Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
O día da Clase Obreira Galega é unha conmemoración anual non festiva celebrada cada 10 de marzo para lembrar a morte de dous traballadores galegos nun enfrontamento coa policía en Ferrol. A súa orixe está no 10 de marzo de 1972, cando a policía franquista disparou contra unha protesta sindical nos estaleiros de Bazán, en Ferrol, e onde morreron dous traballadores, Amador Rey e Daniel Niebla, e onde resultaron feridos ao redor de medio cento de manifestantes máis. Dende aquel ano, a data é homenaxeada polas diferentes organizacións sindicais de Galiza, reclamando melloras sociais e laborais.
Ursula Gertrud von der Leyen, nada como Ursula Gertrud Albrecht en Ixelles, Bruxelas, o 8 de outubro de 1958, é unha política alemá, presidenta da Comisión Europea dende 2019. Von der Leyen está afiliada á Unión Demócrata Cristiá (CDU), partido de centro-dereita do cal é unha das vicepresidentas. Foi a primeira muller no cargo de ministra de Defensa de Alemaña, entre 2013 e 2019, despois de liderar os ministerios de Traballo e Asuntos Sociais, entre 2009 e 2013, e de Familia, Terceira Idade, Mulleres e Xuventude, entre 2005 e 2009.
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas cuxo obxectivo é promover a paz e a seguridade mundial mediante a cooperación internacional en materia de educación, artes, ciencias e cultura. Ten 194 estados membros e 12 membros asociados, así como socios das organizacións non gobernamentais, intergobernamentais e do sector privado. A súa sede atópase en París, Francia, mais a UNESCO ten 53 oficinas rexionais de campo e 199 comisións nacionais que facilitan o seu mandato global.
Newcastle upon Tyne, coñecida habitualmente como Newcastle, é unha cidade de Inglaterra, do distrito de Tyne e Wear, na rexión de North East England. A cidade é a vixésima máis poboada de Inglaterra, e a aglomeración de Tyneside, da que forma parte Newcastle, é a sexta aglomeración urbana máis poboada do Reino Unido.
Francisco Franco Bahamonde, nado en Ferrol o 4 de decembro de 1892 e finado en Madrid o 20 de novembro de 1975, tamén coñecido como o Caudillo ou o Xeneralísimo, foi un militar e ditador galego, integrante do golpe de Estado de 1936 contra o goberno democrático da Segunda República, que desembocou na guerra civil española. Foi investido como xefe supremo do bando sublevado o 1 de outubro de 1936, exercendo como Xefe do Estado de España desde o remate do conflito en 1939 ata o seu falecemento en 1975, e como xefe de Goberno entre 1938 e 1973. Foi líder do partido único Falange Española Tradicionalista y de las JONS, no que se apoiou para establecer un réxime de inspiración fascista nos seus comezos, que máis tarde derivaría nunha ditadura, coñecida como franquismo, de tipo ultraconservador, católico e anticomunista.
William Anthony Colón Román, coñecido artisticamente coma Willie Colón ou polo alcume El Malo del Bronx, nado na parte sur do Bronx (Nova York) o 28 de abril de 1950 e finado na mesma cidade o 21 de febreiro de 2026, foi un cantante, compositor e trombonista estadounidense de orixe portorriqueña. Está casado e ten catro fillos. Está recoñecido coma un dos pioneiros da salsa, movemento musical aparecido na década dos 70.
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Fernando Ónega López, nado en Mosteiro (Pol) o 16 de xuño de 1947 e finado en Madrid o 3 de marzo de 2026, foi un xornalista galego. Ao longo da súa carreira traballou en gabinetes oficiais, prensa escrita, radio e televisión pública (TVE) e privada (Telecinco e Antena 3). Foi xefe de prensa da Guardia de Franco (1975) e subdirector do diario Arriba, órgano oficial da Falanxe.
Colomán de Galicia (en húngaro: Kálmán; en ucraíno: Коломан), nado en 1208 e finado en 1241, foi o gobernante de Galicia, príncipe dende 1214, rei dende 1215 ou 1216 até 1221, e o duque de Eslavonia dende 1226 até a súa morte. Foi o segundo fillo de André II de Hungría e Xertrude de Merania. O seu pai e Leszek I o Branco, duque de Polonia, concluíron un acordo sobre o matrimonio de Colomán e a filla de Leszek, Salomé, e a división de Galicia, asignando as súas rexións occidentais a Leszek e as terras restantes a Colomán.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A ADN topoisomerase IIα (2 alfa) é un encima humano codificado polo xene TOP2A do cromosoma 17. A topoisomerase IIα serve para aliviar os estrés topolóxico do ADN durante a transcrición, condensa os cromosomas e separa as cromátides. Cataliza a rotura transitoria e reunificación das dúas febras do dúplex de ADN, o cal permite que as febras pasen unha a través da outra.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Victoria Pérez Díaz, coñecida artisticamente como Victoria Vera, nada en Madrid o 19 de febreiro de 1956, é unha actriz española. Comezou a súa carreira nos anos finais da ditadura franquista, sendo considerada a Musa da Transición Española. Rodou con estrelas como Anthony Quinn, Omar Sharif e o cantante Alice Cooper, e durante os anos 1980 protagonizou algunhas das películas máis significativas do cine español como Asignatura aprobada (finalista no Óscar á mellor película estranxeira en 1988) e Testigo Azul, de P. Rodríguez, que participou no Festival de Cine de Berlín.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Estatua de Che Guevara en Oleiros
A Estatua de Che Guevara en Oleiros é unha homenaxe ao Che Guevara na avenida que leva o seu nome en Oleiros, na rotonda á altura do parque de Nirvana, preto da praia de Bastiagueiro. A estatua está baseada na famosa fotografía Guerrillero Heroico de Alberto Korda. A Escola de Artes Plásticas San Alejandro, da Habana, fixo un concurso de deseño da estatua que gañou o escultor Juan Quintanilla Álvarez e o músico Karol William Pérez.
Malala Yousafzai (en paxto: ملاله یوسفزۍ, e en urdú: ملالہ یوسف زئی Malālah Yūsafzay), nada o 12 de xullo de 1997, é unha activista a prol da educación feminina en Paquistán, e a persoa máis nova en recibir un Premio Nobel en calquera categoría. É coñecida pola súa defensa dos dereitos humanos, en especial o dereito á educación e os dereitos das mulleres no Val de Swat, no noroeste de Paquistán, onde os talibáns prohibiran ás mulleres asistir ó colexio. A loita de Yousafzai converteuse dende entón nun movemento internacional.
Tanxugueiras é un trío de pandeireteiras galegas formado por Aida Tarrío e as irmás xemelgas Olaia e Sabela Maneiro. O grupo traballa co repertorio da música tradicional galega, tratando de darlle unha sonoridade máis moderna, que a aproximan ao trap ou á electrónica. Nas súas pezas saliéntanse temas como o entendemento entre pobos, a defensa da lingua e da cultura galegas e o apoderamento da muller.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 230.146.
O Imperio Romano (en latín: imperium romanum) foi un imperio da antigüidade sucesor da República Romana e caracterizado por un sistema autocrático. Gobernou extensas terras ao longo de Europa e o Mediterráneo. Durante o mandato de Traxano abarcaba, de oeste a leste, dende o océano Atlántico até as beiras do mar Caspio, o mar Vermello e o golfo Pérsico e, de norte a sur, dende as fragas dos ríos Rin e Danubio e a fronteira con Caledonia até o deserto do Sáhara.
Carol é unha novela da escritora estadounidense Patricia Highsmith. Publicada orixinalmente en 1952 baixo o título "The Price of Salt" ("O prezo do sal") co pseudónimo de Claire Morgan, foi reeditada en 1989 co título de Carol, aparecendo xa con Patricia Highsmith como autora. Foi traducida ao galego por María Alonso Seisdedos e publicada por Kalandraka en 2022 nunha edición revisada con epílogo da autora.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Carmen Eulalia Campoamor Rodríguez coñecida como Clara Campoamor, nada en Madrid o 12 de febreiro de 1888 e finada en Suíza o 30 de abril de 1972, foi unha política e feminista española. Como deputada defendeu nas cortes o sufraxio universal, especialmente o voto feminino, lográndoo o 1 de outubro do 1931.
As acanaladuras son estrías ou sucos verticais, usualmente de sección semicircular, talladas sobre o fuste dunha columna, un piar, unha pilastra ou nun tríglifo. Na columna dórica, están separadas por arestas vivas; na xónica e na corintia, por nervaduras. A orde toscana non ten acanaladuras e son opcionais para as outras ordes.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
A Gran Barreira de Coral (en inglés Great Barrier Reef) é o máis grande arrecife coralino do mundo composto por máis de 2.900 arrecifes individuais (sen incluír os arrecifes do estreito de Torres, que se calculan en 750 nunha área de 37.000 km2), e 900 illas nunha franxa de máis de 3.000 quilómetros sobre unha área de aproximadamente 348.000 km2. O arrecife está situado no mar do Coral, ao longo da costa do estado de Queensland no nordés de Australia. A Gran Barreira de Coral pódese ver desde o espazo exterior e é a estrutura máis grande do mundo feita por organismos vivos.
Morgana en Esmelle é unha novela en lingua galega escrita por Begoña Caamaño e publicada por Editorial Galaxia en 2012. Gañou o Premio Ánxel Casal da Edición da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no 2013.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
O Texas hold'em é unha das modalidades máis disputadas de póker a nivel mundial, tanto na súa versión con límite fixo de apostas (Limit Texas hold'em), con límite variábel (Pot limit Texas hold'em) ou sen el (No limit Texas hold'em). Precisamente nesta última versión dispútase o Evento Principal das World Series of Poker ou o World Poker Tour. A diferenza doutros tipos de póker, o Texas hold'em é un xogo de cartas comunitarias, onde cada xogador ten que consegui-la mellor xogada posíbel de cinco naipes combinando as dúas cartas repartidas de man (pocket cards ou hole cards) coas cinco comunitarias dispoñíbeis para o resto de xogadores, existindo catro roldas de apostas acumuladas no bote dende que se reparten as cartas iniciais até que se destapan (showdown), momento no que o xogador gañador leva o bote.
Nova York (en inglés: New York; /njuːˈjɔɹk/ ) é a principal cidade do Estado de Nova York e dos Estados Unidos de América. Foi construída a partir dunha pequena colonia na illa de Manhattan, nos seus comezos holandesa co nome de Nova Ámsterdan, que pasou logo a mans inglesas. Cos seus oito millóns de habitantes, que chegan aos 18,7 millóns na súa área metropolitana, a rexión metropolitana de Nova York é facilmente a maior dos Estados Unidos de América, e a segunda máis populosa da América do Norte (despois da Cidade de México).
A Internacional (L'Internationale en francés) é a canción socialista máis famosa, adoptada tamén polos anarquistas e comunistas, unha das cancións máis coñecidas internacionalmente, ademais do himno dos traballadores de todo o mundo. A letra orixinal é de Eugène Pottier en 1871 e música de Pierre Degeyter en 1888.
Atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid
Os Atentados do 11-M ou Atentados do 11M, coñecidos tamén como 11M, foron unha serie de ataques terroristas en catro trens da rede ferroviaria de Madrid. Foron levados a cabo por unha célula xihadista, segundo a investigación policial e as sentenza da Audiencia Nacional e do Tribunal Supremo. Faleceron 193 persoas e arredor de dúas mil resultaron feridas.
Société française de numismatique
A Société française de numismatique (en galego: "Sociedade Francesa de Numismática") é unha entidade asociativa francesa centrada no ámbito da numismática, establecida en París en 1865. En 2018 foi elixida presidenta da sociedade a investigadora numismática e profesora universitaria Catherine Grandjean, directora da revista Revue Numismatique desde 2014.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Os Séculos Escuros son un período de decadencia da lingua e literatura galega que abrangue os séculos XVI, XVII e XVIII. Caracterízase pola ausencia case total de literatura galega e polo estado de prostración e marxinación social da lingua galega a raíz da imposición do castelán. A lingua propia de Galicia entra nun período de decadencia e perde o seu uso nos rexistros oficiais, e dunha maneira paralela prodúcese unha enorme perda do poder político do Reino de Galicia. Porén, a existencia dalgúns documentos como o poema a Diego das Mariñas ou as perdidas Galegadas de Gregorio de Lobariñas Feixoo, escritas en galego entre os séculos XV e XVIII, desafían a percepción decadente e subliñan a resistencia cultural e lingüística en Galicia durante esta época.
Benjamín «Bibi» Netanyahu (en hebreo, בִּנְיָמִין «בִּיבִּי» נְתָנְיַהוּ Binyamin Netanyahu ), nado en Tel Aviv o 21 de outubro de 1949, é un político israelí, primeiro ministro de Israel dende o 29 de decembro de 2022. É a persoa que máis tempo exerceu este posto pois, previamente, xa fora primeiro ministro en dúas xeiras (de 1996 a 1999 e de 2009 a 2021). Tamén é membro da Knesset e presidente do partido conservador Likud.
O politeísmo (do grego πολύς "moito" e θεός "deus") consiste en crer e/ou adorar moitos deuses e divindades. Segundo a Oxford Reference (en), non é doado contar os deuses, e polo tanto non sempre é obvio se unha relixión aparentemente politeísta, como as relixións populares chinesas, o é realmente, ou se os diferentes obxectos de adoración aparentemente deben considerarse como manifestacións dunha divindade singular. Politeísmo é toda aquela doutrina relixiosa que cre na existencia de múltiples deuses ou divindades organizadas nunha xerarquía ou panteón máis ou menos independentes.
Miquel Iceta i Llorens, nado en Barcelona o 17 de agosto de 1960, é un político catalán, primeiro secretario do Partit dels Socialistes de Catalunya (PSC) dende o ano 2014. Dende xaneiro a xullo de 2021 foi ministro de Política Territorial do Goberno de España, en substitución de Carolina Darias, que foi nomenada Ministra de Sanidade, en substitución de Salvador Illa, que deixou o cargo para concorrer como candidato do PSC nas eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2021. Dende xullo de 2021 ata novembro de 2023 foi ministro de Cultura e Deporte.
María de los Ángeles Alvariño González, nada en Serantes (Ferrol) o 3 de outubro de 1916 e finada en La Jolla (San Diego) o 29 de maio de 2005 e coñecida como Ángeles Alvariño, foi unha zoóloga, oceanógrafa e mestra galega que liderou o comezo a investigación oceanográfica global. Destacou por describir 22 novas especies de zooplancto mariño, o seu coñecemento dos quetógnatos e por crear novos indicadores das condicións mariñas. Comezou a súa carreira de investigación no Instituto Español de Oceanografía en Madrid e Vigo.
María Concepción Jesusa Petra Luisa Vicenta Arenal Ponte, nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893, foi unha diplomada en Dereito, xornalista, precursora do feminismo, poeta e autora dramática galega. É considerada unha das pensadoras máis lúcidas e prestixiosas do século XIX dentro e fóra do país. Foi a primeira muller en asistir a unha Universidade española.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'España, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera, o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Nicolás Franco Bahamonde, nado en Ferrol o 1 de xullo de 1891 e finado en Madrid o 15 de abril de 1977, foi un militar e político galego, participante na sublevación militar contra a II República que deu orixe á guerra civil española. Era o irmán máis vello de Ramón, Pilar, María de la Paz e Francisco Franco Bahamonde, quen asumiu a xefatura do Estado tralo conflito.
Qatar (/ˈkætɑːr/,) (en árabe: قطر), oficialmente o Estado de Qatar (en árabe: دولة قطر, Dawlat Qatar) é un país soberano localizado no oeste de Asia, ocupando a pequena Península de Qatar na costa noroeste da Península Arábiga. Ten fronteira terrestre con Arabia Saudita no sur, co resto do seu territorio rodeado polo Golfo Pérsico. Un estreito no Golfo Pérsico separa Qatar do seu veciño Bahrain, tamén compartindo fronteiras marítimas cos Emiratos Árabes Unidos e Irán.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península Ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.