Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A lingua das bolboretas é a versión cinematográfica de varios relatos do escritor Manuel Rivas, publicados dentro do libro Que me queres, amor?. José Luis Cuerda levou ó cine no ano 1999 esta historia da infancia nun contorno rural case idílico sobre a que se cerne a sombra do alzamento contra a II República Española.
Pedro Sánchez Pérez-Castejón, nado en Madrid o 29 de febreiro de 1972, é un economista e político español, presidente do Goberno de España dende 2018. Tamén é secretario xeral do Partido Socialista Obrero Español (PSOE). Concelleiro do Concello de Madrid entre 2004 e 2009, en setembro de 2009 converteuse en deputado no Congreso.
Lista de comunidades autónomas españolas por poboación
Lista das comunidades autónomas españolas ordenadas por poboación segundo padrón municipal, a 1 de xaneiro do 2018.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
José Emilio Santamaría Iglesias, nado en Montevideo o 31 de xullo de 1929 e finado en Madrid o 15 de abril de 2026, foi un futbolista e adestrador uruguaio de orixe galega. Defensor de gran fortaleza física, desenvolveu toda a súa carreira futbolística en dous clubs: Nacional de Montevideo e Real Madrid. Co primeiro deles xogou durante unha década, logrando varios títulos, entre eles cinco campionatos uruguaios de Primeira División.
Andrés Lapique do Barro, máis coñecido como Andrés do Barro, tamén coñecido como Andrés Dobarro, nado en Ferrol o 1 de outubro de 1947 e finado en Madrid o 22 de decembro de 1989, foi un cantante e actor galego. Coñecido popularmente como Andrés do Barro, ten o mérito de ser dos primeiros cantantes que usaron o galego durante o franquismo. Malia os atrancos para a expresión musical en galego, varias cancións súas foron número un nas principais cadeas radiofónicas estatais.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Anna's Archive é un motor de procura de código aberto para bibliotecas na sombra (repositorios de textos dixitais que non son facilmente accesíbeis doutro xeito). Foi creado por alguén que utiliza o Pseudónimo Anna #, pouco despois dos intentos de pechar a biblioteca Z-Library en 2022, aplicando a lei. O sitio web recolle rexistros de Z-Library, Sci-Hub, e a Biblioteca Genesis (LibGen), entre outras fontes.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Charles Robert Darwin [tʃɑrlz ˈdɑrwɪn], nado o 12 de febreiro de 1809 e finado o 19 de abril de 1882, foi un naturalista, biólogo e xeólogo inglés que destaca pola súa achega á teoría evolutiva. Observou e postulou que todas as especies de organismos vivos evolucionaron a partir dun único antecesor común. Nunha publicación conxunta con Alfred Russel Wallace, introduciu a teoría de que ese fenómeno de diversificación é o resultado do que denominaron selección natural; un proceso no que a competición por persistir ten a mesma resultante que teñen os cruzamentos selectivos na selección artificial.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 32.490 espectadores. Tras catro tempadas na terceira categoría, na tempada 2024/25 regresou á Segunda División.
Maria Salomea Skłodowska-Curie (ˈmarja salɔˈmɛa skwɔˈdɔfska), máis coñecida como Marie Curie, nada en Varsovia o 7 de novembro de 1867 e finada en Passy (Francia) o 4 de xullo de 1934, foi unha física e química polonesa nacionalizada francesa. Pioneira no campo da radioactividade, foi a primeira muller en recibir un premio Nobel, a primeira persoa e a única muller en recibir dous premios Nobel, sendo ata o momento a única persoa en recibir o premio Nobel en distintas categorías científicas. Foi parte do legado da familia Curie de cinco premios Nobel (dous, ela; un, o seu marido Pierre Curie; un, a súa filla Irène Joliot-Curie; e outro, o seu xenro Frédéric Joliot-Curie).
Fortnite Festival é un videoxogo de ritmo de 2023 desenvolvido por Harmonix e publicado por Epic Games. No videoxogo, os xogadores interpretan cancións mentres intentan lograr a maior puntuación posíbel segundo o seu desempeño. Cada canción conta con catro instrumentos diferentes, e os xogadores escollen que parte da canción queren tocar, así como a dificultade; os niveis máis altos cambian a disposición das cancións.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 231.001.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
San Cibrán de Viladabade (até 2026, A Vila de Abade (San Cibrán)) é unha parroquia que se localiza no oeste do concello de Tordoia. Segundo o IGE en 2022 tiña 384 habitantes (206 mulleres e 178 homes) distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 669 habitantes.
A polinucleótido fosforilase (PNPase) é un encima bifuncional cunha actividade fosforolítica de exorribonuclease 3'→5' e unha actividade de oligonucleótido polimerase 3'-terminal. Isto quere dicir que desmantela unha cadea de ARN empezando polo extremo 3' avanzando cara ao extremo 5'. Tamén sintetiza colas moi heterpoliméricas longas in vivo.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península Ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Morgana en Esmelle é unha novela en lingua galega escrita por Begoña Caamaño e publicada por Editorial Galaxia en 2012. Gañou o Premio Ánxel Casal da Edición da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no 2013.
Nomes da folla do piñeiro en Galicia
Existe en Galicia unha riqueza sinonímica enorme que fai referencia á folla do piñeiro, habendo gran número de palabras para denominar á folla desta árbore. Fermín Bouza Brey publicou no ano 1948 Nombres de la hoja del pino en Galicia, nos Cuadernos de Estudios Gallegos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, traballo no que se recollen por orde alfabética un total de 92 termos diferentes para denominar á folla do piñeiro, e ó seu carón, os lugares onde son utilizados. Segundo os datos recompilados no Atlas Lingüístico de Galicia (ALGa), non se produciron variacións significativas ó longo dos últimos anos canto á terminoloxía descrita por Bouza Brey, polo que segue estando vixente na actualidade.
Carlos Casares Mouriño, nado en Ourense o 24 de agosto de 1941 e finado en Vigo o 9 de marzo de 2002, foi un escritor en lingua galega, crítico literario e político. Estudou filosofía e letras en Santiago de Compostela, cidade na que entrou en contacto con representantes do galeguismo, como Ramón Piñeiro. Foi director da editorial Galaxia e da revista Grial.
Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un xeógrafo, profesor, escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituíntes republicanas.
A galegofobia ou galaicofobia fai referencia á aversión non xustificada cara a Galicia, cara á cultura e lingua galegas e cara ao individuo galego e a súa identidade. Malia que o termo non aparece recollido en ningún dicionario de corte académico, trátase da denominación xenérica e popular para se referir a este fenómeno tanto na prensa coma no eido social. Así, a primeira constancia que se ten do seu uso é nun artigo de prensa asinado por Villar Ponte e datado en 1916.
Fernando Tomás Ares Pena, alcumado Xan das Bólas, nado na Coruña o 30 de outubro de 1908 e finado en Madrid o 13 de outubro de 1977, foi un actor galego. Foi un dos actores secundarios cunha traxectoria máis longa na historia do cine español, aparecendo en arredor de 300 filmes, habitualmente con pequenos papeis cómicos nos que representaba personaxes con variados oficios. Con todo, o seu traballo foi criticado por boa parte da intelectualidade e a crítica galega pola ridiculización do pobo galego á que contribuía coas súas interpretacións de personaxes risibles, ás que engadía un esaxerado acento galego.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
O caso Reace é o escándalo que salpicou a empresa Reace (Refinería del Noroeste de Aceites y Grasas, SA) en marzo de 1972 en Guixar (Vigo) após a desaparición de 4 036 052 kg de aceite de oliva, propiedade da Comisaría de Abastecimientos y Transportes (CAT) e valorado en 167 615 172 pesetas. Arredor do caso producíronse diversas mortes en estrañas circunstancias por parte de persoas implicadas no caso. A empresa Reace foi fundada na localidade pontevedresa de Redondela, polo que popularmente o caso se coñece tamén como o caso do aceite de Redondela.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Delfínidos (Delphinidae) é unha familia de mamíferos cetáceos odontocetos que inclúe aos golfiños ou delfíns, canda outras especies como os arroaces, as toniñas, os caldeiróns ou a candorca. Na bibliografía internacional coñécense como golfiños oceánicos, para distinguilos dos golfiños de auga doce, que pertencen a outras familias (aínda que algúns delfínidos tamén poden vivir en estuarios e ríos). De entre 2 e 9 m de lonxitude, o seu corpo é fusiforme, coa cabeza grande, cun fociño alongado, e só posúen un espiráculo (como todos os odontocetos).
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
O pene é o órgano masculino que intervén na excreción urinaria e en certas prácticas sexuais. O pene en erección, en especial a súa representación, recibe o nome de falo. Intervén na expulsión do esperma e os ouriños e a súa forma e tamaño depende do grao de excitación sexual e doutros factores externos.
Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 30 de setembro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX. Membro da xeración Nós, é considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego. Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega.
Mariano Rajoy Brey, nado en Santiago de Compostela o 27 de marzo de 1955, é un político galego, presidente do Goberno de España desde 2011 ata 2018, durante as X e a XII lexislaturas e presidente do Goberno en funcións durante a breve XI lexislatura de España. Rajoy serviu como ministro nos gobernos de José María Aznar en diversas carteiras entre 1996 e 2003, e como vicepresidente do Executivo de 2000 a 2003. Entre 2003 e 2004, cando foi elixido presidente do Partido Popular, desempeñou o cargo de secretario xeral da formación.
O accidente de Chernóbil foi un accidente nuclear ocorrido o 26 de abril de 1986 na central nuclear de Chernóbil, situada na República Socialista Soviética de Ucraína (actual Ucraína). Un estoupido e un incendio lanzaron grandes cantidades de contaminación radioactiva á atmosfera, que se estendeu sobre gran parte do oeste de Rusia e Europa. Está considerado o peor accidente nunha central nuclear da historia, e foi o primeiro clasificado como de nivel 7 na escala internacional de eventos nucleares (no 2011 chegou a este nivel o accidente nuclear de Fukushima).
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Un terzo era unha unidade militar do exército do Imperio Español durante a época da Casa dos Austria. Os terzos foron famosos pola súa resistencia no campo de batalla, formando a elite das unidades militares dispoñíbeis para os reis de España da época. Os terzos foron a peza esencial da hexemonía terrestre, e en ocasións tamén marítima do Imperio.
A AC-523 (na provincia da Coruña), é unha estrada da Rede Primaria Básica da Xunta de Galicia que une as localidades de Ledoño (Culleredo) e Meirama (Cerceda); atravesa os concellos de Culleredo, A Laracha e Cerceda. Ten unha lonxitude de 15,65 quilómetros e iníciase nun cruzamento coa A-6 en Ledoño (Culleredo) e finaliza nun cruzamento coa DP-2405 en Meirama (Cerceda).
Albert Einstein, ( [ˈalbɐt ˈaɪnʃtaɪn] ) nado en Ulm o 14 de marzo de 1879 e finado en Princeton (Estados Unidos) o 18 de abril de 1955, foi un físico e matemático alemán de nacemento recoñecido internacionalmente por propor a teoría da relatividade, un dos piares da física moderna xunto a mecánica cuántica. A obra de Einstein resultou tamén de grande influencia na filosofía da ciencia. Einstein é coñecido na cultura popular pola súa fórmula da equivalencia masa-enerxía E = mc2, alcumada "a fórmula máis famosa do mundo".