Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Os neuroesteroides, tamén coñecidos como esteroides neuroactivos, son esteroides endóxenos ou exóxenos que alteran rapidamente a excitabilidade neuronal ao interaccionaren con canles iónicas reguladas por ligando e outros receptores da superficie celular. O termo neuroesteroide foi acuñado polo fisiólogo francés Étienne-Émile Baulieu e refírese a esteroides sintetizados no cerebro. O termo, esteroide neuroactivo foi acuñado en 1992 por Steven Paul e Robert Purdy e refírese a esteroides que poden ser sintetizados no cerebro, pero tamén en glándulas endócrinas e chegan ao cerebro a través da circulación sanguínea e teñen efectos sobre a función cerebral.
Serafín Núñez Sánchez, nado en Barbate (Cádiz) en 1948 e finado Ibídem en 10 de maio de 2014, foi un auxiliar de farmacia e político español do Partido Socialista Obreiro Español. Foi o primeiro alcalde de Barbate tras a morte de Francisco Franco e o único parlamentario andaluz que representaba a provincia de Cádiz nesa localidade.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Óliver Laxe Coro, nado en París o 11 de abril de 1982, é un director, guionista e actor de cinema galego. Dirixiu catro filmes ata a data, resultando galardoados os catro no Festival Internacional de Cine de Cannes: en 2010 gañou o Premio Fipresci polo seu filme Todos vós sodes capitáns, en 2016 gañou o Gran Premio da Semana da Crítica polo seu traballo en Mimosas, en 2019 foi distinguido co Premio de Xurado, na sección "Un Certain Regard" pola película O que arde e en 2025 recibiu o Premio do Xurado por Sirât. Tras Víctor Erice, é o segundo español que presentou as súas catro primeiras películas en Cannes.
Filipinas —oficialmente, República de Filipinas (tagalo: Republika ng Pilipinas; inglés: Republic of the Philippines)— é un país insular (véxase arquipélago) situado no sueste asiático, sobre o océano Pacífico. A súa capital é Manila. Ao norte atópase separado da illa de Taiwán polo estreito de Luzón; ao oeste áchase o mar da China Meridional, tamén coñecido como o mar de Filipinas Occidental e Vietnam; ao suroeste, a illa de Borneo; ao sur, o mar de Célebes sepárao das illas de Indonesia, e o leste limita co mar de Filipinas.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Vitoria do Reino Unido, nada en Londres, Reino Unido o 24 de maio de 1819 e finada na Illa de Wight, Reino Unido o 22 de xaneiro de 1901, foi raíña do Reino Unido desde a morte do seu tío paterno, Guillerme IV do Reino Unido, o 20 de xuño de 1837, ata o seu falecemento o 22 de xaneiro de 1901, mentres que como emperatriz da India foi a primeira en ostentar o título desde o 1 de xaneiro de 1877 ata o seu deceso. Vitoria era filla do príncipe Eduardo, duque de Kent e Strathearn, cuarto fillo do rei Xurxo III. Tanto o duque como o rei morreron en 1820, o que provocou que Vitoria fose criada baixo a supervisión da súa nai, a princesa alemá Vitoria de Saxonia-Coburgo-Saalfeld. Herdou o trono aos dezaoito anos, trala morte sen descendencia lexítima de tres tíos paternos.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 222.308.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
O mar Mediterráneo é un mar continental que esta conectado co océano Atlántico polo estreito de Xibraltar; rodeado pola conca mediterránea esta case completamente pechado por terra: ao norte baña as terras do sur de Europa e Anatolia, ao sur as do norte de África, o leste as do Levante mediterráneo e ao oeste baña as terras da Península Ibérica. O mar Mediterráneo ocupa unha superficie duns 2.500.000 km2, que representan o 0,7% da superficie oceánica mundial, pero a súa conexión co Atlántico a través do Estreito de Xibraltar-o estreito que conecta o océano Atlántico co mar Mediterráneo e separa a Península Ibérica en Europa de Marrocos en África- só ten 14 km de ancho. A súa lonxitude oeste-leste, desde o estreito de Xibraltar ata o golfo de Alexandreta, na costa sueste de Turquía, é dun 4000 km.
En teoría de grafos, un torneo é un grafo dirixido con exactamente unha aresta entre cada par de vértices, nunha das dúas direccións posibles. Equivalentemente, un torneo é unha orientación dun grafo completo non dirixido. O nome torneo provén de interpretar o grafo como o resultado dun torneo todos-contra-todos, un xogo no que cada xogador se enfronta a todos os demais exactamente unha vez.
José Antonio Rodríguez Estévez
José Antonio Rodríguez Estévez, alcumado "Peitos", nado en Ourense, é un expiloto galego de rally. Foi un dos principais pilotos galegos dos anos 70 e 80, logrando varias vitorias no Campionato de España e no Campionato de Galicia, do que foi subcampión en 1982 e 1983. Foi o último ourensán en gañar o Rally de Ourense, en 1982.
Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado, máis coñecido como Xosé Manuel Beiras, nado en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1936, é un político e economista galego de ideoloxía nacionalista galega e de esquerdas. Foi membro fundador e líder do Partido Socialista Galego (PSG), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Anova Irmandade Nacionalista (Anova). Impulsou coalicións electorais con representación parlamentaria como Galeusca, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ou En Marea.
Desaparición de tres mozos galegos en Saint-Jean-de-Luz
A desaparición de tres mozos galegos en Saint-Jean-de-Luz (departamento dos Pireneos Atlánticos, Francia) foi un feito que tivo lugar o 24 de marzo de 1973. José Humberto Fouz Escobero, de 29 anos; Jorge Juan García Carneiro, de 23 e Fernando Quiroga Veiga, de 25 residían en Irún (Guipúscoa) e decidiron desprazarse a Saint-Jean-de-Luz para ver o filme Last Tango in Paris.
Domingo Batet Mestres, nado en Tarragona o 30 de agosto de 1872 e finado en Burgos o 18 de febreiro de 1937, foi un militar español, xeneral de división do Exército de Terra. Desempeñou un papel moi destacado no fracaso da insurrección da Generalitat o 6 de outubro de 1934. Tras negarse a secundar o Golpe de estado de xullo de 1936 en Burgos, foi condenado por un tribunal militar e fusilado polo Bando sublevado.
O teorema da bóla peluda (ou teorema da esfera peluda) da topoloxía alxébrica afirma que dunha n-esfera de dimensión par non existe ningún campo de vectores tanxentes continuo que non se anule nalgún punto. Para a esfera habitual, ou 2-esfera, se f é unha función continua que asigna un vector en ℝ3 a cada punto p da esfera de forma que f(p) sexa sempre tanxente á esfera en p, entón existe polo menos un polo, é dicir, un punto onde o campo se anula (un p tal que f(p) = 0). O teorema foi probado por primeira vez por Henri Poincaré para a 2-esfera en 1885, e estendido a dimensións pares superiores por Luitzen Egbertus Jan Brouwer en 1912.
José Luis Ábalos Meco, nado en Torrent (provincia de Valencia) o 9 de decembro de 1959, é un político español, membro do PSOE, deputado por Valencia deste partido nas IX, X, XI, XII, XIII e XIV lexislaturas. Tamén foi ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (2020-2021) e ministro de Fomento (2018-2020) do Goberno de España.
O Entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'Espanya, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Antoine de Saint-Exupéry, nado en Lión o 29 de xuño de 1900 e finado no mar Mediterráneo o 31 de xullo de 1944, foi un escritor, ilustrador e aviador francés, autor d' O principiño. Nado no seo dunha familia nobre de Lión, estudou na Universidade de Friburgo. Como aviador participou en grandes conflitos bélicos como a guerra civil española (do bando republicano) ou a segunda guerra mundial (do bando aliado).
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Máximo común divisor polinómico
En álxebra, o máximo común divisor (frecuentemente abreviado como MCD) de dous polinomios é un polinomio, do máis alto grao posíbel, que é un factor de ambos os dous polinomios orixinais. Este concepto é análogo ao máximo común divisor de dous enteiros. No caso importante de polinomios dunha variable sobre un corpo o MCD pode ser calculado, como para o MCD enteiro, polo algoritmo de Euclides o que utiliza a división polinómica.
A Internacional (L'Internationale en francés) é a canción socialista máis famosa, adoptada tamén polos anarquistas e comunistas, unha das cancións máis coñecidas internacionalmente, ademais do himno dos traballadores de todo o mundo. A letra orixinal é de Eugène Pottier en 1871 e música de Pierre Degeyter en 1888.
Unha enciclopedia é unha obra de referencia que é compendio de información que abrangue tódalas pólas do coñecemento humano. As enciclopedias están divididas en artigos ou entradas, que están ordenados por orde alfabética segundo o nome do artigo. As entradas de enciclopedia son máis longas e achegan información máis polo miúdo que os dicionarios.
Lugo é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833. É a meirande provincia galega e a de menor poboación relativa. Limita ó norte co mar Cantábrico, ó oeste coa provincia da Coruña e a de Pontevedra, ó sur coa provincia de Ourense e ó leste co Principado de Asturias e a provincia de León, pertencente a Castela e León.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
En matemáticas, o grupo lineal xeral de grao n é o conxunto de matrices cadradas invertibles n × n {\displaystyle n\times n} , xunto coa operación de produto de matrices. Isto forma un grupo, porque o produto de dúas matrices invertibles é outra vez invertible, e a inversa dunha matriz invertible é invertible, coa matriz identidade como o elemento de identidade do grupo. O grupo é chamado así porque as columnas (e tamén as filas) dunha matriz invertible son linearmente independentes, por iso os vectores/puntos que definen están en posición xeral, e as matrices no grupo lineal xeral levan puntos en xeral posición linear xeral a puntos en posición linear xeral.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Felix Hausdorff (/ˈhaʊsdɔːrf/ HOWS-dorf, /ˈhaʊzdɔːrf/ HOWZ-dorf), nado o 8 de novembro de 1868 e falecido o 26 de xaneiro de 1942, foi un matemático alemán, cuxo pseudónimo era Paul Mongré (à mon gré (Fr.) = "Segundo o meu gusto"). É considerado como un dos fundadores da topoloxía moderna, e contribuíu significativamente á teoría de conxuntos, teoría da medida, e á análise funcional. Hausdorff era xudeu, e a vida volveuse difícil para el e a súa familia após o Kristallnacht de 1938.
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2025
O Campionato Mundial de Fórmula Un da FIA de 2025 é un campionato de carreiras de automobilismo para coches de Fórmula 1 e a 76ª edición do Campionato Mundial de Fórmula 1. Está recoñecido pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA), o organismo reitor do automobilismo internacional, como a máxima categoría de competición para coches de carreiras de rodas abertas. O campionato dispútase en vinte e catro Grandes Premios que se celebran en todo o mundo.
Valga (/ˈbalɣa̝/) é un concello da provincia de Pontevedra, situado na beira esquerda do curso baixo do río Ulla. Pertence á comarca de Caldas e linda cos concellos de Dodro, Pontecesures e Padrón polo norte, co de Cuntis e o da Estrada polo leste, cos de Catoira e Caldas de Reis polo sur, e de novo co de Dodro polo noroeste. Segundo o IGE a súa poboación no ano 2014 era de 6.050 persoas.
O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano.[Cómpre referencia] Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinoccio de outono e o solsticio de inverno. É unha das catro festividades estacionais celtas, xunto co Imbolc, Beltane e Lughnasadh.
Un fertilizante ou adobo sintético é calquera substancia orgánica ou inorgánica de orixe natural ou sintética (diferente dos materias calcarios) que é incorporada a un vexetal, xeralmente agregada a través dos solos (raíces) ou das follas (fertilización foliar) para fornecer un ou máis nutrientes esenciais para o crecemento do mesmo.. A Real Academia Galega defíneo coma o produto químico, ou ben de orixe vexetal ou animal, que se lle bota á terra para que as plantas cultivadas nela se desenvolvan mellor e dean máis e mellores froitos , se ben hoxe xa non se poden considerar soamente os fertilizantes de solo, senón tamén os foliares (nutrición foliar). Unha avaliación recente atopou que hoxe en día entre o 30 e o 50% dos rendementos dos cultivos son atribuíbeis ao uso de fertilizantes comerciais .
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamosos, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis. Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo.
Irán (en persa ایران) , tamén coñecido como Persia, e oficialmente República Islámica de Irán dende 1980, é un país de Asia Occidental. Limita ó norte con Armenia, Azerbaidján e Turkmenistán, con Kazakhstán e Rusia a través do Mar Caspio, polo leste con Afganistán e Paquistán, polo sur co Golfo Pérsico e co Golfo de Omán, polo oeste con Iraq e polo noroeste con Turquía. Comprende unha área de 1 648 195 km², sendo a segunda nación maior de Oriente Medio e a 18 en todo o mundo.
Andrea San Xurxo Martínez, máis coñecida polo seu pseudónimo Andy da Fonte, nada na Pobra do Caramiñal o 4 de febreiro de 2003, é unha artista, poeta, performer, ilustradora, fotógrafa e cineasta galega. A súa escrita conta cunha notábel riqueza léxica e temáticas de corte intimista. San Xurxo manifesta un carácter solidario e altruista, cun marcado compromiso e ansia activista nas súas redes sociais coa loita de clases, a liberdade das mulleres e da comunidade LGBT+, polos dereitos dos animais e a defensa da lingua galega.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
O xenoma humano é o xenoma do Homo sapiens, é dicir, a secuencia do ADN, con toda a información xenética dos seus xenes e as secuencias non codificantes, contida nos seus 23 pares de cromosomas situados no núcleo de cada célula humana diploide. Tamén forma parte do xenoma humano o ADN mitocondrial. Dos 23 pares de cromosomas, 22 pares son cromosomas autosómicos e un par determina o sexo, que está formado por dous cromosomas X nas mulleres e un X e un Y en homes, polo que a muller ten 23 cromosomas distintos e o home 24.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
San Francisco de Quito é a capital da República de Ecuador e da provincia ecuatoriana de Pichincha, e a cabeceira do cantón homónimo. Cunha poboación de 1.978.376 (datos do 2019), Quito é a segunda cidade máis poboada do país, despois de Guayaquil. A alta taxa de inmigración rural aumentou notabelmente a súa poboación nos últimos anos.
Wikipedia é unha enciclopedia en liña baseada nun wiki multilingüe e de contido libre editado e mantido por unha comunidade de editores, a cal comezou o 15 de xaneiro de 2001 coa versión en lingua inglesa. Pouco despois, creáronse edicións en linguas diferentes do inglés: as edicións en alemán e o catalán foron creadas o 16 de marzo, a edición en francés o 23 de marzo, e a sueca creouse o 23 de maio.
A guerra hispano-estadounidense, que en España é coñecida popularmente como guerra de Cuba ou tamén como o desastre do 98, denominada por outra banda guerra hispano-americana e nos Estados Unidos Spanish-American War, foi a que se desatou entre España e Estados Unidos en 1898, durante a rexencia de María Cristina de Habsburgo-Lorena, viúva do rei Afonso XII, sendo presidente do goberno español Práxedes Mateo Sagasta e presidente dos Estados Unidos, William McKinley. Esta guerra desembocou na perda das colonias de ultramar e veu a significar a fin do que fora o poderoso Imperio español. Os seus principais resultados foron a independencia de Cuba e a perda, por parte de España, do resto das súas colonias en América e Asia, cedidas aos Estados Unidos, que logo se convertería en nova potencia colonial.
Mercedes-Benz, unha marca do Grupo Mercedes-Benz, leva implicada na Fórmula 1 como propietario do equipo e fabricante de motores durante varios períodos desde 1954. O equio Mercedes-AMG Petronas F1 Team ten a súa sede en Brackley, Inglaterra, e posúe unha licenza alemá, En 2022 a propiedade maioritaria era do Grupo Mercedes-Benz con Toto Wolff que ten unha participación significativa. Os equipos da marca Mercedes adoitan chamarse co alcume "Frechas de prata".