Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
María Carmen González Quintela
María Carmen González Quintela, nada en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) en 1957, é unha política galega do PPdeG.
Verónica Fernández de Echegaray, máis coñecida como Verónica Echegui, nada en Madrid o 16 de xuño de 1983 e finada na mesma cidade o 24 de agosto de 2025, foi unha actriz española que se deu a coñecer por protagonizar a película Yo soy la Juani (2006), pola que recibiu un nomeamento aos Premios Goya á mellor actriz revelación. Posteriormente, recibiu nomeamentos como mellor intérprete feminina protagonista por El patio de mi cárcel (2008) e Katmandú, un espejo en el cielo (2011), ademais da mellor intérprete feminina de repartición por Explota Explota (2020).
Nicole Denise Cucco, nada en Rosario (Santa Fe) o 25 de agosto de 2000, é unha cantante e compositora arxentina máis coñecida como Nicki Nicole. En 2019 saltou á fama co sinxelo «Wapo traketero», logrando millóns de reproducións en YouTube nun curto período de tempo, despois de ser publicado. A canción converteuse nun fenómeno viral e entrou na listaxe Argentina Hot 100 de Billboard.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Adriana Torrebejano Giménez, nada en Castellbisbal o 3 de novembro de 1991, é unha actriz española coñecida principalmente pola súa participación na serie Terra de Lobos, Hospital Central de Telecinco, El Secreto de Puente Viejo de Antena 3, Cuerpo de Elite de Antena 3 ou A sombra da lei. Protagonizou a serie Amar es para siempre de Antena 3.
Especia é o nome xenérico dado a certas plantas que se empregan para preservar ou sazonar os alimentos ou para aromatizar bebidas; tamén reciben a denominación de condimentos aromáticos. Tecnicamente considéranse especias as partes duras, como as sementes ou codias, de certas plantas aromáticas (árbores, plantas herbáceas ou outras), así como, noutros casos, as raíces ou os froitos, en tódolos casos tralo desecamento, mentres que baixo o nome de herbas aromáticas se clasifican as follas e talos dalgunhas plantas herbáceas; ademais, estas poden utilizarse en fresco. Na práctica, especias e herbas aromáticas tenden a considerarse sinónimos.
A mitoloxía é o conxunto de lendas e mitos que pertencen á tradición dun pobo, dunha civilización ou dunha relixión, e que explican a súa natureza, a súa historia e os seus costumes. Como unha colección de historias, a mitoloxía é unha parte vital de calquera cultura. Existen varias orixes dos mitos, como a personificación da natureza, a personificación e explicación de fenómenos ou a esaxeración de feitos históricos.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península Ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Quo Vadis é un filme estadounidense de 1951 dirixido por Mervyn LeRoy e producido por Sam Zimbalist. É un drama histórico e épico de Metro-Goldwyn-Mayer (MGM) en Technicolor. O guión é obra de John Lee Mahin, S.N. Behrman e Sonya Levien, adaptado da novela Quo Vadis (1896) do premio Nobel polaco Henryk Sienkiewicz.
En botánica, o froito é o órgano procedente da flor, ou de partes dela, que contén ás sementes ata que estas maduran e logo contribúe a ciscalas. Desde un punto de vista ontoxenético, o froito é o ovario desenvolvido e maduro das plantas con flor. A parede do ovario se engrosa ao transformarse na parede do froito e denomínase pericarpo, cuxa función é protexer ás sementes.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
A cisteína (simbolizada por Cys ou C) é un α-aminoácido coa fórmula química HOOC-CH(NH2)CH2SH . A cadea lateral que caracteriza á cisteína é -CH2SH, e ten un grupo tiol (-SH) terminal, que é non polar, por iso a cisteína se clasifica normalmente como un aminoácido hidrofóbico. A parte tiol da cadea adoita participar en reaccións encimáticas, actuando como nucleófilo.
O chinés (chinés simplificado: 汉语 / chinés tradicional: 漢語 / Pinyin: Hànyǔ; 华语/華語 / Huáyǔ; ou 中文 / Zhōngwén) é a lingua (ou familia de linguas) falada na China, pertencente ao grupo sino-tibetano. Aínda que se tende a considerar o chinés como unha única lingua, principalmente debido ao feito de que todos os seus falantes escriben igual (é dicir, que son mutuamente intelixibles a nivel escrito), o certo é que é un conxunto de linguas distintas, cuxos falantes non se entenden oralmente entre si. A principal e oficial na República da China é o mandarín estándar (Putonghua), baseado no dialecto de Pequín, aínda que a máis falada fóra da China é o cantonés (Yue).
A familia de Filipe IV, coñecida popularmente dende o século XIX como As Meninas (en castelán La familia de Felipe IV e Las Meninas, respectivamente), é probabelmente a obra máis importante do pintor español Diego Velázquez, realizada no ano 1656 e exposta na actualidade no Museo do Prado de Madrid. Trátase dunha das obras pictóricas máis analizadas e comentadas no mundo da arte.
A música Techno (ou tecno) é un estilo de música electrónica bailábel, creado a mediados dos anos 80 na cidade estadounidense de Detroit. Houbo influencias tanto desde o Electro como desde a música House. Caracterízase por un ritmo monótono, pero bailábel, en 4/4, e a consecuente utilización de instrumentos electrónicos, como sintetizadores e samplers.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Eritrea (tigriña: ኤርትራ, Ertrā; árabe: إريتريا, Irītriyā), oficialmente Estado de Eritrea (tigriña: ሃገረ ኤርትራ, Hagere Ertra; árabe: دولة إرتريا, Dawlat Iritriyá), é un país africano, limitado ó norte e leste polo Mar Vermello, ó sur con Djibuti e con Etiopía e ó oeste con Sudán. Corresponde ó antigo litoral de Etiopía, da cal se independizou en 1993 despois dunha longa guerra.
As nucleósido-difosfato quinases (NDPKs, tamén NDP quinase, (poli)nucleótido quinases e nucleósido difosfoquinases) son encimas que se encontran en procariotas e eucariotas e que catalizan o intercambio de fosfatos terminais entre diferentes nucleósidos difosfato (NDP) e trifosfato (NTP) de maneira reversible para producir nucleósidos trifosfato. Moitos NDP funcionan como aceptores mentres que os NTP son doantes de grupos fosfato. A reacción xeral por medio dun mecanismo ping-pong é a seguinte: XDP + YTP ←→ XTP + YDP (X e Y representan diferentes bases nitroxenadas).
Eleccións ao Parlamento de Escocia de 2007
As eleccións ao Parlamento escocés de 2007 celebráronse o 3 de maio de 2007 e son a terceira convocatoria electoral dende que entrara en funcionamento o Parlamento escocés, logo da Lei de Escocia de (1999). As eleccións tiveron lugar coincidindo coas eleccións municipais en todos os concellos de Escocia, así como coas eleccións á Asemblea de Gales e as eleccións municipais en diversas vilas e cidades de Inglaterra e Gales.
Salomón foi, segundo a Biblia, rei de Israel e fillo de David mais Batxeba. Ó seu reinado atribúese a construción do primeiro Templo de Xerusalén, o chamado Templo de Salomón, no seu Sancta Sanctorum, gardábase a Arca da Alianza, que contiña as táboas da Lei, revelada por Deus a Moisés no monte Sinaí, o caxato de Moisés e a cobra de bronce coa que Moisés acabou coa praga que asolou o campamento xudeu durante o seu trasego polo deserto do Sinaí. Considerado na Biblia como un rei sabio, a el se lle atribúen os libros chamados sapienciais.
A piratería ou pirataría é unha práctica que consiste en que unha embarcación ataca a outra co propósito de roubarlle a carga, esixir rescate polos pasaxeiros, convertelos en escravos e moitas veces apoderarse da nave. A súa definición segundo o dereito internacional pode atoparse no artigo 101 da Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito do Mar. A pirataría refírese tamén, desde mediados do século XX a un tipo de accións realizadas en avións que buscan reter pola forza tripulacións e pasaxeiros, así como as propias aeronaves.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
Treasure Coast é unha rexión vernácula do estado de Florida, nos Estados Unidos. Está situada na costa atlántica do Estado, comprendendo os condados de Indian River, Saint Lucie e Martin, e para algunhas fontes, ademais, o de Palm Beach. A rexión, cuxo nome fai referencia á Frota do Tesouro español que perdeuse a causa dun furacán en 1715, naceu como resultado do desexo dos residentes de separarse da influencia de Miami e da rexión vernácula de Gold Coast.
As illas Bermudas (en inglés: Bermuda, /bərˈmjuːdə/, historicamente coñecidas como as Bermudas ou Illas Somers) é un Territorio Británico de Ultramar no océano Atlántico Norte. O arquipélago das Bermudas está formado por 181 illas cunha superficie total de 53,2 km². A terra máis próxima fóra do territorio atópase no estado estadounidense de Carolina do Norte, aproximadamente 1035 km.
Aceredo foi unha aldea da parroquia de Manín, no concello de Lobios, pertencente á bisbarra da Baixa Limia, na provincia de Ourense. Desapareceu asolagada polo encoro de Lindoso (Portugal) en xaneiro de 1992 xunto a Buscalque, O Vao e a Reloeira (Entrimo). Aceredo está, desde o 2009, dentro da Reserva da Biosfera transfronteiriza galego-portuguesa Gerês-Xurés.
As linguas célticas son as linguas que descenden do protocéltico, ou "céltico común", unha rama da gran familia lingüística indoeuropea. Durante o primeiro milenio antes de Cristo, faláronse ao longo de toda Europa, dende a baía de Biscaia e o mar do Norte, entre o Rin e o Danubio ata o Mar Negro e a parte alta da península dos Balcáns, e mesmo Asia Menor (Galacia). Hoxe en día, as linguas célticas ven limitada a súa extensión a algunhas áreas das Illas Británicas, ao leste do Canadá, a Patagonia, algúns grupos nos Estados Unidos e Australia, e na península da Bretaña.
A ópera é un xénero dramático no que a historia se canta na súa maior parte. Para a súa elaboración precísase dun compositor así coma dun escritor, que recolle a historia no libreto, polo que se chama tamén libretista. L'Orfeo (1607) de Claudio Monteverdi, está considerada coma a primeira ópera da historia.
A Garganta, Vilanova de Ozcos, Vilanova de Ozcos
A Garganta é un lugar da parroquia de Vilanova de Ozcos do concello de Vilanova de Ozcos que se localiza no occidente de Asturias. En 2021 tiña sete habitantes.
Para o artigo do poeta galego nado en 1952 véxase: Luís González Tosar. Luís López Tosar, coñecido como Luís Tosar, nado en Xustás (Cospeito) o 13 de outubro de 1971, é un actor e músico galego. É coñecido por actuar en filmes como Cela 211, Te doy mis ojos, Mientras duermes, También la lluvia e Os luns ó sol.
Xirona (en catalán: Girona, pronunciado [ʒiˈɾonə]) é unha provincia española situada na zona nordés de Cataluña. Limita coas provincias de Barcelona polo sur e oeste; Lleida polo oeste; con Francia e Andorra polo norte e co mar Mediterráneo polo leste. Un concello da provincia, Llívia, é un enclave separado do resto da provincia, estando rodeado por territorio administrativamente francés.
Pena Trevinca é un pico da serra do Eixe, no macizo de Pena Trevinca, que fai fronteira entre as provincias de Ourense e Zamora. É o punto de maior altitude do territorio galego pois está a 2127 m sobre o nivel do mar. Pena Trevinca é ademais un espazo natural galego declarado zona especial de conservación (ZEC) e parte dunha zona de especial protección para as aves (ZEPA) que abrangue o macizo montañoso dos vales glaciais galegos que rodean este pico.
A Ruta da seda era unha rede de rutas comerciais entre Asia e Europa que se estendía dende Chang'an (actualmente Xi'an) na China, até Antioquia en Siria medieval e Constantinopla (actualmente Istambul, Turquía) ás portas de Europa. O seu nome ven da mercancía máis prestixiosa que circulaba nela, a seda, cuxa fabricación era un segredo que só os chineses coñecían. Utilízase esta denominación dende o século XIX e débese ao xeógrafo alemán Ferdinand Freiherr von Richthofen.
A Copa Mundial da FIFA de 1974 (en alemán: Fußball-Weltmeisterschaft 1974) foi a décima edición do Campionato Mundial de fútbol de seleccións. O torneo, organizado pola República Federal de Alemaña (incluíndo Berlín Oeste) comezou o 13 de xuño e rematou o 7 de xullo. Este torneo foi o primeiro no que se entregou ao campión o actual trofeo, un deseño do escultor italiano Silvio Gazzaniga.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Humphrey DeForest Bogart, nado en Nova York o 25 de decembro de 1899 e finado nos Ánxeles o 14 de xaneiro de 1957, é seguramente un dos actores cinematográficos máis coñecidos. De feito pasou xa a ser unha icona da cultura do século XX, elixido polo American Film Institute como a máis grande estrela masculina do cine americano de todos os tempos. A súa fotografía de tres cuartos, con sombreiro ou sen el, con ou sen gabardina, forma parte das lembranzas da época dourada do cinema.
A Revolución Romanesa de 1989 foi unha serie de conflitos e enfrontamentos nos derradeiros días de decembro de 1989. A conclusión deste episodio da historia de Romanía foi o final do réxime stalinista de Nicolae Ceauşescu. Os actos violentos que aconteceron en varias localidades romanesas naqueles días conduciron o ditador ao abandono do poder e á súa fuxida de Bucarest, en compañía da súa dona, Elena Ceauşescu.
O termo música moderna é definido pola RAG como relativo ou pertencente ao momento actual, porén é un termo ambiguo e empregado de maneiras moi diversas e designa a unha gran variedade de estilos e tendencias musicais. Pode referirse á música desde a Idade Moderna, á música en xeral desde o século XIX, á xurdida durante a primeira metade do século XX (coñecida como modernismo), despois da música do romanticismo, e que son case exclusivamente música experimental, á música clásica contemporánea, á música clásica do século XX ou XXI, ou a todos os estilos de música popular (incluíndo música pop), o jazz moderno, o rock moderno, etc. Ademais, o termo "música nova" é un termo empregado desde o século XIV a unha enorme cantidade de estilos musicais.
Revolución galega de 1846, levantamento de 1846, pronunciamento de 1846 ou sublevación liberal de 1846, son os nomes que recibe a revolta iniciada co pronunciamento do comandante Miguel Solís, o 2 de abril de 1846 en Lugo, contra o goberno conservador do xeneral Narváez. O alzamento aspiraba a obter un rápido triunfo en Galicia que se estendese a seguir polo resto do estado. Porén, nin conseguiu sumar todas as cidades galegas nin foi imitado noutras partes de España.
O lago Huron é un dos cinco Grandes Lagos, localizado entre o estado norteamericano de Míchigan e a provincia canadense de Ontario. Cunha área de 59.600 quilómetros cadrados, o Lago Huron é o segundo maior dos cinco Grandes Lagos, e un dos maiores lagos do mundo. A súa superficie está localizada a 176 metros por enriba do nivel do mar e a súa profundidade máxima é de 230 metros.
En bioquímica, graxa é un termo xenérico para varias clases de lípidos, aínda que xeralmente se refire aos acilglicéridos, ésteres de glicerol e ácidos graxos. Estes últimos poden ser un, dous ou tres, e darán lugar a monoglicéridos, diglicéridos ou triglicéridos, respectivamente. Outros compoñentes das graxas de grande importancia serían, por exemplo, o colesterol e os fosfolípidos.
Lionel Andrés Messi Cuccittini, nado en Rosario (Santa Fe) o 24 de xuño de 1987, é un futbolista arxentino de orixe italiana. Xoga de dianteiro ou mediapunta no Inter de Miami da MLS dos Estados Unidos. É internacional coa selección absoluta da Arxentina, equipo do que é capitán, xogador con máis partidos e máximo goleador histórico.
O carbono (do latín, carbo, 'carbón') é un elemento químico de número atómico 6, símbolo C e masa atómica 12,01. É un non metal e tetravalente, dispoñendo de catro electróns para formar ligazóns químicas covalentes. Tres isótopos do carbono producense de forma natural, os estables 12C e 13C e o isótopo radioctivo 14C, que decae cunha vida media duns 5730 anos.
A desertificación é o proceso polo que un territorio que non posúe as condicións climáticas dos desertos remata adquirindo as súas características debido á destrución da súa cuberta vexetal e á erosión do solo producidas pola acción humana. Segundo datos do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), o 35 % da superficie dos continentes pode considerarse como áreas desérticas. Dentro destes territorios sobreviven millóns de persoas en condicións de persistente seca e escaseza de alimentos.
A A crise de Agadir, ou Segunda Crise Marroquí, foi un incidente diplomático e militar que tivo lugar en 1911, entre Francia e Alemaña, causado polo envío dun canoneiro (buque lixeiro armado) da mariña alemá, o SMS Panther, á baía de Agadir en Marrocos. Foi unha breve crise internacional provocada pola despregadura dunha forza substancial de tropas francesas no interior de Marrocos en abril de 1911. Alemaña non se opuxo á expansión de Francia, senón que quería unha compensación territorial.
Yellowknife é a capital dos Territorios do Noroeste no Canadá. É a única cidade no territorio con máis de 5.000 habitantes, cunha poboación de 15.748 habitantes (2006), 19.234 habitantes (2011).. Atópase na beira norte do Gran Lago do Escravo, aproximadamente a 400 km do Círculo Polar Ártico, na marxe oeste da Yellowknife Bay, próxima á foz do río Yellowknife.
O masacre de Mỹ Lai (en vietnamita: Thảm sát Mỹ Lai; pronuncia en galego: Mi-Lai) foi un crime de guerra cometido polos Estados Unidos de América na aldea vietnamita de My Lai, o 16 de marzo de 1968, centenas de civís, na maioría mulleres e nenos, foron executados por soldados do exército estadounidense, no maior masacre de civís do que se teña constancia ocorrido durante a Guerra do Vietnam.
O canal da Mancha (inglés: English Channel, francés: la Manche, alemán: Ärmelkanal, bretón: Mor Breizh, córnico: Mor Bretannek, neerlandés: Het Kanaal) é a parte do océano Atlántico que separa a illa principal da Gran Bretaña do norte da Francia e une o mar do Norte ao Atlántico e que se estende por unha superficie duns 75.000 km², comunicando o mar do Norte polo paso de Calais polo leste e o océano Atlántico polo oeste.
Unha galería é un elemento construtivo e de composición arquitectónica, empregado en boa parte do norte peninsular, en especial na arquitectura galega dos séculos XIX e XX. Na arquitectura burguesa residencial galega acadou o seu maior grao de desenvolvemento ao se converter nunha peza fundamental dos edificios de vivendas.
As reservas da biosfera son lugares para proba de proxectos de desenvolvemento sustentable da iniciativa Programa sobre o Home e a Biosfera da Unesco. As reservas abranguen territorios con ecosistemas terrestres, mariños e costeiros nos que se fomentan proxectos que permitan avanzar no desenvolvemento social preservando o valor ecolóxico do territorio. Búscase conservar a biodiversidade e a diversidade cultura, o desenvolvemento económico sostible, e a investigación, a educación e a formación da sociedade.
A historia da tecnoloxía é a historia da invención de ferramentas e técnicas cun propósito práctico. A historia moderna está relacionada intimamente coa historia da ciencia, pois o descubrimento de novos coñecementos permitiu crear novas cousas e, reciprocamente, puidéronse realizar novos descubrimentos científicos grazas ao desenvolvemento de novas tecnoloxías, que estenderon as posibilidades de experimentación e adquisición do coñecemento. Os artefactos tecnolóxicos son produtos dunha economía, unha forza do crecemento económico e unha boa parte da vida.
O KDE Software Compilation (K Desktop Environment) é un proxecto internacional de software libre no que traballan centos de enxeñeiros informáticos e outros voluntarios de tódalas partes do planeta a través da Internet para desenvolver un contorno de escritorio completo, repleto de funcións mais sinxelo de usar, e máis toda unha serie de aplicacións destinadas a diversos usos. KDE ofrece por unha banda un contorno de escritorio completo, que logo de 12 anos de traballo ininterrompidos avanza pola súa versión 4, e toda unha serie de aplicacións, instalables en diferentes contornos de escritorio e plataformas, que cobren as necesidades de xestión de ficheiros, reprodución de son e vídeo, produción de textos, follas de cálculo, bases de datos ou presentacións, navegadores web e comunicación pola web, xestión de calendarios, correo electrónico e novas, produción e manexo de datos científicos, videoxogos etc.
A inscrición de Behistún (tamén escrito Bisotun, Bistun o Bisutun; persa: بیستون; ou en persa antigo: Bagastana, que significa "o lugar de Deus") é unha inscrición realizada no reinado de Darío I. Para a escrita cuneiforme o que a Pedra Rosetta é para os xeróglifos: o documento máis importante no desciframento dunha lingua até entón esquecida. Localízase na actual provincia de Kermanshah, no Irán, e forma parte dun gran complexo arqueolóxico (máis de 187.000 hectáreas) a carón dunha antiga ruta comercial que unía Mesopotamia coa meseta irania e que, en 2006, foi designada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. A parte máis relevante do complexo arqueolóxico é o baixorrelevo no que aparece Darío I no seu camiño cara ó poder. Debaixo do baixorrelevo, hai un texto, en escrita cuneiforme, con versións en tres linguas diferentes: elamita, persa antigo e babilonio.
A selva tropical húmida, tamén dita umbrofila ou pluviosa, é un bioma das zonas intertropicais, caracterizado por unha formación vexetal arbórea alta e densa, así como por un clima cálido e moi húmido. O bosque umbrófilo é o máis rico en diversidade específica, non só polas árbores senón pola flora e a fauna en xeral (ata varios centenares de especies de árbores por hectárea, contra unha decena como máximo nos medios temperados). Caracterízase por árbores de grande tamaño, de medra lenta.
O coulomb ou culombio, con símbolo C, é unha unidade derivada do SI para a medida da magnitude física carga eléctrica. Defínese como a cantidade de electricidade transportada nun segundo por unha corrente dun amperio de intensidade: 1 C = 1 A ⋅ s {\displaystyle 1\ \mathrm {C} =1\ \mathrm {A} \cdot \mathrm {s} } É arredor de 6.24×1018 veces a carga dun electrón. Nomeada en honor de Charles-Augustin de Coulomb (1736 - 1806).
Os San Antonio Spurs son un equipo profesional de baloncesto estadounidense con sede na cidade de San Antonio, Texas. Xogan na División Suroeste da Conferencia Oeste da National Basketball Association (NBA). Os Spurs son un dos catro antigos equipos da American Basketball Association (ABA) que se uniron á NBA en 1976 e o único deles en conseguir gañar o campionato.
Manuel Antonio Pérez Sánchez, máis coñecido como Manoel Antonio ou Manuel Antonio, nado en Rianxo o 12 de xullo de 1900 e finado en Asados (Rianxo) o 28 de xaneiro de 1930, foi un poeta galego en lingua galega, o máximo representante do movemento vangardista na literatura galega. Asistiu á II Asemblea Nacionalista en Compostela (1919), á III en Vigo (1921) e á IV en Monforte (1922). Mantivo arreo fortes conviccións, intentando casar o anarquismo individualista co galeguismo independentista e chamou á defensa radical do monolingüismo en galego.
Częstochowa é unha cidade do sur da Polonia, asentada na ribeira esquerda do río Warta. Actualmente pertence ao voivodato da Silesia (Śląskie), mais ten sido voivodato independente na anterior división administrativa (1975-1998), e historicamente formou “sempre” (s. XIV-1795) parte da Pequena Polonia (Małopolska).
A República Francesa conta con 64 102 140 habitantes a 1 de xaneiro de 2007, dos que algo máis de 61,5 millóns vive na metrópole, o que supón arredor do 1% da poboación mundial. O crecemento demográfico francés é un dos máis dinámicos de Europa, combinando unha taxa de natalidade superior á media europea (830.000 nacimentos contra 531.200 mortes) e un saldo migratorio positivo (sobre 100.000 persoas): a poboación francesa creceu o 0,61% no último ano. No relativo á taxa de fecundidade, é de 2,01 bebés por muller, só situada por detrás de Albania e Islandia que teñen as taxas máis altas no contexto europeo.