Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
A AC-230 (na provincia da Coruña), é unha estrada da Rede Secundaria da Xunta de Galicia que une as localidades de Montesalgueiro (Aranga) e Curtis; atravesa os concellos de Aranga, Oza-Cesuras e Curtis. Ten unha lonxitude de 13,04 quilómetros e iníciase nun cruzamento coa N-6 en Montesalgueiro (Aranga) e finaliza nun cruzamento coa DP-3204 en Curtis.
A ponte de cromatina é unha cordas de cromatina que poden aparecer na mitose cando os telómeros de cromátides irmás se fusionan e non conseguen separarse completamente e ir ás súas respectivas células fillas. Como isto ocorre principalmente na anafase, a miúdo úsase o termo ponte da anafase como sinónimo. Tamén pode conectar os núcleos fillos na citocinese.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
Un fertilizante ou adobo sintético é calquera substancia orgánica ou inorgánica de orixe natural ou sintética (diferente dos materias calcarios) que é incorporada a un vexetal, xeralmente agregada a través dos solos (raíces) ou das follas (fertilización foliar) para fornecer un ou máis nutrientes esenciais para o crecemento do mesmo.. A Real Academia Galega defíneo coma o produto químico, ou ben de orixe vexetal ou animal, que se lle bota á terra para que as plantas cultivadas nela se desenvolvan mellor e dean máis e mellores froitos , se ben hoxe xa non se poden considerar soamente os fertilizantes de solo, senón tamén os foliares (nutrición foliar). Unha avaliación recente atopou que hoxe en día entre o 30 e o 50% dos rendementos dos cultivos son atribuíbeis ao uso de fertilizantes comerciais .
En matemáticas, a fórmula de Leibniz para π (tamén serie de Leibniz), que recibe o nome de Gottfried Wilhelm Leibniz, da o valor de pi cuartos como serie alternada π 4 = 1 − 1 3 + 1 5 − 1 7 + 1 9 − ⋯ = ∑ k = 0 ∞ ( − 1 ) k 2 k + 1 . {\displaystyle {\frac {\pi }{4}}=1-{\frac {1}{3}}+{\frac {1}{5}}-{\frac {1}{7}}+{\frac {1}{9}}-\cdots =\sum _{k=0}^{\infty }{\frac {(-1)^{k}}{2k+1}}.} Ás veces chámase a serie Madhava-Leibniz xa que foi descuberta por primeira vez polo matemático indio Madhava de Sangamagrama ou os seus seguidores entre os séculos XIV e XV, e posteriormente foi redescuberta independentemente por James Gregory en 1671 e Leibniz en 1673. A serie de Taylor para a función da tanxente inversa, a miúdo chamada serie de Gregory, é arctan x = x − x 3 3 + x 5 5 − x 7 7 + ⋯ = ∑ k = 0 ∞ ( − 1 ) k x 2 k + 1 2 k + 1 .
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Óliver Laxe Coro, nado en París o 11 de abril de 1982, é un director, guionista e actor de cinema galego. Dirixiu catro filmes ata a data, resultando galardoados os catro no Festival Internacional de Cine de Cannes: en 2010 gañou o Premio Fipresci polo seu filme Todos vós sodes capitáns, en 2016 gañou o Gran Premio da Semana da Crítica polo seu traballo en Mimosas, en 2019 foi distinguido co Premio de Xurado, na sección "Un Certain Regard" pola película O que arde e en 2025 recibiu o Premio do Xurado por Sirât. Tras Víctor Erice, é o segundo español que presentou as súas catro primeiras películas en Cannes.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
España tiña unha poboación de 46 934 632 ao 1 de xaneiro de 2019, segundo o Instituto Nacional de Estadística (INE). Trátase do quinto país máis poboado da Unión Europea; con todo, a súa densidade de poboación (92.7 hab/km² segundo Eurostat 2017) é menor que a da maioría doutros países da Unión Europea.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
A Gran Guerra Irmandiña foi unha revolta social que tivo lugar en Galicia entre 1467 e 1469, e foi posiblemente a maior revolta europea de todo o século XV. Comezou na primavera de 1467 en Galicia, nunha situación de conflito social (fame, epidemias e abusos por parte da nobreza galega) e político (guerra civil en Castela). A Santa Irmandade do Reino de Galicia, xurdida e xustificada por tal situación, tornouse nunha revolta como reacción a un sentimento acumulado de agravio polos males e danos que o pobo recibía dos nobres das fortalezas.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 222.326.
Venus é o segundo planeta do sistema solar en orde de proximidade ao Sol e o terceiro en canto a tamaño en orde ascendente despois de Mercurio e Marte e ten algunhas características peculiares. Do mesmo xeito que Mercurio, carece de satélites naturais. A súa órbita é unha elipse cunha excentricidade de menos do 1 %, formando a órbita máis circular de todos os planetas; apenas supera a de Neptuno.
En lingüística, desígnase por linguas indoeuropeas a unha familia de linguas que teñen unha orixe común, o protoindoeuropeo, que se falou alá polo 5000 a.C. (moito antes da invención da escrita) nun territorio próximo ao Mar Negro. Agrupan preto dun milleiro de linguas faladas hoxe en día por tres mil millóns de individuos en todos os continentes (sobre un 40-45% da poboación mundial). O indoeuropeo é unha familia lingüística ampla que engloba a maior parte das linguas europeas antigas e actuais.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'Espanya, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
A vaxina (do latín vagīna, "vaíña") é un conduto fibromuscular elástico, que forma parte dos órganos xenitais internos da muller –xa que logo, parte do aparato reprodutor feminino–. Nas femias dos mamíferos, esténdese desde o vestíbulo vaxinal até o cérvix uterino. A vulva e a vaxina, dúas estruturas anatómicas diferentes que non deben confundirse, son os órganos da copulación nos mamíferos.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
O que arde é un filme dramático galego de 2019 dirixido por Óliver Laxe e coescrito por Laxe e Santiago Fillol. Está ambientado na Galicia rural e aborda a problemática da desaparición do rural e dos lumes forestais. O elenco está composto por actores non profesionais da zona da serra dos Ancares, e está protagonizado por Amador Arias no papel de Amador Coro, un pirómano que sae do cárcere logo de ser condenado como o responsable dun incendio, e Benedicta Sánchez no papel de Benedicta, a súa nai.
Congreso Internacional de Matemáticos de 2006
O Congreso Internacional de Matemáticos 2006 foi o vixésimo quinto Congreso Internacional de Matemáticos celebrado en Madrid do 22 de agosto ao 30 de agosto de 2006. O Premio Carl Friedrich Gauss foi concedido por primeira vez no Congreso Internacional de Matemáticos de 2006, despois da anuncia do premio o 30 de abril de 2002, en homenaxe ao 225º aniversario do nacemento de Carl Friedrich Gauss. O logotipo oficial da Unión Matemática Internacional foi presentado o 22 de agosto de 2006 na cerimonia de apertura do congreso.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Paloma San Basilio, nada en Madrid o 22 de novembro de 1950, é unha cantante e actriz española. Trátase dunha das intérpretes máis populares e prestixiosas no ámbito da canción melódica en castelán. A potencia vocal de Paloma San Basilio, e a súa precisión e nitidez no fraseo son as súas características máis destacables.
Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 6 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega. Un fragmento do seu poema "Os Pinos" constitúe a letra do Himno de Galicia. Foi unha das tres grandes voces líricas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez.
Unha tipoloxía particular de cruceiro é o denominado cruceiro de capela, chamados así porque o fuste remata nunha pequena capeliña aberta á fronte, que leva no interior a imaxe da Virxe. Sobre o teito desta capeliña érguese a cruz característica dos cruceiros. A maioría dos que se puideron datar corresponden ó século XVII, aínda que hai exemplares datados entre o XVI e o XVIII. Suxeriuse que están relacionados cos rollos ou picotas castelás, pelourinhos en Portugal, dos que xa non queda ningún en Galicia.
José Luis Ábalos Meco, nado en Torrent (provincia de Valencia) o 9 de decembro de 1959, é un político español, membro do PSOE, deputado por Valencia deste partido nas IX, X, XI, XII, XIII e XIV lexislaturas. Tamén foi ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (2020-2021) e ministro de Fomento (2018-2020) do Goberno de España.
O Estado de Israel (hebreo: מדינת ישראל, transliteración: Medinat Yisra'el; Árabe: دولة اسرائيل, transliteración: Daulat Isra'il) é un país no Oriente Medio (oeste de Asia, no chamado 'crecente fértil'), situado na costa oriental do mar Mediterráneo. É unha democracia parlamentaria e legalmente un estado xudeu. Fai fronteira co Líbano ao norte, con Siria ao nordeste, con Xordania e Cisxordania ao leste, con Exipto e a franxa de Gaza ao suroeste, e co golfo de Aqaba (no mar Vermello) ao sur.
Este artigo trata sobre a celebración cristiá, para o artigo sobre o mes de nadal vexa decembro. O Nadal (do latín dies natalis 'día do nacemento') é unha festa cristiá que conmemora o nacemento de Xesús de Nazaret. A Igrexa católica latina, as Igrexas protestantes e a maioría das Igrexas ortodoxas celébrana o 25 de decembro.
The Battle Hymn of the Republic
"The Battle Hymn of the Republic" é unha canción abolicionista estadounidense composta por Julia Ward Howe en 1861, especialmente famosa durante a guerra civil estadounidense. É a contraposición a Dixie, a canción cantada polos soldados da Confederación.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
Voo 261 de Thai Airways International
O voo 261 de Thai Airways International (TG261/THA261) era un voo de pasaxeiros regular dende o Aeroporto Internacional Don Mueang en Bangkok ata o Aeroporto de Surat Thani en Surat Thani, Tailandia. O voo estaba operado por Thai Airways International, a aeroliña nacional de Tailandia. O 11 de decembro de 1998 o avión, un Airbus A310-204 con rexistro HS-TIA, entrou en perda e estrelouse nun arrozal ao intentar aterrar no Aeroporto de Surat Thani.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
Mercurio é o planeta máis pequeno do sistema solar e o máis próximo ao Sol. O igual que Venus, Mercurio orbita o Sol dentro da órbita terrestre como un planeta inferior, e a súa distancia aparente o Sol visto desde a Terra nunca supera os 28°. Esta proximidade ao Sol fai que o planeta só poida verse preto do horizonte occidental despois da posta de sol ou do horizonte oriental antes da saída do sol, normalmente no crepúsculo.
Sarela de Abaixo, San Paio, Santiago de Compostela
Sarela de Abaixo é un lugar da parroquia de San Paio no concello coruñés de Santiago de Compostela, na comarca de Santiago. Tiña 81 habitantes no ano 2018 segundo datos do Instituto Galego de Estatística, dos cales 38 eran homes e 43 mulleres. Estes datos reflicten un mantemento da poboación respecto dos últimos anos, cando tiña 96 habitantes en 2010 pero 85 en 2005.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Unha enciclopedia é unha obra de referencia que é compendio de información que abrangue tódalas pólas do coñecemento humano. As enciclopedias están divididas en artigos ou entradas, que están ordenados por orde alfabética segundo o nome do artigo. As entradas de enciclopedia son máis longas e achegan información máis polo miúdo que os dicionarios.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamosos, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis. Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo.
O termo alfabetización, segundo o Dicionario da Real Academia Galega, provén do verbo alfabetizar; trátase da acción de “ensinar a ler e escribir”, así mesmo enténdese tradicionalmente como a habilidade de ler e escribir, co propósito de comprender ou expresar pensamentos ou ideas en forma escrita nalgún contexto específico de uso. Noutras palabras, os humanos das sociedades alfabetizadas teñen formas prácticas para producir e consumir escritos, e tamén teñen crenzas sobre estas prácticas. Ler, desde este punto de vista, é sempre ler algo con algún propósito; escribir sempre é escribir algo para alguén para uns fins particulares.
Chile é un país de América do Sur, limitado ó norte polo Perú, ó leste por Bolivia e a Arxentina, cun total de 6.339 km de fronteiras terrestres, ó sur polo Estreito de Drake e ó oeste polo océano Pacífico. O seu nome oficial é República de Chile e a súa capital é a cidade de Santiago de Chile. Chile descríbese normalmente como constituído de tres distintas zonas.
Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado, máis coñecido como Xosé Manuel Beiras, nado en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1936, é un político e economista galego de ideoloxía nacionalista galega e de esquerdas. Foi membro fundador e líder do Partido Socialista Galego (PSG), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Anova Irmandade Nacionalista (Anova). Impulsou coalicións electorais con representación parlamentaria como Galeusca, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ou En Marea.
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2010
O campionato Mundial de Fórmula 1 de 2010 é o campionato anual número 61 de Fórmula 1 organizado pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Nel están inscritos para competiren doce equipos. Está programado que conte con 19 Grandes Premios, dando comezo o 14 de marzo co Gran Premio de Bahrain, estando prevista a finalización para o 14 de novembro co Gran Premio de Abu Zabi no Circuíto de Yas Marina.