Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O Camiño Francés ou Camiño Real é a ruta principal entre as distintas variantes que ofrecen os Camiños de Santiago. Recolle os peregrinos procedentes de Europa e percorre o norte da península desde Roncesvales (Navarra) ou Somport (Huesca) ata Santiago de Compostela. No seu percorrido vai acollendo outras vías que conflúen nesta en diferentes puntos; esta imaxe de diferentes camiños confluíndo nun mesmo destino final quérese ver representada na figura da vieira como símbolo do Camiño.
A koiné (ou κοινή; do grego «[lingua] común»), en senso propio, é unha forma de grego antigo normalizada en época helenística xurdida principalmente do grego xónico-ático e que serviu de lingua común ao principio a Grecia, onde se empregaban varios dialectos, e logo ao mundo antigo, en competencia co latín. Por extensión, unha koiné é unha lingua vehicular na que se funden diferentes dialectos e falas locais. A koiné pode ser só escrita ou oral.
Luz Pozo Garza, nada en Ribadeo o 21 de xullo de 1922 e finada na Coruña o 20 de abril de 2020, foi unha escritora, crítica literaria e poeta galega, unha das máis destacadas da literatura galega da segunda metade do século XX, renovadora tanto na forma como na temática abordada. Códice Calixtino (1986, Sotelo Blanco Edicións) é unha das súas obras máis destacadas. En 1995 foi recoñecida coa Medalla Castelao.
Os crocodilianos ou crocodilios son os réptiles da orde Crocodilia (ou Crocodylia), da que existen 24 especies vivas e numerosas fósiles. Son réptiles maioritariamente grandes, predadores e semiacuáticos. Pertencen a esta orde os crocodilos (familia Crocodylidae), os aligátores e caimáns (ambos da familia Alligatoridae) e os gaviais (familia Gavialidae).
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
O fútbol gaélico (chamado en irlandés: Peil Ghaelach ou Caid) é unha variante do fútbol orixinario de Irlanda. Xunto co hurling, é o deporte de máis popularidade nese país . O fútbol gaélico xógase en equipos de 15 membros (alternativamente 11, 9 ou 7 dependendo da competición, ás veces mesmo 5, raramente 8) nun campo de céspede rectangular.
A guerra de Inverno foi un conflito militar entre a Unión Soviética e Finlandia. Comezou cunha ofensiva soviética o día 30 de novembro de 1939 (dous meses despois do inicio da Segunda guerra mundial e da invasión soviética de Polonia), e rematou o 13 de marzo de 1940 co Tratado de paz de Moscova. A Sociedade de Nacións considerou o ataque ilegal e expulsou a Unión Soviética da Sociedade o 14 de decembro de 1939.
A Cordilleira das Cascadas ou As Cascadas (Cascades en inglés) é a principal cordilleira do oeste de América do Norte, que se estende desde o sur da Columbia Británica a través dos estados de Washington e Oregón ata o Norte de California. Comprende tanto montañas non volcánicas, como son moitas das Cascadas Setentrionais, coma os notables volcáns que forman as Altas Cascadas. A pequena parte da cordilleira na Columbia Británica denomínase Cascadas Canadenses ou, localmente, Montañas Cascadas.
Eleccións municipais de 2019 en Galicia
As eleccións municipais de 2019 celebráronse o 26 de maio de 2019 en toda España. En Galicia, escolléronse nelas 313 corporacións municipais, unha menos ca nos comicios precedentes, logo da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade no de Cerdedo-Cotobade. Estas eleccións tamén serviron para determinar a representación dos partidos políticos no pleno das catro deputacións provinciais, de acordo cos resultados obtidos en cada partido xudicial.
A Igrexa católica, tamén coñecida como Igrexa católica romana, é a maior denominación relixiosa cristiá con máis de 1.200 millóns de fieis. Reclámase organizativa e doutrinalmente a Igrexa cristiá orixinal fundada por Xesús e os Doce Apóstolos. A Igrexa católica está gobernada polo papa e polo Colexio Episcopal, integrado polos bispos en comuñón con el, e do cal é cabeza.
Alemaña nazi e Terceiro Reich son os nomes comúns para designar a Alemaña durante o período entre 1933-1945, cando o goberno estaba controlado por Adolf Hitler e o seu Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (NSDAP), máis coñecido como Partido Nazi. Baixo o goberno de Hitler, Alemaña foi transformada nun estado totalitario, onde case todos os aspectos da vida eran controlados polo Estado. A Alemaña nazi deixou de existir despois de que as Forzas Aliadas derrotaran a Wehrmacht en maio de 1945, co que rematou así a segunda guerra mundial en Europa.
Tristan da Cunha é un remoto arquipélago no sur do océano Atlántico. Constitúese como unha dependencia de Santa Helena, a cal forma parte do Territorio Británico de Ultramar. É o arquipélago habitado máis remoto do mundo, pois o lugar habitado máis próximo, a illa de Santa Helena, atópase a 2 161 km.
O Airbus A380, fabricado polo consorcio europeo Airbus desde o 2005 ata 2021, é un avión para o transporte de viaxeiros (entre 555 e 850 viaxeiros), o que o converte no maior avión comercial da historia. Trátase dun catrimotor de dous pisos e fuselaxe ancha e debido ao seu tamaño moitos aeroportos tiveron que modificar e mellorar as súas instalacións para acomodalo. Inicialmente foi chamado Airbus A3XX e deseñouse para desafiar o monopolio de Boeing no mercado dos avións de gran tamaño.
Pedro Froilaz (tamén escrito Pero, así como Froylaz ou Fróilaz), foi un nobre galego nado no século XI, conde de Traba (ou Trava), Trastámara, Galiza e señor doutras tenencias e castelos. Foi o máis importante partidario do conde de Galiza Raimundo de Borgoña, quen lle confiou a crianza do seu fillo Afonso Raimúndez. Na defensa dos dereitos sucesorios do neno enfrontouse á raíña Urraca, nai do infante, e ao seu esposo Afonso o Batallador.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de Internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Bambi é un filme de animación en Technicolor, baseado no relato Bambi, unha vida no bosque (Bambi, ein Leben im Walde no orixinal en alemán), publicado en 1923 polo autor austríaco Felix Salten. É o quinto filme de animación producido por Walt Disney Pictures, estreado o 13 de agosto de 1942, e distribuído por RKO Radio Pictures nas salas de cinema dos Estados Unidos. Os personaxes principais son Bambi, un cervo de cola branca, os seus pais (o Gran Príncipe do bosque e súa nai), os seus amigos Tambor (un coello de fociño rosado) e Flor (unha mofeta), e a súa amiga de infancia e futura compañeira, Faline.
O castelo da Rocha Forte é un sitio arqueolóxico en proceso de escavación do castelo medieval máis emblemático da mitra compostelá, que tivo un período de ocupación desde, aproximadamente, o ano 1240 ao 1467, ano no que foi destruído ata os seus alicerces polos irmandiños. Nel tiveron lugar feitos moi sinalados da historia de Compostela.
De Ninghures é unha banda galega de música folk conformada, á altura de 2019, por un total de 7 integrantes, naturais de distintas localidades do país, tales como Carballo, Santiago de Compostela ou A Fonsagrada. Como grupo, caracterízase pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís.
Os pimpíns de Darwin (tamén chamados pimpíns das Galápagos) son un grupo formado por unhas catorce especies de aves paseriformes. Clasifícanse xeralmente na subfamilia Geospizinae tribo Geospizini. Aínda que se coñecen como pimpíns, foron clasificados durante moito tempo na familia Emberizidae (escribentes), e máis modernamente algúns autores considéranos pertencentes á familia Thraupidae, polo que non serían "verdadeiros pimpíns" (frinxílidos) nin emberícidos (ver sección de taxonomía máis abaixo).
O Grove é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE en 2020 tiña 10 518 habitantes, mantendo un lento declive desde o 2010, cando alcanzou a cifra de 11.297 habitantes; esta curva demográfica mostra un lixeiro ascenso no último censo, con 10.699 habitantes en 2021. Forma unha península situada na beira sur da ría de Arousa.
O Corán ou Alcorán (en árabe: القرآن al-qur'ān, literalmente "a recitación"; tamén Al Qur'ān Al Karīm ou "O Nobre Corán") é o libro sagrado do islam. Os musulmáns cren que o Corán é a transcrición da palabra literal de Deus e a culminación da revelación de Deus á humanidade, transmitida a través do profeta Mahoma durante un período de 23 anos polo anxo Jibreel (Gabriel). O Corán consiste de 114 suras, ou capítulos, cun total de 6.236 aleias (versículos).
Aida Bao Pena, nada en Santiago de Compostela o 1 de febreiro de 1990, é unha xornalista galega de radio e televisión. Ten dirixido e presentado os informativos da fin de semana na Cadea SER, incluíndo Hora 14 Fin de Semana e Hora 25 Fin de Semana. Ademais, colaborou co diario El País mediante a videocolumna semanal Notas de voz en la terraza e é profesora no Máster de Xornalismo UAM - El País.
Gdańsk (en polaco [ˈɡdaɲsk] (AFI), en caxubio Gduńsk) é unha cidade polaca, antigamente coñecida coma Danzig (en alemán [ˈdantsɪç] (AFI)) e tamén chamada Dantiscum, Gedanum, Gedania, Gydannyzc, Danczik e Dantzig. É a capital da rexión de Pomerania con preto de 464.000 habitantes, sendo a sexta cidade máis poboada do país e a súa maior cidade portuaria. A súa importancia histórica en dúas ocasións foi fundamental: na segunda guerra mundial foi o primeiro escenario de enfrontamententos armados, ao ser asaltada polo exército alemán; e durante a guerra fría, por seren os seus estaleiros o lugar que viu nacer o sindicato católico Solidariedade (en polaco, Solidarność) que desestabilizaría o maior país satélite do bloque comunista.
Barrabás (en inglés: Barabbas) é un filme italiano de 1961 dirixido por Richard Fleischer. Está protagonizado por Anthony Quinn como Barrabás, xunto con Silvana Mangano, Katy Jurado, Arthur Kennedy, Harry Andrews, Ernest Borgnine, Vittorio Gassman e Jack Palance, e foi distribuído por Columbia Pictures. Foi concibido como un gran filme épico romano e baséase na novela Barabbas, obra do Premio Nobel de Literatura Pär Lagerkvist.
Hildegart Rodríguez Carballeira
Hildegart Rodríguez Carballeira, nada en Madrid o 9 de decembro de 1914 e finada o 9 de xuño de 1933, foi unha nena prodixio, concibida pola súa nai como o modelo de muller do futuro. Con tres anos escribía e con oito falaba seis idiomas. Acabou a carreira de Dereito con 17 anos e foi membro activa do PSOE e despois do Partido Republicano Democrático Federal.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Barcelona (en catalán pronúnciase [bərsəˈɫonə]) é unha cidade situada no nordés da Península Ibérica, capital de Cataluña, da provincia homónima e da comarca do Barcelonès, así como a segunda cidade maior de España. Situada á beira do mar Mediterráneo, atópase a uns 120 km ao sur da cadea montañosa dos Pireneos e da fronteira con Francia, nunha chaira limitada polo mar ao leste, a serra de Collserola ao oeste, o río Llobregat ao sur e o río Besòs ao norte. É coñecida co alcume da "Cidade Condal" (Ciutat Comtal), por ser a capital do antigo Condado de Barcelona.
LGBT, ou LGTB, é o acrónimo de "Lesbianas, Gais, Bisexuais e Trans". O termo agrupa ás persoas coas orientacións sexuais e identidades de xénero relativas a estas catro verbas, mais tamén pode chegar a referirse a calquera persoa que non sexa heterosexual, heterorromántica ou cisxénero. Existen outras variantes, coma LGBTQ, que engade unha nova letra para as persoas que se identifican coma queer, ou que están cuestionando a súa identidade sexual ou de xénero, mentres que, LGBTA e LGBTI, por exemplo, engaden outra diferente para representar ás persoas asexuais e intersexuais, respectivamente.
Excalibur é o nome máis aceptado da espada lendaria do rei Artur, á que se atribuíron diferentes propiedades extraordinarias ao longo das numerosas versións do mito e as historias subseguintes. Orixinalmente recibiu outros nomes: Caliburn, nos escritos de Geoffrey de Monmouth; e Caledfwlch, en antigas narracións galesas como Culhwch ac Olwen; esta última é unha palabra que deriva do gaélico antigo "caladbolg", que significaría "espada escintilante". A partir das narracións de ficción baseadas no mítico personaxe do rei Artur, a espada Excalibur ten diversas historias asociadas.
Emilia Calé Torres Sanjurjo (asinou Emilia Calé y Torres de Quintero despois de casada) nada na Coruña o 12 de febreiro de 1837 e finada en Madrid o 18 de setembro de 1908, foi unha narradora, poetisa, dramaturga e xornalista galega en lingua castelá. Empregou, en ocasións, o pseudónimo de Esperanza.
Manuel Fraga Iribarne, nado en Vilalba o 23 de novembro de 1922 e finado en Madrid o 15 de xaneiro de 2012, foi un político galego. Foi profesor catedrático de Dereito Político e de Teoría do Estado e Dereito Constitucional, doutor en Dereito e licenciado en Ciencias Políticas e Económicas. Durante o franquismo ocupou os cargos de ministro de Información e Turismo e embaixador de España no Reino Unido.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
A Veiga de Valcarce ou A Veiga do Valcarce (en español e oficialmente Vega de Valcarce) é un concello da comarca do Bierzo, provincia de León, comunidade autónoma de Castela e León que cobre unha superficie de 69,38 km², na que vivían 732 habitantes no ano 2008, cunha densidade de poboación de 10,85 h/km². É considerado tradicionalmente como un dos 47 concellos da Galicia estremeira.
Protestas polo oleoduto Dakota Access
As protestas polo oleoduto Dakota Access, tamén coñecidas polo cancelo #NoDAPL, foron movementos grassroots que comezaron na primavera de 2016 por mor da aprobación da construción do oleoduto Dakota Access por Energy Transfer Partners no norte dos Estados Unidos de América. O oleoduto foi proposto para percorrer dende os campos de petróleo de Bakken Formation no oeste de Dacota do Norte até o sur de Illinois, cruzando o río Missouri e o río Mississippi, así como por baixo do lago Oahe preto da reserva india de Standing Rock. Moitos dos membros das tribos de Standing Rock consideraron o oleoduto unha ameaza para a auga limpa da rexión e dos seus antigos campos de enterramento.
Churrasco é un termo que se refire á carne asada á brasa nunha grella. De orixe ibérica, o churrasco aparece xa citado en documentos do século XV, traspasado ás Américas coma un xeito de preparación da carne moi común en toda Suramérica. É típico dun amplo número de países desde España e Portugal a América Latina (asado) particularmente na Arxentina, o Uruguai e Nicaragua; e tamén no Brasil (churrasco) e nos Estados Unidos (barbacue).
O panxabí, tamén coñecido como punjabi (nome local: ਪੰਜਾਬੀ / pañjābī ou پنجابی / panjābī) é unha lingua indoeuropea da rama das linguas indoiranias falada na India (rexión do Panxab) e en Paquistán, por preto de 100 millóns de falantes (entre todos os dialectos; ese número pode ser ben máis pequeno de excluírmos certos dialectos); deriva de prácritos, como o hindi, pero é máis arcaico, e, xa que logo, máis irregular que este. Para a súa escritura emprega principalmente o semisilabario gurmukhî, así como o devanágari ou o alfabeto árabe na súa variante persa. Esta lingua sería, co hindi, a lingua nai do romaní, a lingua dos xitanos.
Francia ( pronunciación ) (en francés: France, [fʁɑ̃s] (AFI), escoitar), oficialmente República Francesa ( pronunciación ) (en francés: République française, [ʁepyblik fʁɑ̃sɛz] (AFI)) é un estado membro da Unión Europea, con capital en París, que se estende sobre unha superficie total de 675 417 km², incluíndo Francia metropolitana e os territorios de ultramar espallados nos cinco continentes. Conta cunha poboación de 64,9 millóns de habitantes. Constituído en estado democrático de dereito, a súa forma de goberno esta organizada como república semipresidencialista, co nome oficial de República Francesa (République française) e o lema Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade, Fraternidade).
O castro de San Cibrao de Las, tamén coñecido como A Ciudá, Lambrica, Lansbrica ou Lanobrica, é un dos castros galaicos en proceso de escavación de maior tamaño entre os localizados no territorio da actual Galicia, e un dos catro piares da Rede Galega do Patrimonio Arqueolóxico. Do resultado dos estudos arqueolóxicos pódese definir un período de ocupación continuada desde o século II a.C. ata o século II d.C., e con posibles ocupacións esporádicas máis tardías. A Cidade é o nome tradicional entre as xentes dos arredores.
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961, é un político galego, senador nas Cortes Xerais e presidente do Partido Popular dende o 2 de abril de 2022. Anteriormente foi presidente da Xunta de Galicia durante 13 anos, entre abril de 2009 e maio de 2022. Despois de presidir Correos e exercer como conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia durante o goberno de Manuel Fraga, en 2006 sucedeu a este á fronte do Partido Popular de Galicia.
Eleccións municipais en Ourense
Estes foron os resultados das eleccións municipais no concello de Ourense dende 1979.
As plumas de voo (Pennae volatus) son as plumas pennáceas longas, ríxidas, de forma asimétrica, pero emparelladas simetricamente, das ás e cola das aves; as situadas nas ás denomínanse rémixes ou remeiras, as ás da cola, rectrices ou temoneiras. A función primaria das plumas de voo é axudar á xeración do impulso e sustentación, posibilitando o voo das aves. As plumas de voo dalgunhas aves evolucionaron para realizar funcións adicionais, xeralmente asociadas con exhibicións territoriais, rituais de cortexo ou métodos de alimentación.
Aleksei Borisovich Lobanov-Rostovskii (ruso: Алексе́й Бори́сович Лоба́нов-Росто́вский), nado o 30 de decembro de 1824 en Alekseevskii no oblast’ de Voronezh e finado o 30 de agosto de 1896 en Shepetivka, foi un aristócrata, diplomático e político ruso, coñecido por concluír o Tratado Li-Lobanov coa China, a Paz de Constantinopla co Imperio Otomán e pola obra xenealóxica Russkaja rodoslovnaja kniga.
Tareixa Afónsez, nada cara ao 1080 e finada o 1 de novembro de 1130, foi a primeira condesa de Portucale. Entre o 1095/1096 e o 1112 exerceu o goberno do condado á par do seu marido, Henrique de Borgoña, desde a morte deste en 1112 até 1128 gobernou o condado en solitario. O fillo de ambos, Afonso Henriques, converteríase no primeiro rei de Portugal.
GIF (Graphics Interchange Format) é un formato gráfico de mapa de bits para imaxes de ata 256 cores. O formato introduciuno CompuServe en 1987. Deseñado especificamente para comprimir imaxes e gráficos creados por ordenador, o formato tivo unha gran popularidade na World Wide Web xa que, ao utilizar o algoritmo de compresión sen perda LZW, mesmo imaxes de gran tamaño podían descargarse nun período de tempo razoable, aínda con módems moi lentos.
En programación concorrente, un interbloqueo (tamén coñecido como bloqueo mutuo ou deadlock) é calquera situación onde un conxunto de entidades non pode continuar porque cada membro do conxunto espera a outro membro del para continuar. No contexto dos sistemas operativos, os interbloqueos ocorren cando un proceso ou fío ocorre entra nun estado de espera porque un recurso do sistema está sendo usado por outro proceso, que espera un recurso que está usando o primeiro (considerando un conxunto de dous procesos).
Harry Potter é o nome dunha serie de sete novelas de fantasía escritas pola británica J. K. Rowling. Os libros narran a vida dun meigo adolescente, Harry Potter, e dos seus amigos Hermione Granger e Ron Weasley, todos eles alumnos da Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. A trama central do argumento xira arredor da loita de Harry contra Lord Voldemort, un meigo escuro que pretende conseguir a inmortalidade, derrocar o goberno máxico coñecido como Ministerio de Maxia, conquistar o mundo máxico e someter os meigos e os muggles, as persoas non-máxicas.
Un xogo de rol é un xogo en que cada xogador participante interpreta un determinado rol ou papel dentro dunha aventura arbitrada polo chamado director de xogo. Nos xogos de rol, os xogadores, axudados polo Dx (Director de Xogo, Master, Narrador etc.), encarnan os papeis de personaxes que habitan outros mundos ou situacións diferentes ás reais, "vivindo" aventuras neses mundos que, normalmente, están inzadas de dificultades, inimigos, xentes e razas fantásticas, conflitos e maxia. Os xogos de rol desenvólvense ao redor dunha mesa, na cal se sentan os xogadores que encarnan aos "Px´s" (Personaxes xogadores) e o Director de Xogo.
William John "Liam" Neeson, nado o 7 de xuño de 1952 en Ballymena, condado de Antrim (Irlanda do Norte) é un actor irlandés que acadou a fama por protagonizar o filme de Steven Spielberg A lista de Schindler. Dende aquela protagonizou numerosos filmes de éxito, como Star Wars Episode I: The Phantom Menace, Taken, Taken 2, Michael Collins, Les Misérables, Batman empeza, Kinsey, Furia de titáns e a serie The Chronicles of Narnia. Foi nomeado a varios premios como o Oscar ó mellor actor, o BAFTA ó mellor actor e tres Globos de Ouro ó mellor actor dramático.
Un cruceiro é un monumento relixioso constituído por unha cruz de pedra elevada sobre unha columna, habitualmente con unha ou varias imaxes, asentada sobre unha plataforma e situado, normalmente, en lugares públicos, principalmente encrucilladas, beiras de camiños, adros de igrexas etc., lugares nos que ás veces existían xa cultos pagáns á natureza, teoría xa proposta por Murguía e mantida por case tódolos autores O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na terra e na cultura galegas, intimamente vencellado á paisaxe rural galega Xorde nos máis inesperados recunchos e constitúese en obxecto de respecto e devoción populares. Hoxe séguense a esculpir e plantar en prazas públicas, xardíns e propiedades particulares pero xa cun obxectivo decorativo nada máis. O cruceiro tamén é característico doutras rexións do mundo con fortes raíces católicas, por exemplo Irlanda en Europa onde se chaman high cross as que son de influencia celta e que existen desde o século VII. Tamén aparecen cruceiros semellantes aos galegos e portugueses en amplas zonas de Francia (especialmente na Bretaña, onde se levantan algúns moi espectaculares chamados calvarios, con moitísimas figuras), Alemaña e Gran Bretaña.
O Val de Aosta (en italiano Valle d'Aosta, en francés Vallée d'Aoste e en francoprovenzal Val d'Oûta) é unha rexión autónoma con estatuto especial da Italia noroccidental. Ten preto de 120.000 habitantes e a capital é Aosta. Limita ao norte con Suíza (Cantón Valais), ao oeste con Francia (departamentos da Alta Savoia e de Savoia, na rexión de Ródano-Alpes), ao sur e ao leste co Piemonte (provincias de Torino, Biella e Vercelli).
As Illas Ons son un arquipélago nas rías baixas formado pola illa de Ons e a illa de Onza ou Onceta e outros illotes, como o das Freitosas, o Centulo e a Laxe do Crego. O arquipélago das Ons, ao igual que demais illas atlánticas galegas, son unha barreira natural das rías e as Ons pechan a boca da ría de Pontevedra. A illa de Ons é alongada e cun relevo pouco marcado.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 32.490 espectadores. Na tempada 2024/25 compite na Segunda División Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gañou unha Copa do Rei e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
A banda da Loba é un grupo de música galega integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo. Mesturando pop, blues, folk, rock e sons tradicionais crean un estilo musical de seu, heteroxéneo e singular. Bailando as rúas é o título do seu primeiro traballo, enteiramente autoproducido e editado no Nadal de 2017.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Rodrigo Ovéquiz (ás veces escrito Rodrigo Ovéquez e mesmo Rodrigo Ováquiz), conde de Lugo e autoproclamado conde de Galiza, foi un importante persoeiro na Galiza do século XI, na que foi líder da nobreza local e sostén do rei García II de Galicia. Fillo de Oveco Bermúdez e Elvira Suárez, sublevouse co seu pai e co bispo de Santiago de Compostela, Diego Peláez, contra Afonso VI de León. A revolta fracasou e o monarca confiscoulle os bens e desterrouno.