Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Florence Foster Jenkins, nada como Narcissa Florence Foster en Wilkes-Barre, Pensilvania o 19 de xullo de 1868 e finada en Nova York o 26 de novembro de 1944, foi unha socialite e soprano afeccionada estadounidense, que foi coñecida e ridiculizada polo seu vestiario rechamante e a súa pobre habilidade para cantar. Stephen Pile considerouna "a peor cantante de ópera do mundo... Ninguén, antes ou despois, tivo éxito en liberarse tan completamente dos grillóns da notación musical".
A toxina pertussis (PT) é unha exotoxina proteica de tipo AB5 producida pola bacteria Bordetella pertussis, a cal causa a tose ferina. A PT está implicada na colonización do tracto respiratorio e o establecemento da infección. As investigacións realizadas indican que a PT pode ter un papel terapéutico para tratar varios trastornos humanos comúns, como a hipertensión, infeccións virais, e autoinmunidade.
As Illas Malvinas (en inglés: Falkland Islands) son un arquipélago do océano Atlántico meridional, na plataforma continental patagoa. As illas principais atópanse a 483 km ó leste da costa da Patagonia, en América do Sur, na latitude 52°S. O arquipélago, cunha área de 12 000 km², abrangue a illa Soidade, a illa Gran Malvina e 776 illas máis pequenas. É un Territorio Británico de Ultramar e conta cun autogoberno, mais o Reino Unido encárgase da súa defensa e das relacións exteriores.
Giosuè Edoard Sangiovanni, nado en Laurino (Reino de Nápoles) o 15 de xaneiro de 1775 e finado en Posillipo o 17 de maio de 1849, foi un zoólogo e político italiano, primeiro profesor de anatomía comparada de Italia e un expoñente inicial da idea da evolución. Educouse en filosofía e matemáticas e fixo estudos médicos no Ospedale degli Incurabili de Nápoles. Como patriota participa na República Napolitana (ou Partenopea) en 1799 e en 1821 e 1848 foi deputado no Parlamento Napolitano.
Maruxa Méndez Otero, nada o 20 de setembro de 1914 en Lavadores (antigo concello, hoxe pertencente a Vigo) e finada en Vigo o 24 de abril de 2005, foi unha costureira e promotora da danza tradicional galega viguesa. En 1958 creou un coro que a partir de 1963 levaría o nome de Lembranzas Galegas, e ao que máis tarde se lle engadiría unha sección de agrupación folclórica. En 1974 instaurou o costume de facerlle unha ofrenda floral ao Cristo da Vitoria.
Zhejiang é unha provincia costeira do leste da República Popular da China (en chinés mandarín 浙 江 省; pinyin: Zhèjiāng Shěng, en lingua wu, Tsehkaon). Na provincia fálanse principalmente variedades do grupo wu das linguas chinesas. Do sur de Zhejiang, especialmente das zonas de Qingtian e Wenzhou, procede a maior parte dos inmigrantes chineses residentes no Estado español (aproximadamente un 70 % en Cataluña) e boa parte dos que se asentaron en Portugal.
Manuel Ramírez Rodríguez Trujillo
Manuel León Ramírez Rodríguez-Trujillo, nado na Coruña o 28 de xuño de 1869 e finado en Vilafranca do Bierzo o 1 de agosto de 1920, foi un político galego.
Partido Comunista dos Traballadores de España
O Partido Comunista dos Traballadores de España (en castelán: Partido Comunista de los Trabajadores de España, abreviado PCTE) é un partido político comunista e marxista–leninista. Foi fundado o 3 de marzo de 2019 como resultado dunha escisión do Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE).
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A milla verde (en inglés: The Green Mile) é un filme estadounidense dirixido por Frank Darabont que se estreou en 1999. Está baseada na novela The Green Mile de Stephen King escrita en 1996. O filme está contado en modo de flashback e está protagonizado por Tom Hanks, que interpreta a Paul Edgecomb, e por Michael Clarke Duncan como John Coffey.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Un estado soberano é un estado cun territorio definido sobre o cal exerce unha soberanía interna e externa, unha poboación permanente, un goberno, independencia doutros estados e poderes, e a capacidade de establecer relacións con outros estados soberanos. O goberno dun estado soberano ostenta o título legal de todo o seu territorio. Adoita entenderse tamén que non depende nin está suxeito a calquera outro poder ou estado.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
O Sábado Santo (tamén coñecido como Sábado de Gloria ou sábado longo) é o segundo día do Triduo Pascual, que conclúe coas segundas Vésperas do Domingo de Resurrección culminando así para os cristiáns a Semana Santa. Tras conmemorar o día anterior a morte de Cristo na Cruz, espérase o momento da Resurrección. É a conmemoración de Xesús no sepulcro e o seu Descenso ao Abismo.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O censo é un conxunto de operacións pola que se reúnen, elaboran e publican datos sobre cada membro dunha poboación, non necesariamente humana. Os censos de poboacións dun país ou territorio é a principal fonte de datos demográficos pola gran cantidade de información que procesa: dá unha fotografía da poboación, describe estatisticamente as poboacións consideradas desde un punto de vista cuantitativo . É a fonte primaria das estatísticas básicas de poboación que son necesarias para fins gobernamentais e aspectos de planificación económica e social.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
It's Complicated é un filme estadounidense escrito e dirixido por Nancy Meyers. Está protagonizado por Meryl Streep que interpreta unha exitosa dona dunha pastelería e nai de tres fillos que ten unha aventura co seu exmarido, interpretado por Alec Baldwin, dez anos despois de terse divorciado, e ó tempo que coñece outro home, o seu arquitecto Adam (interpretado por Steve Martin). No filme tamén aparecen os actores Lake Bell, Hunter Parrish, Zoe Kazan, John Krasinski, Mary Kay Place, Robert Curtis Brown e Rita Wilson, entre outros.
A Semana Santa é unha celebración cristiá que conmemora a Paixón de Cristo, e que engloba a entrada en Xerusalén, a Última Cea, o viacrucis, a morte e a resurrección de Xesucristo. A súa data de celebración é variable, entre marzo e abril. Dá comezo co Domingo de Ramos e finaliza o Domingo de Resurrección, aínda que a súa celebración se inicia en varios lugares no venres anterior ao Domingo de Ramos, coñecido como Venres de Dores.
O raposo común (Vulpes vulpes), tamén coñecido simplemente como raposo, raposa ou golpe nalgunhas zonas ó norte de Galicia, é a meirande especie de raposo e un dos membros máis espallados no mundo da orde dos carnívoros, estando presente en todo o hemisferio norte dende o círculo polar ártico até o norte de África, América do Norte e Eurasia. Está clasificada como unha especie pouco preocupante pola IUCN. A súa área de distribución medrou paralelamente coa expansión humana, sendo introducido en Australia, onde é considerado prexudicial para os mamíferos nativos e as poboacións de aves. Por mor da súa presenza en Australia, está incluído na lista das 100 especies invasoras máis daniñas do mundo.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'España, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera, o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Patrimonio da Humanidade no Canadá
Os sitios do Patrimonio Mundial da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) son lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural, tal como se describe na Convención do Patrimonio da Humanidade da UNESCO, establecida en 1972. O patrimonio cultural está composto por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e sitios (incluídos os sitios arqueolóxicos). O patrimonio natural está composto por elementos naturais (formacións físicas e biolóxicas), formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluídos os hábitats das especies ameazadas de animais e plantas) e sitios naturais que son importantes desde o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural.
Os Pinos é o himno galego, un texto poético de Eduardo Pondal de 1890, incluído, dende 1935, nas edicións do libro de poemas Queixumes dos pinos (1886), concretamente das dúas primeiras partes, musicado por Pascual Veiga. Foi adoptado oficialmente como himno trala aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981.
Anna's Archive é un motor de procura de código aberto para bibliotecas na sombra (repositorios de textos dixitais que non son facilmente accesíbeis doutro xeito). Foi creado por alguén que utiliza o Pseudónimo Anna #, pouco despois dos intentos de pechar a biblioteca Z-Library en 2022, aplicando a lei. O sitio web recolle rexistros de Z-Library, Sci-Hub, e a Biblioteca Genesis (LibGen), entre outras fontes.
Eleccións municipais de 2023 en Galicia
As eleccións municipais de 2023 celebraráronse o 28 de maio de 2023 en toda España. En Galicia, escolléronse nelas 313 corporacións municipais. Estas eleccións tamén serviron para determinar a representación dos partidos políticos no pleno das catro deputacións provinciais, de acordo cos resultados obtidos en cada partido xudicial.
O Panteón de Galegos Ilustres atópase na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Toda a igrexa é Panteón, aínda que só se estean usando a Capela da Visitación (ou de San Domingos en Suriano) e a Capela do Santo Cristo. Nel repousan os restos de galegos sobranceiros como a poeta Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista e político nacionalista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
José López-Suevos Otero, máis coñecido como Pepo Suevos, nado en Ferrol en 1971, é un actor galego. Comezou coma contacontos e desde entón ten participado en multitude de longametraxes con papeis secundarios, así coma na maioría das series máis coñecidas da TVG e nalgúns programas de televisión. Conta con grande experiencia coma contacontos e cómico.
En física, a enerxía (do grego antigo ἐνέργεια enérgeia, ‘actividade’ ‘operación’; de ἐνεργóς energós, ‘forza de acción’ o ‘forza de traballo’) é todo aquilo que pode transformarse en calor, traballo mecánico (movemento) ou radiación electromagnética como a luz mediante procesos físicos. Isto pode ocorrer de xeito natural e espontáneo ou grazas a unha máquina (por exemplo motor, caldeira, refrixerador, altofalante, lámpada) ou tamén a un organismo vivo (por exemplo os músculos) etc. En rigor é un concepto fundamental, aceptado pola física sen definición.
Robert Capa foi o pseudónimo de Endre Ernő Friedmann (en húngaro: Friedmann Endre Ernő, nado en Budapest, Hungría o 22 de outubro de 1913 e finado en Thai Binh, Vietnam o 25 de maio de 1954), e de Gerda Taro (pseudónimo á súa vez de Gerta Pohorylle, nada en Stuttgart, Alemaña o 1 de agosto de 1910 e finada en O Escorial, España o 26 de xullo de 1937). Os dous foron parella sentimental e traballaron como correspondentes gráficos de guerra e fotoperiodistas durante o século XX. En 1947, Endre Ernő Friedmann fundou en París, xunto con David "Chim" Seymour, Henri Cartier-Bresson, George Rodger e William Vandivert, a organización Magnum Photos, a primeira axencia de cooperación para fotógrafos independentes de todo o mundo.
O sexo anal é unha práctica sexual que consiste na introdución do pene erecto no ano e o recto da parella, co fin de obter pracer. Outras formas de sexo anal inclúen o fingering, o uso de xoguetes sexuais, o sexo oral realizado no ano (anilingus), e o pegging. O termo sexo anal refírese máis comunmente á penetración do pene no ano, mais algunhas fontes refírense a coito anal para a penetración anal, e sexo anal para calquera forma actividade sexual, especialmente en parellas, e oposta á masturbación anal.
Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive
O Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC) foi un grupo terrorista galego operativo en Galicia entre 1986 e 1991 cuxo obxectivo era a independencia de Galicia e a instauración dun réxime socialista. Foi fundado por membros de Galiza Ceive-OLN e do Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN). O EGPGC estivo operativo entre 1986 e 1991, tempo durante o cal levaron a cabo arredor de 90 atentados, a maioría dos cales contra torres de alta tensión de Unión Fenosa en zonas deshabitadas.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
Ramon Margalef i López, nado en Barcelona o 16 de maio de 1919 e finado na mesma cidade o 23 de maio de 2004, foi un biólogo catalán, profesor emérito da Universidade de Barcelona, que destaca polos seus traballos nos campos da limnoloxía, a oceanografía e a ecoloxía. Margalef foi un dos científicos españois máis destacados en toda a historia. Traballou no Instituto de Bioloxía Aplicada (1946–1951) e no Instituto de Investigacións Pesqueiras (1952-1975), que dirixiu dende o ano 1965 ata o 1967.
A linguaxe (do provenzal lenguatge e do latín lingua) é a capacidade do ser humano para se comunicar mediante un sistema de signos ou lingua. Non se debe confundir con lingua ou idioma, que é a representación concreta desta capacidade, manifestada na existencia das linguas naturais. Ás veces o termo esténdese ás linguaxes que os humanos usan para comunicarse, ademais da linguaxe falada, como a lingua de sinais.
O foro é un tipo de contrato, especialmente agrario, de longa duración ou, eventualmente, perpetuo, polo que unha persoa ou institución —fidalguía e Igrexa— lle cede a outra o uso ou proveito dunha cousa ou ben (xeralmente unha terra), a cambio do cumprimento de diversas condicións previamente estipuladas.
María del Rosario Cayetana Fitz-James Stuart y Silva, comunmente coñecida como Cayetana de Alba ou Duquesa de Alba, nada no Palacio de Liria (Madrid) o 28 de marzo de 1926 e finada no Palacio de las Dueñas (Sevilla) o 20 de novembro de 2014, foi unha aristócrata española, XVIII duquesa de Alba, xefa da Casa de Alba e connotada figura social. Foi a terceira muller que ostentou o título por dereito propio dentro da familia. Cayetana era descendente directa do Rei Xacobe II de Inglaterra a través do seu fillo ilexítimo James Fitz-James, o cal tivo co seu amante Arabella Churchill.
A Copa do Mundo de 2026 será a 23ª edición do máximo campionato internacional de seleccións nacionais de fútbol organizado cada catro anos pola FIFA. O torneo terá lugar en 10 cidades dos Estados Unidos, 3 do Canadá e 3 de México, cuxa candidatura conxunta derrotou a de Marrocos o 13 de xuño de 2018 na votación levada a cabo no 68º Congreso da FIFA celebrado en Moscova. Será a primeira edición da Copa do Mundo de Fútbol organizada por tres países, e a primeira con 48 seleccións nacionais participantes, en lugar das 32 de edicións anteriores.
Miracles from Heaven é un filme estadounidense de drama cristián dirixido por Patricia Riggen que se estreou no 2016. Escrito por Randy Brown, baséase no libro homónimo de Christy Beam, no cal conta a historia real da súa filla, que tivo unha experiencia achegada á morte e que despois puido recuperarse dunha doenza incurable. O filme está protagonizado por Jennifer Garner, Kylie Rogers, Martin Henderson, John Carroll Lynch, Eugenio Derbez e Queen Latifah.