Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
John Michael "Ozzy" Osbourne, nado o 3 de decembro de 1948, e finado o 22 de xullo de 2025, foi un vocalista e compositor de heavy metal inglés, cunha carreira musical que se estende xa ao longo de 50 anos. Osbourne acadou a fama como vocalista principal da banda inglesa Black Sabbath, que co seu son duro e escuro contribuíu a propagar o xénero do heavy metal. Debido ao estilo escuro do grupo, Osbourne comezou a ser coñecido como o "Príncipe da escuridade".
OpenStreetMap (tamén coñecido polas súas siglas OSM) é un proxecto aberto e colaborativo para crear mapas libres, gratuítos e editables. As trazas dos mapas créanse empregando información obtida de dispositivos GPS ou empregando fotografías aéreas ou de satélites e outras fontes como bases de datos da administración. Dende 2016 OSM emprega en España cartografía PNOA para mapeado e edición.
Asturias, oficialmente Principado de Asturias (en asturiano: Principáu d'Asturies, en galego eonaviego: Principao d'Asturias), é unha comunidade autónoma española uniprovincial, situada no norte da Península Ibérica. Limita con Galiza ao oeste, con Cantabria ao leste, con Castela e León ao sur, e co Mar Cantábrico ao norte. Coincide coa antiga provincia de Oviedo e recibe o nome de Principado por razóns históricas, ao ostentar o herdeiro da Coroa de España o título de Príncipe de Asturias.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
A cianose é o cambio de cor dos tecidos que toman un ton azul purpúreo, como resultado da diminución da cantidade de oxíxeno unido á hemoglobina contida nos glóbulos vermellos da rede de capilares. A cianose pode ollarse xeralmente en tecidos cubertos cunha pel fina, incluíndo as membranas mucosas, beizos, base das uñas e lobos das orellas. Algúns medicamentos poden causar decoloración, como aqueles que conteñen amiodarona ou prata.
Black Sabbath é unha banda inglesa, unha das fundadoras do heavy metal. A formación orixinal contaba con Ozzy Osbourne como cantante, Tony Iommi na guitarra, Terence "Geezer" Butler no baixo e Bill Ward na batería. Formouse en Birmingham a finais dos anos 1960s co nome de Polka Tulk Blues Band (ben axiña quedou en só Polka Tulk), e máis tarde Earth.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Querido Eduardo: cartas de Suárez Picallo a Blanco Amor
O volume, do que se organizaron diversas presentacións (en Compostela, Ourense ou Sada) e que se empregou mesmo con intención de reivindicar un Día do Orgullo Galego (o 28 de xuño de 1936 aprobouse o Estatuto de Autonomía de Galicia) en confluencia co Día do Orgullo LGTB (28 de xuño), conta con notas e introdución de Antón Lopo, que xa editara parte destas cartas en 1993, dentro do suplemento Revista das Letras. As misivas orixinais de Suárez Picallo consérvanse na Deputación de Ourense, depositadas no arquivo Blanco Amor. Ignórase o destino das enviadas por Blanco Amor ao político galeguista.
O Mont Ventoux (en francés) ou Ventor en (occitano), é unha montaña de 1,912 metros de altitude situada na Provenza. Como indica o seu nome, o vento pode soprar moi forte no cumio, especialmente o coñecido vento Mistral: as correntes producidas poden superar os 160 km/h. Porén o seu nome orixinario non ten que ver cos ventos.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Suleiman I (Otomán: سليمان Sulaymān, Turco: Süleyman), nado o 6 de novembro de 1494 e finado o 6 de setembro de 1566, foi sultán e padishá do Imperio Otomán desde 1520 ata a súa morte, coñecido como Suleiman o Magnífico en Occidente e Suleiman o Lexislador no mundo islámico, e un dos monarcas máis importantes da Europa do século XVI. Levou ao Imperio ás súas maiores cotas. Baixo a súa administración o estado otomán gobernaba polo menos a 25 millóns de persoas. Sucedeu ao seu pai, o sultán Selim I, en setembro de 1520 e comezou o seu reinado emprendendo unha campaña militar contra as potencias cristiás na Europa central e no mar Mediterráneo.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O Clube Desportivo Nacional, comunmente coñecido como Nacional e ocasionalmente Nacional da Madeira, é un club de fútbol portugués da cidade de Funchal, na illa de Madeira. Fundouse en 1910 e compite na Segunda Liga. Xoga os seus partidos no Estádio da Madeira, con capacidade para 5.132 espectadores.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Os Pinos é o himno galego, un texto poético de Eduardo Pondal de 1890, incluído, dende 1935, nas edicións do libro de poemas Queixumes dos pinos (1886), concretamente das dúas primeiras partes, musicado por Pascual Veiga. Foi adoptado oficialmente como himno trala aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981.
Mozilla Firefox (ou só Firefox) é unha aplicación para a navegación web, libre e de código aberto e que desenvolve o proxecto o grupo Mozilla Corporation da organización aberta Fundación Mozilla. É multiplataforma e está dispoñíbel para os sistemas operativos Linux, macOS e Windows, así como en Android (como Firefox para Android) e iOS. Emprega o motor de rendemento web Quantum (que substituíu a Gecko), e executa os modelos web actuais e os próximos a ser aprobados. En 2015 liberouse Firefox para iOS, que emprega WebKit no canto de Gecko por restricións de Apple no desenvolvemento do seu sistema operativo móbil.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Rías Baixas (serie de televisión)
Rías Baixas é unha serie de televisión producida por Continental TV e Zénit TV para a Televisión de Galicia, emitiuse durante seis temporadas entre o 2000 e o 2005 cun total de 191 episodios de 60 minutos de duración cada un. No ano 2002 conseguiu tres premios Chano Piñeiro, á mellor realización, mellor montaxe e mellor actriz secundaria (Finola Vázquez), ademais doutras 11 nomeamentos entre as que estaban ás de mellor serie ou filme de ficción, mellor actor protagonista (Tacho González) ou mellor actriz protagonista (Sonia Castelo).
A alfa-1 antitripsina ou α1-antitripsina (A1AT, α1AT, A1A ou AAT) é unha proteína que pertence á superfamilia das serpinas. Está codificada en humanos no xene SERPINA1 do cromosoma 14. É un inhibidor de proteases, tamén coñecido como alfa1–inhibidor da proteinase (A1PI) ou alfa1-antiproteinase (A1AP), porque inhibe varias proteases (non só a tripsina).
Da terra asoballada é un libro de poemas de Ramón Cabanillas publicado por primeira vez como volume independente en 1917. O mesmo título adianta a intención da obra, un conxunto de textos líricos contra a colonización de Galicia que reivindican o substrato humilde da poboación campesiña —no contexto redencionista do agrarismo— a carón das grandes figuras da Historia nacional, cantadas ás veces desde un ton elexíaco.
LeBron Raymone James, nado o 30 de decembro de 1984 en Akron, Ohio, é un xogador americano de baloncesto profesional que xoga en Los Angeles Lakers da National Basketball Association (NBA). Coñecido coma "King James", foi seleccionado na primeira posición do draft da NBA de 2003 polos Cleveland Cavaliers. Foi nomeado Rookie do Ano na tempada 2003-04, MVP da tempada da NBA nas tempadas 2008-09, 2009-10, 2011-12 e 2012-13, MVP das Finais da NBA nas 2011-12 e 2012-13, e foi All-Star todas as tempadas dende 2005.
O Mikoyan MiG-15 (designación OTAN: Fagot) foi un caza deseñado para os roles de superioridade aérea e cazabombardeiro na Unión Soviética por Artem Mikoyan e Mikhail Gurevich. O MiG-15 foi un dos primeiros cazas a reacción con á en frecha, e conseguiu fama nos ceos de Corea, onde superou de sobra a todos os cazas inimigos coa excepción do F-86 Sabre. O MiG-15 tamén serviu como punto de partida para o desenvolvemento do máis avanzado MiG-17, que foi aínda unha ameaza efectiva para os cazas estadounidenses na Guerra do Vietnam.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Charmed é unha serie de televisión estadounidense creada por Constance M. Burge e producida por Aaron Spelling e a súa compañía Spelling Television, con Brad Kern como showrunner. A serie emitiuse orixinalmente a través da canle The WB durante oito tempadas dende o 7 de outubro de 1998 até o 21 de maio de 2006. Conta a historia de tres irmás, coñecidas como "The Charmed Ones", as máis poderosas bruxas de tódolos tempos, que usan o seu "poder de tres" combinado para protexer as vidas dos inocentes de forzas do mal como demos e bruxos.
A viaxe de Chihiro (título orixinal en xaponés: 千と千尋の神隠し; Sen to Chihiro no kamikakushi) é un filme de animación xaponés escrito e dirixido por Hayao Miyazaki no 2001 e producido por Studio Ghibli. O filme conta a historia de Chihiro Ogino, unha cativa de dez anos que está a mudar de fogar cos seus pais, e que accidentalmente quedan presos nun misterioso mundo de espíritos e deuses.
Módena, Modena en italiano, Mòdna no dialecto modenés (UK: /ˈmɒdɪnə/, US: /ˈmoʊd-/, latín: Mutina) é unha cidade e comuna (municipio) de 184.732 habitantes no lado sur do Val do Po, na Provincia de Módena (rexión da Emilia-Romaña) no norte de Italia. A catedral, a Torre Cívica («Ghirlandina») e a Piazza Grande da cidade están declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Cidade, e sede dun arcebispo, é coñecida pola súa industria automobilística, as fábricas dos famosos fabricantes italianos de coches deportivos e de clase alta Ferrari, De Tomaso, Lamborghini, Pagani e Maserati están, ou estiveron, situados aquí e todos, excepto Lamborghini, teñen sede na cidade ou nas proximidades.
Serratia marcescens é unha especie de bacteria gramnegativa, con forma de bacilo da familia Enterobacteriaceae, que é patóxena para os humanos e está implicada en infeccións nosocomiais (en hospitais), especialmente bacteremias asociadas ao uso de catéteres, infeccións do tracto urinario e infeccións de feridas. Atópase normalmente nos tractos respiratorio e urinario de adultos hospitalizados e no tracto gastrointestinal de nenos. Debido á súa presenza ubicua no medio ambiente, e a súa preferencia polos ambientes húmidos, S. marcescens é común nos cuartos de baño (especialmente nas unións entre os azulexos, esquinas das duchas, liñas de pingas de auga do inodoro e lavabo), onde se manifesta como unha coloración rosa e película viscosa na que se alimenta de materiais que conteñen fósforo e substancias graxas dos residuos de xabón e xampú.
Autenticación (do grego αυθεντικός; real ou xenuíno, e de authentes; autor) é o acto de establecer ou confirmar algo ou alguén como auténtico, isto é, certifica que algo é veraz. A autenticación dun obxecto pode significar a comprobación da súa orixe. A autenticación dunha persoa a miúdo consiste en verificar a súa identidade.
A historia do Xapón é a sucesión de eventos que ocorreron no arquipélago xaponés. Algúns destes feitos son illados e influenciados pola natureza xeográfica do Xapón como unha nación insular, mentres outro conxunto de acontecementos, obedece a influencias estranxeiras, como no caso do imperio Chinés, o cal definiu a súa lingua, a súa escrita e, tamén, súa cultura política. Comeza co asentamento de pobos nun grupo de illas ao sueste da península coreana, a uns 100.000 anos a.C. Os primeiros vestixios de industria, das pedras polidas, remonta a 32.000 anos.
Para o baleiro en astronomía, véxase baleiro En física clásica, o concepto de baleiro aplícase nun espazo sen aire ou outros fluídos e, en xeral, que carece de calquera tipo de materia, pero no cal se poden propagar os campos. Aínda así, en física relativista e en física cuántica, o concepto de baleiro non se corresponde co nada. Na práctica, o "baleiro absoluto", a carencia total de materia, é imposible conseguir de maneira estrita.
A Ferreirúa, A Pobra do Brollón
San Martiño da Ferreirúa é unha parroquia da Pobra do Brollón na provincia de Lugo. Pertence ó arciprestado de Santalla de Rei. En 2008 tiña 184 habitantes (93 homes e 91 mulleres) agrupados en 7 entidades de poboación, cunha densidade de 14,7 hab./km².
Unha baga, en botánica, é o tipo mais común de froito carnoso simple, no cal a parede do ovario enteiro madura nun pericarpo comestible. As flores desas plantas teñen un ovario superior que ten un ou varios xineceos dentro dunha cobertura fina e interiores moi carnosos. As sementes están embutidas na carne común do ovario.
O termo viquingo (do antigo nórdico víkingr) polo común sinala os exploradores, navegantes, comerciantes e guerreiros normandos (literalmente "homes do Norte"), que orixinarios de Escandinavia, atacarían as costas das Illas británicas, Francia, a Península Ibérica e outras partes de Europa, chegando tan lonxe como ata o río Volga, en Rusia, entre o século VIII e o século XI. O período da historia europea, datada polo xeral entre 793 e 1066, é con frecuencia denominada a Era dos viquingos. O termo é usado, tamén, para designar as poboacións de Escandinavia na Era dos viquingos, e aínda os seus asentamentos noutras partes. Os viquingos controlaban boa parte do comercio co norte de Europa e dominaban as rutas do Báltico e do interior de Rusia ata Bizancio Famosos polas súas habilidades mariñeiras e polos seus barcos oblongos, os viquingos fundaron en tres séculos asentamentos nas costas e ríos no continente europeo e fóra del: Irlanda, Normandía, as illas Shetland, as Orkney, e as Illas Feroe, Islandia, Groenlandia, Terra Nova e outras ata preto de mil.
Os briozoos (Bryozoa, do grego βρύον brýon, "musgo", e ζωον zōon, "animal"), o que xustifica o nome que lle dan algúns[quen?] de animais musgo,[Cómpre referencia] tamén chamados polizoos (Polyzoa) e ectoproctos (Ectoprocta, do grego εκτός ektós, "fóra", "afora", e πρωκτόσ prōktós, "ano"). son un filo de pequenos animalis coloniais, que presentan un lofóforo, coroa de tentáculos ciliados que serven para captar alimento, nos que o ano se abre fóra de diita coroa tentacular. Describíronse unhas 5.700 especies maioritariamente mariñas; só unhas 50 viven en auga doce.
Lucerna (en alemán Luzern, en francés Lucerne, en italiano e romanche Lucerna) é unha cidade da Suíza central, capital do cantón de Lucerna. A cidade levántase á beira do Lago dos Catro Cantóns (Vierwaldstättersee), cunha famosa ponte de madeira (a Kapellbrücke) e á vista dos montes Pilatus e Rigi. Cunha poboación de 81.592 habitantes (2016), Lucerna é a oitava cidade de Suíza.
Groenlandia ou Grenlandia (en groenlandés: Kalaallit Nunaat, "Terra dos Groenlandeses"; en dinamarqués: Grønland) é un territorio de Dinamarca, situado xunto ao océano Ártico e ao norte do océano Atlántico. É a illa máis grande do mundo, estando case o 84% da súa superficie cuberta por xeo, ademais de ser o país cunha menor densidade de poboación. Aínda que fisicamente é parte do continente norteamericano, Groenlandia atópase politicamente ligado a Europa dende hai máis dun milenio, pertencendo ata 1814 a Noruega pasando, ese mesmo ano, ao dominio de Dinamarca.
Doma y castración del Reino de Galicia
"Doma y castración del Reino de Galicia" é unha expresión referida por Alfonso Daniel Rodríguez Castelao como orixinaria de Zurita, así como un lugar común da historia de Galiza.
O círculo polar ártico é a liña imaxinaria correspondente ao paralelo 66° 33’ 39" norte, a liña que delimita a rexión á volta do polo Norte da Terra en que se pode observar o sol da media noite. É un dos cinco paralelos principais terrestres e delimita a zona ártica, ao norte, coa zona temperada norte, ao seu sur.
O pan (do latín panis) é un alimento básico que forma parte da dieta tradicional en Europa, Oriente Medio, India, América e Oceanía. Adóitase preparar mediante o enfornado dunha masa, elaborada fundamentalmente con fariña de cereais, sal e auga; en ocasións engádense outros produtos para conferirlle determinadas calidades, como especias, froitos secos, froitas confitadas, mel etc. A mestura, na maioría das ocasións, adoita conter lévedos para que fermente a masa e sexa máis esponxosa e tenra.
As proteobacterias ou Proteobacteria (sinónimo Pseudomonadota) constitúen un dos principais grupos de bacterias, con categoría de filo. Inclúen unha ampla variedade de patóxenos, como Escherichia, Salmonella, Vibrio, Helicobacter, e moitos outros xéneros salientables. Outros xéneros e especies son de vida libre, e entre eles inclúense moitas das bacterias responsables da fixación do nitróxeno.
A acuarela é unha técnica pictórica sobre papel ou cartón que emprega cores en po preparadas con goma soluble na auga. Tamén se denomina "acuarela" a obra executada mediante esta técnica ou a pintura e material así como a preparación pictórica que se utiliza nesta técnica (por exemplo unha caixa de acuarelas).
Industria de Diseño Textil, S.A. (Inditex) é unha multinacional da industria téxtil de orixe galega. É o primeiro grupo europeo de confección de roupa por diante da sueca H&M, a xaponesa Uniqlo e a estadounidense Gap, sendo a terceira empresa do sector a nivel mundial tras Nike (34.350 millóns de dólares) e LVMH (42.636 millóns de euros; Louis Vuitton, Moët Hennessy). Ten a súa sede central no Polígono de Sabón en Arteixo, provincia da Coruña.
A era paleozoica ou primaria, tamén chamada paleozoico (do grego παλαιός palaiós, 'vello', 'antigo', e ζωη zoē, 'vida'; é dicir: 'era da vida antiga') é a primeira das tres na que se divide o eón Fanerozoico (ou 'era da vida visíbel —do grego φανερός phanerós, 'visíbel', 'que está á vista'—). Abarca dende comezos do Cámbrico (hai aproximadamente 542 millóns de anos) ata o final do Permiano (hai aproximadamente 251 millóns de anos).
Frederick Sanger, OM, FRS, nado o 13 de agosto de 1918 en Rendcomb (Gloucestershire, Inglaterra) e finado en Cambridge o 19 de novembro de 2013, foi un bioquímico inglés dúas veces laureado co Premio Nobel de Química. Foi a cuarta persoa do mundo en recibir dous premios Nobel (os tres anteriores foron Marie Curie, Linus Pauling e John Bardeen).
O demo na cultura popular galega
O que segue recolle diversa información sobre a pegada do demo na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc. Inclúense tamén aquí as informacións que se refiren ás diferentes manifestacións do demo (diaño, trasgo etc.), ós tratos co demo, a posesión diabólica e a súa curación, así como ó inferno. En Galicia, o demo recibe numerosas denominacións populares: abelurio, cachán, cachano, cachizo , demachiño (máis propiamente, aplícase a demos pequenos como o diano burleiro), démaro, demiño, demócharo, democho, demóncaro, demonche, demoncre, demontre, demóñaro, demoño, demoro, déncaro, dencho, déngaro, denllo, dentre, deño, diabo, diabro, diantre, diaño, mafarrico, rabeno, rabudo, resalgario, sucio, tardo, trasgo, trasno ou zucio.
As alcohol deshidroxenases (ADH) (EC 1.1.1.1) son un grupo de encimas deshidroxenases que están presentes en moitos organismos e facilitan a interconversión entre alcohois e aldehidos ou cetonas coa redución de dinucleótido de nicotinamida e adenina (NAD+) a NADH. Nos humanos e moitos outros animais serven para degradar os alcohois a varios metabolitos que doutro modo serían tóxicos, e tamén participan na xeración de aldehidos ou cetonas útiles, ou grupos alcohol durante as biosínteses de varios metabolitos. En lévedos, plantas e moitas bacterias algunhas alcohol deshidroxenases catalizan a reacción oposta como parte das súas fermentacións para asegurar unha subministración constante de NAD+, polo cal producen alcohol, como ocorre na fermentación alcohólica utilizada para producir bebidas alcohólicas.
Hanuka (en hebreo: חֲנֻכָּה) ou Festa das luces, é a festa xudía na que se conmemora a vitoria do pobo xudeu fronte ó proceso de asimilación promovido por Antíoco IV, do Imperio Seléucida no século Ii a.C.. Antíoco IV tratou de acabar coa relixión xudía, buscando a helenización da porción da Terra de Israel que naquel momento estaba no control dos seléucidas. A rebeldía a esta asimilación desembocou na Revolta Macabea, que concluíu con Xudea como estado independente.
A Rexión de Murcia (en castelán: Región de Murcia, en valenciano: Regió de Múrcia) é unha comunidade autónoma uniprovincial de España situada no sueste da Península Ibérica. Limita ao norte con Castela-A Mancha, ao sur co mar Mediterráneo, ao oeste con Andalucía e ao leste coa Comunidade Valenciana. Trátase dunha rexión histórica do sueste de España, herdeira do antigo Reino de Murcia, que tradicionalmente comprendeu as provincias de Albacete e Murcia.
O ácido butírico (do grego βούτῡρον, 'manteiga'), tamén coñecido polo seu nome sistemático ácido butanoico, é un ácido carboxílico coa fórmula estrutural CH3CH2CH2COOH, ás veces considerado como ácido graxo de cadea curta. É un líquido aceitoso incloro soluble en auga, etanol e éter. O ácido isobutírico (ácido 2-metilpropanoico) é un isómero seu.
Rafael González Villar, nado na Coruña o 6 de outubro de 1887 e finado na mesma cidade o 11 de marzo de 1941, foi un arquitecto modernista galego. Participou activamente na vida social e cultural da súa época. No 1914 foi nomeado presidente da Asociación de Arquitectos de Galicia, a partir de 1927 presidiu a Academia Provincial de Bellas Artes e no 1940 foi elixido membro de número da Real Academia Galega, da que, malia falecer días antes de ser investido, se considera igualmente académico numerario.
Este artigo trata sobre a exaculación dos machos en diversas especies de mamíferos, para a exaculación das femias humanas véxase exaculación feminina. A exaculación é a expulsión de líquido seminal a través do pene desde a vesícula seminal, causada pola contracción dos músculos na base do pene ou do epidídimo despois dun orgasmo.
Educación (do latín educare, "guiar", e educere, "extraer") pode definirse como: Proceso bidireccional polo que se transmiten coñecementos, valores, xeitos e formas de actuar. Prodúcese a través da palabra, a imaxe etc., estando presente en todas as accións, sentimentos e actitudes humanas, e sendo a imitación moitas veces un fenomenal instrumento educativo. Proceso de inculcación e asimilación cultural, moral e de conduta.
Ṣalāḥ ad-Dīn Yūsuf ibn Ayyūb (árabe: صلاح الدين يوسف بن أيوب; kurdo: سهلاحهدین ئهیوبی , Selahedînê Eyûbî), máis coñecido en occidente como Saladino, nado en Tikrit en 1138 e finado en 1193 en Damasco, foi un dos grandes gobernantes do mundo islámico, sendo o primeiro sultán de Exipto e Siria, e incluíndo nos seus dominios partes dos estados cruzados, Mesopotamia, Iemen, Hiyaz e Libia. Con el comezou a dinastía aiúbida, que gobernaría Exipto e Siria tras a súa morte. Proveniente dunha familia kurda, Saladino foi unha figura importante na terceira cruzada, na que liderou os esforzos militares musulmáns en contra dos estados cruzados no Levante.
Eleccións municipais en Culleredo
Estes foron os resultados das eleccións municipais no concello de Culleredo dende 1979.
As Illas Orcadas (escocés: Arcaibh, en inglés e escocés Orkney) son un arquipélago habitado do Mar do Norte, moi próximo á costa setentrional de Escocia, a tan só 16 quilómetros, e que na actualidade constitúen unha área municipal de seu. Atópase ao norte da costa de Caithness e comprende aproximadamente 70 illas, das cales 20 están habitadas. A illa máis grande Mainland refírese a miúdo como "o continente".
Camberra (en inglés: Canberra) é a capital de Australia, e cunha poboación de 410 300 habitantes, é a maior cidade do interior do país. A cidade atópase no norte do Territorio da Capital Australiana, 280 km ao suroeste de Sidney, e 650 km ao nordeste de Melbourne. A territorio de Camberra foi elixido como sede da capital do país en 1908 tralo acordo entre as cidades de Sidney e Melbourne, a dúas cidades maiores de Australia.
A impresión é o proceso e o resultado de reproducir textos e imaxes, polo xeral con tinta sobre papel. É posible imprimir sobre gran diversidade de materiais, sendo necesario utilizar diferentes sistemas de impresión en cada caso. Pódese realizar de forma doméstica, artesanal, comercial ou industrial a grande escala, e é unha parte esencial da edición de libros e toda clase de publicacións impresas coma xornais, revistas, cartas, documentos etc.