Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
María Luz Casal Paz, coñecida como Luz Casal, nada en Andavao (Boimorto) o 11 de novembro de 1958, aínda que viviu en Asturias xa dende a súa infancia, é unha cantante galega de pop-rock. Durante a súa carreira discográfica vendeu xa máis de 5 millóns de discos. Recibiu a Medalla Castelao en 2010 e a Medalla de Galicia en 2023.
Os receptores adrenérxicos ou adrenoceptores son unha clase de receptores acoplados á proteína G que son dianas de moitas catecolaminas como a noradrenalina (norepinefrina) e a adrenalina (epinefrina) producida polo corpo, pero tamén moitos medicamentos como os betabloqueantes, agonistas de beta-2 (β2) e agonistas de alfa-2 (α2), que se usan para tratar a hipertensión arterial e a asma, por exemplo. Moitas células humanas teñen este tipo de receptores, e a unión de catecolaminas co receptor xeralmente estimula o sistema nervioso simpático (SNS). O SNS é responsable da resposta de loita-fuxida, a cal se desencadea por experiencias como o exercicio físico ou as situacións que causan medo.
Hentai é unha palabra xaponesa que fóra do Xapón se emprega para referirse á banda deseñada e ós debuxos animados de carácter pornográfico ou sexualmente explícitos, particularmente aqueles de orixe xaponesa, como o anime, manga e os videoxogos, estes últimos coñecidos como eroge ou xogos H. En xaponés hentai é unha palabra kanji composta de 変 (hen que significa "mudanza") e 態 (tai que significa "actitude" ou "aparencia"). Utilízase como abreviación da frase 変態性欲 (hentai seiyoku), "perversión sexual". Utilízase tamén popularmente como un insulto equivalente a pervertido, pero non se aplica á pornografía no Xapón, alí denomínase 18-kin (18禁, literalmente "18-prohibido") e seijin manga (成人漫画 "manga para adultos"), tamén empréganse as letras AV do inglés Adult Video (vídeo para adultos).
Denomínase can mestizo ao can sen pedigree, cuxa ascendencia é xeralmente descoñecida, pero sábese que ten características de dúas ou máis tipos de razas, ou é descendente de poboacións de cans salvaxes ou da rúa. Un can mestizo ou de raza mixta é un can que non pertence a ningunha raza recoñecida por organizacións de criadores e que é resultado dunha crianza non selectiva. As estimacións sitúan a prevalencia de cans mestizos en 150 millóns de animais en todo o mundo.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Xaquín Lorenzo Fernández, Xocas, nado en Ourense o 23 de xuño de 1907 e finado en Facós (Lobeira) o 18 de xullo de 1989, foi unha personalidade senlleira da cultura e da etnografía galegas, membro do Seminario de Estudos Galegos e da Real Academia Galega e principal impulsor da creación do Museo do Pobo Galego. En anos consecutivos recibiu o Premio Otero Pedrayo (1982), o Premio Trasalba (1983) e a Medalla Castelao (1984). Postumamente a RAG dedicoulle o Día das Letras Galegas, no ano 2004, homenaxe que a Xunta de Galicia asumiu declarando o 2004 como Ano Xaquín Lorenzo.
Para o concello ourensán, véxase A Rúa. Unha rúa é un espazo urbano lineal habilitado para a circulación de persoas ou vehículos e dá acceso aos edificios e soares que se atopan a ambos os dous lados. No subsolo da rúa dispóñense as redes das instalacións de servizos urbanos aos edificios tales como rede de sumidoiros, auga potable, gas, rede eléctrica e telefonía.
Santa María de Baredo, ás veces tamén Nosa Señora da Cela de Baredo ou Santa María da Cela de Baredo, é unha parroquia do concello de Baiona. Segundo o IGE, no ano 2022, tiña 1.100 habitantes (562 homes e 538 mulleres) , o que supón un aumento respecto de 1999 cando tiña 989 habitantes; ou respecto do século XIX cando tiña 86 habitantes. O seu xentilicio é baredán.
O Caudal Fest é un festival de música celebrado anualmente en Lugo. Foi celebrado por primeira vez en 2018 nas inmediacións do Pazo de Feiras e Congresos, cubrindo unha parte do parque contiguo situado xunto ao río Miño, sendo esta localización do evento nas sucesivas edicións. O evento contou co apoio do goberno local de Lugo, a deputación da provincia homónima e a Xunta de Galicia, así como de entidades privadas como o grupo cervexeiro Estrella Galicia ou Repsol.
A xurisdición (do latín iurisdictio, «dicir o dereito») é a potestade, derivada da soberanía do Estado, de aplicar o Dereito no caso concreto resolvendo de modo definitivo e irrevogable unha controversia que é exercida en forma exclusiva polos tribunais de xustiza, integrados por xuíces independentes e inamovibles, responsables e sometidos unicamente ao imperio da lei. En sentido coloquial, o termo emprégase para designar o territorio (estado, provincia, concello, rexión, país etc.) sobre o cal esta potestade é exercida. Do mesmo modo, por extensión, é utilizada para designar a área xeográfica de exercicio das atribucións e facultades dunha autoridade ou as materias que se atopan dentro da súa competencia; e, en xeral, para designar o territorio sobre o cal un Estado exerce a súa soberanía.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Brath é un grupo galego de folk fundado en 1980. Os seus inicios están marcados pola vontade de realizar música de raíz, pero cunha perspectiva aberta á fusión, e con especiais influencias do rock progresivo, dunha forma similar á outros grupos do momento como Taranis. Unha das características que marcaron a súa personalidade nos comezos foi a inclusión dun baixo eléctrico e unha batería, elementos pouco frecuentes por aquel entón.
O Salvador (en castelán: El Salvador) oficialmente República do Salvador (en castelán: República de El Salvador), é o país máis pequeno e máis densamente poboado de América Central. Limita polo nordeste con Honduras, polo leste co golfo de Fonseca, polo sur co océano Pacífico e polo oeste con Guatemala. A súa capital é San Salvador, sendo tamén a meirande cidade.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
A Copa da Costa é unha competición futbolística por eliminatorias de partidos de ida volta. Recibe o nome pola Costa da Morte e nela participan equipos das comarcas da Barcala, Noia, Soneira, Bergantiños, Xallas, Muros e Fisterra. A final de 2017 entre o Dumbría e o Fisterra foi televisada por primeira vez en directo vía streaming pola web da TVG e retransmitida en diferido na TVG2.
O censo é un conxunto de operacións pola que se reúnen, elaboran e publican datos sobre cada membro dunha poboación, non necesariamente humana. Os censos de poboacións dun país ou territorio é a principal fonte de datos demográficos pola gran cantidade de información que procesa: dá unha fotografía da poboación, describe estatisticamente as poboacións consideradas desde un punto de vista cuantitativo . É a fonte primaria das estatísticas básicas de poboación que son necesarias para fins gobernamentais e aspectos de planificación económica e social.
María "Maruxa" Fandiño Ricart, nada en Santiago de Compostela o 4 de xaneiro de 1898 e finada na mesma cidade o 13 de maio de 1980, e Coralia Fandiño Ricart, nada en Santiago de Compostela o 24 de agosto de 1914 e finada na Coruña o 30 de xaneiro de 1983, foron unha parella de irmás coñecidas na súa cidade como As Marías, As dúas Marías ou, en menor medida, As dúas en punto. Dende 1994 están representadas nunha célebre escultura situada no parque da Alameda. As dúas irmás eran uns populares personaxes da cidade polo feito de levar a cabo os seus paseos cotiás pola zona vella, durante as décadas de 1950 ata finais de 1970, vestidas e maquilladas dun xeito estrafalario.
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península Ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
A pornografía é o conxunto de materiais, imaxes, vídeos ou reproducións da realización de actos sexuais co fin de provocar a excitación sexual do receptor, etimoloxicamente procede do grego: πορνογραφíα, porne é "prostituta" e grafía, "descrición", é dicir, "descrición dunha prostituta". Designa en orixe, xa que logo, a descrición das prostitutas e, por extensión, das actividades propias do seu traballo. Hai que dicir, con todo, que o termo é de aparición moi recente pois na Antiga Grecia nunca se usou a palabra "pornografía".
A reciclaxe é a transformación das formas e presentacións habituais dos obxectos de cartón, papel, lata, vidro, algúns plásticos e residuos orgánicos, en materias primas que a industria de manufactura pode utilizar de novo. Tamén se refire ao conxunto de actividades que pretenden reutilizar partes de artigos que no seu conxunto chegaron ao termo da súa vida útil, pero que admiten un uso adicional para algún dos seus compoñentes ou elementos. A UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) declarou o 17 de maio como o Día Internacional da Reciclaxe.
A Santa Sé é a expresión con que se alude á posición do papa en canto cabeza suprema da Igrexa católica, en oposición á referencia á Cidade do Vaticano en tanto que Estado soberano, aínda que ambas as realidades están intimamente relacionadas e é un feito que o Vaticano existe como Estado ao servizo da Igrexa.
Tadej Pogačar, nado en Klanec, Komenda, o 21 de setembro de 1998, é un ciclista esloveno, membro do equipo UAE Team Emirates. En 2019 converteuse no ciclista máis novo en gañar unha carreira por etapas da UCI WorldTour (máxima categoría do ciclismo profesional) ao vencer no Tour de California 2019 con só 20 anos. Tamén gañou ese ano tres etapas na Volta a España 2019, na que acabou terceiro.
Primeira división española de fútbol
O Campionato Nacional de Liga de Primeira División, máis coñecido como Primeira División e debido a motivos de patrocinio como LaLiga EA Sports, é a máxima categoría masculina da liga española de fútbol e a principal competición a nivel de clubs de España. É organizada pola Liga de Fútbol Profesional (LFP) dende 1984, cando sucedeu á Real Federación Española de Fútbol (RFEF). Comezou a disputarse na tempada 1928-29 e desde entón celebrouse sen interrupcións, a excepción dos paróns durante a guerra civil, entre 1936 e 1939, e a pandemia por coronavirus en 2020.
Lista de comunidades autónomas españolas por poboación
Lista das comunidades autónomas españolas ordenadas por poboación segundo padrón municipal, a 1 de xaneiro do 2018.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Kevin Michael Costner, nado en Lynwood (California) o 18 de xaneiro de 1955, é un actor e director de cinema estadounidense. Gañou dous Premios Oscar, tres Globos de Ouro, un Emmy, e foi nomeado a tres BAFTA (British Academy of Film and Television Arts). É coñecido por interpretar a Eliot Ness en Os intocables de Eliot Ness, a Crash Davis en Os búfalos de Durham, a Ray Kinsella en Field of Dreams, ó Tenente John J. Dunbar en Dances with Wolves, Jim Garrison en JFK, Robin Hood en Robin Hood, príncipe dos ladróns, Frank Farmer en O escolta, e a Jonathan Kent en O home de aceiro.
Anna's Archive é un motor de procura de código aberto para bibliotecas na sombra (repositorios de textos dixitais que non son facilmente accesíbeis doutro xeito). Foi creado por alguén que utiliza o Pseudónimo Anna #, pouco despois dos intentos de pechar a biblioteca Z-Library en 2022, aplicando a lei. O sitio web recolle rexistros de Z-Library, Sci-Hub, e a Biblioteca Genesis (LibGen), entre outras fontes.
Patrimonio da Humanidade no Canadá
Os sitios do Patrimonio Mundial da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) son lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural, tal como se describe na Convención do Patrimonio da Humanidade da UNESCO, establecida en 1972. O patrimonio cultural está composto por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e sitios (incluídos os sitios arqueolóxicos). O patrimonio natural está composto por elementos naturais (formacións físicas e biolóxicas), formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluídos os hábitats das especies ameazadas de animais e plantas) e sitios naturais que son importantes desde o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural.
Frank William Abagnale, Jr., nado en Bronxville, Condado de Westchester, o 27 de abril de 1948, é o director de Abagnale and Associates, compañía financeira de consultas de fraudes. Durante cinco anos na década de 1960, na súa adolescencia, foi un falsificador de cheques e impostor. A historia da súa vida foi a inspiración para a creación da película Catch Me If You Can, dirixida por Steven Spielberg e baseada na súa biografía, escrita co mesmo nome.
Ramon Margalef i López, nado en Barcelona o 16 de maio de 1919 e finado na mesma cidade o 23 de maio de 2004, foi un biólogo catalán, profesor emérito da Universidade de Barcelona, que destaca polos seus traballos nos campos da limnoloxía, a oceanografía e a ecoloxía. Margalef foi un dos científicos españois máis destacados en toda a historia. Traballou no Instituto de Bioloxía Aplicada (1946–1951) e no Instituto de Investigacións Pesqueiras (1952-1975), que dirixiu dende o ano 1965 ata o 1967.
No concello de Vigo operan máis de 200 asociacións e entidades deportivas que, en colaboración coa Concellería de Deportes, traballan para dinamizar, fomentar e promover a práctica de actividades físico-deportivas. No 2010, a cidade foi distinguida co Premio do Consello Superior de Deportes (CSD), no marco dos Premios Nacionais do Deporte, como recoñecemento ás iniciativas impulsadas para o fomento do deporte.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 32.490 espectadores. Tras catro tempadas na terceira categoría, na tempada 2024/25 regresou á Segunda División.
Grigorii Efimovich Rasputin (en ruso: Григорий Ефимович Распутин), nado en Pokrovskoe o 9 de xaneiroxul./ 21 de xaneiro de 1869greg. e finado en San Petersburgo o 17 de decembroxul./ 30 de decembro de 1916greg., foi un campesiño siberiano de grande influencia nos últimos anos da Dinastía Romanov. Tamén foi coñecido coma o monxe tolo.
Francisco Hipólito Asorey González, nado en Fefiñáns, Cambados o 4 de marzo de 1889 e finado en Santiago de Compostela o 2 de xullo de 1961, comunmente citado como Asorey, foi un escultor galego, considerado un dos renovadores da arte galega, e por algúns críticos como unha das figuras mais relevantes da renovación da arte escultórica española do século XX. Está soterrado no Panteón de Galegos Ilustres. Francisco Asorey será homenaxeado no Día das Artes Galegas de 2024.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Florence Foster Jenkins, nada como Narcissa Florence Foster en Wilkes-Barre, Pensilvania o 19 de xullo de 1868 e finada en Nova York o 26 de novembro de 1944, foi unha socialite e soprano afeccionada estadounidense, que foi coñecida e ridiculizada polo seu vestiario rechamante e a súa pobre habilidade para cantar. Stephen Pile considerouna "a peor cantante de ópera do mundo... Ninguén, antes ou despois, tivo éxito en liberarse tan completamente dos grillóns da notación musical".
Un Youtubeiro ou YouTuber, tamén coñecido como personalidade de YouTube, famoso de YouTube ou creador de contido de YouTube, é un tipo de famosos e videógrafos de Internet que gañou popularidade no sitio para compartir vídeos de YouTube. Ás veces, as redes apoian a estas celebridades. Algunhas personalidades de YouTube teñen patrocinadores corporativos que pagan por colocar produtos nos seus clips ou producir anuncios en liña.
A historia das relixións é o rexistro escrito dos sentimentos, pensamentos e ideas relixiosas humanas. Este período da historia relixiosa comeza coa invención da escritura hai uns 5.200 anos (3200 a.C.). A prehistoria da relixión implica o estudo das crenzas relixiosas que existían antes da chegada dos rexistros escritos.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.