose un modelo tanto no campo literario como no lingüístico da época. Os autores participantes empregaron a lingua castelá e o latín para as súas composicións.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
O talo ou caule é, entre as plantas con flores, o eixe, xeralmente aéreo, que prolonga a raíz e no que se penduran as xemas e as follas. Ramifícase xeralmente en diversas pólas. Diferénciase da raíz pola presenza de internodios nos que se penduran as xemas auxiliares e as follas, pola ausencia de cofia terminal e pola súa estrutura anatómica.
A dos insectos (nome científico Insecta Linnaeus, 1758) son unha clase de animais invertebrados, e o grupo máis grande dentro do filo dos artrópodos, caracterizados por presentar un par de antenas, tres pares de patas e dous pares de ás (que, con todo, poden reducirse ou faltar). A ciencia que estuda os insectos denomínase entomoloxía. O seu nome provén do latín insectum, calco do grego ἔντομα, 'cortado no medio'.
Cromosoma marcador supernumerario pequeno
Un cromosoma marcador supernumerario pequeno (sSMC polas súas siglas en inglés) é un cromosoma extra anormal que se encontra no cariotipo. Contén copias de partes dun ou máis cromosomas normais e está localizado no núcleo celular xunto cos cromosomas normais, é replicado e distribuído ás células fillas durante a división celular, e ten xenes que poden expresarse. Pode ser inactivo ou activo, nese caso causando defectos conxénitos e neoplasmas (por exemplo, tumores e cancros).
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Un éter é un tipo de composto orgánico que contén un grupo funcional éter formado por un átomo de osíxeno unido a dous grupos alquilo ou arilo, e que ten como fórmula xeral R–O–R'. Un exemplo típico é o disolvente e anestésico dietil éter (ou éter dietílico), que moitas veces se denomina, simplemente, "éter" (CH3-CH2-O-CH2-CH3). Os éteres son compostos bastante comúns en química orgánica e bioquímica, xa que o enlace éter é común en certos carbohidratos e na lignina e certos lípidos especiais, como os das membranas celulares das arqueas.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Consuelo García del Cid Guerra
Consuelo García del Cid Guerra, nada en Barcelona, o 24 de agosto de 1958, é unha escritora, investigadora e activista española. É coñecida polos seus ensaios políticos e por sacar á luz a realidade dos reformatorios franquistas e o roubo de bebés enmarcados nestes centros.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
Greta Tintin Eleonora Ernman Thunberg, nada en Estocolmo o 3 de xaneiro de 2003, é unha activista sueca que traballa contra o cambio climático e o quecemento global. Tornouse unha figura prominente por comezar a primeira folga escolar polo clima en agosto de 2018 ás portas do Parlamento sueco. En novembro dese mesmo ano falou na conferencia TEDx Estocolmo e un mes máis tarde dirixiuse á Conferencia da ONU sobre o cambio climático.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
José López-Suevos Otero, máis coñecido como Pepo Suevos, nado en Ferrol en 1971, é un actor galego. Comezou coma contacontos e desde entón ten participado en multitude de longametraxes con papeis secundarios, así coma na maioría das series máis coñecidas da TVG e nalgúns programas de televisión. Conta con grande experiencia coma contacontos e cómico.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
O mar Mediterráneo é un mar continental que esta conectado co océano Atlántico polo estreito de Xibraltar; rodeado pola conca mediterránea esta case completamente pechado por terra: ao norte baña as terras do sur de Europa e Anatolia, ao sur as do norte de África, o leste as do Levante mediterráneo e ao oeste baña as terras da Península Ibérica. O mar Mediterráneo ocupa unha superficie duns 2.500.000 km2, que representan o 0,7% da superficie oceánica mundial, pero a súa conexión co Atlántico a través do Estreito de Xibraltar-o estreito que conecta o océano Atlántico co mar Mediterráneo e separa a Península Ibérica en Europa de Marrocos en África- só ten 14 km de ancho. A súa lonxitude oeste-leste, desde o estreito de Xibraltar ata o golfo de Alexandreta, na costa sueste de Turquía, é dun 4000 km.
Iraq (en árabe العراق), e oficialmente República de Iraq (en árabe: [جمهورية العراق] , é un país de Asia Occidental que abrangue a chaira aluvial de Mesopotamia, o límite noroccidental dos Montes Zagros, e a parte leste do deserto sirio. Iraq limita con Turquía polo norte, con Irán polo leste, Kuwait polo sueste, Arabia Saudita polo sur, Xordania polo suroeste e Siria polo oeste. Ademais o país ten unha franxa costeira de 58 km de lonxitude no noroeste do Golfo Pérsico.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
A masturbacion coas mamas ou coito mamario é un acto sexual, que se realiza como preludio ou como sexo sen penetración, que implica a estimulación do pene cos peitos dunha muller e viceversa. Implica colocar o pene entre os peitos dunha muller e mover o pene cara a arriba e abaixo para simular a penetración sexual e para crear pracer sexual. Pódese usar como alternativa a unha masturbación manual.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Rita é un filme guatemalteco de 2024 escrito, coproducido, coeditado e dirixido por Jayro Bustamante. Está protagonizado por Giuliana Santa Cruz, no papel dunha moza de 13 anos que logo de fuxir do seu abusivo pai, queda atrapada nunha institución estatal. Baséase nos feitos reais da traxedia de Hogar Seguro Virgen de la Asunción de 2017.
Ramones (orixinalmente The Ramones) foi unha influente banda de punk rock formada en Forest Hills, na comuna de Queens, Nova York, Estados Unidos no ano 1974. O grupo foi pioneiro do nacente xénero punk rock, un son simple, minimalista e repetitivo que evitaba a musicalidade dos sós de guitarra das bandas dos anos 1970. O xénero consistía basicamente nun son cru, rápido e directo con influencias directas nos grupos rockabilly dos anos 1950 e de bandas como New York Dolls, MC5 e The Stooges que, co tempo, serían cualificadas como proto-punk.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
As hormonas (do grego ὁρμή - "ímpeto, estímulo") son substancias químicas liberadas por glándulas, órganos ou por células epiteliais ou intersticiais, que afectan ao metabolismo doutras células noutras partes do corpo. Só se precisa unha pequena cantidade de hormona para modificar o metabolismo doutra célula. Trátase basicamente dun mensaxeiro químico que leva un sinal dunha célula a outra.
A Medalla de Galicia é unha distinción de honra que concede a Xunta de Galicia a persoas ou institucións polos seus méritos ao servizo de Galiza en calquera aspecto da realidade social, cultural ou económica. Creadas en 1984 cun único distintivo de ouro, coñeceron un grande impulso cos sucesivos gobernos de Manuel Fraga. Se ben ata 1991 se outorgaran unicamente catro medallas, dúas delas a título póstumo, a partir desa data creáronse dous distintivos máis (prata e bronce) e chegaron a concederse ata 34 medallas por edición.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
Tetractis é un boletín de divulgación matemática do Departamento de Matemáticas do IES Monelos (A Coruña), coordinado e editado polo profesor de matemáticas Gonzalo Temperán Becerra. Naceu en outubro de 2006, ten periodicidade mensual e cada curso publícanse unha media de dez números. Cada un edítase en papel e formato electrónico e envíase por correo electrónico ao alumnado, ao profesorado e aos subscritores.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 222.151.
O Panteón de Galegos Ilustres atópase na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Toda a igrexa é Panteón, aínda que só se estean usando a Capela da Visitación (ou de San Domingos en Suriano) e a Capela do Santo Cristo. Nel repousan os restos de galegos sobranceiros como a poeta Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista e político nacionalista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
O mago e adiviño Merlín é un dos personaxes centrais do ciclo bretón e da literatura en torno ao Rei Artur. Foi o artífice da Táboa Redonda; mercé un dos seus encantamentos foi concibido Artur, a quen educaría e guiaría ao seu ascenso ao trono. Discípula súa (e rival segundo interpretacións recentes) foi Morgana, outro personaxe máxico da tradición artúrica.
Anik Nandi (en bengalí: অনীক নন্দী), nado en Bardhaman en 1981, é un sociolingüista e profesor bengalí especializado en políticas lingüísticas e prácticas de alfabetización en contextos multilingües, así como en filoloxía galega e na súa transmisión interxeracional. Dende setembro de 2024 é director do Centro de Estudos Galegos da India, o primeiro de toda Asia.
Posición do misioneiro invertida
A posición da amazona é calquera posición sexual na que a muller está enriba do seu compañeiro sexual durante a actividade sexual. A posición máis comunmente asociada coa muller na parte superior adoita chamarse posición da vaqueira ou cabalgando, que deriva o seu nome da imaxe da muller que "monta" o home como vaqueira montando a cabalo. Nesta posición, o home adoita deitarse de costas coas pernas pechadas, mentres que a parella está a cabalo sobre el estendendo as pernas a cada lado, normalmente de xeonllos, coas canelas detrás, ou sentado sobre o sexo e as pernas da parella, mirando cara a adiante ou cara a atrás, e o home ou a muller insire o pene erecto do home na vaxina ou no ano da muller.
Os Pinos é o himno galego, un texto poético de Eduardo Pondal de 1890, incluído, dende 1935, nas edicións do libro de poemas Queixumes dos pinos (1886), concretamente das dúas primeiras partes, musicado por Pascual Veiga. Foi adoptado oficialmente como himno trala aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
A Torre de Hércules é unha torre e faro situado nun cabo da península da cidade da Coruña, que ten o privilexio de ser o único faro de orixe romana en funcionamento no mundo. O 27 de xuño de 2009 foi proclamada Patrimonio da Humanidade en Sevilla pola Comisión do Patrimonio Mundial da UNESCO. Deste xeito converteuse no cuarto recoñecemento da UNESCO en Galicia xunto co Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e a Cidade vella de Santiago de Compostela.
Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro
O mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro é unha das obras arquitectónicas do románico serodio, de transición ao gótico, máis destacables de Galicia.
José Luis Ábalos Meco, nado en Torrent (provincia de Valencia) o 9 de decembro de 1959, é un político español, membro do PSOE, deputado por Valencia deste partido nas IX, X, XI, XII, XIII e XIV lexislaturas. Tamén foi ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (2020-2021) e ministro de Fomento (2018-2020) do Goberno de España.
Filipe II de España, tamén coñecido como Filipe II de Habsburgo, nado en Valladolid o 21 de maio de 1527 e finado en El Escorial, Madrid, o 13 de setembro de 1598, foi rei de España entre 1556 e 1598 e de Portugal e os Algarves, (Filipe I de Portugal) entre 1580 e 1598. Fillo e herdeiro de Carlos I de España e Isabel de Portugal, e neto por vía paterna de Xoana I de Castela e de Filipe de Habsburgo (Filipe o Fermoso), e de Manuel I de Portugal e María de Aragón por vía materna. Chamado o rei prudente, realizou a ansiada unión dinástica con Portugal, que durou sesenta anos.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
A posición do can é unha postura sexual na que a muller se agacha, se pon a catro patas (xeralmente nas mans e os xeonllos) ou se deita sobre o seu abdome, para manter relacións sexuais, xa sexa penetración sexual ou outra actividade sexual. O estilo can é unha forma de posición de penetración desde atrás, outros están co compañeiro que o recibe deitado de lado na posición sexual da culler ou a posición do misioneiro invertida. O sexo sen penetración nesta posición tamén pode ser considerado como estilo can.
A mitoloxía grega comprende a colección de mitos e lendas sobre deuses gregos e heroes antigos, ós que se suman diferentes animais e seres monstruosos, orixinariamente creada e difundida dentro da tradición oral e poética desta antiga civilización do Mediterráneo oriental. Nestas narracións descríbese ós deuses e a súa xenealoxía, a natureza do mundo e os cultos e prácticas rituais. As fontes superviventes da mitoloxía grega (Homero, Hesíodo, Apolodoro, Pausanias, etc) son transcricións destas narracións faladas, ou ben revisións literarias posteriores.