Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
Elsa Lafuente Medianu, nada o 18 de xullo de 1976 en Madrid, é unha actriz española máis coñecida polo seu nome artístico Elsa Pataky. O seu pai, José Francisco, é químico e a súa nai Cristina (de orixes romanesas) é publicista. O seu apelido artístico é o dun avó que a introduciu no mundo da interpretación.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Pedro Sánchez Pérez-Castejón, nado en Madrid o 29 de febreiro de 1972, é un economista e político español, presidente do Goberno de España dende 2018. Tamén é secretario xeral do Partido Socialista Obrero Español (PSOE). Concelleiro do Concello de Madrid entre 2004 e 2009, en setembro de 2009 converteuse en deputado no Congreso.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Lista de comunidades autónomas españolas por poboación
Lista das comunidades autónomas españolas ordenadas por poboación segundo padrón municipal, a 1 de xaneiro do 2018.
Inmunodifusión dobre de Ouchterlony
A inmunodifusión dobre de Ouchterlony (tamén chamada inmunodifusión dobre pasiva) é unha técnica inmunolóxica de inmunodifusión usada para a detección, identificación e cuantificación de anticorpos e antíxenos, como inmunoglobulinas e antíxenos nucleares extraíbles. A técnica recibe o seu nome polo médico sueco Örjan Ouchterlony, que desenvolveu o test en 1948 para avaliar a produción de toxinas diftéricas en bacterias illadas.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Carral Travesa, Sabadelle, Chantada
Carral Travesa é un lugar na parroquia de Sabadelle, do concello de Chantada, na comarca de Chantada, pertencente a provincia de Lugo.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Michael Joseph Jackson, nado o 29 de agosto de 1958 en Gary, Indiana, e finado o 25 de xuño de 2009 nos Ánxeles, foi un cantautor, produtor, músico, actor e bailarín estadounidense. Alcumado coma o "Rei do Pop", a súa contribución á música, ó baile, á moda, xunto coa súa publicitada vida persoal, fixeron del unha figura da cultura popular durante catro décadas. O oitavo fillo da familia Jackson, debutou na música profesional a carón dos seus irmáns como membro dos Jackson 5 en 1968, e comezou a súa carreira en solitario en 1971.
Unha proteína do mieloma ou paraproteina é un anticorpo (inmunoglobulina) anormal ou (máis a miúdo) un fragmento dela, como unha cadea lixeira de inmunoglobulina, que se produce en exceso por unha proliferación monoclonal anormal de células plasmáticas, que son típicas do mieloma múltiple ou da gammopatía monoclonal de importancia indeterminada. Outros termos para denominar esa proteína son os seguintes: proteína monoclonal, proteína M, compoñente M, espiga M ou proteína da espiga. Esta proliferación da proteína do mieloma ten varios efectos deletéreos no corpo, incluíndo a alteración da función inmune, unha viscosidade do sangue anormalmente alta e danos renais.
Un antimetabolito é un composto químico que inhibe o uso dun metabolito, que é outro composto que forma parte do metabolismo normal. Tales substancias adoitan ser de estutura similar ao metabolito co cal interfiren, como os antifolatos que interfiren co uso de ácido fólico; así, pode producirse a inhibición competitiva, e a presenza de antimetabolitos pode ter efectos tóxicos nas células, como deter o crecemento celular e a división celular; isto permite que estes compostos se utilicen na quimioterapia do cancro.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Anna's Archive é un motor de procura de código aberto para bibliotecas na sombra (repositorios de textos dixitais que non son facilmente accesíbeis doutro xeito). Foi creado por alguén que utiliza o Pseudónimo Anna #, pouco despois dos intentos de pechar a biblioteca Z-Library en 2022, aplicando a lei. O sitio web recolle rexistros de Z-Library, Sci-Hub, e a Biblioteca Genesis (LibGen), entre outras fontes.
Un terzo era unha unidade militar do exército do Imperio Español durante a época da Casa dos Austria. Os terzos foron famosos pola súa resistencia no campo de batalla, formando a elite das unidades militares dispoñíbeis para os reis de España da época. Os terzos foron a peza esencial da hexemonía terrestre, e en ocasións tamén marítima do Imperio.
Mariano Rajoy Brey, nado en Santiago de Compostela o 27 de marzo de 1955, é un político galego, presidente do Goberno de España desde 2011 ata 2018, durante as X e a XII lexislaturas e presidente do Goberno en funcións durante a breve XI lexislatura de España. Rajoy serviu como ministro nos gobernos de José María Aznar en diversas carteiras entre 1996 e 2003, e como vicepresidente do Executivo de 2000 a 2003. Entre 2003 e 2004, cando foi elixido presidente do Partido Popular, desempeñou o cargo de secretario xeral da formación.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
María Soledad Iparraguirre Guenechea, alias Anboto e Marisol, nada en Eskoriatza, Guipúscoa en 1961, é unha dirixente e membro da banda terrorista ETA, detida preto de Pau (Francia) en 2004 xunto ao seu compañeiro sentimental e cerebro da banda Mikel Antza na casa que ocupaban dende xuño de 1999 en Salies de Béarn.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland), ou simplemente Reino Unido (incorrectamente chamado Gran Bretaña ou Inglaterra) é un país e un estado soberano situado ao noroeste da Europa Continental. O seu territorio, con capital en Londres, está formado xeograficamente pola illa de Gran Bretaña, o nordés da illa de Irlanda e pequenas illas adxacentes. Irlanda do Norte é a única parte do Reino cunha fronteira terrestre, que a separa da República de Irlanda.
Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Damon Graham Devereux Hill, OBE, nado en Londres o 17 de setembro de 1960, é un expiloto de Fórmula 1 británico e o campión do mundo de 1996. É fillo do dúas veces campión do mundo de Fórmula 1 Graham Hill. Hill chegou ás competicións de motor profesionais relativamente tarde, comezou a competir con motocicletas en 1983 á idade de 23 anos.
Eivisa (en catalán e oficialmente: Eivissa, en castelán: Ibiza) é unha illa española situada no mar Mediterráneo e que forma parte da comunidade autónoma das Illas Baleares. É a segunda illa máis poboada do arquipélago tras Mallorca e a terceira en superficie, por detrás de Mallorca e Menorca. A illa é coñecida a nivel internacional pola beleza das súas calas e praias e a calidade das súas augas.
María Dolores de Cospedal García, nada en Madrid o 13 de decembro de 1965, é unha xurista e política española, secretaria xeral do Partido Popular e presidenta do Partido Popular de Castela-A Mancha. Foi presidenta da Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha entre 2011 e 2015, e ministra de Defensa entre 2016 e 2018.
Albert Einstein, ( [ˈalbɐt ˈaɪnʃtaɪn] ) nado en Ulm o 14 de marzo de 1879 e finado en Princeton (Estados Unidos) o 18 de abril de 1955, foi un físico e matemático alemán de nacemento recoñecido internacionalmente por propor a teoría da relatividade, un dos piares da física moderna xunto a mecánica cuántica. A obra de Einstein resultou tamén de grande influencia na filosofía da ciencia. Einstein é coñecido na cultura popular pola súa fórmula da equivalencia masa-enerxía E = mc2, alcumada "a fórmula máis famosa do mundo".
Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un xeógrafo, profesor, escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituíntes republicanas.
Óliver Laxe Coro, nado en París o 11 de abril de 1982, é un director, guionista e actor de cinema galego. Dirixiu catro filmes ata a data, resultando galardoados os catro no Festival Internacional de Cine de Cannes: en 2010 gañou o Premio Fipresci polo seu filme Todos vós sodes capitáns, en 2016 gañou o Gran Premio da Semana da Crítica polo seu traballo en Mimosas, en 2019 foi distinguido co Premio de Xurado, na sección "Un Certain Regard" pola película O que arde e en 2025 recibiu o Premio do Xurado por Sirāt. Tras Víctor Erice, é o segundo español que presentou as súas catro primeiras películas en Cannes.
Morgana en Esmelle é unha novela en lingua galega escrita por Begoña Caamaño e publicada por Editorial Galaxia en 2012. Gañou o Premio Ánxel Casal da Edición da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no 2013.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
O castelán ou español é unha lingua romance do grupo ibérico, orixinaria de Castela. É falada en toda España, e boa parte de América do Sur, América Central e América do Norte como lingua materna por uns 340 millóns de persoas e por 450 como segunda lingua (estimacións de 2004). É a segunda lingua do mundo en número de falantes, despois do mandarín e a segunda lingua máis estudada no mundo, despois do inglés.
A lingua das bolboretas é a versión cinematográfica de varios relatos do escritor Manuel Rivas, publicados dentro do libro Que me queres, amor?. José Luis Cuerda levou ó cine no ano 1999 esta historia da infancia nun contorno rural case idílico sobre a que se cerne a sombra do alzamento contra a II República Española.
As aves na cultura popular galega
A presenza das aves na cultura popular galega, sexa en forma de vocabulario que as utiliza como metáfora, de ditos que recollen o seu aspecto ou comportamento, de refráns, cantigas ou contos, é moi ampla, como non pode resultar estraño. Así, as diferentes aves, domésticas ou non, serven como prognósticos meteorolóxicos (Cando chían os biluricos, moita auga e moito frío), como agoiros de boa ou mala sorte (como o berro do corvo ou do moucho nas inmediacións da casa famcegoñailiar), como remedios medicinais (como queimar plumas de perdiz para aliviar as dores do parto), describen comportamentos da xente (ser unha laberca) ou son a base de multitude de lendas (como a do chasco e o pimpín co gallo da Fuxida a Exipto). Obviamente, estas manifestacións culturais non pretenden unha exactitude biolóxica, como tampouco o pretende calquera outra expresión da cultura popular, senón que nacen da observación no campo (acertada ou non, coherente ou non) e se van estendendo -e modificando- mediante a transmisión oral.
Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba o 29 de maio de 1947 e finado en Vigo o 12 de xullo de 2016, foi un escritor e pedagogo galego. Foi autor de máis de cincuenta títulos, preferentemente de literatura infantil e xuvenil. Os seus libros obtiveron numerosos premios, sendo recoñecido por dúas veces como o mellor autor do ano (no 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia e no 2007, pola Asociación Galega de Editores).
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'España, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera, o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Revolución galega de 1846, levantamento de 1846, pronunciamento de 1846 ou sublevación liberal de 1846, son os nomes que recibe a revolta iniciada co pronunciamento do comandante Miguel Solís, o 2 de abril de 1846 en Lugo, contra o goberno conservador do xeneral Narváez. O alzamento aspiraba a obter un rápido triunfo en Galicia que se estendese a seguir polo resto do estado. Porén, nin conseguiu sumar todas as cidades galegas nin foi imitado noutras partes de España.
Miguel de Cervantes Saavedra, nado en Alcalá de Henares o 29 de setembro de 1547 e finado en Madrid o 23 de abril de 1616, foi un escritor en lingua castelá de novela, poesía e teatro, considerado a máxima figura da literatura castelá. É universalmente coñecido, sobre todo, por ser o autor de Don Quixote da Mancha, que moitos críticos describen como a primeira novela moderna e unha das mellores obras da literatura universal. Iso deulle o sobrenome de "Príncipe dos Enxeños".
O cuco na cultura popular galega
A presenza habitual desta ave en toda a xeografía galega, interpretada como un anuncio da primavera por coincidir cos primeiros calores do ano, pode explicar a abondosa pegada que ten o cuco na cultura popular galega, recollida en numerosas tradicións, refráns e cantigas. As particularidades de cría do cuco deron lugar a un interesante léxico derivado. Dise tamén que a chegada do cuco é o anuncio da primavera.
Xabier Deive Martínez, nado en Narón o 14 de maio de 1970 e finado o 18 de xullo de 2024, foi un actor galego cunha ampla experiencia interpretativa. Traballou en teatro, cine e televisión, sendo especialmente coñecido polos seus papeis en numerosas series da Televisión de Galicia como A vida por diante, Matalobos ou Serramoura.
Charles Robert Darwin [tʃɑrlz ˈdɑrwɪn], nado o 12 de febreiro de 1809 e finado o 19 de abril de 1882, foi un naturalista, biólogo e xeólogo inglés que destaca pola súa achega á teoría evolutiva. Observou e postulou que todas as especies de organismos vivos evolucionaron a partir dun único antecesor común. Nunha publicación conxunta con Alfred Russel Wallace, introduciu a teoría de que ese fenómeno de diversificación é o resultado do que denominaron selección natural; un proceso no que a competición por persistir ten a mesma resultante que teñen os cruzamentos selectivos na selección artificial.
TestDisk é unha utilidade gratuíta e de código aberto de recuperación de datos que axuda aos usuarios a recuperar particións perdidas ou reparar sistemas de ficheiros danados. TestDisk pode recoller información detallada sobre unha unidade danada, que despois se pode enviar a un técnico para unha análise posterior. TestDisk admite DOS, Microsoft Windows (por exemplo, NT 4.0, 2000, XP, Server 2003, Server 2008, Vista, Windows 7, Windows 8.1, Windows 10), Linux, FreeBSD, NetBSD, OpenBSD, SunOS e MacOS. TestDisk xestiona medios non particionados e particionados.
La Voz de Galicia é un xornal galego con sede no polígono de Sabón (Arteixo), redactado maioritariamente en castelán, fundado no ano 1882 por Juan Fernández Latorre. É a cabeceira hexemónica en Galicia co 63% da cota do mercado. La Voz de Galicia fíxose un oco a nivel estatal e converteuse no terceiro diario de información xeral de España tanto en difusión como en audiencia con 395.000 lectores no estado, segundo datos da segunda onda do Estudio General de Medios de 2024.
Linda foi unha revista literaria feminista publicada entre 1887 e 1905. Foi a primeira revista feminina de Estonia, como se reflicte no seu subtítulo: Esimene literatuurlik ja ajakohane ajakiri Eesti naisterahvale (en galego, A primeira revista literaria e moderna para mulleres estonianas). A revista publicouse en Viljandi entre 1887 e 1893, en Pärnu entre 1893 e 1902 e en Tartu entre 1902 e 1905.
O caso Reace é o escándalo que salpicou a empresa Reace (Refinería del Noroeste de Aceites y Grasas, SA) en marzo de 1972 en Guixar (Vigo) após a desaparición de 4 036 052 kg de aceite de oliva, propiedade da Comisaría de Abastecimientos y Transportes (CAT) e valorado en 167 615 172 pesetas. Arredor do caso producíronse diversas mortes en estrañas circunstancias por parte de persoas implicadas no caso. A empresa Reace foi fundada na localidade pontevedresa de Redondela, polo que popularmente o caso se coñece tamén como o caso do aceite de Redondela.
O masacre de Columbine foi un tiroteo nun colexio que ocorreu o 20 de abril de 1999, no instituo de Columbine, no estado de Colorado. Ademais do tiroteo, o plan incluía un ataque con bombas para facer estoupar os extintores, con tanques de propano dispostos na cafetería e 99 dispositivos explosivos. Os perpretadores foron os estudantes Eric Harris e Dylan Klebold, que asasinaron 12 alumnos e un mestre.
Eusebio Poncela Aprea, nado en Madrid o 15 de setembro de 1947 e finado no Escorial (Madrid) o 27 de agosto de 2025, foi un actor, produtor e guionista español. Forxado no teatro do final do franquismo, o seu traballo en series de éxito e a súa vinculación co cinema de autor convérteno nun dos actores máis representativos da Transición e dos primeiros anos da democracia. En Galiza rodou Os gozos e as sombras e Continental.
Os Reis Católicos foi a denominación que recibiron os reis Fernando II de Aragón e Isabel I de Castela, soberanos da Coroa de Castela (1474-1504) e da Coroa de Aragón (1479-1516). Os Reis accederon ao trono de Castela trala Guerra de Sucesión castelá (1475-1479) contra os partidarios da princesa Xoana de Castela, filla do rei Henrique IV de Castela. En 1479 Fernando herdou o trono de Aragón ao morrer o seu pai, o rei Xoán II de Aragón.