Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Cabo Verde (en portugués [ˈkabu ˈveɾdɨ] (AFI)), oficialmente República de Cabo Verde, sitúase no océano Atlántico, no arquipélago de orixe volcánica do mesmo nome. As illas estaban deshabitadas ata que foron descubertas polos portugueses no século XV, que procederon a colonizalas para convertelas nun centro de trata de escravos. A maior parte dos habitantes actuais provén de ambos os grupos.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
O etnocacerismo (ou etnonacionalismo peruano) é unha ideoloxía política peruana caracterizada polo etnonacionalismo que evoca tanto o poderío e a identidade do Imperio Inca ou Tahuantinsuyo, a proxección dun neo-Tahuantinsuyo, a admiración á figura de Andrés Avelino Cáceres, a exaltación da «raza cobriza» e as civilizacións andinas, así como o nacionalismo das Forzas Armadas do Perú durante o goberno de Juan Velasco Alvarado, o antichilenismo e o irredentismo.
Na noite de san Xoán ou do Lume Novo, a noite do día 23 ao 24 de xuño, e coincidindo co solsticio de verán, celébranse desde antigo unha ampla variedade de festas e prácticas rituais en moitos lugares de Europa (principalmente a Europa atlántica), especialmente ó redor de fogueiras purificadoras, as fogueiras de san Xoán. Trátase dunha celebración anterior á chegada do cristianismo na que diferentes culturas festexan este acontecemento solar (véxase: Litha). A data do 24 de xuño corresponde, segundo a tradición cristiá, á data do nacemento de Xoán o Bautista.
O hurling (en irlandés, iomáint o iománaíocht) é un deporte de equipo de orixe celta.[Cómpre referencia] É un deporte de equipo xogado ao aire libre con orixe antiga Irlanda. Está rexido pola Asociación Atlética Gaélica (GAA). A orixe do hurling dise que foi hai xa 3000 anos e considérase que é o deporte de campo máis rápido do mundo.
Os números de teléfono en España están distribuídos atendendo a criterios xeográficos. O plan de numeración é pechado dende o ano 1998. Anteriormente podíase chamar a un número da mesma provincia sen ter que marcar o prefixo desta e só era necesario facelo para chamar a outras, a móbiles, a números internacionais e outros servizos.
Rusia, oficialmente Federación Rusa, é un país situado no leste de Europa e no norte de Asia. É o estado máis extenso do mundo, abrangue once fusos horarios e comparte fronteiras terrestres con catorce países. Cunha poboación superior aos 140 millóns de habitantes, Rusia é o país máis poboado de Europa e o noveno máis poboado do mundo.
A Sociedade Numismática Sueca (en sueco: Svenska numismatiska föreningen –SNF–) é unha asociación numismática fundada en 1873 e con sede en Estocolmo, que ten como finalidade a promoción da investigación numismática. É a entidade asociativa de índole numismático máis antiga de toda Escandinavia. En 2008 accedeu á súa presidencia Jan-Olof Björk, de Växjö.
O ácido fosfórico, tamén chamado ácido ortofosfórico, é un ácido inorgánico ou mineral coa fórmula H3PO4. As moléculas de ácido ortofosfórico poden combinarse consigo mesmas para formar diversos compostos que se denominan tamén de modo xeral ácidos fosfóricos. A nomenclatura da IUPAC para este composto é ácido ortofosfórico.
Lista de episodios de Sakura, cazadora de cartas
Os 70 episodios do anime xaponés Sakura, cazadora de cartas baséanse no manga escrito e ilustrado polo grupo de artistas manga CLAMP. Sakura, cazadora de cartas está dirixiuna Morio Asaka e foi animada e producida por Madhouse. A serie céntrase en Sakura Kinomoto, unha alumna de cuarto de primaria que descobre que posúe poderes máxicos despois de liberar accidentalmente un conxunto de cartas máxicas do libro no que levaban anos seladas. Ela ten a tarefa de recuperar esas cartas para evitar que unha catástrofe descoñecida destrúa o mundo.
O pico Viñamala (Vignemale en francés e Comachibosa en aragonés) é un monte situado nos Pireneos, entre a provincia de Huesca (España) e o departamento de Altos Pireneos (Francia). Na cara española (val de Bujaruelo) forma parte da zona periférica de Parque nacional de Ordesa e Monte Perdido, mentres que a francesa está dentro do Parque Nacional dos Pireneos. É o pico máis alto do Pireneo francés e do macizo ao que pertence.
O Real Club Deportivo da Coruña (oficialmente: Real Club Deportivo da Coruña, S.A.D. ou Real Club Deportivo de A Coruña, S.A.D.), coñecido popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 32 490 espectadores. Tras oito anos fóra da máxima categoría, o Deportivo xogará a tempada 2026/27 en Primeira División.
Mandato británico de Palestina
O Mandato británico de Palestina foi unha administración territorial encomendada pola Sociedade de Nacións ao Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte en Oriente Medio, tras a primeira guerra mundial e como parte da partición do Imperio Otomán, co status de territorio baixo mandato. O territorio sobre o que se estableceu correspondía á rexión meridional do Levante mediterráneo, unha rexión que o Imperio Otomán perdeu como consecuencia da súa derrota na guerra. Aínda que o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda administraba estes territorios de facto desde 1917, o Mandato entrou en vigor en xuño de 1922 e expirou en maio de 1948.
Gabriel Rufián Romero, nado en Barcelona o 8 de febreiro de 1982, é un activista social e político catalán vinculado con movementos sociais de esquerdas e independentistas. Presentouse nas eleccións xerais españolas de 2015, 2016, abril de 2019 e novembro de 2019 como cabeza de lista de ERC e foi elixido membro do Congreso dos Deputados español.
A estiba é unha serie galega de suspense, acción e drama, producida por Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia, que xira ao redor das descargas ilegais que se cometen no porto da ficticia cidade de Ardora. Emitiuse por primeira vez o 22 de setembro de 2019 en horario de máxima audiencia. A primeira tempada constou de 17 episodios.
A Cidade Deportiva de Abegondo, coñecida tamén como Dépor Training Center ou O Mundo do Fútbol, é un complexo deportivo do Deportivo da Coruña, inaugurado o 1 de maio de 2003. Está situada no concello de Abegondo, na parroquia de Mabegondo, ao carón da autovía A-6, e conta cunha superficie de 90 000 m², na que acolle os adestramentos do primeiro equipo, do filial, do equipo feminino e das categorías inferiores do club.
Jack Patrick Dorsey, nado o 19 de novembro de 1976 é un desenvolvedor de software e empresario estadounidense, coñecido como o creador do servizo de redes sociais de microblogueo orixinalmente coñecido como Twitter e o seu director executivo de 2015 até 2021. Tamén é o fundador e CEO de Square, unha empresa de pagos móbiles e o fundador de Bluesky, outro sitio de microblogueo similar a Twitter. En 2008, foi nomeado como un dos 35 mellores innovadores do mundo con menos de 35 anos.
O Mundial de Fútbol de 1930 (en castelán: 1er Campionato Mundial de Football) foi a edición inaugural do campionato do mundo de equipos internacionais de fútbol asociación, a Copa do Mundo FIFA. Xogouse no Uruguai do 13 ao 30 de xullo. A Federación Internacional de Fútbol Asociación (FIFA) elixiu o Uruguai como país anfitrión xa que ía a celebrar o centenario da súa independencia, ademais de que a súa selección de fútbol viña de conseguir a medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de 1928 en Ámsterdam. Todos os encontros se xogaron na capital uruguaia, Montevideo, a maioría no Estadio Centenario, que foi construído para o torneo.
Verano azul é unha serie de televisión de Televisión Española producida en 1981 e dirixida por Antonio Mercero. Foi rodada durante 16 meses, entre finais de agosto de 1979 e decembro de 1980, na localidade malagueña de Nerja e nas granadinas Motril e Almuñécar. A emisión orixinal tivo lugar na primeira cadea de RTVE entre o 11 de outubro de 1981 e o 14 de febreiro de 1982.
George Lawrence Mikan, Jr. nado en Joliet (Illinois) 18 de xuño de 1924 e finado en Scottsdale (Arizona) o 1 de xuño de 2005, foi un xogador de baloncesto estadounidense que destacou na década dos anos 50 xogando durante sete tempadas na NBA, todas elas nas filas dos Minneapolis Lakers e unha máis na NBL, nos Chicago American Gears. Xogando sempre cunhas grosas lentes redondas, este xogador de 2,08 metros de altura e 111 quilos está considerado a primeira superestrela da liga profesional norteamericana, redefinindo o xogo dos denominados "homes altos" co seu lanzamento de gancho ambidextro, produto da súa propia técnica de adestramento.
Os oniscídeos (Oniscidea) son unha suborde de crustáceos isópodos terrestres. Pénsase que colonizaron a terra durante o Paleozoico baseándose nunha análise de reloxo molecular, aínda que os fósiles máis antigos coñecidos datan do Cretáceo medio, hai uns 100 millóns de anos. Isto fai que sexan peculiares entre os crustáceos, ao seren unha das poucas liñaxes que fixeron a transición da auga a un ambiente completamente terrestre.
O Gran Premio de México de 2017 (oficialmente coñecido como Gran Premio de Fórmula 1 de México de 2017)foi unha carreira de motor de Fórmula Un que se disputou o 29 de outubro de 2017 no Autódromo Hermanos Rodríguez en Cidade de México. A carreira foi a décimo novena carreira do Gran Premio de México, e a décimo sétima vez que a carreira disputouse como un evento do Campionato Mundial desde a tempada inaugural en 1950.
Ontario é unha provincia do Canadá e a máis populosa do país. Segundo o censo de poboación de 2021, é o fogar do 38,5% da poboación total do país, e é a segunda provincia por tamaño detrás do Quebec. A maior cidade canadense, Toronto, así como a capital nacional do país, Ottawa, están localizadas en Ontario.
A abeluria ou herba das feridas (Hypericum perforatum), é unha herbácea europea, a especie máis abundante da familia das gutíferas (Guttiferae) ou hipericáceas (Hypericaceae). Cómpre non confundila coa dedaleira, que tamén recibe o nome de abeluria. Abunda en Galiza, sendo unha das herbas empregadas na noite de san Xoán.
A Selección de fútbol do Perú é o equipo representativo do Perú nas competicións oficiais de fútbol. A súa organización está a cargo da Federación Peruana de Fútbol, a cal é membro da Confederación Suramericana de Fútbol. O debut da selección peruana produciuse o 1 de novembro de 1927 ante a selección do Uruguai no Campionato Suramericano daquel ano.
Unha constelación é unha agrupación de estrelas cuxa posición no ceo nocturno é aparentemente tan próxima que as civilizacións antigas decidiron conectalas mediante liñas imaxinarias, trazando así figuras sobre a bóveda celeste. No espazo tridimensional, en cambio, as estrelas dunha constelación non están, necesariamente, fisicamente asociadas; ata poden atoparse distanciadas por centos de anos luz unhas doutras. Doutra banda, devanditos grupos son completamente arbitrarios, xa que distintas culturas recoñeceron constelacións diferentes.
O fiúncho (do latín serodio fenuculum, diminutivo de fenum 'feo, herba seca') ou fiollo(Foeniculum vulgare) é a única especie do xénero Foeniculum. Nativa da Europa meridional, en especial da costa do mar Mediterráneo, onde medra en estado silvestre, é unha herba perenne e sumamente aromática, cultivada polo seu emprego na cociña. Tamén medra en estado silvestre na costa do Atlántico, especialmente en Galiza, onde tradicionalmente son usadas as sementes para culinaria e medicina popular e os talos para alimento dos animais.
Juan Carlos Copa Quiroga, nado na Coruña en 1970, é un ex xogador e adestrador de hóckey a patíns galego, que dende 2017 adestra o Liceo da Coruña. Considerado un dos mellores xogadores que deu a canteira coruñesa, debutou aos 15 anos co Dominicos na División de Honra (actual OK Liga) e con 17 converteuse no primeiro capitán non catalán dunha selección española. Desenvolveu case toda a súa carreira como xogador no Dominicos, co que gañou a Copa do Rei en 1990, e xogou tamén no Liceo.
Este artigo trata sobre a planta, para o doce de masa de follado, véxase o artigo Milfollas (doce). O milfollas ou herba dos carpinteiros (Achilleae millefollium), é unha planta herbácea perenne nativa do hemisferio norte e que tradicionalmente se empregaba para curar feridas. Consómese como parte de caldos.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Seiland (en saami setentrional: Sievju) é a oitava illa máis grande de Noruega, situada na parte continental no condado de Finnmark. A illa ten 559 km² e divídese entre os municipios de Alta, Hammerfest, e Kvalsund. As escavacións arqueolóxicas demostraron que Seiland leva habitada por máis de 7000 anos.
A prata é un elemento químico de número atómico 47 situado no grupo 11 da táboa periódica dos elementos. O seu símbolo é Ag (do latín argentum 'prata', derivado do protoindoeuropeo h₂erǵ 'brillante, branco'). É un metal de transición brando, branco e brillante que presenta a condutividade eléctrica, a condutividade térmica e a reflectividade máis elevadas de todos os metais.
A dedaleira ou estraloque (Digitalis purpurea) é unha planta herbácea bianual, nativa de Europa da familia das plantaxináceas. Recibe tamén os nomes de abeluria, abrula, baloco, borleta, croque, dixital, estalote, milicroque e sanxoán. Na fala de Estremadura recibe o nome de abiluria e dedais de bruja.
José Luis Ábalos Meco, nado en Torrent (provincia de Valencia) o 9 de decembro de 1959, é un político valencián membro do PSOE, deputado por Valencia deste partido nas IX, X, XI, XII, XIII e XIV lexislaturas. Tamén foi ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (2020-2021) e ministro de Fomento (2018-2020) do Goberno de España.
Cristiano Ronaldo dos Santos Aveiro, OIH, nado en Funchal (Madeira) o 5 de febreiro de 1985, máis coñecido como Cristiano Ronaldo (AFI: kɾɨʃˈtiɐnu ʁuˈnaɫdu), é un futbolista portugués, que xoga como extremo no Al-Nassr FC, da Liga Profesional Saudita. É o máximo goleador da historia do fútbol e está considerado como un dos mellores futbolistas de todos os tempos. Foi distinguido co premio ao Mellor xogador da Premier League en 2007 e 2008, así como Deportista Portugués do Ano neses mesmos anos.
Antonio de Saavedra e Jofré, nado en Valencia o 1 de febreiro de 1777 e finado en Xénova o 13 de febreiro de 1842, VII conde de Alcudia, foi un nobre e político e diplomático español. Ostentou o cargo de Secretario de Estado e de Despacho Universal de España dende o 20 de xaneiro de 1832 até o 1 de outubro do mesmo ano. Foi conde da Alcudia, conde de Gestalgar, barón de Albalat de Segart, Ayodar, Canet de Berenguer, Estivella, Beselga, Montalt, Villamur, Torralba, Fuentes e Berlinches.
Roman-Taras Yosypovych Shukhevych (en ucraíno: Рома́н-Тарас Йо́сипович Шухе́вич) tamén coñecido como Taras Chuprynka e polo seu pseudónimo Tur, nado en Lviv, Galicia, Imperio Austrohúngaro, o 30 de xuño de 1907, e finado na mesma cidade o 5 de marzo de 1950, foi un nacionalista ucraíno e líder militar do Exército Insurxente Ucraíno. Colaborador dos nazis na Segunda guerra mundial, foi comandante do batallón Nachtigall e capitán do batallón Schutzmannschaft 201. Foi un dos responsables dos masacres de Galicia e Volinia, nos que foron asasinados ducias de milleiros de civís polacos.
A noz moscada é o froito dun xénero de árbores perennifolios da familia das Myristicaceae, especialmente do xénero Myristica, procedente das Illas das Especias (na actualidade as Illas Molucas en Indonesia). A noz é, en realidade, a semente da árbore, de forma lixeiramente ovoide, entre 20–30 mm de longo e 15-18 de ancho. Esta semente está cuberta por unha especie de cortiza seca tramada de cor avermellada denominada macis.
A Copa do Mundo de 2026 é a 23ª edición do máximo campionato internacional de seleccións nacionais de fútbol organizado cada catro anos pola FIFA. O torneo está a ter lugar en 11 cidades dos Estados Unidos, 2 do Canadá e 3 de México, cuxa candidatura conxunta derrotou a de Marrocos o 13 de xuño de 2018 na votación levada a cabo no 68º Congreso da FIFA celebrado en Moscova. É a primeira edición da Copa do Mundo de Fútbol organizada por tres países, e a primeira con 48 seleccións nacionais participantes, en lugar das 32 de edicións anteriores.
A serie de manga e anime Naruto transcorre nun universo ficticio no cal hai gran cantidade de "Países" e "Aldeas Ninja". Os países están dirixidos por Señores Feudais (Daimyō, ao estilo do Xapón medieval). O único que establece as relacións entre eles son os potenciais bélicos e os tratados de paz e alianzas, que non sempre son tidos en conta.
A árnica falsa, tamén denominada flor de San Xoán; Helichrysum fœtidum (L.) Moench, é unha planta da familia Asteraceae orixinaria de Suráfrica. Naturalizada por gran parte da xeografía galega; principalmente nos hábitats costeiros onde vive. En zonas alteradas como cunetas, en ocasións penetrando en medios naturais como dunas ou nas zonas de transición entre cultivos e matogueiras.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Erling Braut Haaland, tamén escrito Håland, nado en Leeds o 21 de xullo de 2000, é un futbolista noruegués. Xoga como dianteiro no Manchester City da Premier League e na selección de Noruega. Está considerado un dos mellores xogadores do mundo e ostenta o récord de maior número de goles anotados nunha mesma tempada da Premier League, con 36.
Una mujer fantástica é un filme chileno de 2017 dirixido por Sebastián Lelio, escrito por Lelio e Gonzalo Maza, e producido por Juan de Dios e Pablo Larraín. Está protagonizado por Daniela Vega e Francisco Reyes. Foi escollido para competir polo Oso de Ouro na sección principal do Festival Internacional de Cinema de Berlín de 2017.
César Carballeira Domínguez, nado na Coruña o 10 de febreiro de 1996 é un xogador galego de hóckey a patíns, que xoga na posición de defensa no Deportivo Liceo, da OK Liga, co que gañou oito títulos. Internacional coa selección española, conquistou con esta o Campionato do Mundo de 2024 e os Campionatos de Europa de 2021 e 2023.
Para ver outros vexetais de igual nome ver os artigos dos xéneros Cytisus e Genista. A xesta, xesta brava, xesta de vasoiras, xesta marela, xesta moura ou xesta negra, (Cytisus scoparius) é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia. Baixo este nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes (maiormente do xénero Cytisus) que corresponden a distintas especies, das que esta especie é a máis frecuente.
A herba luísa (Aloysia citriodora) é unha especie da familia Verbenaceae, que se caracteriza por un aroma que recorda o do limón. É orixinaria de Suramérica, onde crece de forma silvestre. Cultívase con profusión en xardíns de todo o mundo, mais o desenvolvemento da mesma require un clima soleado e húmido.
Crocodylus porosus, xeralmente chamado na literatura internacional crocodilo de auga salgada, crocodilo mariño, crocodilo de estuario ou crocodilo indopacífico, é unha especie de crocodilo que vive desde a India a Australia, que é o réptil existente máis grande, e tamén o depredador de río máis grande do mundo. Os machos desta especie poden alcanzar tamaños de polo menos 6,30 m e posiblemente chegan aos 7,0 m de lonxitude. Porén, o normal é que un macho adulto raramente chegue aos 6 m e pese de 1 000 a 1 200 kg.
O urmetazoo (urmetazoa, do prefixo en alemán ur- «orixinal, primitivo, arquetípico» e do grego μετα-ζωα, metazoa, «animal») é o hipotético derradeiro devanceiro común de todos os animais. Quizais o primeiro urmetazoo fose acuático, pero máis aló disto a súa forma é difícil de determinar, xa que se plantearon diferentes hipóteses e a discriminación mediante o método científico entre estas hipóteses é difícil por mor de que as relacións entre os filos animais non se resolveron de todo.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Dióxenes de Sínope ou Dióxenes o Cínico, en grego antigo, "Διογένης ὁ Σινωπεύς" Diogénes ho Sinopéus, nado c. 413 a.C. en Sinop, hoxe en Turquía e finado c. 323 a.C. en Corinto), foi un filósofo grego e se cadra o maior representante do Cinismo, escola filosófica fundada por Antístenes de Atenas, que fora discípulo de Sócrates e mestre de Dióxenes.
O Hockey Club Liceo da Coruña, é un club profesional de hóckey a patíns da cidade da Coruña. Foi fundado en 1972 por catro persoas entre as que salienta a figura de Augusto César Lendoiro e na tempada 1979-80 debutou na máxima categoría do hóckey a patíns español, categoría na que compite dende aquela. Trátase dunha icona dentro do hóckey galego e historicamente é o club deportivo máis laureado de Galiza cun total de 44 títulos (22 a nivel estatal, e 22 títulos internacionais).
Lionel Andrés Messi Cuccittini, nado en Rosario (Santa Fe) o 24 de xuño de 1987, é un futbolista arxentino de orixe italiana. Xoga de dianteiro ou mediapunta no Inter de Miami da MLS dos Estados Unidos. É internacional coa selección absoluta da Arxentina, equipo do que é capitán, xogador con máis partidos e máximo goleador histórico.
O termo Cacharela pode referirse a: Unha cacharela é unha fogueira. Como topónimo, pode referirse a: En Galiza Cacharela, lugar da parroquia de Teis, no concello de Vigo; A Cacharela, lugar da parroquia de Arnois, no concello da Estrada; A Cacharela, lugar da parroquia de Aríns, no concello de Santiago de Compostela.