Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Os lepidópteros (Lepidoptera) son unha orde de insectos que comprende as bolboretas (diúrnas) e as avelaíñas (esencialmente nocturnas), na que se describiron preto de 180.000 especies, clasificadas en 126 familias e 46 superfamilias, que supoñen o 10% de todas as especies de seres vivos descritas. É unha das ordes de insectos máis estendida no mundo e recoñecible, e está entre as catro ordes e insectos con máis especies, xunto cos himenópteros, dípteros e coleópteros. O termo foi acuñado por Linneo en 1735 e significa 'ás escamosas'.
O levantamento militar do día 25 de abril de 1974, denominado Revolución dos Caraveis (en portugués: Revolução dos Cravos), derrubou, nun só día, o réxime político ditatorial que existía en Portugal dende 1926 (coñecido dende 1933 como Estado Novo) e que era o máis lonxevo de Europa, sen grande resistencia das forzas leais ó goberno, que cederon perante o movemento popular, que rapidamente apoiaron ós militares. Este levantamento é coñecido por 25 de Abril ou Revolución dos Caraveis. O levantamento foi conducido polos oficiais intermedios da xerarquía militar (o MFA), na súa maior parte capitáns que tiñan participado na guerra colonial.
Arquieparquía católica ucraína de Lviv
A arquieparquía de Lviv é unha sé metropolitana da Igrexa católica bizantina ucraína, parte da Igrexa católica. En 2009 tiña un total de 755.821 bautizados sobre unha poboación total de 1 068 400 habitantes. Está actualmente encabezada polo arcebispo Ihor Vozniak.
O cabo Fisterra é unha península rochosa de granito que se atopa no concello coruñés de Fisterra en plena Costa da Morte, en Galicia. Na época romana críase que era a fin do mundo coñecido. O nome Fisterra, ó igual que o Finistère na Bretaña, deriva do latín finis terrae, que quere dicir "fin da terra".
Últimas execucións do franquismo
As últimas execucións do franquismo foron cinco fusilamentos levados a cabo o 27 de setembro de 1975, pouco antes da morte do ditador Franco en novembro dese ano. As vítimas foron Xosé Humberto Baena, José Luis Sánchez Bravo e Ramón García Sanz, pertencentes á Fronte Revolucionaria Antifascista e Patriota (FRAP), e Jon Paredes Manot (Txiki) e Ángel Otaegi, membros de Euskadi Ta Askatasuna (ETA). As execucións tiveron lugar en Hoyo de Manzanares (Madrid), Barcelona e Burgos.
«Grândola, Vila Morena» é unha canción composta e cantada por Zeca Afonso, escollida polo Movimento das Forças Armadas (MFA) para ser o segundo sinal para o comezo da Revolución dos caraveis. Zeca Afonso compuxo esta canción en homenaxe á Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense. A canción refírese á fraternidade entre as persoas de Grândola, no Alentexo, e sería censurada polo réxime Salazarista por ser unha canción asociada ao comunismo.
A teoría de conxuntos é a rama da lóxica matemática que estuda os conxuntos, que son coleccións de obxectos. Aínda que calquera tipo de obxecto pode coleccionarse nun conxunto, a teoría de conxuntos adóitase aplicar aos obxectos relevantes para as matemáticas. A linguaxe da teoría de conxuntos pode usarse nas definicións de practicamente todos os obxectos matemáticos.
Desenvolvemento dos dentes humanos
O desenvolvemento dos dentes humanos ou odontoxénese humana é o proceso complexo polo cal os dentes se forman a partir de células embrionarias, proliferan e fan erupción na boca humana. Para que os dentes humanos teñan un ambiente oral san, todas as partes do dente deben desenvolverse durante os estadios apropiados do desenvolvemento fetal. Os dentes de leite empezan a formarse entre a sexta e a oitava semana do desenvolvemento prenatal, e os dentes permanentes empezan a formarse na 20ª semana.
A cultura castrexa é unha cultura arqueolóxica do noroeste da Península Ibérica que abranguía as rexións de Galicia, Asturias, norte e centro de Portugal e oeste de León que durou dende os séculos XI ou VI a. C. ata a romanización dos galaicos cara o século I. É a cultura arqueolóxica asociada cos pobos galaicos e ástures. A manifestación máis característica desta cultura é o castro (do latín castrum do que toma o nome), as súas oppidum amuralladas e a produción de espadas, machadas, torques e outros bens de bronce xa dende a Idade do bronce atlántico.
Ames é un concello da provincia da Coruña, pertencente á comarca de Santiago. Segundo o IGE, o 1 de xaneiro de 2018 tiña 31.278 habitantes (15.015 homes e 16.263 mulleres) (en 2012 29.331 habitantes, 27.900 no 2010, 24.553 no 2007, 23.219 no 2006, 22.228 no 2005, 20.840 no 2004).O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «amesán».
Unha fraga é unha extensión de monte, polo xeral illado e de difícil acceso, poboado de distintas especies caducifolias, de herbas, mofos, fentos e liques e na que convive así mesmo unha gran diversidade de fauna. Sería polo tanto, un bosque ou unha foresta virxe ou primaria. Adoita referirse ao bosque atlántico, do que hoxe só quedan pequenas manchas por mor da acción do ser humano.
Administrador de Infraestruturas Ferroviarias
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (en castelán: Administrador de Infraestructuras Ferroviarias), máis coñecido como Adif, é unha entidade pública empresarial dependente inicialmente do Ministerio de Fomento de España (hoxe Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana), que ten como obxectivo a construción de liñas de ferrocarril e a xestión da súa explotación. Adif herdou a infraestrutura das extintas RENFE (2005) e FEVE (2013), polo que é propietaria da maioría de liñas de ferrocarril de España. A data de 31 de decembro de 2015 administraba 15 384 quilómetros de vías e 1 903 estacións, 41 delas por Adif AV (alta velocidade).
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
Un planeta anano é unha categoría de corpos celestes no sistema solar acordada pola Unión Astronómica Internacional (IAU) o 24 de agosto de 2006. Esta resolución describe un planeta anano coma un obxecto que: está na órbita arredor do Sol; a súa gravidade supera as forzas do corpo ríxido e asuma unha forma en equilibrio hidrostático (practicamente esférica); non limpou o espazo circundante da súa órbita; non é un satélite dun planeta ou doutro corpo non estelar. Esta definición incorpora Plutón entre os planetas ananos, e deixa de ser planeta porque non liberou o espazo circundante da súa órbita, o Cinto de Kuiper, e o seu planeta dobre Caronte.
O Imperio Romano (en latín: imperium romanum) foi un imperio da antigüidade sucesor da República Romana e caracterizado por un sistema autocrático. Gobernou extensas terras ao longo de Europa e o Mediterráneo. Durante o mandato de Traxano abarcaba, de oeste a leste, dende o océano Atlántico até as beiras do mar Caspio, o mar Vermello e o golfo Pérsico e, de norte a sur, dende as fragas dos ríos Rin e Danubio e a fronteira con Caledonia até o deserto do Sáhara.
O Prone Lugo Asociacion Deportiva, antigamente coñecido por motivos de patrocinio como Azkar Lugo Fútbol Sala, é un equipo lucense de fútbol sala fundado en 1984. Cun importante crecemento na última metade dos 90 e moitos anos do equipo na máxima categoría, o fútbol sala transformouse nun deporte popular na cidade. Actualmente xoga na Segunda División da Liga nacional de fútbol sala.
A primeira guerra mundial (en adiante IGM), tamén coñecida como a Gran Guerra, foi un conflito bélico do século XX. Desenvolveuse entre o verán do 1914 e o outono de 1918 e involucrou uns trinta países, polo que se considera o primeiro conflito global da historia, malia estar centrado, fundamentalmente, en Europa. A teor do número de mobilizados (sesenta e cinco millóns de soldados) e falecidos, calculado en vinte millóns de persoas entre soldados e civís, é o segundo maior enfrontamento armado da historia, só por detrás da Segunda guerra mundial. A guerra enfrontou a dúas grandes alianzas: o bando aliado contra as potencias centrais.
O Gran Premio da China (en chinés: 中国大奖赛; pinyin: Zhōngguó Dàjiǎngsài) é unha carreira do Campionato Mundial de Fórmula 1. Na actualidade celébrase no Circuíto Internacional de Xangai, Xangai, deseñado por Hermann Tilke. É a máis cara das instalacións dos circuíto de Fórmula Un, cun custo 240 millóns de dólares e conta cunha das máis complicadas combinacións de curvas no calendario da Fórmula 1, comparable á curva 8 de Istanbul.
Denomínase como enerxía renovable a aquela enerxía que se obtén de recursos naturais virtualmente inesgotables, unhas pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen (por exemplo a enerxía xeotérmica), e outras por seren capaces de rexenerarse por medios naturais (a enerxía solar ou a eólica). Sendo esta o conxunto de fontes de enerxía que periodicamente se atopan a disposición dos humanos e que estes son capaces de transformar en enerxía útil . Consideramos que se rexeneran, ou se renovan, naturalmente de xeito máis rápido á velocidade que as consumimos.
A cerámica é calquera dos diversos materiais duros, fráxiles, resistentes á calor e resistentes á corrosión que se obteñen mediante a conformación e posterior cocción dun material inorgánico e non metálico, como a arxila ou a terracota, a alta temperatura (de 700 °C a 1100 °C) despois de lles dar a forma mediante un moldeado ou modelaxe. Exemplos comúns son o barro, a porcelana e o ladrillo. Tamén se refire a arte que fabrica obxectos como olas ou xerras (olaría), tellas e materiais de construción.
Ignacio Rivera Quintana, nado na Coruña o 24 de abril de 1965, é un empresario galego, presidente executivo actual da Corporación Hijos de Rivera, empresa galega con actividade centrada na distribución de bebidas, cuxa marca máis recoñecida é a Estrella Galicia. Pertence á cuarta xeración da familia Rivera, sendo bisneto de José María Rivera Corral, o fundador da empresa Estrella Galicia na Coruña, en 1906.
Un vector en física e mais no cálculo vectorial é un concepto caracterizado por un valor, é dicir, un escalar (magnitude numérica), e por un sentido (que pode ser definido nun espazo 3-dimensional, ou en xeral p-dimensional). Os vectores utilízanse para describir magnitudes vectoriais tales como velocidades, aceleracións ou forzas, nas cales é importante considerar non só o valor senón tamén a dirección e máis o sentido. Aínda que frecuentemente se describa a un vector por un número de "compoñentes", cada un deles dependente do sistema de coordenadas particular que se use, as propiedades dun vector non dependen do sistema de coordenadas usado para o describir.
A enxeñaría química é a rama da enxeñaría na que se aplican os principios fundamentais da física, a química e a bioloxía para proxectar, construír e operar sistemas de conversión de materias químicas en produtos finais. As súas ramas principais son o control de procesos que, coma o seu nome di, controla os procesos químicos industriais, a enxeñería medioambiental, que trata os residuos sólidos, a contaminación medioambiental etc, e a biotecnoloxía, que se encarga de transformar xeneticamente os seres vivos en beneficio do home. É similar e en moitos aspectos equivalente á química industrial.
Revolución galega de 1846, levantamento de 1846, pronunciamento de 1846 ou sublevación liberal de 1846, son os nomes que recibe a revolta iniciada co pronunciamento do comandante Miguel Solís, o 2 de abril de 1846 en Lugo, contra o goberno conservador do xeneral Narváez. O alzamento aspiraba a obter un rápido triunfo en Galicia que se estendese a seguir polo resto do estado. Porén, nin conseguiu sumar todas as cidades galegas nin foi imitado noutras partes de España.
Celeste Martins Caeiro, nada no Socorro (Lisboa) o 2 de maio de 1933 e finada en Leiria o 15 de novembro de 2024, foi a muller que o 25 de abril de 1974 distribuíu caraveis entre os militares que estaban a dar un golpe de Estado para derrubar o réxime ditatorial liderado por Marcelo Caetano. É por este xesto seu que este acontecemento histórico é coñecido como Revolución dos Caraveis.
Nova Zelandia ou Nova Celandia (en inglés: New Zealand /njuːˈziːlənd/, e en maorí: Aotearoa) é un país insular de Oceanía que se localiza no suroeste do océano Pacífico, formado por dúas grandes illas, a Illa Norte e a Illa Sur, xunto a outras moitas illas menores, destacando entre elas a Illa Stewart e as Illas Chatham. O Reino de Nova Zelandia tamén inclúe as Illas Cook e Niue (estados autónomos en libre asociación), e Tokelau. Nova Zelandia, notable polo seu illamento xeográfico, está situada preto de 2000 quilómetros ao sueste de Australia no mar de Tasmania, e os seus veciños máis próximos ao norte son Nova Caledonia, Fiji e Tonga.
Anna's Archive é un motor de procura de código aberto para bibliotecas na sombra (repositorios de textos dixitais que non son facilmente accesíbeis doutro xeito). Foi creado por alguén que utiliza o Pseudónimo Anna #, pouco despois dos intentos de pechar a biblioteca Z-Library en 2022, aplicando a lei. O sitio web recolle rexistros de Z-Library, Sci-Hub, e a Biblioteca Genesis (LibGen), entre outras fontes.
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2019
O Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2019 foi a 70ª tempada de Fórmula 1 organizada pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Disputouse entre marzo e decembro, o campionato disputouse durante 21 Grandes Premios de Fórmula 1. Equipos e pilotos competiron polo Campionato do Mundo de Pilotos e polo Campionato do Mundo de Construtores.
A batalla de Cacheiras, ou batalla de Montouto, foi un combate bélico acontecido no 23 de abril de 1846 nas ladeiras do alto de Montouto, en Cacheiras (Teo). Enfrontou o exército insurrecto contra o goberno español, baixo mando do oficial Miguel Solís, e as tropas lideradas polo xeneral José Gutiérrez de la Concha.
A pornografía é o conxunto de materiais, imaxes, vídeos ou reproducións da realización de actos sexuais co fin de provocar a excitación sexual do receptor, etimoloxicamente procede do grego: πορνογραφíα, porne é "prostituta" e grafía, "descrición", é dicir, "descrición dunha prostituta". Designa en orixe, xa que logo, a descrición das prostitutas e, por extensión, das actividades propias do seu traballo. Hai que dicir, con todo, que o termo é de aparición moi recente pois na Antiga Grecia nunca se usou a palabra "pornografía".
Saint Kitts e Nevis (/-ˈkɪts ... ˈniːvɪs/) (en inglés: Saint Kitts and Nevis e oficialmente Saint Christopher and Nevis) é un país do Caribe, constituído polas illas de Saint Kitts, ou Saint Christopher, e Nevis. Os territorios veciños máis próximos son as Antillas Holandesas no noroeste, Antiga e Barbuda polo leste e sueste, e Saint-Barthélemy, unha dependencia de Guadalupe, no norte. É o estado soberano máis pequeno no hemisferio occidental, tanto en superficie como en poboación.
Michael Joseph Jackson, nado o 29 de agosto de 1958 en Gary, Indiana, e finado o 25 de xuño de 2009 nos Ánxeles, foi un cantautor, produtor, músico, actor e bailarín estadounidense. Alcumado coma o "Rei do Pop", a súa contribución á música, ó baile, á moda, xunto coa súa publicitada vida persoal, fixeron del unha figura da cultura popular durante catro décadas. O oitavo fillo da familia Jackson, debutou na música profesional a carón dos seus irmáns como membro dos Jackson 5 en 1968, e comezou a súa carreira en solitario en 1971.
Unha relixión da natureza é un movemento relixioso que cre que a natureza e o mundo natural é unha encarnación da divindade, o sacro ou o poder espiritual. As relixións da natureza inclúen as relixións indíxenas practicadas en diversas partes do mundo por culturas que consideran que o medio ambiente está impregnado de espíritos e outras entidades sacras. Tamén inclúe as crenzas pagás modernas, que se concentran principalmente en Europa e América do Norte.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A Idade de Bronce (c. 3300 – c. 1200 a.C.) foi un período histórico caracterizado principalmente polo uso de ferramentas de bronce e o desenvolvemento de sociedades urbanas complexas, así como pola adopción da escritura nalgunhas zonas. A Idade do Bronce é o período medio principal do sistema das tres idades, que segue á Idade de Pedra e precede á Idade de Ferro. Concibida como unha era global, a Idade do Bronce segue ao Neolítico, cun período de transición entre ambos os coñecido como Calcolítico.
San Marcos o Evanxelista (século I) vén sendo considerado tradicionalmente o autor do Evanxeo de Marcos. Represéntase acompañado cun león, porque o seu Evanxeo comeza falando de Xoán o Bautista, "A voz que clama no deserto": dita voz sería como a do león. Adoita identificárselle con "Xoán, tamén chamado Marcos".
Angela Yvonne Davis, nada en Birmingham (Alabama) o 26 de xaneiro de 1944, é unha profesora e filósofa socialista estadounidense. Alcanzou notoriedade mundial na década de 1970 como integrante do Partido Comunista dos Estados Unidos, dos Panteras Negras, pola súa militancia polos dereitos das mulleres e contra a discriminación social e racial nos Estados Unidos e por ser protagonista dun dos máis polémicos e famosos xuízos criminais da recente historia dos Estados Unidos.
A lingua das bolboretas é a versión cinematográfica de varios relatos do escritor Manuel Rivas, publicados dentro do libro Que me queres, amor?. José Luis Cuerda levou ó cine no ano 1999 esta historia da infancia nun contorno rural case idílico sobre a que se cerne a sombra do alzamento contra a II República Española.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
En xeometría plana, un ángulo é a rexión do plano comprendida entre dúas semirrectas con orixe común. As semirrectas son os lados do ángulo, e a orixe común é o vértice do ángulo. Na xeometría do espazo considéranse dous tipos de ángulos: O ángulo diedro, que é a rexión do espazo delimitada por dous semiplanos, chamados caras, que parten dunha recta común chamada aresta.
Enrico Fermi, nado o 29 de setembro de 1901 en Roma (Italia) e finado o 28 de novembro de 1954 en Chicago, Illinois (USA), foi un físico italiano naturalizado estadounidense, coñecido polo desenvolvemento do primeiro reactor nuclear e as súas contribucións ao desenvolvemento da teoría cuántica, a física nuclear, a física de partículas e a mecánica estatística. Gañou o Premio Nobel de Física no ano 1938 polos seus traballos sobre a radioactividade inducida, e é considerado un dos científicos máis importantes do século XX. Desde 1939 foi profesor de física na Columbia University. Foi definido como o arquitecto da era nuclear e da bomba atómica, tendo colaborado nos primeiros ensaios e investigacións da bomba nuclear (proxecto Manhattan).
O judo (en xaponés: 柔道) é unha arte marcial, un deporte e unha filosofía con orixe no Xapón. O judo foi creado a partir dalgunhas escolas clásicas de jujutsu por Jigoro Kano (嘉納治五郎) en 1882. O termo xaponés pode ser traducido como "Camiño da flexibilidade", influíndo no desenvolvemento físico, mental e emocional a través da práctica.
Guillerme II (Wilhelm II en alemán), nado como Friedrich Wilhelm Viktor Albrecht von Hohenzollern en Berlín o 27 de xaneiro de 1859 e finado en Doorn (Países Baixos) o 4 de xuño de 1941, foi o último emperador alemán (Káiser) e o último rei de Prusia. Gobernou entre 1888 e 1918. Era fillo primoxénito de Frederico III e da princesa Vitoria, Princesa Real do Reino Unido.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 32.490 espectadores. Tras catro tempadas na terceira categoría, na tempada 2024/25 regresou á Segunda División.