Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
O paganismo finobáltico ou politeísmo finobáltico era a relixión indíxena dos diversos pobos finobálticos, especificamente os finlandeses, estonianos, võros, setos, carelios, vepios, izhorianos, votos e livonios, antes da cristianización. Era unha relixión politeísta, que adoraba varias deidades diferentes. Ukko era o deus do tempo; outras deidades importantes foron Jumala, Ahti e Tapio.
San Vicente de Meá é unha parroquia que se localiza no centro do concello de Mugardos. Segundo o IGE en 2018 tiña 573 habitantes (297 mulleres e 276 homes) distribuídos en 22 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 767 habitantes. Ten unha extensión de 2,07 km² e unha densidade de poboación de 294,69 hab./km².
Mi querida señorita é un filme español de 1972 dirixido por Jaime de Armiñán. É unha comedia negra que aborda o tema do cambio de sexo, sendo o primeiro filme español que trata sobre a orientación sexual, o cal era un asunto tabú en España durante o franquismo. O filme foi nomeado para o Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa na 45ª edición dos premios.
Desenvolvemento dos dentes humanos
O desenvolvemento dos dentes humanos ou odontoxénese humana é o proceso complexo polo cal os dentes se forman a partir de células embrionarias, proliferan e fan erupción na boca humana. Para que os dentes humanos teñan un ambiente oral san, todas as partes do dente deben desenvolverse durante os estadios apropiados do desenvolvemento fetal. Os dentes de leite empezan a formarse entre a sexta e a oitava semana do desenvolvemento prenatal, e os dentes permanentes empezan a formarse na 20ª semana.
O neopaganismo estoniano, ou a fe nativa estoniana, abrangue varios renacementos contemporáneos da relixión indíxena do pobo estoniano, adaptada dos seus mitos e culturas locais. As principais ramas inclúen o taaraísmo (en estoniano: taarausk, literalmente "fe taara"), unha fe monista baseada no deus Tharapita fundada como relixión nacional en 1928; e o maausk (en estoniano: maausk, literalmente "fe da terra"), un grupo moito máis amplo de "fe nativa", que abrangue os movementos de base dedicados á adoración dos deuses locais, á adoración da natureza e á relixión da terra. Ambos movementos están asociados coa organización Maavalla Koda.
Esta é unha cronoloxía de Galicia, que comprende importantes eventos, cambios legais e territoriais ademais de acontecementos políticos, sociais e económicos en Galicia e nos seus estados predecesores; tamén eventos acontecidos na Península Ibérica e eventos internacionais que tiveron relevancia para a historia de Galicia.
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2027
O Campionato Mundial da FIA de Fórmula 1 de 2027 será a 78ª tempada de Fórmula 1 organizada pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Está recoñecido pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA), o órgano de goberno internacional do automobilismo, como a máxima clase de competición para coches de carreiras de rodas aberta. O campionato disputarase nunha serie de carreiras, ou Grandes Premios, celebradas en todo o mundo.
A Estonia baixo o dominio sueco foi un período de tempo entre 1561 e 1710, cando a actual Estonia estaba baixo o dominio do Imperio Sueco. Por mor da ruptura do Estado da Orde Teutónica, a nobreza local báltica alemá nas áreas de Harrien (Harjumaa) e Wierland (Virumaa), así como a cidade de Reval (Talín) en xuño de 1561 e algo máis tarde Jerwen (Järvamaa), pediron e concedéuselles protección polo rei sueco Eric XIV, o que levou á participación sueca na guerra de Livonia. Ao termo das hostilidades en 1583, Suecia controlaba as partes setentrionais da Estonia moderna e Dagö (illa de Hiiumaa); a partir dese territorio crear o Ducado de Estonia.
O levantamento militar do día 25 de abril de 1974, denominado Revolución dos Caraveis (en portugués: Revolução dos Cravos), derrubou, nun só día, o réxime político ditatorial que existía en Portugal dende 1926 (coñecido dende 1933 como Estado Novo) e que era o máis lonxevo de Europa, sen grande resistencia das forzas leais ó goberno, que cederon perante o movemento popular, que rapidamente apoiaron ós militares. Este levantamento é coñecido por 25 de Abril ou Revolución dos Caraveis. O levantamento foi conducido polos oficiais intermedios da xerarquía militar (o MFA), na súa maior parte capitáns que tiñan participado na guerra colonial.
Os cloroplastos (do grego, chloros "verde", e plastes, "forma" ou "entidade") son orgánulos citoplasmáticos da célula encargados de realizar a fotosíntese en organismos eucariotas. Atópanse nas follas das plantas e mais en organismos protistas fotosintéticos. Os cloroplastos capturan a enerxía lumínica para conservaren enerxía libre en forma de ATP e reduciren o NADP+ a NADPH a través dun conxunto de procesos complexos chamado fotosíntese.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Morgana en Esmelle é unha novela en lingua galega escrita por Begoña Caamaño e publicada por Editorial Galaxia en 2012. Gañou o Premio Ánxel Casal da Edición da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no 2013.
Anna's Archive é un motor de procura de código aberto para bibliotecas na sombra (repositorios de textos dixitais que non son facilmente accesíbeis doutro xeito). Foi creado por alguén que utiliza o Pseudónimo Anna #, pouco despois dos intentos de pechar a biblioteca Z-Library en 2022, aplicando a lei. O sitio web recolle rexistros de Z-Library, Sci-Hub, e a Biblioteca Genesis (LibGen), entre outras fontes.
Ignacio Garriga Vaz de Concicao (ocasionalmente escrito como Conceição), nado en Sant Cugat del Vallès o 4 de febreiro de 1987, é un odontólogo, profesor universitario e político catalán. En 2021, era o voceiro do comité executivo nacional de VOX. Foi deputado no Congreso dos Deputados por Barcelona na XIII e XIV lexislaturas. Presentouse como candidato nas eleccións ao Parlamento catalán do 14 de febreiro de 2021.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
María Osorio López, nada en Becerreá, é unha activista e independentista galega. En 2013, foi condenada a 7 anos, 9 meses e 1 día de cárcere acusada de pertencer á organización Resistência Galega e por falsificación de documentos. Estivo en busca e captura até que foi detida en Ponferrada o 15 de xuño de 2014.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 231.031.
Revolución galega de 1846, levantamento de 1846, pronunciamento de 1846 ou sublevación liberal de 1846, son os nomes que recibe a revolta iniciada co pronunciamento do comandante Miguel Solís, o 2 de abril de 1846 en Lugo, contra o goberno conservador do xeneral Narváez. O alzamento aspiraba a obter un rápido triunfo en Galicia que se estendese a seguir polo resto do estado. Porén, nin conseguiu sumar todas as cidades galegas nin foi imitado noutras partes de España.
A auga (fórmula química H2O) é unha substancia química inorgánica, transparente, insípida, inodora e case incolora, que é o principal constituínte da hidrosfera terrestre e dos fluídos de todos os organismos vivos coñecidos (no que actúa como disolvente).). É vital para todas as formas de vida coñecidas, aínda que non proporciona alimento, enerxía nin micronutrientes orgánicos. A súa fórmula química, H2O, indica que cada unha das súas moléculas conteñen un átomo de osíxeno e dous de hidróxeno, conectados por enlaces covalentes.
Pepe Domingo Castaño Solar, nado en Lestrobe (Dodro) o 8 de outubro de 1942 e finado en Madrid o 17 de setembro de 2023, foi un cantante e xornalista galego. Durante moitos anos presentou distintos programas deportivos (especialmente de fútbol masculino) en diversas cadeas españolas, como SER (Carrusel deportivo) ou Cope (Tiempo de juego).
San Francisco é ao mesmo tempo unha cidade e un condado dos Estados Unidos de América, localizada no estado de California, famosa pola súa vida cultural e por ser centro do movemento polos dereitos dos homosexuais. É unha cidade global beta, a cuarta maior cidade do estado de California, posuíndo máis de 733 mil habitantes, e unha das maiores cidades da costa do pacífico dos Estados Unidos. Constitúe, con San José e Oakland, unha área metropolitana con preto de 7,2 millóns de habitantes.
O cabo Fisterra é unha península rochosa de granito que se atopa no concello coruñés de Fisterra en plena Costa da Morte, en Galicia. Na época romana críase que era a fin do mundo coñecido. O nome Fisterra, ó igual que o Finistère na Bretaña, deriva do latín finis terrae, que quere dicir "fin da terra".
Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un xeógrafo, profesor, escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituíntes republicanas.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
O Gran Teatro Circo Tamberlick foi un centro de representación escénica, circense (espectáculos ecuestres e ximnásticos) e sala de cinema de titularidade privada de Vigo. Inaugurouse o 11 de outubro de 1882 e demoleuse en 1991. Situado no que hoxe é a rúa Eduardo Iglesias, foi, no seu día, o teatro de maior capacidade da cidade.
Édith Giovanna Gassion, coñecida polo seu nome artístico de Édith Piaf, nada en París o 19 de decembro de 1915 e finada en Plascassier, Grasse, Alpes Marítimos, o 10 de outubro de 1963, foi unha cantante, compositora e actriz francesa. Converteuse na icona parisiense da década de 1950, tanto en Francia coma fóra do país, en especial en Estados Unidos onde se consagrou en 1956 no Carnegie Hall de Nova York. O Museo Edith Piaf, dedicado á súa memoria, atópase na rúa Crespin du Gast, no XI distrito de París.
Michael Joseph Jackson, nado o 29 de agosto de 1958 en Gary, Indiana, e finado o 25 de xuño de 2009 nos Ánxeles, foi un cantautor, produtor, músico, actor e bailarín estadounidense. Alcumado coma o "Rei do Pop", a súa contribución á música, ó baile, á moda, xunto coa súa publicitada vida persoal, fixeron del unha figura da cultura popular durante catro décadas. O oitavo fillo da familia Jackson, debutou na música profesional a carón dos seus irmáns como membro dos Jackson 5 en 1968, e comezou a súa carreira en solitario en 1971.
A teoría de conxuntos é a rama da lóxica matemática que estuda os conxuntos, que son coleccións de obxectos. Aínda que calquera tipo de obxecto pode coleccionarse nun conxunto, a teoría de conxuntos adóitase aplicar aos obxectos relevantes para as matemáticas. A linguaxe da teoría de conxuntos pode usarse nas definicións de practicamente todos os obxectos matemáticos.
«Grândola, Vila Morena» é unha canción composta e cantada por Zeca Afonso, escollida polo Movimento das Forças Armadas (MFA) para ser o segundo sinal para o comezo da Revolución dos caraveis. Zeca Afonso compuxo esta canción en homenaxe á Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense. A canción refírese á fraternidade entre as persoas de Grândola, no Alentexo, e sería censurada polo réxime Salazarista por ser unha canción asociada ao comunismo.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas
A Asociación Cultural-Ecolóxica Ridimoas é unha asociación ecoloxista galega fundada en 1989 e centrada na conservación da natureza a través da custodia do territorio. Esta asociación protexe e conserva o bosque Ridimoas no concello de Beade, na comarca do Ribeiro. A súa actividade principal é a creación, protección e mantemento do "bosque de Ridimoas", situado no concello de Beade, para manter nel un espazo de protección da flora e da fauna autóctona galega.
Un terzo era unha unidade militar do exército do Imperio Español durante a época da Casa dos Austria. Os terzos foron famosos pola súa resistencia no campo de batalla, formando a elite das unidades militares dispoñíbeis para os reis de España da época. Os terzos foron a peza esencial da hexemonía terrestre, e en ocasións tamén marítima do Imperio.
A primeira guerra mundial (en adiante IGM), tamén coñecida como a Gran Guerra, foi un conflito bélico do século XX. Desenvolveuse entre o verán do 1914 e o outono de 1918 e involucrou uns trinta países, polo que se considera o primeiro conflito global da historia, malia estar centrado, fundamentalmente, en Europa. A teor do número de mobilizados (sesenta e cinco millóns de soldados) e falecidos, calculado en vinte millóns de persoas entre soldados e civís, é o segundo maior enfrontamento armado da historia, só por detrás da Segunda guerra mundial. A guerra enfrontou a dúas grandes alianzas: o bando aliado contra as potencias centrais.
A cultura castrexa é unha cultura arqueolóxica do noroeste da Península Ibérica que abranguía as rexións de Galicia, Asturias, norte e centro de Portugal e oeste de León que durou dende os séculos XI ou VI a. C. ata a romanización dos galaicos cara o século I. É a cultura arqueolóxica asociada cos pobos galaicos e ástures. A manifestación máis característica desta cultura é o castro (do latín castrum do que toma o nome), as súas oppidum amuralladas e a produción de espadas, machadas, torques e outros bens de bronce xa dende a Idade do bronce atlántico.
Celaeno (Celeno ou 16 Tauri) é unha estrela da constelación de Taurus e membro do cúmulo das Pléiades. Celaeno tamén é coñecida coma a "Pléiade perdida" a través de Teón de Alexandría. Moita xente que observa as pléiades só ve seis estrelas das sete principais estrelas das Pléiades, xa que Celaeno, que ten unha magnitude aparente de +5.45, precisa dun ceo limpo e escuro para ser vista.
Wikipedia é unha enciclopedia en liña baseada nun wiki multilingüe e de contido libre editado e mantido por unha comunidade de editores, a cal comezou o 15 de xaneiro de 2001 coa versión en lingua inglesa. Pouco despois, creáronse edicións en linguas diferentes do inglés: as edicións en alemán e o catalán foron creadas o 16 de marzo, a edición en francés o 23 de marzo, e a sueca creouse o 23 de maio.
Universidade de Santiago de Compostela
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha institución universitaria con sede en Santiago de Compostela. As súas orixes datan de finais do século XV, sendo a primeira universidade fundada en Galiza e a sexta en España. Porén, non hai unanimidade nas datas de fundación das universidades españolas.
Xosé Ramón Gayoso Bonigno, nado na Coruña o 25 de abril de 1956, é un presentador da Televisión de Galicia e un dos personaxes públicos máis coñecidos en Galicia. Presentou varios programas da canle pública galega dende a súa mesma creación, en 1985, facéndose enormemente popular polo seu traballo en Luar, programa que presenta dende 1992.
O caso Reace é o escándalo que salpicou a empresa Reace (Refinería del Noroeste de Aceites y Grasas, SA) en marzo de 1972 en Guixar (Vigo) após a desaparición de 4 036 052 kg de aceite de oliva, propiedade da Comisaría de Abastecimientos y Transportes (CAT) e valorado en 167 615 172 pesetas. Arredor do caso producíronse diversas mortes en estrañas circunstancias por parte de persoas implicadas no caso. A empresa Reace foi fundada na localidade pontevedresa de Redondela, polo que popularmente o caso se coñece tamén como o caso do aceite de Redondela.
Lista de comunidades autónomas españolas por poboación
Lista das comunidades autónomas españolas ordenadas por poboación segundo padrón municipal, a 1 de xaneiro do 2018.
Pedro Sánchez Pérez-Castejón, nado en Madrid o 29 de febreiro de 1972, é un economista e político español, presidente do Goberno de España dende 2018. Tamén é secretario xeral do Partido Socialista Obrero Español (PSOE). Concelleiro do Concello de Madrid entre 2004 e 2009, en setembro de 2009 converteuse en deputado no Congreso.
Unha fraga é unha extensión de monte, polo xeral illado e de difícil acceso, poboado de distintas especies caducifolias, de herbas, mofos, fentos e liques e na que convive así mesmo unha gran diversidade de fauna. Sería polo tanto, un bosque ou unha foresta virxe ou primaria. Adoita referirse ao bosque atlántico, do que hoxe só quedan pequenas manchas por mor da acción do ser humano.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'España, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera, o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
Boyanka Kostova (grupo musical)
Boyanka Kostova, formado en 2016, é un dúo galego de música trap formado por Cibrán García e Chicho (O Chicho do Funk). A banda procede de Santiago de Compostela e pertence ao selo e produtora compostelá La Melona. O seu nome procede da atleta búlgara de halterofilia do mesmo nome e son considerados os pioneiros do trap en galego.
Issam Alnagm Azzam, nado en Dweri na provincia de Sweda (Siria) o 25 de xullo de 1948. É un médico xubilado e que foi alcalde de Muras en Lugo en 1991 polo PPdeG Foi moi soada a súa oposición á guerra de Irak sendo unha das voces máis críticas do partido na etapa de Aznar. Como alcalde destacou por iniciativas moi peculiares como á de incentivar a natalidade e o censo no municipio a través de axudas económicas e facilidades para establecerse no concello.
Nova Zelandia ou Nova Celandia (en inglés: New Zealand /njuːˈziːlənd/, e en maorí: Aotearoa) é un país insular de Oceanía que se localiza no suroeste do océano Pacífico, formado por dúas grandes illas, a Illa Norte e a Illa Sur, xunto a outras moitas illas menores, destacando entre elas a Illa Stewart e as Illas Chatham. O Reino de Nova Zelandia tamén inclúe as Illas Cook e Niue (estados autónomos en libre asociación), e Tokelau. Nova Zelandia, notable polo seu illamento xeográfico, está situada preto de 2000 quilómetros ao sueste de Australia no mar de Tasmania, e os seus veciños máis próximos ao norte son Nova Caledonia, Fiji e Tonga.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 32.490 espectadores. Tras catro tempadas na terceira categoría, na tempada 2024/25 regresou á Segunda División.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².